Punto de ouro

Desde un dos estadios máis importantes da categoría viaxa un punto importantísimo. Empate moi valioso en Murcia ante máis de cinco mil siareiros contra un equipo que se mostrou moi superior sobre o terreo de xogo. Un gol de Yacine antes do descanso e as numerosas paradas de Ramón, de novo titular, evitando unha goleada dos locais. Isi fixo o gol do Murcia. 
O Murcia quixo deixar moi claro que o Compos tería que sufrir e traballar moito para poder saír do Nueva Condomina cun resultado positivo. Ocasións dende o primeiro minuto de xogo sobre a porta dun Ramón moi seguro baixo paus. Partido case perfecto dos granas nos primeiros compases errando só á hora de finalizar as numerosas xogadas con perigo que levaron ata a porta branquiazul. 
Pouco a pouco, os homes de Aira foron achegándose ao primeiro gol do encontro. E na enésima xogada colectiva en campo contrario, un balón chega ao segundo pau e Isi aparece para conseguir a recompensa merecida polo traballo nos primeiros minutos. 
O Compos non soubo reaccionar despois do gol e o Murcia mantivo o seu monólogo sobre o terreo de xogo. Xogadas perigosas sobre a porta dun seguro Ramón aproveitando o mal momento da defensa, que mellorou co paso dos minutos. Ocasións suficientes para rematar a primeira media hora de xogo cunha renda superior de non ser polo porteiro andaluz, un seguro baixo paus.
Superada a media hora de xogo pareceu mellorar a Esedé en labores ofensivas. E na primeira chegada á portería de Crespo chegou o gol do empate. Iván Pérez e Yacine, os dous mellores xogadores chegados no mercado invernal, aliáronse unha vez máis para que o franco marroquí fixera o seu cuarto gol coa camisola branquiazul a pase do centrocampista picheleiro.
Co empate houbo un troco sobre o terreo de xogo. O Compos pasou a controlar o encontro e ter as mellores oportunidades ata o final da primeira metade. Catú e Lemos tiveron, incluso, opcións de adiantar aos nosos xusto antes do descanso. 
Na segunda metade, o equipo de Iñaki Alonso comezou coa mesma forza que rematou a primeira. Alta intensidade sobre o terreo de xogo e ocasións nas dúas porterías con Iván Pérez como xogador máis incisivo en labores atacantes. Atrás Ramón volveu a evitar unha goleada do equipo grana, moi perigoso a pesar de tratarse dun dos equipos que menos goles fixo esta tempada.
Co paso do tempo volveu a dominar o Murcia sen permitir absolutamente nada a un Compos que só puido defenderse. Acometidas constantes ante un Ramón que parecía multiplicarse para evitar que os locais puideran facer o segundo gol. A sorte tamén estivo, por fin, do noso lado e ata en catro ocasións moi perigosas non chegou un gol que resolvería un partido co que soñar. 
Un punto de ouro e a pensar xa no Atlético Astorga, rival da Esedé o vindeiro sábado en San Lázaro. 

ALIÑACIÓN: Ramón; Catú, Portela, Alcañiz, Jimmy; Manu Rodríguez, Lemos (Jordan, min. 77), Iván Pérez, Fondevila; Yacine (Quim Araújo, min. 69) e Borja (Mensha, min. 80).
CARTÓNS: Amarelo para Fondevila e Jimmy.
GOLES: 1-0 15' Isi, 1-1 34' Yacine.
ESTADIO: Nueva Condomina. 5.617 persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario