O Compos xa non pode perdoar nada de aquí a final de tempada se o obxectivo segue sendo o de estar entre os catro primeiros ao remate da tempada. Non quedan máis erros posibles nos dez partidos restantes e a recta final comeza recibindo este domingo ao Langreo en San Lázaro. Un partido da zona media, tranquila podería dicirse, da táboa entre dous equipos separados por 8 puntos.
O Langreo, equipo recén ascendido, buscará a permanencia ata o final da campaña. Ocupan a 12ª posición con 34 puntos, a 3 da promoción de descenso e a 5 do descenso directo. Puntos que o equipo asturiano asinou grazas a 9 vitorias e 7 empates, ademais de 12 derrotas. En canto aos goles, os langreanos sumaron 27 a favor, terceiro equipo que menos goles fixo ata o de agora, e por contra só encaixaron 33, segundo equipo que menos recibe dos dez últimos só superado polo Avilés. A nivel individual hai que falar de Ortiz, máximo artilleiro con 8 tantos no seu casilleiro. Lonxe da casa é un equipo ao que lle costa puntuar. Só 14 de 42 puntos posibles avalan ao equipo de Langreo como un dos rivais máis asequibles lonxe do Nuevo Ganzábal.
Para este encontro Iñaki non contará con baixas de ningún tipo despois de recuperar aos sancionados na pasada xornada. Pola súa parte Raúl González, novo adestrador do equipo asturiano, tampouco contará con baixas significativas.
O Compos quere sumar a súa segunda vitoria consecutiva como local e voltar ao camiño da vitoria despois da caída en Villaviciosa ante o Lealtad a pasada semana. Pola súa parte, o Langreo tampouco puido puntuar ante o Tropezón na casa. Un gol de Perujo foi suficiente para que os cántabros puideran facer o camiño de volta con tres puntos máis no casilleiro para respirar e pensar na permanencia.
En canto á primeira volta, o Compos puido salvar un punto grazas a un gol de Teles, un dos poucos e máis importantes tantos do xogador portugués. Antes chegou o gol de Mendi para poñer por diante aos langreanos.
O encontro será este domingo ás 17 horas en San Lázaro. Quen non poida asistir ao coliseo branquiazul poderá ver o encontro a través das pantallas da segunda canle da TVG en directo. Ademais quen vaia co 'Carné Xoven' da Xunta poderá entrar gratis na Preferencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario