A hora da verdade

Sen dúbida estamos ante o partido máis importante e complicado do que resta de tempada. A saída máis dura da segunda metade e cunha viaxe moito máis longa do normal. De punta a punta da península a por tres puntos que poderían achegarnos un pouco máis a promoción de ascenso. Diante estará un dos mellores equipos da categoría: o Real Murcia. 
O equipo pimentonero recibirá ao Compos nun gran momento de forma. Segundo clasificado con 60 puntos a só 5 do Oviedo, os murcianos gañaron 19 encontros, empataron 3 e perderon 7. Curiosamente trátase dun equipo pouco anotador con só 38 goles a favor pero tamén é o que menos goles recibiu con só 19 en contra. En canto aos partidos como local, é o peor equipo dos cinco primeiros despois de sumar 29 de 42 puntos posibles perdendo só ante Celta B, Logroñés e Coruxo. A nivel individual, ao igual que na primeira volta, hai que ter en conta a Acciari, máximo goleador con 7 tantos a pesar de ser centrocampista. 
Para este partido Iñaki non poderá contar con Marcos Rodríguez, baixa difícil de substituir, por sanción e Cristian, que aínda non puido estrearse, por lesión. Pola súa parte, Aira non poderá contar con Albiol, irmán do ex xogador do Madrid, por lesión. 
Esta será a quinta vez que o Compos visite Murcia despois de facelo catro veces en Segunda volvendo sempre con malos resultados. Só un empate fai xa máis de 20 anos e tres derrotas anotando só un gol na tempada do ascenso á Primeira división. Por outra parte, na primeira volta hai que recordar ese empate grazas a un gol de Mensha.
En canto á pasada xornada, os dous equipos remataron con vitorias. O Compos venceu en San Lázaro ante o Langreo cos goles de Yacine e Jordan, máximo goleador do equipo a pesar da súa calidade de suplente. Mentres que o Murcia remontou na súa visita a Santa Ana ante o Tropezón. 1-4 ante dez grazas aos goles de Acciari, Carlos Álvarez por partida dobre e Javi Saura. 
O partido será este sábado ás 17 horas. Non haberá televisións pero poderá seguirse tanto polas radios coma polas redes sociais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario