Baixamos da nube

O Compos non puido volver de Villaviciosa con puntos nun partido marcado polas xogadas a balón parado. Cinco goles que demostran a loucura vista sobre o terreo de xogo con ata catro goles fabricados sen o balón en xogo. Partido duro, difícil e que os locais quixeron levar ao seu terreo con poucas ocasións, pouco fútbol e goles aproveitando erros. Yacine e Iván Pérez foron os autores dos goles branquiazuis ante os tantos de Yosu, Pantiga e Piniella.
A Esedé xa pensa no encontro ante o Langreo despois de caer nun partido sen dominador claro. Ante un rival que está a pasar por un gran momento de forma, os de Iñaki Alonso souberon corresponder ao tiroteo inicial do encontro con xogadas claras nas dúas porterías provocando varios córners que non chegaron a máis ante unha defensa férrea que apenas tivo erros.
O Lealtad probou en numerosas ocasións a Marqueta, ben baixo paus, despois de superar a una feble defensa. Sen embargo non foi ata os vinte minutos de encontro cando chegou o gol local tras un saque desde o curruncho. Un centro que Yosu rematou entre varios defensas visitantes e ante o que Marqueta apenas puido facer nada para evitalo. 
O gol, un xarro de auga fría, serviu para que os santiagueses espertasen do letargo inicial e se meteran no partido. Presión alta e adiantando liñas foi a forma pola que a Esedé buscou e posteriormente atopou o empate. Ocasións suficientes para obter unha recompensa antes do descanso pero constantes erros á hora de finalizar as xogadas sobre a porta de Javi Porrón.
Un gol, un premio, que chegou xusto antes do final da primeira metade cando xa os locais estaban a pedir a hora. Un bo pase de Borja Navarro dentro da área para que Yacine fixera o seu segundo gol coa camisola branquiazul confirmando a gran fichaxe do mercado invernal.
A segunda metade comezou sen ocasións. Quince minutos de mal fútbol, moito centro do campo e ningunha ocasión en ningunha das dúas porterías. De feito o Lealtad fixo o segundo sen aviso previo. Falta preto da área que colga un xogador local e non perdoa Pantiga chegando desde atrás sen que nada puidera facer Marqueta.
O equipo galego non quixo baixar os brazos en ningún momento e só cinco minutos máis tarde unha entrada de Borja Navarro na área rodeado de catro contrarios rematou co asturiano no chan. Penalti claro e Iván Pérez detrás dos once metros. O picheleiro non perdoou igualando outra vez o resultado e aumentando tanto as opcións como as esperanzas da afección galega de volver a casa cos tres puntos. 
Pero de novo o Compos non soubo manter a igualdade e facer un terceiro. Menos de cinco minutos máis tarde volveron as caras longas a Santiago cun novo gol grazas a outra ocasión creada a balón parado. Gol de Piniella para case sentenciar o encontro a falta de quince minutos nos que a Esedé xa non tivo ideas para lograr un novo empate e poder volver a casa con, polo menos, un punto nun partido onde non souberon poñerse por diante en ningún momento.
Agora xa é momento de pensar no Langreo e encarar da mellor forma posible a recta final da tempada con 10 partidos por diante, 6 deles en San Lázaro e só 4 lonxe da casa.  

ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Alcañiz, Catú, Jimmy; Manu Rodríguez, Lemos (Quim Araújo, min. 70), Teles, Iván Pérez; Yacine e Borja Navarro (Mensha, min. 70).
CARTÓNS: Amarelo para Josu.
GOLES: 1-0 21' Yosu, 1-1 45' Yacine, 2-1 64' Pantiga, 2-2 70' Iván Pérez, 3-2 74' Piniella.
ESTADIO: Las Callejas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario