Última viaxe

O Compos terá este domingo a derradeira saída desta tempada. Unha nova visita a Asturias coa mente posta na clasificación para a Copa do Rei, algo que de momento non parece ser difícil xa que o noso equipo ocupa agora mesmo unha das dúas posicións fóra dos cinco primeiros postos que dan acceso ao torneo das eliminatorias que xa disputou a Esedé fai seis anos caendo na primeira xornada ante o Zamora. Nesta ocasión o rival será o Sporting B, xa salvado e sen ningún obxectivo por cumprir. 
O filial do Sporting de Xixón recibirá ao Compos na undécima posición con once puntos menos que o equipo santiagués. Un dos mellores equipos da segunda volta que descoñece a derrota como locais despois de sumar seis vitorias e dous empates ante Oviedo e Burgos asinando doce goles a favor e só un en contra, o anotado polo Logroñés fai xa dez xornadas. Un rival moi complicado que en toda a tempada fixo 12 vitorias, 11 empates e 13 derrotas. 43 goles a favor, 8 deles de Mendi, e 45 en contra. En canto á toda a tempada, sumaron 9 desas vitorias como locais, 6 empates e só 3 derrotas ante Coruxo, Avilés e Somozas. 
En San Lázaro demostraron ser un rival duro, difícil de superar. Só un gol de Mensha nun partido moi disputado entre dous equipos con aspiracións moi diferentes. Ademais, na última visita do Compos a Mareo rematou cun empate con moitos goles. Por parte da Esedé, Gonzalo e Joselu puxeron de cara o partido antes da media hora con dous tantos mentres que Erencia e Juan Mera conseguiron empatar xa na segunda metade nun partido onde Yacine, aínda nas filas do equipo asturiano, non puido xogar máis de nove minutos por lesión.
En canto á pasada xornada, o Compos quedou practicamente sen opcións de alcanzar a promoción de ascenso despois de empatar ante o Oviedo no teatro branquiazul. Pola súa parte, o Sporting chega de empatar sen goles en Santa Ana ante o Tropezón. 
Para este encontro, Iñaki deixa na casa a Teles, Yacine e Iván Pérez por lesión mentres que Tomás Hervás deixa fóra da convocatoria por lesión a Adama Touré e Bustos e Dennis e Jorge Meré por decisión técnica, que irán convocados co primeiro equipo ao encontro en Lugo. 
O partido será este domingo ás 12 da mañá sen televisión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario