O último tren

Este domingo chegará o último tren a San Lázaro. Un partido clave ante un rival moi importante, o mellor equipo da categoría. O Real Oviedo chega á nosa casa a un punto de ser matematicamente campión do grupo, algo que chegará nalgunha das tres xornadas restantes antes do final da Liga ou ben na segunda metade do encontro se o Murcia non consegue os tres puntos ante a Cultural Leonesa este mesmo domingo. 
O equipo asturiano chega ao teatro dos soños de San Lázaro nun mal momento para os homes de Iñaki Alonso. Primeiros na clasificación, os ovetenses chegan de perder contra pronóstico no Carlos Tartiere ante o Tropezón, algo que demostra que non son invencibles. 76 puntos, oito máis que o Murcia, son o equipo con máis vitorias da categoría: 23. 7 empates e 5 derrotas, tres delas lonxe do Carlos Tartiere. Un equipo que conta nas súas filas con ex xogadores de Primeira división como o porteiro do Almería, Celta, Atlético e Sevilla Esteban ou o ex do Celta Jonathan Vila entre outros. Ademais, o máximo goleador da categoría tamén está nas filas do equipo 'carbayón'. Linares ocupa o posto máis alto da clasificación de goleadores con 27 tantos sucedendo ao ex da Esedé Joselu, con números similares aos do dianteiro de Palmeira a pasada tempada. 
Chegan a Santiago este domingo con tres baixas importantes pero recuperando a Jonathan Vila, peza importante no equipo de Sergio Egea. Dioni e Susaeta serán baixa por lesión mentres que o ex do Ourense Borja Valle non poderá estar por sanción. Pola súa parte, Iñaki Alonso poderá facer a lista escollendo entre todos os integrantes da plantilla, entre os que non conta con ningunha baixa. Por outra parte, Catú, Mensha, Borja Navarro, Portela, Manu Rodríguez e Teles non poderían estar ante o Sporting B en Mareo de ver un cartón amarelo este domingo.
O Oviedo pasou a tempada pasada por Santiago para volver a terras asturianas cun punto. Un empate a un gol, obras de Joselu e Susaeta, demostra a igualdade entre os dous equipos. Pola súa parte, esta mesma tempada, no Tartiere, o resultado foi de vitoria pola mínima para os locais nun partido marcado polo mal tempo. Un gol de Jonathan Vila foi suficiente para que o Oviedo puidera rematar cos tres puntos rematando un bo momento do equipo branquiazul.
O Compos chega ao encontro despois de sete xornadas consecutivas sen coñecer a derrota. Quince puntos de vinteún posibles que fan que o noso equipo chegue ao tramo final da tempada pero, á súa vez, despois de dous empates consecutivos, responsables de que o equipo santiagués agora mesmo non ocupe a cuarta posición, agora mesmo a tres puntos. Pola súa parte, o Oviedo caeu a pasada xornada nun encontro de infarto con tres goles nos dez últimos minutos ante un Tropezón que se aferra á permanencia. 
O encontro será este domingo ás 18:30 horas. O clube abrirá a grada de Preferencia para os afeccionados ovetenses, que recibiron máis de mil entradas a 12 euros cada unha. Pola súa parte, os siareiros locais poderemos estar no Fondo Norte ou na Tribuna. E que ninguén esqueza que os socios tamén temos que retirar unha entrada a prezo reducido. Quen non poida ir poderá velo a través da segunda canle da TVG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario