O Compos ten moi preto o obxectivo real da tempada. Unha nova vitoria, esta vez ante o Tropezón, pon ao equipo de Iñaki Alonso, renovado ata 2017, a só dous puntos do Logroñés, que terá que visitar O Vao este domingo e A Malata o seguinte para xogar dous partidos moi importantes e dos que a Esedé buscará sacar algo moi positivo. Ante os cántabros chegou a quinta xornada consecutiva sen perder e a terceira vitoria seguida. Unha goleada, neste caso, sen apenas problemas ante un equipo moi frouxo en defensa. Jordan, Portela, Jimmy e Moreira foron os autores dos catro goles branquiazuis mentres que Cote e Cabrero fixeron o propio polo equipo de Tanos.
Só sete días despois da vitoria en Zamora, o Compos recibiu ao Tropezón nun encontro vital para as dúas escadras. Un partido que pouco tivo que ver co do Ruta de la Plata con dominio local dende o inicio só con problemas á hora de finalizar as ocasións. Ata tres ocasións serviron aos branquiazuis para avisar ao porteiro visitante do que se lle podería vir enriba durante os noventa minutos.
Quim ata en dúas ocasións e Teles puxeron en problemas a Andoni antes de cumprirse a media hora de xogo pero non foi ata o corenta cando Jordan fixo o primeiro. Disparo desde lonxe do ourensán, o balón pega en Cote e engana ao porteiro que non acerta a chegar ao balón. Primeiro gol, merecido, do encontro para chegar ao descanso por diante.
Na segunda metade máis do mesmo. O Compos mantivo o acelerador pisado a fondo e en só dez minutos chegou o segundo gol co que tranquilizar un pouco o partido. Jimmy pon o balón desde a esquerda e Portela, ao igual que en Zamora, aparece para meter a cabeza e poñer a pelota lonxe do alcance dun Andoni moi frouxo.
A Esedé estaba a pasar por un gran momento de forma e demostrouno en só dez minutos con dous goles máis para sentenciar o encontro. Só catro minutos despois de asistir ao central ex do Ourense, Jimmy probou fortuna cun disparo que se colou entre as mans do porteiro vasco. E só sete minutos máis tarde chegou o cuarto que parecía ser definitivo. Un gran gol de Moreira, que levaba só cinco minutos sobre o terreo de xogo, finalizou un contraataque á perfección despois dunha xogada individual.
Co cuarto xa baixaron a intensidade notablemente e o Tropezón aproveitouno moi ben con ata dous goles que ben puideron facer pensar nunha posible remontada. Os goles de Cote e Cabrero serviron, polo menos, para manter ao Compos por debaixo do Guijuelo na clasificación cun posible empate a puntos.
Ata o final o Compos mantivo o esférico e o resultado non se moveu máis. Quince minutos de relativa calma entre un equipo que se achega á promoción de ascenso e outro que pon pé e medio na Terceira división con esta derrota.
ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Portela, Alcañiz, Jimmy; Marcos Rodríguez; Jordan (Lemos, min. 59), Teles, Fondevila, Quim (Moreira, min. 59); e Yacine (Mensha, min. 68).
CARTÓNS: Amarelo para Fondevila.
GOLES: 1-0 41' Jordan, 2-0 55' Portela, 3-0 58' Jimmy, 4-0 64' Moreira, 4-1 73' Cote, 4-2 76' Cabrero.
ESTADIO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario