O Compos voltou de Zamora cunha nova vitoria no seu casilleiro. Unha vitoria 'in extremis' que puido provocar algún que outro ataque aos corazóns branquiazuis nunha xornada positiva para os nosos intereses. Despois do empate do Logroñés o xoves na casa ante o filial do Valladolid e sumado ao empate do Murcia ante o Oviedo e a derrota do Guijuelo en Ferrol, a Esedé enfronta as seis últimas xornadas, catro delas na casa, a só cinco puntos da promoción de ascenso, algo que aumenta un soño xa non tan difícil de crer.
O Ruta de la Plata acolleu un partido de dous equipos con aspiracións moi distintas. Un Zamora con intencións de manter a categoría ante un Compos que buscará ata o final o ansiado ascenso á Segunda división, algo que non se ve en San Lázaro dende fai máis de dez anos. E para manter dito obxectivo tivo que aparecer un central no último minuto do tempo engadido, canto o encontro xa agonizaba. Portela, con máis sorte que outra cousa, fixo o gol da vitoria con asistencia de Quim Araújo incluida. Pola súa parte, Ramón rematou un partido máis coa porta a cero.
O Zamora saiu ao campo con intencións de sorprender a un equipo ao que nas derradeiras xornadas se lle estaban a dar ben os primeiros minutos dos encontros. En especial a un Yacine ao que os locais tiveron moi ben cuberto en todo momento tentando que o franco-marroquí non puidera recibir balóns con facilidade así como encarar ao gardamallas do conxunto castelán.
Un inicio valente, con forza e a mirada posta na porta de Ramón. Así comezou un Zamora que nos cinco primeiros minutos xa puido contar con varios saques desde a esquina cos que case sorprende a unha defensa que demostra carencias á hora de defender as xogadas a balón parado, o punto débil. A iso hai que sumarlle tamén a presión do equipo local en campo contrario evitando que os galegos puideran dar máis de dous pases seguidos superada a liña do centro do campo.
Pouco a pouco a posesión foise repartindo co Compos pedindo algo máis de protagonismo no xogo. Moito fútbol no centro do campo e posesións cada vez máis longas sen provocar case perigo en ningunha das dúas porterías. Pola Esedé só Quim tivo dúas ocasións para incomodar ao porteiro local mentres que os zamoranos chegaron con máis perigo á porta de Ramón respondendo ás acometidas visitantes.
Xa na segunda metade cambiou, e moito, o conto. O Compos foi de menos a máis e puxo en serios apuros á defensa roxibranca con chegadas polas bandas. Con todo o equipo atacando, o Zamora apenas puido facer máis que defender e buscar algunha ocasión, nesta metade sen apenas perigo.
Pero de novo puido pasar o de sempre. Quen perdoa o acaba pagando caro e así puido pasar ao Compos a falta de vinte minutos para o final cando, na mellor ocasión da segunda metade, o Zamora fixo o primeiro gol do encontro, un gol que non subiu ao marcador por fóra de xogo despois dunha falta botada desde a banda. Un serio aviso que puido cambiar o rumbo do encontro.
Tras o aviso importante dos homes de Roberto Aguirre, Iñaki Alonso apostou por dous trocos ofensivos que deron forza en ataque. A entrada de Iván Pérez supuxo unha melloría na creación do xogo mentres que Jordan aumentou a velocidade pola banda dereita co seu fútbol tentando repartir asistencias a uns delanteiros moi ben cubertos en todo momento.
O tempo pasaba e mentres que o Compos non conseguía chegar co perigo suficiente á porta contraria, o Zamora perdía a forza da primeira metade conformándose co empate, que agora mesmo deixaría ao equipo fóra do posto de promoción de descenso que ocupa. As ocasións, escasas, chegaban sempre ao porteiro local sen máis recompensa que algún que outro saque desde a esquina.
Xa nos minutos finais, co tempo regulamentario xa cumprido, chegou o mellor momento para o Compos. Última ocasión do encontro. O equipo consegue un novo córner. Saque directo á área que peina Quim Araújo no corazón da mesma e o balón chega para Portela, no segundo pau, que fai o gol da vitoria, da esperanza, coa cabeza. Un gol co que desatar tódolos sentimentos dunha familia branquiazul que xa ve máis preto ese soño que durante algunhas xornadas parecía desaparecer.
Cos tres puntos, confirmando a sexta praza pero igualados a puntos co quinto, o equipo xa pensa na vindeira xornada, o encontro ante o Tropezón no primeiro dos dous encontros seguidos que se xogarán en San Lázaro na ocasión máis propicia para pensar no ascenso.
ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Portela, Alcañiz, Catú (Jimmy, min. 51); Marcos Rodríguez; Lemos (Jordan, min. 77), Teles, Manu Rodríguez (Iván Pérez, min. 71); Quim Araújo; e Yacine.
CARTÓNS: Amarelos para Marcos Rodríguez, Yacine, Catú, Josu e Teles.
GOLES: 0-1 92' Portela.
ESTADIO: Ruta de la Plata.

Ningún comentario:
Publicar un comentario