O soño da promoción de ascenso está moi lonxe despois dun novo empate. Mal partido do Compos que se atopou cun equipo que saiu a defender e que obtivo un bo premio co punto. Alta intensidade no centro do campo nun partido baseado no xogo de pizarras onde a Esedé puido saír con mellor resultado. Sen goles, hai que pensar xa nun final de tempada sen erros posibles coa visita do Oviedo a San Lázaro en sete días.
A promoción de ascenso ante a salvación matemática. Un partido con dous obxectivos moi importantes que asinar antes do remate da tempada. E despois de non conseguir a vitoria ante o Coruxo, o Compos saiu coa mente posta en aproveitar o erros cometidos o sábado polo Racing no Vao e o Guijuelo ante o Lealtad provocando que os tres puntos puxeran ao equipo da capital a catro puntos do equipo ferrolán e un punto por enriba do equipo salmantino xa desde a quinta posición.
O comezo do partido mostrou a un Compos que desparecería co paso dos minutos. Menos de dez minutos e Mensha, titular na dianteira ao lado de Yacine, xa gozou das tres xogadas de gol máis importante da primeira metade e, posiblemente, máis claras de todo o encontro. Tres man a man con Marc Martínez que perdoou o nixeriano despois de deixar en evidencia á defensa somocense.
O xogo directo tomou protagonismo sobre o campo do Manolo Candocia, onde a afección branquiazul puxo a cor e os cánticos nun partido que perdeu intensidade notablemente co paso dos minutos. Xogo moi vertical, sen apenas continuidade nen un dono claro. Minutos ata o final da primeira metade sen bo fútbol e nos que só Iván Pérez a balón parado puxo facer algo de dano á defensa local.
Na segunda metade máis do mesmo. Co Somozas buscando perder todo o tempo posible, o xogo paralizouse en moitas ocasións debido á dureza por parte dos dous equipos, algo que o colexiado buscou frear ensinando ata sete cartóns amarelos.
As ocasións de perigo escasearon na segunda metade e só coa entrada de Lemos e Quim Araújo, nos instantes finais do encontro, chegou o perigo á porta do porteiro barcelonés. O catalán tivo a mellor ocasión topándose unha vez máis ante o muro verdibranco que non permitiu absolutamente nada aos dianteiros compostelanistas.
Finalmente, un empate sen goles que deixa ao Compos sexto, a tres puntos do Logroñés e ao Somozas noveno xa salvado matemáticamente.
ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Alcañiz, Portela, Jimmy; Marcos Rodríguez, Manu Rodríguez, Fondevila (Jordan, min. 78); Mensha (Lemos, min. 69), Yacine e Iván Pérez (Quim Araújo, min. 83).
CARTÓNS: Amarelos para Marcos Rodríguez, Portela e Yacine.
GOLES: 0-0.
ESTADIO: Manolo Candocia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario