Domingo de transistores

O Compos buscará este domingo aumentar as opcións de entrar na promoción de ascenso á Segunda división nunha xornada onde os transistores e os teléfonos botarán fume. Ao gran encontro de San Lázaro, o primeiro dos dous derbis que teremos por diante hai que sumarlle os partidos que se xogarán na mesma hora en Ferrol e Luanco coa mirada posta na cuarta posición, que podería quedar a un ou dous puntos con catro xornadas por diante. 
A Esedé recibirá ao Coruxo no partido máis importante da xornada. Un derbi galego, o último desta tempada en San Lázaro e penúltimo esta campaña, con dous equipos en busca de dous obxectivos diferentes. O equipo vigués está a seis puntos da salvación matemática, aínda que xa poden falar dunha nova tempada na terceria máxima categoría do fútbol español ao igual que o Somozas, seguinte rival do equipo branquiazul no Manolo Candocia en só oito días. 
O Coruxo chega ao teatro dos soños de San Lázaro desde a décima posición. 45 puntos, nove por enriba do posto de promoción de descenso, avalan a un equipo que suma a súa quinta tempada na Segunda B con intencións de manterse un ano máis. Un equipo, o dirixido por Rafa Sáez, que sumou ata o momento 11 vitorias, máis da metade fóra da casa; 12 empates e 10 derrotas. Un equipo que leva 38 goles a favor e 40 en contra facendo pensar que en tódolos seus partidos hai goles, só 3 dos 33 ata o momento remataron con 0-0. A nivel individual, Salinas é o máximo goleador do equipo con 5 dianas ata o momento nun equipo onde ata 17 xogadores saben o que é facer polo menos un gol no que vai de tempada. Ademais contan nas súas filas con Ben Fisk, internacional canadiense que chegou o pasado verán para ser o referente no ataque do equipo galego.
En canto ás baixas, Iñaki Alonso chegará ao encontro coas dúbidas de Marqueta, Portela e Iván Pérez, que non adestraron ao mesmo ritmo que os seus compañeiros esta semana debido a tres escordaduras de nocello. Pola súa parte, o adestrador visitante non poderá contar con Iago Aspas, Mateo e Salinas, xa descartados, e manterá como baixas ata última hora a Moscardó e Pedro Vázquez. 
Os vigueses visitarán San Lázaro por terceira vez, segunda na Segunda B. En 2008, en Terceira, o encontro rematou cun 2-0 favorable aos locais grazas aos goles de Petter e Rubén. Mentres que a pasada campaña o resultado foi un bo 3-1 con goles de Castiñeiras, Jordan e Manu Rodríguez, este último a falta dun minuto para o final do encontro. 
En canto á pasada xornada, o Compos fixo o que debía ante o Tropezón. Un contundente 4-2 nun partido onde os de Iñaki Alonso fixeron unha primeira hora moi boa ante unha relaxación que puido saír moi cara nos últimos minutos. Os goles de Jordan, Portela, Jimmy e Moreira achegaron ao Compos á cuarta praza. Pola súa parte, o Coruxo non puido superar ao Logroñés nun bo partido dos galegos. Un gol de Menudo bastou aos rioxanos para ascender á terceira praza despois do empate do Racing de Ferrol en Valladolid. 
O partido será este domingo ás 17 horas sen televisión, xa que a TVG emitirá o Racing de Ferrol-Logroñés, partido clave. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario