A recta final comeza

O Compos comezará este sábado a recta final da tempada coa mente posta na promoción de ascenso, máis preto que nunca. Un encontro onde os de Iñaki Alonso deberán gañar para manter unha gran xeira de resultados na casa do penúltimo clasificado, que pasa por un bo momento con intención de saír dos postos de descenso. Sen dúbida a mellor forma de abrir unha xornada que podería poñer as cousas máis de cara aos nosos. 
Recibe á Esedé o Lealtad de Villaviciosa. Un equipo humilde de Asturias que milita por segunda vez na súa historia na Segunda B, categoría máis alta á que chegaron nos seus case cen anos de historia. Con 26 puntos ocupan a 19ª posición igualados a puntos co Tropezón e a cinco postos da salvación, o seu obxectivo. 6 vitorias, 8 empates e 13 derrotas acumula ata o momento o conxunto asturiano. 25 goles a favor confirmándose como o segundo equipo menos efectivo de cara a porta e 40 en contra, terceiro equipo que máis tantos recibe por detrás de Tropezón e Astorga. A nivel individual hai que ter en conta a Jorge Fernández, máximo artilleiro con 9 goles.
O Lealtad é un equipo difícil de superar cando xoga de local en Las Callejas. 19 puntos ata o momento sumados na casa despois de 5 vitorias, a máis importante ante o Logroñés, 4 empates, un ante o Guijuelo, e outras 4 derrotas. En canto aos goles, os asturianos sumaron 15 goles a favor e encaixaron 14 sen chegar a encaixar máis de tres en ningún partido. Pola súa parte, o Compos é o terceiro mellor visitante da categoría só superado polos dous primeiros clasificados. 20 puntos conseguidos ata o momento lonxe de San Lázaro confirman á Esedé como un equipo temible a pesar de non xogar ante a súa xente. 5 vitorias, 5 empates e 4 derrotas, entre a que destaca a derrota en Astorga e a vitoria pola mínima en Guijuelo coa que o soño pasou a ser algo máis. 
Para este encontro, Iñaki perderá a Moreira, Marcos Rodríguez, Jordan, Cristian e Fernán mentres que volverán Yacine, Catú e Josu, baixas no último encontro. Pola súa parte, Pablo Espina será baixa nos locais por sanción.
Esta será a primeira vez que o Compos visite Villaviciosa e a segunda vez que se vexan as caras despois do encontro da primeira volta onde o encontro rematou 2-1 con goles de Marcos en propia porta e Teles pola Esedé e Jorge Fernández polo Lealtad. 
En canto ao último encontro, os santiagueses deixaron boas sensacións na segunda metade ante o Marino de Luanco onde Borja Navarro foi o mellor con dous goles. Pola súa parte, os de negro empataron na súa visita a Tanos cun novo gol de Jorge Fernández. 
O encontro será este sábado ás 16:30 horas en Las Callejas e poderá verse a través da TPA e pola web da mesma canle de televisión. Ademais quen non poida velo en directo poderá facelo en diferido pola web da TVG ao remate do mesmo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario