Amosando publicacións coa etiqueta Liga 14 15. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Liga 14 15. Amosar todas as publicacións

O Rei volve á Copa!

O Compos xogará unha tempada máis a Copa do Rei despois dunha importante vitoria ante o Real Avilés coa que rematar o curso da mellor forma posible. Unha goleada cómoda ante un equipo que loitará por non xogar a vindeira tempada na Terceira división na promoción de permanencia. Manu Rodríguez, Jimmy e Yacine, tres dos mellores xogadores desta campaña, pecharon un resultado máis que positivo só posto en perigo por Ito. 
Dous obxectivos moi diferentes sobre o terreo de xogo de San Lázaro, a última vez esta tempada que o coliseo branquiazul abría as súas portas. A Copa do Rei ante a permanencia na categoría de bronce. Dous equipos en posicións moi diferentes que cedo se mostrou sobre o verde cun gol rápido. Manu Rodríguez fixo o primeiro da tarde cun gran disparo desde fóra da área. Un gran gol do capitán para gañarse o posto de cara á vindeira campaña. 
Co resultado a favor, o Compos mantivo a calma, baixou un pouco a intensidade pero aínda así tivo ocasións sobre a porta rival con Manu Rodríguez como xogador máis ofensivo. O propio morañés tivo as dúas ocasións máis perigosas enviando unha delas directamente á madeira perdoando o segundo tanto.
Na segunda metade máis do mesmo. O Compos dominando o xogo sen apenas dificultades e o Real Avilés agardando atrás para saír á contra. Trocos, faltas e interrupcións varias para frear o ritmo da segunda parte notablemente, algo que non viña ben a ningún dos dous equipos xa que podería pasar calqueira cousa sobre o terreo de xogo.
Poucas ocasións sobre as dúas porterías, ningunha con perigo, na primeira media hora que deron paso a quince minutos de goles e alta intensidade. Jimmy fixo o segundo que parecía ser a sentenza definitiva por parte dos locais a falta de quince minutos confirmándose como máximo goleador do equipo esta campaña a pesar da súa posición sobre o campo.
Buscando unha pequena esperanza, o Real Avilés recurtou diferenzas a falta de cinco minutos para o final. Pero cando o partido xa parecía chegar ao seu fin, no derradeiro minuto do tempo engadido, Yacine pechou o resultado co 3-1 definitivo. Unha vitoria que nos clasifica para a Copa onde haberá que loitar con algún equipo da mesma categoría ou incluso inferior antes de recibir en San Lázaro a un equipo de Primeira división polo mes de decembro.

ALIÑACIÓN: Ramón; Catú, Alcañiz, Portela, Jimmy; Marcos Rodríguez; Manu Rodríguez, Jordan (Lemos, min. 64), Quim (Iván Pérez, min. 69), Fondevila (Moreira, min. 84); e Yacine.
CARTÓNS: Amarelos para Alcañiz e Yacine.
GOLES: 1-0 5' Manu Rodríguez, 2-0 73' Jimmy, 2-1 87' Ito, 3-1 93' Yacine.
ESTADIO: San Lázaro. 

Chega o fin

A Liga chega ao seu fin este domingo nun novo partido vital para conseguir o obxectivo esta tempada. A Copa do Rei está máis en xogo que nunca e o Compos dependerá de si mesmo para, seis anos máis tarde, volver a xogar dita competición. O sexto posto en xogo ante un Real Avilés que chegará a San Lázaro con posibilidades de rematar no posto de promoción de descenso. Unha xornada coa que rematar cun horario unificado con nove partidos en xogo á mesma hora, co descenso, a segunda praza e a Copa do Rei estará en xogo e da que só se libran de xogar o domingo Oviedo e Coruxo, que non se xogan nada. 
Nós recibiremos a un Real Avilés que non puntúa fóra do seu campo dende decembro de 2014, cando gañaron en Cantabria ao Tropezón. Xornada 18, penúltima da primeira volta, desta liga e na que o equipo asturiano, nun bo momento, ocupaba o quinto posto da táboa a só dous puntos do cuarto mentres que o Compos era décimo. Unha volta despois, o equipo avilesino sumou só doce puntos máis chegando a este momento con 43 puntos e en horas moi baixas. 12 vitorias, 8 empates e 18 derrotas, 12 delas lonxe do Román Suárez Puerta e 9 seguidas a domicilio. 35 goles a favor, 6 de Cristian García, e 50 en contra. 
Os dous equipos loitarán por manterse como están. O Compos ten que gañar ou puntuar e agardar que non o faga a Cultural. De non facelo habería que botar un ollo ao resto dos grupos xa que incluso poderíamos quedar fóra da Copa dependendo do que pase nos outros grupos. Pola súa parte, o Real Avilés podería salvarse cunha derrota. Ten por debaixo ao Atlético Astorga e o Lealtad, equipo que ocupa o posto de promoción de descenso. Un punto separa a cada un na táboa.
Os dous equipos xa se viron as caras no coliseo santiagués en catro ocasións co dúas vitorias locais, un empate, a pasada tempada, e unha derrota fai máis de vinte anos. En canto ao último enfrontamento, na primeira volta en Avilés, a vitoria foi para a Esedé grazas a un único gol de Quim Araújo na segunda metade. 
Tendo en conta a pasada xornada de Liga, os dous equipos chegan a este encontro despois de perder os seus respectivos fai sete días. O Compos caeu de forma moi dura ante o filial do Sporting de Xixón. Pola súa parte, o Real Avilés perdeu por 1 gol, de Ito, a 3. 
En canto ás baixas, Iñaki Alonso terá a dúbida de Iñaki Alonso mentres que por parte do equipo asturiano parece que chegarían todos en bo estado para loitar pola salvación.
O partido será este domingo ás 17 horas en San Lázaro sen televisión. 

A Copa en perigo

Porque hai días que é mellor non saír da cama, o Compos non puido facer nada na súa visita ao Pepe Ortiz de Mareo. Unha dura derrota coa Copa do Rei moi en xogo no peor partido do equipo esta tempada. Diante, o Sporting B que deixa aos nosos sen posibilidades de entrar na promoción de ascenso e que pon en serio perigo a clasificación para a Copa do Rei dun equipo que terá que agardar ao que fagan esta tarde tanto a Cultural Leonesa ante o Atlético Astorga como o Guijuelo, que recibe a un Murcia, que loitará por ser segundo de cara á promoción. Mandi por partida dobre e Tato foron os autores dos tres goles.
O encontro non puido comezar peor. Superados os cinco minutos, Ramón busca sacar o balón xogado fóra da área ante Mandi. O xogador canario foi máis listo que o porteiro andaluz, rouboulle a pelota e marcou a porta baleira o primeiro gol do encontro. Primeiro mazazo que foi sucedido moi cedo pola primeira lesión do encontro. Borja Navarro tivo que deixar o terreo de xogo mancado ocupando Mensha o seu posto. 
O Compos apenas soubo reaccionar ante o gol local e antes do descanso, a pesar de contar coa posesión do esférico, non chegaron ocasións claras ante a porta defendida por Pol Busquets, porteiro formado nas categorías inferiores do Barça. Só Mensha e Manu Rodríguez, ambos sen puntería, probaron sorte sen conseguir sequera disparar entre os tres paus.
Na segunda metade, a Esedé tentou saír con gañas de remontada. Chegadas con perigo sobre a porta asturiana pero, de novo, duro golpe antes de cumprirse os dez minutos. Nova chegada do equipo local tras unha xogada colectiva, balón para Tato e este axusta o balón ao pau onde Ramón apenas puido facer nada para evitar o segundo gol. 
Co segundo en contra, o Compos buscou subir un pouco a intensidade cunha nova oportunidade perdoada por Mensha diante do porteiro. E, unha vez máis, quen perdoa acaba pagando. Só sete minutos precisaron os xixoneses para facer o terceiro gol cun novo disparo de Mandi co que bater a un Ramón que non tivo precisamente a súa mellor mañá. 
O terceiro gol serviu de sentenza ante un equipo que non soubo reaccionar. Media hora por diante na que a Esedé foi incapaz de ter ningunha ocasión máis sobre a porta de Pol Busquets nun tempo marcado polos trocos, entre os que sorprendeu a entrada de Mon. 
Unha derrota máis despois de case dous meses e a pensar xa no Real Avilés ante o que hai que gañar para asegurar a presenza na vindeira edición da Copa do Rei. 

ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Portela, Alcañiz, Jimmy; Marcos Rodríguez; Manu Rodríguez, Lemos, Fondevila (Mon, min. 62), Jordan (Moreira, min. 63); e Borja Navarro (Mensha, min. 9).
CARTÓNS: Amarelos para Josu e Alcañiz.
GOLES: 1-0 6' Mandi, 2-0 53' Tato, 3-0 60' Mandi.
ESTADIO: Pepe Ortiz.

Última viaxe

O Compos terá este domingo a derradeira saída desta tempada. Unha nova visita a Asturias coa mente posta na clasificación para a Copa do Rei, algo que de momento non parece ser difícil xa que o noso equipo ocupa agora mesmo unha das dúas posicións fóra dos cinco primeiros postos que dan acceso ao torneo das eliminatorias que xa disputou a Esedé fai seis anos caendo na primeira xornada ante o Zamora. Nesta ocasión o rival será o Sporting B, xa salvado e sen ningún obxectivo por cumprir. 
O filial do Sporting de Xixón recibirá ao Compos na undécima posición con once puntos menos que o equipo santiagués. Un dos mellores equipos da segunda volta que descoñece a derrota como locais despois de sumar seis vitorias e dous empates ante Oviedo e Burgos asinando doce goles a favor e só un en contra, o anotado polo Logroñés fai xa dez xornadas. Un rival moi complicado que en toda a tempada fixo 12 vitorias, 11 empates e 13 derrotas. 43 goles a favor, 8 deles de Mendi, e 45 en contra. En canto á toda a tempada, sumaron 9 desas vitorias como locais, 6 empates e só 3 derrotas ante Coruxo, Avilés e Somozas. 
En San Lázaro demostraron ser un rival duro, difícil de superar. Só un gol de Mensha nun partido moi disputado entre dous equipos con aspiracións moi diferentes. Ademais, na última visita do Compos a Mareo rematou cun empate con moitos goles. Por parte da Esedé, Gonzalo e Joselu puxeron de cara o partido antes da media hora con dous tantos mentres que Erencia e Juan Mera conseguiron empatar xa na segunda metade nun partido onde Yacine, aínda nas filas do equipo asturiano, non puido xogar máis de nove minutos por lesión.
En canto á pasada xornada, o Compos quedou practicamente sen opcións de alcanzar a promoción de ascenso despois de empatar ante o Oviedo no teatro branquiazul. Pola súa parte, o Sporting chega de empatar sen goles en Santa Ana ante o Tropezón. 
Para este encontro, Iñaki deixa na casa a Teles, Yacine e Iván Pérez por lesión mentres que Tomás Hervás deixa fóra da convocatoria por lesión a Adama Touré e Bustos e Dennis e Jorge Meré por decisión técnica, que irán convocados co primeiro equipo ao encontro en Lugo. 
O partido será este domingo ás 12 da mañá sen televisión.

O soño do ascenso remata aquí

A promoción de ascenso fuxe. Un soño que se vai nunha tempada que non foi nada doada. Terceiro empate consecutivo e a pensar en conseguir unha das prazas na Copa do Rei da vindeira tempada, algo que pode chegar ben rematando entre os cinco primeiros ou ben sendo un dos dous mellores equipos da categoría fóra deses postos. A visita do Oviedo, xa campión da categoría de forma matemática, rematou cun gol de Lemos para os nosos e outro de Cervero para os asturianos.
O encontro comezou de forma inmellorable. Primeira chegada e gol de Lemos. Chegada rápida e potente disparo cruzado do santiagués ante o que nada pode facer Esteban para evitalo. Gran gol do xogador cedido polo Deportivo para manter con moita vida ao Compos de cara ao final da tempada, onde haberá que xogar ante dous equipos asturianos máis. Un gol que, ademais, facía ascender ao noso equipo un posto na táboa.
O gol serviu para poder dominar o partido sen a obsesión de ir a pola portería de Esteban pero, por contra, significou unha relaxación importante que non soubo aproveitar o equipo ovetense na primeira metade. Confiados, os de Iñaki Alonso manexaron o esférico en todo o campo só probando ao porteiro asturiano en dúas ocasións que nin sequera foron entre os tres paus. 
Na outra parte do campo, o Oviedo non xogou ao máximo das súas posibilidades deixando xogar ao Compos pensando en gran parte na promoción de ascenso, onde só terían que xogar dous encontros para estar na categoría de prata do fútbol nacional. De feito, só puxeron en perigo a Ramón cun disparo frouxo nos primeiros instantes do partido, despois do gol.
Na segunda metade baixou aínda máis a intensidade. Os dous equipos parecían conformarse co resultado e os trocos foron paralizando pouco a pouco o partido. Interrupcións continuas e pouco fútbol ademais de non haber ocasións en ningunha das dúas porterías. Imprecisións nos pases e nada que contar dun partido que chegou aos dez minutos finais co mellor resultado posible. 
Pero, como xa parece ser costume en San Lázaro, o Compos acabou pagando as ocasións perdidas. O perdón volveu ser moi negativo e o Oviedo aproveitouse para facer un empate co que manter os oito puntos de ventaxa sobre o Murcia, que non puido pasar do empate sen goles. Un gol de Cervero aproveitando un balón sen dono na área ante o que pouco puido facer Ramón. Era o primeiro balón que tocaba o dianteiro despois de saír do banco só un minuto antes.
Os últimos minutos foron de auténtico sufrimento para un Compos que atacou con dez xogadores para morrer na beira da promoción. 
Ata o final da tempada, dous partidos por diante, só queda un obxectivo real que é o de superar ao Guijuelo na táboa e lograr a clasificación segura cara a Copa, anque agora mesmo o Compos xa é un dos clasificados. E tamén, para os máis soñadores, queda unha mínima posibilidade matemática para entrar na promoción. Para iso o Compos tería que gañar os dous encontros e o Logroñés non sumar nin un punto máis ata o final, algo imposible. 

ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Portela, Alcañiz, Jimmy; Marcos Rodríguez; Lemos, Teles (Manu Rodríguez, min. 49), Fondevila (Mensha, min. 85), Quim (Jordan, min. 65); e Yacine. 
CARTÓNS: Amarelos para Ramón, Jimmy e Josu.
GOLES: 1-0 1' Lemos, 1-1 80' Cervero.
ESTADIO: San Lázaro. A mellor entrada da tempada cunha boa chegada de siareiros visitantes.

O último tren

Este domingo chegará o último tren a San Lázaro. Un partido clave ante un rival moi importante, o mellor equipo da categoría. O Real Oviedo chega á nosa casa a un punto de ser matematicamente campión do grupo, algo que chegará nalgunha das tres xornadas restantes antes do final da Liga ou ben na segunda metade do encontro se o Murcia non consegue os tres puntos ante a Cultural Leonesa este mesmo domingo. 
O equipo asturiano chega ao teatro dos soños de San Lázaro nun mal momento para os homes de Iñaki Alonso. Primeiros na clasificación, os ovetenses chegan de perder contra pronóstico no Carlos Tartiere ante o Tropezón, algo que demostra que non son invencibles. 76 puntos, oito máis que o Murcia, son o equipo con máis vitorias da categoría: 23. 7 empates e 5 derrotas, tres delas lonxe do Carlos Tartiere. Un equipo que conta nas súas filas con ex xogadores de Primeira división como o porteiro do Almería, Celta, Atlético e Sevilla Esteban ou o ex do Celta Jonathan Vila entre outros. Ademais, o máximo goleador da categoría tamén está nas filas do equipo 'carbayón'. Linares ocupa o posto máis alto da clasificación de goleadores con 27 tantos sucedendo ao ex da Esedé Joselu, con números similares aos do dianteiro de Palmeira a pasada tempada. 
Chegan a Santiago este domingo con tres baixas importantes pero recuperando a Jonathan Vila, peza importante no equipo de Sergio Egea. Dioni e Susaeta serán baixa por lesión mentres que o ex do Ourense Borja Valle non poderá estar por sanción. Pola súa parte, Iñaki Alonso poderá facer a lista escollendo entre todos os integrantes da plantilla, entre os que non conta con ningunha baixa. Por outra parte, Catú, Mensha, Borja Navarro, Portela, Manu Rodríguez e Teles non poderían estar ante o Sporting B en Mareo de ver un cartón amarelo este domingo.
O Oviedo pasou a tempada pasada por Santiago para volver a terras asturianas cun punto. Un empate a un gol, obras de Joselu e Susaeta, demostra a igualdade entre os dous equipos. Pola súa parte, esta mesma tempada, no Tartiere, o resultado foi de vitoria pola mínima para os locais nun partido marcado polo mal tempo. Un gol de Jonathan Vila foi suficiente para que o Oviedo puidera rematar cos tres puntos rematando un bo momento do equipo branquiazul.
O Compos chega ao encontro despois de sete xornadas consecutivas sen coñecer a derrota. Quince puntos de vinteún posibles que fan que o noso equipo chegue ao tramo final da tempada pero, á súa vez, despois de dous empates consecutivos, responsables de que o equipo santiagués agora mesmo non ocupe a cuarta posición, agora mesmo a tres puntos. Pola súa parte, o Oviedo caeu a pasada xornada nun encontro de infarto con tres goles nos dez últimos minutos ante un Tropezón que se aferra á permanencia. 
O encontro será este domingo ás 18:30 horas. O clube abrirá a grada de Preferencia para os afeccionados ovetenses, que recibiron máis de mil entradas a 12 euros cada unha. Pola súa parte, os siareiros locais poderemos estar no Fondo Norte ou na Tribuna. E que ninguén esqueza que os socios tamén temos que retirar unha entrada a prezo reducido. Quen non poida ir poderá velo a través da segunda canle da TVG.

Un punto insuficiente

O soño da promoción de ascenso está moi lonxe despois dun novo empate. Mal partido do Compos que se atopou cun equipo que saiu a defender e que obtivo un bo premio co punto. Alta intensidade no centro do campo nun partido baseado no xogo de pizarras onde a Esedé puido saír con mellor resultado. Sen goles, hai que pensar xa nun final de tempada sen erros posibles coa visita do Oviedo a San Lázaro en sete días.
A promoción de ascenso ante a salvación matemática. Un partido con dous obxectivos moi importantes que asinar antes do remate da tempada. E despois de non conseguir a vitoria ante o Coruxo, o Compos saiu coa mente posta en aproveitar o erros cometidos o sábado polo Racing no Vao e o Guijuelo ante o Lealtad provocando que os tres puntos puxeran ao equipo da capital a catro puntos do equipo ferrolán e un punto por enriba do equipo salmantino xa desde a quinta posición. 
O comezo do partido mostrou a un Compos que desparecería co paso dos minutos. Menos de dez minutos e Mensha, titular na dianteira ao lado de Yacine, xa gozou das tres xogadas de gol máis importante da primeira metade e, posiblemente, máis claras de todo o encontro. Tres man a man con Marc Martínez que perdoou o nixeriano despois de deixar en evidencia á defensa somocense. 
O xogo directo tomou protagonismo sobre o campo do Manolo Candocia, onde a afección branquiazul puxo a cor e os cánticos nun partido que perdeu intensidade notablemente co paso dos minutos. Xogo moi vertical, sen apenas continuidade nen un dono claro. Minutos ata o final da primeira metade sen bo fútbol e nos que só Iván Pérez a balón parado puxo facer algo de dano á defensa local.
Na segunda metade máis do mesmo. Co Somozas buscando perder todo o tempo posible, o xogo paralizouse en moitas ocasións debido á dureza por parte dos dous equipos, algo que o colexiado buscou frear ensinando ata sete cartóns amarelos. 
As ocasións de perigo escasearon na segunda metade e só coa entrada de Lemos e Quim Araújo, nos instantes finais do encontro, chegou o perigo á porta do porteiro barcelonés. O catalán tivo a mellor ocasión topándose unha vez máis ante o muro verdibranco que non permitiu absolutamente nada aos dianteiros compostelanistas. 
Finalmente, un empate sen goles que deixa ao Compos sexto, a tres puntos do Logroñés e ao Somozas noveno xa salvado matemáticamente.

ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Alcañiz, Portela, Jimmy; Marcos Rodríguez, Manu Rodríguez, Fondevila (Jordan, min. 78); Mensha (Lemos, min. 69), Yacine e Iván Pérez (Quim Araújo, min. 83).
CARTÓNS: Amarelos para Marcos Rodríguez, Portela e Yacine.
GOLES: 0-0.
ESTADIO: Manolo Candocia.

Un punto máis ou dous menos?

O Compos non puido sumar a vitoria máis importante da tempada, coa que quedar a dous puntos da promoción de ascenso, ante o Coruxo. Mal partido da Esedé despois do primeiro gol, onde a relaxación puido saír moi cara. Un gol de Quim Araújo, do mellor unha vez máis, serviu para sumar un punto máis despois do empate de Rubén Rivera, 
A Esedé foi de máis a menos ante un rival que chegou a San Lázaro buscando a salvación matemática da categoría. O Coruxo saiu ao terreo de xogo buscando a portería de Ramón, moi ben en cada ocasión dos vigueses. Un dominio alterno na primeira metade que obtivo os seus froitos superado o cuarto de hora coa primeira chegada importante sobre a porta rival, obra de Yacine, antesala do primeiro tanto só un minuto máis tarde.
Pouco a pouco, os de Iñaki Alonso intensificaron o xogo ofensivo ata meter a todo o Coruxo no seu campo. Así foi como superados os vinte minutos chegou o primeiro tanto. Chegada de Fondevila pola banda e pase ao corazón da área para que Quim, chegando desde atrás, marque. Erro da defensa á hora de non despexar o balón que aproveitou o catalán á perfección. 
O Compos mantívose firme ante os vigueses moi preto da área rival. Con Yacine como xogador máis adiantado, as ocasións chegaron pouco a pouco e con algunha dificultade, xa que o xogo polas bandas non parecía ser o mesmo de sempre con imprecisións á hora de poñer centros á área.
Pola súa parte, o Coruxo parecía estar agardando para saír á contra ou buscar perigo a balón parado ante unha defensa que, unha vez máis, permitiu moi pouco. E na primeira clara non quixeron perdoar. Saque de esquina que remata ben Rubén Rivera coa testa sen que Ramón puidera facer nada. Un gol nun mal momento e ante o que non souberon reaccionar na segunda metade.
Na segunda metade o Coruxo saiu a por todas. Posesión de balón e intentos de provocar perigo sobre a porta de Ramón. Sen embargo, os segundos corenta e cinco minutos foron unha constante perda de tempo por parte dos xogadores visitantes, conformes co empate. Ademais, os trocos pararon o partido cando mellor parecían estar sobre o terreo de xogo os homes de Iñaki Alonso, que non lle perderon a cara ao encontro.
En definitiva, o Compos deixouse dous puntos moi importantes ante un rival que fixo todo o posible por saír vivo de San Lázaro. Agora toca pensar no Somozas e na milagre necesaria para poder rematar a tempada entre os catro primeiros clasificados. 

ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Alcañiz, Catú, Jimmy; Marcos Rodríguez; Quim (Borja Navarro, min. 62), Jordan (Lemos, min. 62), Fondevila, Teles (Moreira, min. 78); e Yacine.
CARTÓNS: Amarelos para Marcos Rodríguez e Catú.
GOLES: 1-0 21' Quim, 1-1 42' Rubén Rivera.
ESTADIO: San Lázaro.

Domingo de transistores

O Compos buscará este domingo aumentar as opcións de entrar na promoción de ascenso á Segunda división nunha xornada onde os transistores e os teléfonos botarán fume. Ao gran encontro de San Lázaro, o primeiro dos dous derbis que teremos por diante hai que sumarlle os partidos que se xogarán na mesma hora en Ferrol e Luanco coa mirada posta na cuarta posición, que podería quedar a un ou dous puntos con catro xornadas por diante. 
A Esedé recibirá ao Coruxo no partido máis importante da xornada. Un derbi galego, o último desta tempada en San Lázaro e penúltimo esta campaña, con dous equipos en busca de dous obxectivos diferentes. O equipo vigués está a seis puntos da salvación matemática, aínda que xa poden falar dunha nova tempada na terceria máxima categoría do fútbol español ao igual que o Somozas, seguinte rival do equipo branquiazul no Manolo Candocia en só oito días. 
O Coruxo chega ao teatro dos soños de San Lázaro desde a décima posición. 45 puntos, nove por enriba do posto de promoción de descenso, avalan a un equipo que suma a súa quinta tempada na Segunda B con intencións de manterse un ano máis. Un equipo, o dirixido por Rafa Sáez, que sumou ata o momento 11 vitorias, máis da metade fóra da casa; 12 empates e 10 derrotas. Un equipo que leva 38 goles a favor e 40 en contra facendo pensar que en tódolos seus partidos hai goles, só 3 dos 33 ata o momento remataron con 0-0. A nivel individual, Salinas é o máximo goleador do equipo con 5 dianas ata o momento nun equipo onde ata 17 xogadores saben o que é facer polo menos un gol no que vai de tempada. Ademais contan nas súas filas con Ben Fisk, internacional canadiense que chegou o pasado verán para ser o referente no ataque do equipo galego.
En canto ás baixas, Iñaki Alonso chegará ao encontro coas dúbidas de Marqueta, Portela e Iván Pérez, que non adestraron ao mesmo ritmo que os seus compañeiros esta semana debido a tres escordaduras de nocello. Pola súa parte, o adestrador visitante non poderá contar con Iago Aspas, Mateo e Salinas, xa descartados, e manterá como baixas ata última hora a Moscardó e Pedro Vázquez. 
Os vigueses visitarán San Lázaro por terceira vez, segunda na Segunda B. En 2008, en Terceira, o encontro rematou cun 2-0 favorable aos locais grazas aos goles de Petter e Rubén. Mentres que a pasada campaña o resultado foi un bo 3-1 con goles de Castiñeiras, Jordan e Manu Rodríguez, este último a falta dun minuto para o final do encontro. 
En canto á pasada xornada, o Compos fixo o que debía ante o Tropezón. Un contundente 4-2 nun partido onde os de Iñaki Alonso fixeron unha primeira hora moi boa ante unha relaxación que puido saír moi cara nos últimos minutos. Os goles de Jordan, Portela, Jimmy e Moreira achegaron ao Compos á cuarta praza. Pola súa parte, o Coruxo non puido superar ao Logroñés nun bo partido dos galegos. Un gol de Menudo bastou aos rioxanos para ascender á terceira praza despois do empate do Racing de Ferrol en Valladolid. 
O partido será este domingo ás 17 horas sen televisión, xa que a TVG emitirá o Racing de Ferrol-Logroñés, partido clave. 

Cada vez máis preto

O Compos ten moi preto o obxectivo real da tempada. Unha nova vitoria, esta vez ante o Tropezón, pon ao equipo de Iñaki Alonso, renovado ata 2017, a só dous puntos do Logroñés, que terá que visitar O Vao este domingo e A Malata o seguinte para xogar dous partidos moi importantes e dos que a Esedé buscará sacar algo moi positivo. Ante os cántabros chegou a quinta xornada consecutiva sen perder e a terceira vitoria seguida. Unha goleada, neste caso, sen apenas problemas ante un equipo moi frouxo en defensa. Jordan, Portela, Jimmy e Moreira foron os autores dos catro goles branquiazuis mentres que Cote e Cabrero fixeron o propio polo equipo de Tanos. 
Só sete días despois da vitoria en Zamora, o Compos recibiu ao Tropezón nun encontro vital para as dúas escadras. Un partido que pouco tivo que ver co do Ruta de la Plata con dominio local dende o inicio só con problemas á hora de finalizar as ocasións. Ata tres ocasións serviron aos branquiazuis para avisar ao porteiro visitante do que se lle podería vir enriba durante os noventa minutos. 
Quim ata en dúas ocasións e Teles puxeron en problemas a Andoni antes de cumprirse a media hora de xogo pero non foi ata o corenta cando Jordan fixo o primeiro. Disparo desde lonxe do ourensán, o balón pega en Cote e engana ao porteiro que non acerta a chegar ao balón. Primeiro gol, merecido, do encontro para chegar ao descanso por diante.
Na segunda metade máis do mesmo. O Compos mantivo o acelerador pisado a fondo e en só dez minutos chegou o segundo gol co que tranquilizar un pouco o partido. Jimmy pon o balón desde a esquerda e Portela, ao igual que en Zamora, aparece para meter a cabeza e poñer a pelota lonxe do alcance dun Andoni moi frouxo.
A Esedé estaba a pasar por un gran momento de forma e demostrouno en só dez minutos con dous goles máis para sentenciar o encontro. Só catro minutos despois de asistir ao central ex do Ourense, Jimmy probou fortuna cun disparo que se colou entre as mans do porteiro vasco. E só sete minutos máis tarde chegou o cuarto que parecía ser definitivo. Un gran gol de Moreira, que levaba só cinco minutos sobre o terreo de xogo, finalizou un contraataque á perfección despois dunha xogada individual. 
Co cuarto xa baixaron a intensidade notablemente e o Tropezón aproveitouno moi ben con ata dous goles que ben puideron facer pensar nunha posible remontada. Os goles de Cote e Cabrero serviron, polo menos, para manter ao Compos por debaixo do Guijuelo na clasificación cun posible empate a puntos. 
Ata o final o Compos mantivo o esférico e o resultado non se moveu máis. Quince minutos de relativa calma entre un equipo que se achega á promoción de ascenso e outro que pon pé e medio na Terceira división con esta derrota. 

ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Portela, Alcañiz, Jimmy; Marcos Rodríguez; Jordan (Lemos, min. 59), Teles, Fondevila, Quim (Moreira, min. 59); e Yacine (Mensha, min. 68).
CARTÓNS: Amarelo para Fondevila.
GOLES: 1-0 41' Jordan, 2-0 55' Portela, 3-0 58' Jimmy, 4-0 64' Moreira, 4-1 73' Cote, 4-2 76' Cabrero.
ESTADIO: San Lázaro.

Non se pode errar

O Compos recibirá este sábado ao Tropezón de Tanos, un rival da zona baixa da táboa que loita por saír dos postos de descenso e que chegará a San Lázaro desesperado por sumar os tres puntos. Tres puntos máis que importantes para os dous equipos xa que poden condear ao equipo cántabro ao descenso á Terceira división así como rematar coas esperanzas do Compos de aspirar a un dos postos de ascenso á Segunda división. Un gran encontro entre dous equipos moi diferentes que a pasada tempada remataron en posicións moi similares en postos de salvación da categoría.
O Tropezón viaxa a Santiago ocupando a penúltima praza da categoría, só tendo por debaixo a un Marino de Luanco, xa case descendido. Décimo noveno con 29 puntos, a sete da promoción de descenso e a oito da salvación matemática, os cántabros están a pasar polo peor momento da tempada despois de sumar catro derrotas consecutivas. Só 7 vitorias no seu casilleiro, a derradeira en Langreo, e 8 empates, conseguido o último unha semana antes en Santa Ana ante o Lealtad, ademais de 17 derrotas. En canto aos goles, os homes de Manuel Herrera suman ata o momento 31 goles a favor, só 5 menos que o Compos, pero, por contra, encaixaron 53 encabezando a táboa de máis goleados do grupo I e sendo o terceiro de toda a categoría que máis tantos recibe. A nivel individual, Juan Fresno e Alex destacan como os máximos artilleiros do equipo tras anotar sete goles cada un. 
Sen dúbida será una xornada complicada xa que o Compos non sabe o que é gañar ao Tropezón nos tres enfrontamentos ata o momento. Na derradeira visita do equipo cántabro a San Lázaro, o resultado foi un igualado 2-2 con goles de Joselu, por partida dobre, no Compos e Dorronsoro, dianteiro agora nas filas do Rayo Cantabria da Terceira división, e Perujo no equipo visitante. Ademais, nesta mesma tempada ningún dos dous equipos soubo adiantarse nun encontro con máis faltas e interrupcións, algo que se demostra cos nove cartóns amarelos, que fútbol. 
En canto á pasada xornada, o Compos asinou unha vitoria importante coa que axustar un pouco máis a parte alta da táboa. Un gol de Portela no tempo engadido bastou para que os homes de Iñaki Alonso puideran voltar de Zamora con tres puntos cos que soñar. Pola súa parte, o Tropezón demostrou que non se lle están a dar ben os equipos galegos esta tempada. De feito, nos sete encontros desta tempada ante equipos galegos só conseguiron 8 puntos nos oito enfrontamentos ata o momento gañando só, nas dúas ocasións ademais, ao filial celtista. Na pasada xornada volveron a caer ante o Coruxo na casa con un contundente 1-3 con gol de Primo para o Tropezón e un 'hat-trick' de Ben Fisk para os vigueses. 
En canto ás baixas, Iñaki Alonso poderá contar con todo o equipo a excepción de Cristian Del Toro, último defensa que chegou mancado no mercado de inverno e que aínda non puido estrearse coa elástica branquiazul esta tempada. Manu Rodríguez, Teles, Borja Navarro e Mensha non poderían estar por acumulación de cartóns. Pola súa parte, Primo será baixa no equipo cántabro por acumulación de amonestacións. 
Esta podería ser, ademais, a primeira xornada na que os transistores aparezan por San Lázaro. De gañar habería que agardar unha posible caída do Guijuelo ante o Celta B, valería o empate dos salmantinos para ascender ata a quinta praza, así como a derrota do Logroñés no Vao, para achegarnos a dous puntos do equipo rioxano, ou a do Racing de Ferrol ante o Valladolid B para poñernos a tres do equipo ferrolán.
O encontro está fixado para este sábado ás 18 horas en San Lázaro sen televisión. 

Portela aumenta as opcións

O Compos voltou de Zamora cunha nova vitoria no seu casilleiro. Unha vitoria 'in extremis' que puido provocar algún que outro ataque aos corazóns branquiazuis nunha xornada positiva para os nosos intereses. Despois do empate do Logroñés o xoves na casa ante o filial do Valladolid e sumado ao empate do Murcia ante o Oviedo e a derrota do Guijuelo en Ferrol, a Esedé enfronta as seis últimas xornadas, catro delas na casa, a só cinco puntos da promoción de ascenso, algo que aumenta un soño xa non tan difícil de crer.
O Ruta de la Plata acolleu un partido de dous equipos con aspiracións moi distintas. Un Zamora con intencións de manter a categoría ante un Compos que buscará ata o final o ansiado ascenso á Segunda división, algo que non se ve en San Lázaro dende fai máis de dez anos. E para manter dito obxectivo tivo que aparecer un central no último minuto do tempo engadido, canto o encontro xa agonizaba. Portela, con máis sorte que outra cousa, fixo o gol da vitoria con asistencia de Quim Araújo incluida. Pola súa parte, Ramón rematou un partido máis coa porta a cero.
O Zamora saiu ao campo con intencións de sorprender a un equipo ao que nas derradeiras xornadas se lle estaban a dar ben os primeiros minutos dos encontros. En especial a un Yacine ao que os locais tiveron moi ben cuberto en todo momento tentando que o franco-marroquí non puidera recibir balóns con facilidade así como encarar ao gardamallas do conxunto castelán. 
Un inicio valente, con forza e a mirada posta na porta de Ramón. Así comezou un Zamora que nos cinco primeiros minutos xa puido contar con varios saques desde a esquina cos que case sorprende a unha defensa que demostra carencias á hora de defender as xogadas a balón parado, o punto débil. A iso hai que sumarlle tamén a presión do equipo local en campo contrario evitando que os galegos puideran dar máis de dous pases seguidos superada a liña do centro do campo. 
Pouco a pouco a posesión foise repartindo co Compos pedindo algo máis de protagonismo no xogo. Moito fútbol no centro do campo e posesións cada vez máis longas sen provocar case perigo en ningunha das dúas porterías. Pola Esedé só Quim tivo dúas ocasións para incomodar ao porteiro local mentres que os zamoranos chegaron con máis perigo á porta de Ramón respondendo ás acometidas visitantes. 
Xa na segunda metade cambiou, e moito, o conto. O Compos foi de menos a máis e puxo en serios apuros á defensa roxibranca con chegadas polas bandas. Con todo o equipo atacando, o Zamora apenas puido facer máis que defender e buscar algunha ocasión, nesta metade sen apenas perigo. 
Pero de novo puido pasar o de sempre. Quen perdoa o acaba pagando caro e así puido pasar ao Compos a falta de vinte minutos para o final cando, na mellor ocasión da segunda metade, o Zamora fixo o primeiro gol do encontro, un gol que non subiu ao marcador por fóra de xogo despois dunha falta botada desde a banda. Un serio aviso que puido cambiar o rumbo do encontro. 
Tras o aviso importante dos homes de Roberto Aguirre, Iñaki Alonso apostou por dous trocos ofensivos que deron forza en ataque. A entrada de Iván Pérez supuxo unha melloría na creación do xogo mentres que Jordan aumentou a velocidade pola banda dereita co seu fútbol tentando repartir asistencias a uns delanteiros moi ben cubertos en todo momento.
O tempo pasaba e mentres que o Compos non conseguía chegar co perigo suficiente á porta contraria, o Zamora perdía a forza da primeira metade conformándose co empate, que agora mesmo deixaría ao equipo fóra do posto de promoción de descenso que ocupa. As ocasións, escasas, chegaban sempre ao porteiro local sen máis recompensa que algún que outro saque desde a esquina. 
Xa nos minutos finais, co tempo regulamentario xa cumprido, chegou o mellor momento para o Compos. Última ocasión do encontro. O equipo consegue un novo córner. Saque directo á área que peina Quim Araújo no corazón da mesma e o balón chega para Portela, no segundo pau, que fai o gol da vitoria, da esperanza, coa cabeza. Un gol co que desatar tódolos sentimentos dunha familia branquiazul que xa ve máis preto ese soño que durante algunhas xornadas parecía desaparecer. 
Cos tres puntos, confirmando a sexta praza pero igualados a puntos co quinto, o equipo xa pensa na vindeira xornada, o encontro ante o Tropezón no primeiro dos dous encontros seguidos que se xogarán en San Lázaro na ocasión máis propicia para pensar no ascenso. 

ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Portela, Alcañiz, Catú (Jimmy, min. 51); Marcos Rodríguez; Lemos (Jordan, min. 77), Teles, Manu Rodríguez (Iván Pérez, min. 71); Quim Araújo; e Yacine.
CARTÓNS: Amarelos para Marcos Rodríguez, Yacine, Catú, Josu e Teles.
GOLES: 0-1 92' Portela. 
ESTADIO: Ruta de la Plata. 

Podemos manter o soño

O Compos permítese, unha semana máis, soñar coa promoción de ascenso despois dunha nova vitoria na casa ante o Atlético Astorga. Un encontro onde os homes de Iñaki Alonso dominaron sen apenas problemas durante os noventa minutos e con dous goles os tres puntos quedaron de novo na casa. Yacine e Catú fixeron os dous goles. 
O encontro comezou da mellor forma posible. Ao igual que o partido ante o Langreo, o Compos non precisou apenas tempo para poñerse por diante. Algo máis de tres minutos dende o inicio e gol de Yacine. Xogada colectiva que comeza Ramón desde a súa propia portería, o esférico chega a Yacine despois de varios pases e este abre á banda para Lemos. O santiagués pon o esférico ao centro da área e o ex do Sestao gaña a partida a un defensa e bate ao porteiro cun bo testarazo.
Pouco a pouco, o Astorga buscou gañar terreo ao Compos e sacudirse o dominio local. A intensidade baixou notablemente e o xogo pasou tranquilizouse sen apenas perigo en ningunha das dúas porterías co Astorga apenas conseguindo superar á defensa branquiazul, que pareceu non notar a ausencia de Jimmy no lateral. 
Para provocar perigo apenas precisou perigo na primeira metade o equipo de Iñaki. Ante un equipo que deu moitas facilidades en defensa, o segundo gol chegou antes do descanso. Lemos chega pola lateral da área e pon de novo un centro ao corazón da mesma. Un defensa intenta despexar o balón pero aparece Catú para rematar o rexeite facendo o segundo gol do encontro, 
Despois do descanso, co partido case resolto, o Compos apenas tivo que esforzarse para manter ao equipo astorgano lonxe da portería de Ramón. Segunda metade sen apenas emoción e moi poucas ocasións de perigo sobre as dúas porterías. 
Vitoria fácil nunha xornada onde o resto dos encontros do sábado remataron con resultados moi positivos. E agora a pensar no Zamora, onde hai que gañar para seguir pensando en cumprir o obxectivo da afección.

ALIÑACIÓN: Ramón; Catú, Portela, Alcañiz, Josu; Marcos Rodríguez, Manu Rodríguez, Teles; Lemos (Lemos, min. 82), Iván Pérez (Fernán, min. 88) e Yacine (Mensha, min. 76).
CARTÓNS: Amarelos para Josu e Yacine.
GOLES: 1-0 4' Yacine, 2-0 42' Catú.
ESTADIO: San Lázaro.

A Copa do Rei, a tiro

O Compos debe gañar este domingo ao único equipo que ata o de agora gañou aos de Iñaki Alonso por máis de dous goles de diferenza. O Atlético Astorga visitará San Lázaro coa mente posta na permanencia ante un equipo que soña coa promoción de ascenso pero que loita, polo momento, por un posto na próxima edición da Copa do Rei. Para calqueira dos dous obxectivos é obrigatorio sumar os tres puntos este sábado.
O Atlético Astorga chegará por primeira vez a San Lázaro ocupando a décima posición, posto moi meritorio tendo en conta que son novos na categoría. Con 37 puntos están na zona tranquila da clasificación grazas ás 8 vitorias e os 13 empates, equipo que máis partidos rematou con reparto de puntos, ademais das só 9 derrotas. Quinto equipo máis goleador con 45 tantos ao seu favor e o terceiro máis goleado con tamén 45 en contra, unha media de 1,5 goles tanto anotados como encaixados por partido ata este momento. A nivel individual hai que ter en conta a Borja Martín, máximo goleador do equipo con 13 dianas. 
O equipo astorgano visitará a un Compos que sumou en La Eragudina a derrota máis abultada da tempada. O equipo de Iñaki Alonso chegaba nun bo momento despois de sumar 8 de 12 puntos posibles pero os casteláns baixaron os fumes aos galegos cun contundente 4-1 no partido que, despois de mancarse, chegou un troco na portería que se mantivo ata fai quince días. Víctor Gordón, Ivi Vales e David Bandera por partida dobre foron os autores dos tantos locais mentres que Quim quixo manter con vida ao equipo santiagués cun gol na primeira metade.
En canto á semana pasada, os dous equipos asinaron un bo resultado. O Compos chega de empatar en Murcia nun gran partido en defensa onde Ramón foi o máis importante. Pola súa parte, o Atlético Astorga venceu a un Tropezón en caída libre cos goles de Víctor e Bandera, por partida dobre.
En canto ás baixas, Iñaki recupera a Marcos Rodríguez mentres que non poderá contar con Jimmy nin Fondevila, os dous por sanción. Pola súa parte, o equipo astorgano chegará a Santiago sen baixas, con todo o equipo e unha viaxe organizada para a súa afección. 
O encontro será este sábado en San Lázaro ás 18 horas.

Punto de ouro

Desde un dos estadios máis importantes da categoría viaxa un punto importantísimo. Empate moi valioso en Murcia ante máis de cinco mil siareiros contra un equipo que se mostrou moi superior sobre o terreo de xogo. Un gol de Yacine antes do descanso e as numerosas paradas de Ramón, de novo titular, evitando unha goleada dos locais. Isi fixo o gol do Murcia. 
O Murcia quixo deixar moi claro que o Compos tería que sufrir e traballar moito para poder saír do Nueva Condomina cun resultado positivo. Ocasións dende o primeiro minuto de xogo sobre a porta dun Ramón moi seguro baixo paus. Partido case perfecto dos granas nos primeiros compases errando só á hora de finalizar as numerosas xogadas con perigo que levaron ata a porta branquiazul. 
Pouco a pouco, os homes de Aira foron achegándose ao primeiro gol do encontro. E na enésima xogada colectiva en campo contrario, un balón chega ao segundo pau e Isi aparece para conseguir a recompensa merecida polo traballo nos primeiros minutos. 
O Compos non soubo reaccionar despois do gol e o Murcia mantivo o seu monólogo sobre o terreo de xogo. Xogadas perigosas sobre a porta dun seguro Ramón aproveitando o mal momento da defensa, que mellorou co paso dos minutos. Ocasións suficientes para rematar a primeira media hora de xogo cunha renda superior de non ser polo porteiro andaluz, un seguro baixo paus.
Superada a media hora de xogo pareceu mellorar a Esedé en labores ofensivas. E na primeira chegada á portería de Crespo chegou o gol do empate. Iván Pérez e Yacine, os dous mellores xogadores chegados no mercado invernal, aliáronse unha vez máis para que o franco marroquí fixera o seu cuarto gol coa camisola branquiazul a pase do centrocampista picheleiro.
Co empate houbo un troco sobre o terreo de xogo. O Compos pasou a controlar o encontro e ter as mellores oportunidades ata o final da primeira metade. Catú e Lemos tiveron, incluso, opcións de adiantar aos nosos xusto antes do descanso. 
Na segunda metade, o equipo de Iñaki Alonso comezou coa mesma forza que rematou a primeira. Alta intensidade sobre o terreo de xogo e ocasións nas dúas porterías con Iván Pérez como xogador máis incisivo en labores atacantes. Atrás Ramón volveu a evitar unha goleada do equipo grana, moi perigoso a pesar de tratarse dun dos equipos que menos goles fixo esta tempada.
Co paso do tempo volveu a dominar o Murcia sen permitir absolutamente nada a un Compos que só puido defenderse. Acometidas constantes ante un Ramón que parecía multiplicarse para evitar que os locais puideran facer o segundo gol. A sorte tamén estivo, por fin, do noso lado e ata en catro ocasións moi perigosas non chegou un gol que resolvería un partido co que soñar. 
Un punto de ouro e a pensar xa no Atlético Astorga, rival da Esedé o vindeiro sábado en San Lázaro. 

ALIÑACIÓN: Ramón; Catú, Portela, Alcañiz, Jimmy; Manu Rodríguez, Lemos (Jordan, min. 77), Iván Pérez, Fondevila; Yacine (Quim Araújo, min. 69) e Borja (Mensha, min. 80).
CARTÓNS: Amarelo para Fondevila e Jimmy.
GOLES: 1-0 15' Isi, 1-1 34' Yacine.
ESTADIO: Nueva Condomina. 5.617 persoas.

A hora da verdade

Sen dúbida estamos ante o partido máis importante e complicado do que resta de tempada. A saída máis dura da segunda metade e cunha viaxe moito máis longa do normal. De punta a punta da península a por tres puntos que poderían achegarnos un pouco máis a promoción de ascenso. Diante estará un dos mellores equipos da categoría: o Real Murcia. 
O equipo pimentonero recibirá ao Compos nun gran momento de forma. Segundo clasificado con 60 puntos a só 5 do Oviedo, os murcianos gañaron 19 encontros, empataron 3 e perderon 7. Curiosamente trátase dun equipo pouco anotador con só 38 goles a favor pero tamén é o que menos goles recibiu con só 19 en contra. En canto aos partidos como local, é o peor equipo dos cinco primeiros despois de sumar 29 de 42 puntos posibles perdendo só ante Celta B, Logroñés e Coruxo. A nivel individual, ao igual que na primeira volta, hai que ter en conta a Acciari, máximo goleador con 7 tantos a pesar de ser centrocampista. 
Para este partido Iñaki non poderá contar con Marcos Rodríguez, baixa difícil de substituir, por sanción e Cristian, que aínda non puido estrearse, por lesión. Pola súa parte, Aira non poderá contar con Albiol, irmán do ex xogador do Madrid, por lesión. 
Esta será a quinta vez que o Compos visite Murcia despois de facelo catro veces en Segunda volvendo sempre con malos resultados. Só un empate fai xa máis de 20 anos e tres derrotas anotando só un gol na tempada do ascenso á Primeira división. Por outra parte, na primeira volta hai que recordar ese empate grazas a un gol de Mensha.
En canto á pasada xornada, os dous equipos remataron con vitorias. O Compos venceu en San Lázaro ante o Langreo cos goles de Yacine e Jordan, máximo goleador do equipo a pesar da súa calidade de suplente. Mentres que o Murcia remontou na súa visita a Santa Ana ante o Tropezón. 1-4 ante dez grazas aos goles de Acciari, Carlos Álvarez por partida dobre e Javi Saura. 
O partido será este sábado ás 17 horas. Non haberá televisións pero poderá seguirse tanto polas radios coma polas redes sociais. 

Primeira final superada

O Compos rematou a primeira das dez finais da tempada cunha vitoria ante o Langreo. Tres puntos máis que se quedan en San Lázaro despois dun encontro onde o equipo mostrou un fútbol de toque atractivo na primeira metade e outro totalmente contrario na segunda. Sen embargo, a pesar do mal xogo nos segundos corenta e cinco minutos, nos dous tempos chegaron boas novas cos goles de Yacine ao pouco de dar comezo o encontro e de Jordan xa case co tempo cumprido. A mala nova foi o quinto cartón amarelo para Marcos Rodríguez, que non poderá estar en Murcia por sanción.
Iñaki Alonso parece que atopou o equipo perfecto para o remate da tempada cun xogo que namora e á vez moi efectivo de cara a gol. A chegada de Yacine serviu para mellorar en ataque e moi cedo mostrou o franco-marroquí a súa facilidade para poñer en problemas tanto á defensa rival como ao porteiro, materias a mellorar antes da súa chegada no mercado invernal.
O ex do Sestao entre outros só precisou seis minutos e un chisco de sorte para poñer por diante aos nosos tras unha xogada a balón parado. Saca unha falta o Compos preto da banda, un xogador local non acerta a defender e o esférico cae a Iván Pérez. O picheleiro mete un pase perfecto entre a defensa para Yacine e este sácase un disparo cruzado. A sorte púxose no bando local por unha vez e un defensa, buscando chegar ao balón en carreira, golpeu o esférico meténdoo no fondo das redes cambiando a traxectoria do disparo.
Xogo de toque, fútbol de salón como xa se lle denomina nas bancadas do templo branquiazul, e ocasións suficientes para chegar ao descanso cunha renta de goles superior. Bo fútbol sobre o verde pero pouca efectividade á hora de finalizar as numerosas ocasións coas que contou un Compos moi seguro de medio campo en adiante. Ramón, que volveu á titularidade despois da lesión en Astorga, apenas tivo que esforzarse durante o primeiro tempo ante un Langreo que parecía moi inferior.
Pero a segunda metade foi moi diferente. O Langreo tomou o manexo do esférico e probou ao porteiro andaluz con boas chegadas e ocasións moi perigosas. Traballo constante para Ramón e a defensa evitando unha e outra vez un susto por parte do conxunto asturiano, que mantívose moi vivo no partido ata o final do tempo regulamentario.
Unha primeira metade moi cómoda e unha segunda moi diferente onde os visitantes puxeron todo sobre o terreo de xogo e pasaron a dominar sen apenas permitir aos galegos achegarse á porta defendida por Adrián Torre, un seguro baixo os paus do equipo langreano.
Pero de novo fixo falta moi pouco para conseguir moito. Xa en tempo engadido un novo saque de falta desde a banda e un mal intento de rexeite caeu de novo nos pés dun xogador branquiazul, Jordan neste caso. O ourensán non o dubidou dous veces e tras acomodarse o esférico disparou desde fóra da área que entra na portería sen que o porteiro puidera facer nada por evitalo. 
Vitoria sufrindo, como xa é habitual en San Lázaro, e moi importante coa que afrontar o encontro ante o Murcia con opcións de rematar a tempada entre os catro primeiros. 

ALIÑACIÓN: Ramón; Catú, Alcañiz, Portela, Jimmy; Marcos Rodríguez; Fondevila (Manu Rodríguez, min. 73), Lemos, Iván Pérez; Yacine (Quim, min. 85) e Borja Navarro (Jordan, min. 64).
CARTÓNS: Amarelos para Marcos Rodríguez e Lemos. 
GOLES: 1-0 6' Yacine, 2-0 90' Jordan. 
ESTADIO: San Lázaro.

Xa non se pode perdoar

O Compos xa non pode perdoar nada de aquí a final de tempada se o obxectivo segue sendo o de estar entre os catro primeiros ao remate da tempada. Non quedan máis erros posibles nos dez partidos restantes e a recta final comeza recibindo este domingo ao Langreo en San Lázaro. Un partido da zona media, tranquila podería dicirse, da táboa entre dous equipos separados por 8 puntos. 
O Langreo, equipo recén ascendido, buscará a permanencia ata o final da campaña. Ocupan a 12ª posición con 34 puntos, a 3 da promoción de descenso e a 5 do descenso directo. Puntos que o equipo asturiano asinou grazas a 9 vitorias e 7 empates, ademais de 12 derrotas. En canto aos goles, os langreanos sumaron 27 a favor, terceiro equipo que menos goles fixo ata o de agora, e por contra só encaixaron 33, segundo equipo que menos recibe dos dez últimos só superado polo Avilés. A nivel individual hai que falar de Ortiz, máximo artilleiro con 8 tantos no seu casilleiro. Lonxe da casa é un equipo ao que lle costa puntuar. Só 14 de 42 puntos posibles avalan ao equipo de Langreo como un dos rivais máis asequibles lonxe do Nuevo Ganzábal. 
Para este encontro Iñaki non contará con baixas de ningún tipo despois de recuperar aos sancionados na pasada xornada. Pola súa parte Raúl González, novo adestrador do equipo asturiano, tampouco contará con baixas significativas. 
O Compos quere sumar a súa segunda vitoria consecutiva como local e voltar ao camiño da vitoria despois da caída en Villaviciosa ante o Lealtad a pasada semana. Pola súa parte, o Langreo tampouco puido puntuar ante o Tropezón na casa. Un gol de Perujo foi suficiente para que os cántabros puideran facer o camiño de volta con tres puntos máis no casilleiro para respirar e pensar na permanencia. 
En canto á primeira volta, o Compos puido salvar un punto grazas a un gol de Teles, un dos poucos e máis importantes tantos do xogador portugués. Antes chegou o gol de Mendi para poñer por diante aos langreanos. 
O encontro será este domingo ás 17 horas en San Lázaro. Quen non poida asistir ao coliseo branquiazul poderá ver o encontro a través das pantallas da segunda canle da TVG en directo. Ademais quen vaia co 'Carné Xoven' da Xunta poderá entrar gratis na Preferencia. 

Baixamos da nube

O Compos non puido volver de Villaviciosa con puntos nun partido marcado polas xogadas a balón parado. Cinco goles que demostran a loucura vista sobre o terreo de xogo con ata catro goles fabricados sen o balón en xogo. Partido duro, difícil e que os locais quixeron levar ao seu terreo con poucas ocasións, pouco fútbol e goles aproveitando erros. Yacine e Iván Pérez foron os autores dos goles branquiazuis ante os tantos de Yosu, Pantiga e Piniella.
A Esedé xa pensa no encontro ante o Langreo despois de caer nun partido sen dominador claro. Ante un rival que está a pasar por un gran momento de forma, os de Iñaki Alonso souberon corresponder ao tiroteo inicial do encontro con xogadas claras nas dúas porterías provocando varios córners que non chegaron a máis ante unha defensa férrea que apenas tivo erros.
O Lealtad probou en numerosas ocasións a Marqueta, ben baixo paus, despois de superar a una feble defensa. Sen embargo non foi ata os vinte minutos de encontro cando chegou o gol local tras un saque desde o curruncho. Un centro que Yosu rematou entre varios defensas visitantes e ante o que Marqueta apenas puido facer nada para evitalo. 
O gol, un xarro de auga fría, serviu para que os santiagueses espertasen do letargo inicial e se meteran no partido. Presión alta e adiantando liñas foi a forma pola que a Esedé buscou e posteriormente atopou o empate. Ocasións suficientes para obter unha recompensa antes do descanso pero constantes erros á hora de finalizar as xogadas sobre a porta de Javi Porrón.
Un gol, un premio, que chegou xusto antes do final da primeira metade cando xa os locais estaban a pedir a hora. Un bo pase de Borja Navarro dentro da área para que Yacine fixera o seu segundo gol coa camisola branquiazul confirmando a gran fichaxe do mercado invernal.
A segunda metade comezou sen ocasións. Quince minutos de mal fútbol, moito centro do campo e ningunha ocasión en ningunha das dúas porterías. De feito o Lealtad fixo o segundo sen aviso previo. Falta preto da área que colga un xogador local e non perdoa Pantiga chegando desde atrás sen que nada puidera facer Marqueta.
O equipo galego non quixo baixar os brazos en ningún momento e só cinco minutos máis tarde unha entrada de Borja Navarro na área rodeado de catro contrarios rematou co asturiano no chan. Penalti claro e Iván Pérez detrás dos once metros. O picheleiro non perdoou igualando outra vez o resultado e aumentando tanto as opcións como as esperanzas da afección galega de volver a casa cos tres puntos. 
Pero de novo o Compos non soubo manter a igualdade e facer un terceiro. Menos de cinco minutos máis tarde volveron as caras longas a Santiago cun novo gol grazas a outra ocasión creada a balón parado. Gol de Piniella para case sentenciar o encontro a falta de quince minutos nos que a Esedé xa non tivo ideas para lograr un novo empate e poder volver a casa con, polo menos, un punto nun partido onde non souberon poñerse por diante en ningún momento.
Agora xa é momento de pensar no Langreo e encarar da mellor forma posible a recta final da tempada con 10 partidos por diante, 6 deles en San Lázaro e só 4 lonxe da casa.  

ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Alcañiz, Catú, Jimmy; Manu Rodríguez, Lemos (Quim Araújo, min. 70), Teles, Iván Pérez; Yacine e Borja Navarro (Mensha, min. 70).
CARTÓNS: Amarelo para Josu.
GOLES: 1-0 21' Yosu, 1-1 45' Yacine, 2-1 64' Pantiga, 2-2 70' Iván Pérez, 3-2 74' Piniella.
ESTADIO: Las Callejas.

A recta final comeza

O Compos comezará este sábado a recta final da tempada coa mente posta na promoción de ascenso, máis preto que nunca. Un encontro onde os de Iñaki Alonso deberán gañar para manter unha gran xeira de resultados na casa do penúltimo clasificado, que pasa por un bo momento con intención de saír dos postos de descenso. Sen dúbida a mellor forma de abrir unha xornada que podería poñer as cousas máis de cara aos nosos. 
Recibe á Esedé o Lealtad de Villaviciosa. Un equipo humilde de Asturias que milita por segunda vez na súa historia na Segunda B, categoría máis alta á que chegaron nos seus case cen anos de historia. Con 26 puntos ocupan a 19ª posición igualados a puntos co Tropezón e a cinco postos da salvación, o seu obxectivo. 6 vitorias, 8 empates e 13 derrotas acumula ata o momento o conxunto asturiano. 25 goles a favor confirmándose como o segundo equipo menos efectivo de cara a porta e 40 en contra, terceiro equipo que máis tantos recibe por detrás de Tropezón e Astorga. A nivel individual hai que ter en conta a Jorge Fernández, máximo artilleiro con 9 goles.
O Lealtad é un equipo difícil de superar cando xoga de local en Las Callejas. 19 puntos ata o momento sumados na casa despois de 5 vitorias, a máis importante ante o Logroñés, 4 empates, un ante o Guijuelo, e outras 4 derrotas. En canto aos goles, os asturianos sumaron 15 goles a favor e encaixaron 14 sen chegar a encaixar máis de tres en ningún partido. Pola súa parte, o Compos é o terceiro mellor visitante da categoría só superado polos dous primeiros clasificados. 20 puntos conseguidos ata o momento lonxe de San Lázaro confirman á Esedé como un equipo temible a pesar de non xogar ante a súa xente. 5 vitorias, 5 empates e 4 derrotas, entre a que destaca a derrota en Astorga e a vitoria pola mínima en Guijuelo coa que o soño pasou a ser algo máis. 
Para este encontro, Iñaki perderá a Moreira, Marcos Rodríguez, Jordan, Cristian e Fernán mentres que volverán Yacine, Catú e Josu, baixas no último encontro. Pola súa parte, Pablo Espina será baixa nos locais por sanción.
Esta será a primeira vez que o Compos visite Villaviciosa e a segunda vez que se vexan as caras despois do encontro da primeira volta onde o encontro rematou 2-1 con goles de Marcos en propia porta e Teles pola Esedé e Jorge Fernández polo Lealtad. 
En canto ao último encontro, os santiagueses deixaron boas sensacións na segunda metade ante o Marino de Luanco onde Borja Navarro foi o mellor con dous goles. Pola súa parte, os de negro empataron na súa visita a Tanos cun novo gol de Jorge Fernández. 
O encontro será este sábado ás 16:30 horas en Las Callejas e poderá verse a través da TPA e pola web da mesma canle de televisión. Ademais quen non poida velo en directo poderá facelo en diferido pola web da TVG ao remate do mesmo.