Amosando publicacións coa etiqueta Copa do Rei 18 19. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Copa do Rei 18 19. Amosar todas as publicacións

Quedemos co positivo

Foi bonito mentres durou. O Compos dixo adeus á Copa do Rei no Camp D'Esports de Lleida nunha nova derrota en terras catalás logo de encaixar unha derrota pola mínima malia ser superiores durante boa parte do encontro. Unha cita da que se poden sacar cousas moi positivas malia o resultado diante dun rival de categoría superior, que amosou a súa efectividade de cara a gol unha vez máis gañando cun resultado curto pero suficiente. 


Moi superiores.
O Compos foi infinitamente superior ao Lleida no primeiro tempo. Con Brais Abelenda como peza máis perigosa en campo contrario, os de Rodrigo Veiga, no banco ante a expulsión a pasada semana de Yago Iglesias, buscaron dar a sorpresa mandando en campo contrario mais sen a efectividade nin a puntería suficientes ante Pau. 
Co de Bembibre como peza fundamental en traballos ofensivos, Aythami tamén buscou manter o seu bo momento de cara a gol despois de tres xogos consecutivos vendo portería. A eles dous hai que sumar a Josiño e Miki na busca dun gol que non puido chegar por erros nos últimos metros. Non obstante, outro dos mellores do encontro estivo no centro do campo, traballando en defensa. E é que Ube demostrou que tamén merece un oco no once titular cunha moi boa intervención. 
No outro lado do campo, o Lleida case non creou nada de perigo sobre a portería defendida por Anxo. Mais, porén, a única chegada do equipo ilerdense rematou con gol de Ortuño a centro de Leto. Un testarazo do murciano ante o que nada puido facer o noso gardamallas e que serviu para espertar aínda máis a un Compos que gozou das mellores oportunidades nos cinco minutos finais do primeiro tempo. 

Xogo insuficiente.
O segundo tempo foi semellante ao primeiro, cos nosos mandando sobre o verde. Non obstante, a sorte non estivo do noso lado baixando a intensidade das ocasións coa marcha do terreo de xogo de Brais Abelenda, malia ser substituido por un Santi que non foi quen de poñer en problemas ao porteiro local. 
Os trocos non serviron para mellorar o xogo feito no primeiro tempo e iso xunto co cansazo fixo que co paso dos minutos estivera máis preto a vitoria ilerdense. Aínda así, antes de rematar este soño da Copa, o equipo buscou a prórroga case á desesperada cun disparo de Josiño no treito final ante o que interviu á perfección Pau Torres, moi ben sempre que o seu equipo precisou dos seus servizos. 

Agora hai que intentar recuperar forzas e pensar na liga, que volve a Santiago nun bo encontro no que recibiremos ao Silva coa intención de manter o pleno de vitorias no campionato regular logo de encaixar a primeira derrota oficial do curso.

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas, Uña, Sergio Pereira; Ube (Naveira, min. 79), Remeseiro; Abelenda (Santi, min. 57), Josiño, Miki; e Aythami (Mon, min. 75).
CARTÓNS: Amarelos para Ube e Uña.
GOLES: 1-0 39' Ortuño.
CAMPO: Camp D'Esports.

Estamos de volta!

Sorteos, Compos e Catalunya van da man nos últimos meses. Despois de dúas viaxes a Barcelona e arredores entre os meses de maio e xuño... toca volver! Na sede da RFEF, unha vez máis, apareceu a posibilidade de que os nosos tiveran que coller un avión para viaxar á outra punta da península e despois de gañar nas Canarias...
17 anos despois, os camiños de Compos e Lleida crúzanse para un novo capítulo dunha historia que arrincou na década dos 80 e que contou con enfrontamentos entre os dous equipos na Segunda B, Segunda división e na Copa do Rei. Non obstante, nesta ocasión hai que visitar ao novo Lleida Esportiu, creado alá polo ano 2011 logo da desaparición da U.E. Lleida ocupando a súa praza na categoría de bronce, onde se manteñen dende hai sete anos completando este ano a oitava tempada na Segunda B e completando resultados case inmellorables, entre os que se atopan tres promocións de ascenso á Segunda división e uns oitavos de final da Copa do Rei caendo o ano pasado contra o Atlético de Madrid.


Historia curta e intensa.
O Lleida Esportiu naceu no verán de 2011 para facerse coa praza da desaparecida Unió Esportiva Lleida logo de 72 anos facéndose, nunha subasta, con todo o pertencente ao anterior agás un nome que paseou polos campos da Terceira división catalá chegando a debutar na máxima categoría do fútbol español, na que non puido asinar a permanencia volvendo á Segunda división na mesma tempada na que o fútbol santiagués acadaría o seu maior éxito.
Dende a súa fundación hai só 7 anos, convertiuse nun clube a superar no territorio catalán, nun fixo na Segunda B ao igual que nunha Copa do Rei na que tiveron participacións dende o primeiro ano, único no que non puideron superar a primeira rolda. Non obstante, a mellora foi moi notable no cadro azul acumulando un total de tres fases de ascenso ao fútbol profesional e dúas participacións no torneo do KO contra equipos de competicións europeas, caendo contra o Betis pola mínima hai 5 anos en dezaseisavos e superando, na mesma eliminatoria, á Real Sociedad a pasada tempada caendo contra o Atlético de Madrid, nun partido xa moito máis desigualado, en oitavos.
En canto a este curso, levan sen perder tamén os catro partidos oficiais xogados ata o momento, perdendo na casa por última vez no pasado mes de abril. Un seguro de bo xogo e gol nun dos grupos máis duros do fútbol español. De feito, superaron as tres probas ante a súa afección contra Villarreal B, Teruel en Copa e Ebro mais non puideron facer o propio en Barcelona, contra un Espanyol B que conseguiu un punto contra un dos chamados a estar na parte alta da táboa un ano máis.
A nivel individual contan cun conxunto forte e experimentado sobre o que comeza a destacar a figura de Pedro, ex de grandes equipos da categoría coma Mirandés ou Celta B, con experiencia na Segunda división e que xa contou con minutos tamén na Primeira vestindo as cores do Atlético de Madrid. Agora, titular en liga e suplente en Copa, leva dous goles en total para dar así seis puntos dos sete aos seus. 

Duro pasado.
Compos e Lleida, o antigo equipo da cidade, enfrontáronse nun total de 24 ocasións ao longo das décadas dos 80 e 90 pechando a súa historia en común no novo século, chegando ademais os dous últimos triunfos branquiazuis nun pasado marcado pola ledicia nos afeccionados cataláns. E é que o cadro ilerdense fíxose coa vitoria nun total de 13 enfrontamentos diante dun Compos que só o puido conseguir en 5.
Dende o Camp D'Esports, casa tanto do antigo clube coma do actual, chegaron boas novas para o equipo branquiazul xa que dende alí viaxaron os tres últimos puntos desta historia que unía, algo máis, Galiza e Catalunya. Mais ésa non foi a única ocasión na que voaron os puntos cara Santiago xa que no 99, noutro partido igualado e polémico con ata 20 cartóns e 3 expulsados, púxose a sorte de cara grazas a un gol de Fabiano no treito final pechando o 2-3 definitivo. A iso hai que engadir tres empates máis nun campo onde os nosos só foron quen de facer un total de 8 goles.

Malos recordos.
Esta será a terceira ocasión na que o Compos viaxe a terras catalás no que vai de ano. Unha terceira viaxe da que, por fin, pode chegar un resultado positivo para os nosos despois de dúas derrotas importantes e das que houbo que repoñerse para chegar a unha final nada feliz. Dous precedentes negativos e que cabe lembrar.
A primeira visita foi ao filial do Espanyol, despois dun resultado positivo en San Lázaro, na primeira Final polo ascenso. Un partido onde o conxunto perico non tardou en adiantarse co que sería o primeiro erro defensivo e que remataría cun 4-2.
A segunda oportunidade para manterse na pelexa polo ascenso levou aos nosos, unha semana despois, a Terrassa. E de novo, mal resultado caendo por 2-0 obrigados a asinar unha remontada épica en San Lázaro oito días máis tarde. Eliminatoria superada mais sen sacar nada positivo nunha terra onde a vitoria presúmese moi complicada.

Entre iguais.
Compos e Lleida chegan a esta rolda despois de superar unha eliminatoria cada un a pasada semana e sen contar con grandes problemas. Dous emparellamentos entre equipos das mesmas categorías e da que ámbolos dous saíron moi reforzados cun fútbol positivo e con pouco que correxir malia estar no arrinque da tempada.
O Compos fíxose co triunfo contra o Mensajero, equipo que chegou á Copa grazas a un segundo posto en liga na Terceira canaria e a rematar por detrás dun filial. Unha vitoria merecida, traballada e na que os menos habituais nos plans de Yago Iglesias demostraron estar tamén a un gran nivel, destacando o gran traballo feito por Anxo baixo paus.
Pola súa parte, o Lleida desfíxose do Teruel, equipo co que comparten grupo na Segunda B, nun enfrontamento igualado que se definiu cun gol no final de cada parte a prol dos cataláns. A tres minutos para chegar ao tempo de lecer, Musa foi o encargado de poñer o primeiro no luminoso mentres que Bakayoko, co mesmo tempo para o final dos noventa minutos, sentenciou o triunfo local.

Só un pode gañar. 
Compos e Lleida non saben aínda o que é perder no que vai de tempada en partido oficial. Dous equipos que puntuaron nos tres encontros de liga xogados ata o momento e que superaron sen demasiadas complicacións a primeira fase da Copa do Rei. 
Comezamos polos nosos. Arrincaron a liga con vitoria fronte a un Polvorín que aínda non sabe o que é puntuar na categoría. Superado o filial lugués, chegou a Santiago un Céltiga que tampouco puido facer fronte a este equipo. O mesmo resultado repetiuse na Copa do Rei, diante do Mensajero en La Palma gañando un partido nesa competición 18 anos despois. E na pasada fin de semana, anotando tres goles por terceira cita seguida, os nosos conseguiron desfacerse dun Alondras que a piques estivo de dar un bo susto. 
Pola súa parte, o Lleida sumou os tres primeiros puntos na casa diante do filial do Villarreal cun resultado curto pero suficiente. Unha sorte coa que non contaron na Ciutat Esportiva Dani Jarque, onde comezaron perdendo contra o Espanyol B e só puideron facerse co empate. Non obstante, volveron ao camiño da vitoria contra o Teruel en Copa, o seu seguinte rival na competición regular, e conseguiron unha importante remontada o pasado domingo na casa contra o Ebro, outro vello coñecido pola parroquia branquiazul despois de superalo hai xa cinco anos noutra fase de ascenso. 

Baixas.
Yago Iglesias terá que traballar máis para confeccionar unha lista de 18 xogadores cos que viaxar a Lleida, xa que nesta competición permítese ter ata 7 homes no banco de suplentes. Non obstante, coas baixas que hai queda un plantel con 17 pezas xa que Alberto e Rubén, cunha rotura do ligamento cruzado anterior da perna esquerda confirmada, seguen de baixa e únese a esta lista Samu, baixa xa en Cangas e que está a recuperarse para volver ao equipo nos vindeiros días. 

Volta a Catalunya.
A terceira viaxe dos nosos a terras catalás será o vindeiro mércores 12 de setembro ás 20 horas. O Camp D'Esports de Lleida abrirá as súas portas para unha nova cita na Copa do Rei, segunda nesta campaña, no ano que o estadio cumpre un século dende a súa construcción. Un partido para o que as entradas terán un prezo de 15 euros mentres que os aboados locais poderán acceder de balde.
Por contra, quen non poida viaxar ata Lleida poderá seguir o encontro a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ademais de no perfil oficial do clube en Twitter.

Este Compos quere máis

O Compos superou unha rolda na Copa do Rei dezaoito anos despois superando a un Mensajero que se mantivo con opcións ata o último minuto de partido. Un gran encontro dos de Yago Iglesias, moi serio, e con numerosas ocasións para volver á casa cunha goleada maior. Aythami, que tivo que retirarse mancado, Camacho en propia porta e Miki fixeron os tres goles para unha vitoria importante á par que merecida. Ademais, hai que destacar o gran encontro de Anxo na súa estrea oficial e o bo traballo dos nosos en defensa así como en ataque. 
Un equipo que, ademais, segue na gran liña que está a tomar neste arrinque de tempada con oito goles a favor e ningún en contra nas tres citas oficiais dende a estrea en liga sumando un total de seis tantos en cousa de catro días. 


Primeiro tempo igualado.
A primeira metade estivo moi igualada sobre o verde do Silvestre Carrillo. O Compos, coa intención de levar o dominio da pelota, e o Mensajero, que presionou a saída da pelota en campo contrario e se fixo coas mellores ocasións á contra, deixaron uns primeiros corenta e cinco minutos con moito fútbol no centro do campo e oportunidades illadas.
Con Anxo como peza fundamental na súa estrea, as chegadas canarias sobre a porta visitante foron algo máis claras mentres que os nosos tiveron as súas mellores opcións de adiantarse, sen sorte, en xogadas a balón parado. A iso hai que engadir a expulsión de Yago Iglesias por protestar unha dura falta sobre Ube cando minutos antes viu unha Piscu por unha acción moi semellante. 

Co gol cambiou o xogo.
O segundo tempo arrincou do mellor xeito posible. Nin dous minutos tardou Aythami en materializar coa testa un centro medido de Santi para facer o seu segundo gol coa camisola branquiazul na mesma semana. Un tanto importantísimo e que serviu para mellorar sobre o terreo de xogo diante dun Mensajero que adiantou liñas deixando ocos importantes en defensa, axudando ao aumento de ocasións perigosas na portería defendida por Gárate. 
Co resultado favorable para os nosos, as cousas foron moito máis doadas. Non obstante, minutos despois de inaugurar o marcador, o canario Aythami tivo que retirarse mancado do terreo de xogo, cunha lesión que semella muscular e que haberá que agardar á volta á casa para coñecer máis. Iso fixo, ademais, que o Mensajero se abrira permitindo máis chegadas, coas bandas de novo como mellor forma para crear perigo. 

Sentenza obrigada.
Co novo plantexamento por parte dos locais chegou algunha ocasión sobre a porta de Anxo obrigando aos nosos a poñer terra de por medio, algo para o que non houbo que esperar demasiado con Santi, unha vez máis, aparecendo como asistente. O dianteiro, chegando pola banda, puxo unha pelota á área e alí errou Camacho metendo a pelota na súa propia portería querendo despexar. 
Moito máis tranquilos, os de Yago Iglesias baixaron unha marcha contra un equipo que pasou a defender con menos pezas buscando, con algo máis de vinte minutos por diante, unha remontada que nunca chegaría e cun fútbol que non fixo máis que beneficiar a un Compos que tivo ocasións suficientes para asinar unha goleada maior á contra contando cun Anxo estelar baixo paus, deixando unha inmellorable imaxe na súa primeira cita oficial e sendo unha peza fundamental para acadar este pase de rolda para a historia. 
Sen tempo de reacción posible para o conxunto local, cando restaban dous minutos para o final do tempo regulamentario, chegou o terceiro e definitivo tanto da tarde. Un bo gol de Miki grazas a unha gran asistencia de Remeseiro superando a un Gárate incapaz de frear a un gran Compos. 

Agora, logo de superar ao Mensajero, hai que pensar no Alondras e agardar para coñecer ao seguinte rival na competición, Lleida ou Teruel, que se xogará de novo a domicilio. Pola súa parte, o equipo canario pasará a xogar a fase nacional da Copa RFEF.

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas, Piscu, Naveira; Mon, Ube; Santi (Remeseiro, min. 81), Alex Ares (Uña, min. 84), Abelenda; e Aythami (Miki, min. 59).
CARTÓNS: Amarelos para Piscu, Mon, Saro e Naveira.
GOLES: 0-1 47' Aythami, 0-2 66' Camacho (en propia porta), 0-3 88' Miki..
CAMPO: Silvestre Carrillo.

Longa viaxe

O Compos, novo líder do grupo 1 da Terceira división, volverá este mércores á Copa do Rei tres anos despois. Unha estrea no campionato do KO dun equipo que terá que xogar a competición a domicilio por segunda ocasión consecutiva buscando superar a primeira fase, algo que non se ve en Santiago dende o ano 2000, cando os nosos conseguiron a súa última vitoria en dito torneo. 
Diante estará un equipo do grupo 12 da mesma categoría, único equipo do nivel que podía tocar aos nosos no torneo. Un Mensajero que non sabe aínda o que é gañar no que vai de curso logo de dous empates consecutivos repetindo, ademais, resultado en ámbalas dúas citas.


Empate. 
Ao igual que os nosos, o Mensajero suma xa dúas xornadas de liga xogadas e, polo de agora, non tiveron que lamentar ningunha derrota. Non obstante, tampouco conseguiron encadear ningunha vitoria no que vai de torneo con dous empates ante o Unión Viera a domicilio e El Cotillo na súa estrea diante da afección palmeira por repetindo o 1-1 no marcador ao final dos 90 minutos.
Un equipo que pechou o pasado curso no segundo posto da clasificación e que estará na competición xa que o campión do seu mesmo grupo non foi outro que o filial do Tenerife, exento deste torneo. Logo da fase regular, sen sorte, caeron na primeira fase contra un Atlético Sanluqueño que si conseguiu acadar o obxectivo do ascenso de categoría.
A nivel individual hai que destacar a presenza de xogadores importantes coma Yeray. Chegado ao cadro vermello hai xa seis anos procedente do Coruxo, foi autor de 27 goles a pasada tempada sendo unha parte moi importante á hora de conseguir o bo resultado dos seus. Non obstante, o gol desta tempada leva os nomes de Víctor e Vianney. 

Un meigallo de 18 anos. 
Dende o 13 de decembro do ano 2000 o Compos non sabe o que é gañar un partido de Copa do Rei. Cinco participacións e cinco derrotas logo de superar hai 18 anos ao Getafe en San Lázaro por 3-0, caendo na seguinte rolda contra un Celta que superara antes, curiosamente, ao Mensajero pola mínima. 
Alavés, Oviedo, Deportivo, Zamora e Tudelano foron quen de superar a un Compos que chega con ilusión a un torneo onde conseguiu acadar os cuartos de final no ano 2000 caendo goleado diante do Espanyol a dobre partido.
Pola súa parte, o Mensajero volve á competición na que participou en 12 ocasións despois de tres anos de ausencia, edición na que superaron ao Rayo Majadahonda na primeira fase caendo diante do Cádiz na segunda. Un equipo que nunca foi quen de superar a terceira rolda do campionato, á que chegou en tres ocasións.

Baixas e dúbidas.
Yago Iglesias manterá para este encontro as baixas xa máis que coñecidas de Rubén e Alberto. Non obstante, a lista definitiva de 16 homes que viaxarán ás Canarias podería quedar xa pechada coas dúbidas de Álvaro Casas, que non puido estrearse aínda en partido oficial por problemas físicos, e Alex Ares, que rematou a cita contra o Céltiga tocado. 

Lleida ou Teruel. 
En terras ilerdenses xogarán o mesmo día Lleida e Teruel. Outro partido pertencente á primeira fase entre dous equipos da Segunda B e do que sairá o rival do gañador da nosa eliminatoria na segunda rolda. Ademais, non só se coñecerá ao rival senón que tamén a sede do encontro, que se xogará en Catalunya ou Aragón obrigando a un longo desprazamento. 

Proximidade?
Antes de realizarse o sorteo, a RFEF fixo pública unha lista de catro grupos entre equipos que entraban nesta primeira eliminatoria por proximidade xeográfica, a mesma coa que se organizaron os grupos da Segunda B este curso e pola que os conxuntos galegos terán que visitar ao filial do Las Palmas.
Con Vigo, Castela e León, Madrid e Canarias nas posibilidades e despois dun primeiro sorteo invalidado no que o rival branquiazul sería o Rápido de Bouzas... saiu a bola en primeiro lugar do Mensajero, único Terceira posible, obrigando aos nosos a facer unha viaxe de 2 000 quilómetros en avión e sen traxecto directo. 
Xa de volta ao partido, a cita será o mércores ás 17:30 hora local, 18:30 na nosa terra, no Estadio Silvestre Carrillo de La Palma. O encontro poderá seguirse en directo a través da web de Footters previo pago de 2,99 euros. 

Imos ás Canarias!

Logo dun sorteo mal feito pola mañá e unha repetición horas máis tarde, temos xa o rival ante o que haberá que enfrontarse na volta da Esedé á Copa do Rei. Será o Mensajero e o escenario, o Silvestre Carrillo polo que os nosos terán que volver á competición do KO a domicilio, ao igual que na última edición. Ademais, San Lázaro tampouco recibiría un partido de Copa na segunda rolda de superar a primeira os nosos, xa que o sorteo así o definiu. 


Viaxe longa.
Días atrás coñecimos as posibilidades dos nosos para o sorteo, sendo tres equipos madrileños, dous castelán leoneses, un canario e un galego as opcións para un Compos que tería que esperar a ver se a súa bola saía primeiro para coñecer o campo onde se xogaría esta primeira rolda. E por que non complicar o desprazamento de seareiros co equipo?
Máis de mil kilómetros e a necesidade de coller un avión cara as Canarias, terra da que chegou hai unhas semanas Aythami, para visitar a un Mensajero da mesma categoría que os nosos, igualando algo o traballo entre campións na Terceira o pasado curso. 

Comezo duro.
O Mensajero é un equipo habitual na competición do KO con 12 participacións previas chegando, como máximo, á terceira rolda da Copa en tres ocasións.
Pola súa parte, o Compos xogará por 29ª ocasión este torneo no que se estrearon en 1970 caendo eliminados a mans do Laredo a dobre partido, tamén na primeira rolda, e chegando ata os cuartos de final no ano 2000 caendo contra o Espanyol, campión desa edición, por 5-2 no global da eliminatoria. 
O partido será o mércores 5 de setembro en Santa Cruz de La Palma cun horario aínda descoñecido. Antes, haberá que visitar o Ceao e recibir ao Céltiga.

O Rápido de Bouzas, único galego que comeza na casa.
Catro equipos galegos entraron neste primeiro sorteo de Copa, no que se definían as dúas primeiras eliminatorias. E, de feito, só un xogará na casa xa que Lugo e Deportivo terán que visitar, na segunda rolda, a Albacete e Zaragoza respectivamente. 
A iso hai que engadir que o equipo que supere a eliminatoria tampouco terá que xogar na casa a segunda xa que o gañador terá que visitar ao vencedor do Teruel-Lleida, equipos do grupo 3 da 2ªB.