Primeira final superada

O Compos rematou a primeira das dez finais da tempada cunha vitoria ante o Langreo. Tres puntos máis que se quedan en San Lázaro despois dun encontro onde o equipo mostrou un fútbol de toque atractivo na primeira metade e outro totalmente contrario na segunda. Sen embargo, a pesar do mal xogo nos segundos corenta e cinco minutos, nos dous tempos chegaron boas novas cos goles de Yacine ao pouco de dar comezo o encontro e de Jordan xa case co tempo cumprido. A mala nova foi o quinto cartón amarelo para Marcos Rodríguez, que non poderá estar en Murcia por sanción.
Iñaki Alonso parece que atopou o equipo perfecto para o remate da tempada cun xogo que namora e á vez moi efectivo de cara a gol. A chegada de Yacine serviu para mellorar en ataque e moi cedo mostrou o franco-marroquí a súa facilidade para poñer en problemas tanto á defensa rival como ao porteiro, materias a mellorar antes da súa chegada no mercado invernal.
O ex do Sestao entre outros só precisou seis minutos e un chisco de sorte para poñer por diante aos nosos tras unha xogada a balón parado. Saca unha falta o Compos preto da banda, un xogador local non acerta a defender e o esférico cae a Iván Pérez. O picheleiro mete un pase perfecto entre a defensa para Yacine e este sácase un disparo cruzado. A sorte púxose no bando local por unha vez e un defensa, buscando chegar ao balón en carreira, golpeu o esférico meténdoo no fondo das redes cambiando a traxectoria do disparo.
Xogo de toque, fútbol de salón como xa se lle denomina nas bancadas do templo branquiazul, e ocasións suficientes para chegar ao descanso cunha renta de goles superior. Bo fútbol sobre o verde pero pouca efectividade á hora de finalizar as numerosas ocasións coas que contou un Compos moi seguro de medio campo en adiante. Ramón, que volveu á titularidade despois da lesión en Astorga, apenas tivo que esforzarse durante o primeiro tempo ante un Langreo que parecía moi inferior.
Pero a segunda metade foi moi diferente. O Langreo tomou o manexo do esférico e probou ao porteiro andaluz con boas chegadas e ocasións moi perigosas. Traballo constante para Ramón e a defensa evitando unha e outra vez un susto por parte do conxunto asturiano, que mantívose moi vivo no partido ata o final do tempo regulamentario.
Unha primeira metade moi cómoda e unha segunda moi diferente onde os visitantes puxeron todo sobre o terreo de xogo e pasaron a dominar sen apenas permitir aos galegos achegarse á porta defendida por Adrián Torre, un seguro baixo os paus do equipo langreano.
Pero de novo fixo falta moi pouco para conseguir moito. Xa en tempo engadido un novo saque de falta desde a banda e un mal intento de rexeite caeu de novo nos pés dun xogador branquiazul, Jordan neste caso. O ourensán non o dubidou dous veces e tras acomodarse o esférico disparou desde fóra da área que entra na portería sen que o porteiro puidera facer nada por evitalo. 
Vitoria sufrindo, como xa é habitual en San Lázaro, e moi importante coa que afrontar o encontro ante o Murcia con opcións de rematar a tempada entre os catro primeiros. 

ALIÑACIÓN: Ramón; Catú, Alcañiz, Portela, Jimmy; Marcos Rodríguez; Fondevila (Manu Rodríguez, min. 73), Lemos, Iván Pérez; Yacine (Quim, min. 85) e Borja Navarro (Jordan, min. 64).
CARTÓNS: Amarelos para Marcos Rodríguez e Lemos. 
GOLES: 1-0 6' Yacine, 2-0 90' Jordan. 
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario