Amosando publicacións coa etiqueta Liga 22 23. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Liga 22 23. Amosar todas as publicacións

Capítulo dous

 Despois da vitoria pola mínima do pasado domingo, chega a volta. Un partido tinguido dunha guerra creada polo clube local, intentando crear un ambiente hostil para os afeccionados e xogadores branquiazuis. Un encontro que xa comezou o pasado domingo, co segundo gol aragonés, e que se converteu nunha loita mental coas entradas como primeiro paso. Non obstante, comeza gañando un Compos ao que lle serve con non perder nun campo que se convertirá nun inferno. 

 Na casa, un serio perigo. 

 O Tarazona rematou a liga como un dos grandes locais da categoría. Un equipo que soubo facer bo o seu campo a base de goles e unha defensa férrea que lles permitiu asinar en positivo a maior parte dos seus partidos. Ademais, anotaron gran parte dos seus goles diante dunha afección que apretará durante os noventa minutos. 

 Imos comezar co que serviría para os nosos. Utebo, Alavés B e Brea conseguiron conquistar o verde sintético do Municipal de Tarazona. Tres equipos que foron quen de deixar a súa porta a cero para sumar de tres en partidos duros e con expulsados. Gernika e Beasain non tiveron esa sorte en defensa pero conseguiron, cada un, un empate a un gol. 

 Por contra, ata doce partidos acabaron con triunfo turiasonense. Desas vitorias, só cinco acabaron mantendo a porta de Dorronsoro a cero, mais quedando a vantaxe mínima só contra Cirbonero. A maiores, sete citas onde a vantaxe foi por máis dun tanto destacando os seis goles anotados contra o Alfaro ou os cinco contra o filial da UD Logroñés. 

 Trátase dun equipo que diante da súa xente fixo un total de corenta goles, dous máis que o Compos en toda a liga, e que encaixou só catorce nesas dezasete citas desputadas. Neste sentido hai que ter en conta que Pato recibiu un gol máis en seis partidos máis deixándonos unha bonita loita entre o uruguaio e Dorronsoro, dous veteranos cun gran nivel baixo paus. 

 O que puido ser...

 No partido de ida, ao Compos non lle foi doado entrar no partido. Contra un Tarazona moi valente, os de Juan Carlos Andrés precisaron de vinte minutos para achegarse á portería rival. Non obstante, un aviso de Pablo Antas serviu para dar un paso adiante e só uns minutos despois, antes do tempo de lecer, chegou o gol que axudaba a ver a cousa moito mellor. Un disparo de Samu dende lonxe que peta no pau e gol de Darío aproveitando o rexeite. 

 A segunda parte comezou moito mellor. Con só cinco minutos, unha carreira de Parapar ata a liña de fondo, centro atrás e gol de Mario. O propio dianteiro barcelonés transformou unha pena máxima antes realizada sobre Jordan. Pero, como xa nos ten acostumado este equipo, chegou unha relaxación que botou por terra un resultado co que deixar practicamente sentenciada a eliminatoria. Un disparo de Samu co que perdoar o cuarto e dous goles en contra en algo máis de dez minutos, os dous chegados pola dereita, e que permitían ao Tarazona contar con opcións reais de remontar. 

 Con victoria na ida, pase na volta. 

 Non foron poucas as eliminatorias que tivo que superar o Compos ao longo da súa historia, tanto a ida e volta como nunha pequena liga de catro equipos. Pero poucas foron as ocasións nas que se xogou a ida en Santiago e a volta a domicilio. Non obstante, cando isto pasou e se foi cun resultado positivo, o ascenso chegou. 

 En 2009, dous goles de Claudio e outro de Vladimir serviron para viaxar a terras aragonesas cunha cómoda vantaxe. En Monzón, o Atlético Monzón foi quen de adiantarse no primeiro tempo medrando as súas opcións, as cales desapareceron cun gol de Centrón no segundo tempo. Aínda así, os aragoneses fixeron un segundo e a piques estiveron de asinar o terceiro nunha eliminatoria que deixaba ao Compos en Segunda B.

 Algo semellante pasou catro anos despois. Ante Ebro e San Juan, nas dúas primeiras roldas, o Compos foi quen de sacar bos triunfos por catro e tres goles de diferenza. A domicilio, dous empates que non puxeron en risco a presenza branquiazul na final. Nesa derradeira eliminatoria, triunfo por dous goles ante o Cieza no Vero Boquete e mesmo resultado en terras murcianas para asinar o ascenso á Segunda B. 

 Neste sentido, hai un antecedente no que se cumpre isto exactamente. E é que hai case sesenta anos, os nosos se enfrontaron en Santa Isabel ao Béjar Industrial sumando unha vantaxe dun gol para a volta. O mesmo resultado sacaron os casteláns tendo que ir a un terceiro partido onde caería o Compos. 

 As opcións pasan por non perder. 

 Xa sen valor dobre para os goles fóra da casa, teremos diante a un Tarazona ao que lle serve gañar pola mínima o partido, empatando a eliminatoria, e aguantando ese resultado ata o final da prórroga. Gañando por dous ou máis goles, o pase sería para os aragoneses xa sen opción de xogarse esa media hora extra. 

 O Compos terá que gañar ou empatar. O que sexa non perder será suficiente para pensar no sorteo do luns a partir do sábado ás dez da noite. Con isto, cabe dicir que calquera resultado a domicilio asinado ao longo deste curso serviría para poder pelexar ata o final agás a derrota por dous goles en Avilés. 

 Fer Beltrán, peza importante. 

 Ao longo desta tempada, o Compos xogou en tres campos de céspede sintético. Tres citas nas que houbo un nome propio que se presentou como unha das pezas máis importantes nesas citas asinando tres dos seus cinco goles. 

 Nas Eiroas, Charly adiantou ao Bergantiños na primeira parte. Na segunda, Roque igualou o resultado e Fer Beltrán, ao que non se lle dá nada mal este tipo de campos, asinou a vitoria. Non viu porta no Ganzábal, onde si marcou Mario por partida dobre e onde Jaime Santos se estreou con gol. E o propio centrocampista do Saviñao volvería ver portería, ata en dúas ocasións, na vitoria no Municipal de Guijuelo, onde Darío pechou o triunfo. 

 Imos con todo. 

 Durante o partido de ida, Pablo Crespo tivo que ser substituído por un golpe. Non obstante, o central cántabro xa está recuperado e podería estar este sábado despois de adestrar o xoves xa normalmente. Outros como Parapar, Cano e Allyson pasaron ao longo da semana por un proceso vírico do que xa están recuperados tamén. Quedan sen viaxar Damián, lesionado, e Elliot. Ademais, estréase na lista Rubén Casas, xuvenil. 

 Encerrona preparada. 

 Imos co que pasou ao longo desta semana. O domingo, a directiva do Tarazona di non saber que prezo nin cantidade de entradas enviarían a Santiago. O luns, aparece a opción de que serían cento cincuenta entradas a vinte euros e o Concello de Santiago confirma que fletarán autobuses para os afeccionados que queiran desprazarse. O martes, as negociacións entre clubes fan que sexan cincuenta entradas máis... que non chegan ata o mércores deixando apenas dous días para recollelas no estadio os que queiran desprazarse. 

 Non obstante, isto non é todo. O Municipal de Tarazona é un campo pequeno. Menos de novecentas persoas terían opción de ver o encontro sentados, aínda que todo apunta a que haberá bancadas supletorias para esta cita. Lonxe disto está a capacidade dun campo que os aragoneses sitúan en máis de dous mil persoas con gran parte vendo o partido de pé, tal como apunta que terán que facer os compostelanistas desprazados. 

 O partido arrincará ás 20:15 horas e poderá verse en directo na web da TVG, así como en diferido na TVG2 o domingo pola mañá. Tamén se poderá seguir nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Resultado curto

 O Tarazona chegou a Santiago coa intención de desfrutar dun partido histórico e saiu cun resultado moito mellor do que cabía esperar a falta de dez minutos. O Compos, que chegou a ir con tres goles de vantaxe, desbotou unha oportunidade de ouro de deixar encamiñada a eliminatoria a falta de noventa minutos obrigados a non perder o vindeiro sábado, sendo suficiente un triunfo pola mínima para dar o pase aos aragoneses. Un partido duro, onde os aragoneses fixeron o seu xogo no primeiro tempo e que puido quedar sentenciado no segundo. Ademais, mención especial para unha actuación arbitral que deixou moito que desexar permitindo un fútbol duro e sen pitar ata dous penaltis a prol do Compos no primeiro tempo. 

 De menos a máis foi un Compos que se viu superado nos primeiros intres do encontro. O Tarazona saiu con forza, ben situado no terreo de xogo e cun fútbol ao borde do regulamento, permitido por un colexiado que puxo o listón moi alto. Con isto, pouco se puido xogar nos primeiros vinte minutos do partido. A partir de aí, os de Juan Carlos Andrés buscaron meter unha marcha máis, pechar aos zaragozanos no seu campo e apretar na busca do gol. 

 A primeira oportunidade do partido chegou nas botas do Compos. Un córner que provoca Parapar e na seguinte xogada remata Antas algo por riba da portería visitante. Un primeiro aviso que metía ao equipo nun encontro onde parecía mandar o rival. Pouco a pouco e sen arriscar, chegaría a pelota ás inmediacións da área contraria axudando o primeiro troco por lesión do partido, nun Tarazona que recibiu un segundo golpe, neste caso en forma de gol, só dous minutos despois. Disparo de Samu que peta no pau e rexeite que non perdoa Darío para poñer de cara un xogo difícil. 

 Puido ser a sentenza. 

 O segundo tempo comezou aínda mellor do que se pechou o primeiro. En só cinco minutos, Parapar chega a liña de fondo pola dereita, superando a todos en velocidade, pon un pase da morte que non consegue despexar a defensa e Mario non desaproveita a ocasión para asinar o segundo. E só cinco minutos despois repetiría o barcelonés dende os once metros logo dun penalti por empurrón sobre Jordan. 

 Unha vantaxe cómoda, con tres goles de diferenza, para un Compos que se vía cómodo sobre o terreo de xogo. O propio Mario a piques estivo de facer o cuarto, terceiro na súa conta particular, Jordan topouse con Dorronsoro e Samu, por segunda vez, mandou o balón á madeira. O cuarto non quería entrar pero tampouco semellaba haber problemas para sumar un triunfo. 

 Sen Crespo cambiou a cousa. 

 A mala nova do encontro chegou cando levabamos vinte minutos do segundo tempo. Pablo Crespo tivo que retirarse do terreo de xogo e a defensa baixou unha marcha, aproveitándoo o Tarazona nos últimos minutos, deixando claro o cansanzo por parte dos locais. 

 Logo do balón de Samu ao pau, o Tarazona tivo nas súas botas un balón parado preto do medio do campo. Balón longo ao lado dereito da área, testarazo ao centro da área e non perdoa Toni Jou na frontal da área pequena cunha volea que entra pola escadra da portería de Pato. 

 Co gol visitante, o Compos buscou meterse ao ataque para facer o cuarto e devolver eses tres tantos de vantaxe ao luminoso. Non obstante, as forzas xa non eran as mesmas e o Tarazona aproveitou para chegar pola dereita, centro que prolongan na área e gol de Adri Carrasco nun final onde quixo e non puido o cadro branquiazul recibindo Parapar un golpe que o deixou sangrando. 

 En seis días, unha volta que se presenta emocionante e na que o Compos ten que sacar algo positivo, sendo insuficiente perder por calquera resultado xa que a igualada global beneficia ao mellor clasificado. 

Non hai dúas sen tres

 Rematada a liga regular na cuarta posición, chega agora a oportunidade dos nosos de estrearse nesa Primeira Federación da que tanto se fala, e non sempre de maneira positiva. Unha oportunidade que tomar a partir deste mesmo domingo contra un rival inédito ata o de agora na historia do Compos, cun longo historial entre Terceira e Preferente aragonesa, e que chega para facer historia cuns números moi fortes. Un Tarazona dirixido por Javi Moreno, ex xogador de Primeira nos noventa e primeira década deste século, e que garda un bo recordo da capital galega. 

 Un equipo con moito gol. 

 A Sociedad Deportiva Tarazona pasou toda a súa historia no fútbol aragonés, alternando a Terceira división coa Preferente. Foi así ata 2020. Chegou a pandemia cando o equipo zaragozano lideraba a clasificación con dous puntos de vantaxe sobre o Teruel, equipo que xa é de Primeira Federación. Ese fito foi suficiente para levalos a pelexar por sexto ano consecutivo para fuxir da categoría. Superaron a Brea e Deportivo Aragón para facer historia e, tres anos despois, sumaron dúas permanencias ás que sumar esta fase de ascenso. 

 Esta mesma tempada, os de Javi Moreno, non só fixeron historia senón que, ademais, conseguiron uns números case inigualables. Un dos equipos máis fortes na casa e que asinou un total de cincuenta e seis puntos en total. Dezaséis vitorias, oito empates e dez derrotas para os terceiros do grupo segundo. Non obstante, o mellor chega cos sesenta goles a favor, unha cantidade só superada polos tres grandes do fútbol español de entre as catro principais categorías. Por contra, encaixaron trinta e sete, demostrando que ese bo facer ofensivo non se compensa tanto cunha boa defensa. 

 Como locais contan cunhas cifras difíciles de igualar. Non obstante, fóra da casa non se trata dun equipo tan fiable e que se presenta como un muro defensivo, cun xogo duro e pouco gol. Con isto, lonxe do Municipal de Tarazona, conseguiron un total de dezaoito puntos gañando catro encontros, empatando seis e perdendo sete. Aínda, con isto, é un equipo que só quedou sen ver portería a domicilio en cinco oportunidades anotando vinte goles e, por outro lado, recibindo vintetrés goles nas súas saídas. 

 Bos recordos. 

 O Tarazona é a primeira vez que visitará o Vero Boquete ao longo da súa historia. Non obstante, dous equipos aragoneses pasaron polo teatro dos soños de San Lázaro nos últimos anos para medirse ao Compos en sendas fases de ascenso, con resultados inmellorables. 

 Un Compos campión na 2009 debía superar unha eliminatoria para volver á Segunda B por primeira vez dende a caída aos infernos. Tamén na ida, contra o Atlético Monzón, os de Chus Baleato chegaron ao tempo de lecer sen goles e parte da afección protestando fóra do estadio. No segundo tempo, dous goles de Claudio e outro de Vladimir serviron para encamiñar un ascenso que se pechou en terras aragonesas. 

 Outra caída á Preferente e a chegada de Quinteiro deixounos dous ascensos seguidos, dende Preferente ata Segunda B. Foi no segundo, único con fase de ascenso, cando houbo que estrearse contra outro equipo chegado de Aragón. O Ebro foi o primeiro rival branquiazul e, de novo, coa ida en Santiago. Como pasou catro anos antes, os de Fredi deixaron o pase xa encamiñado nese primeiro partido. Neste caso, tres goles de Joselu e outro de Marcos Suárez foron suficientes para pasar ás semifinais. De novo, ao igual que no anterior, acabaría en ascenso. 

 Sen cambios. 

 A pasada fin de semana, o Compos certificou, matematicamente, o seu pase a esta fase de ascenso como cuarto clasificado. Aínda así, os de Juan Carlos Andrés chegaron ao treito final como terceiros clasificados grazas a un gol de Parapar que supuxo unha boa vantaxe. No segundo tempo, un baixón de intensidade permitiu que o Marino puidera poñer en perigo a portería de Pato e Jairo Cárcaba asinou o gol que deixaba aos nosos na mesma posición coa que comezaron a xornada, sen aproveitar o esvarón do Valladolid Promesas. 

 Xa sen nada polo que xogar, o Tarazona visitou á Real Sociedad 'C'. Un partido onde os de Javi Moreno se limitaron a defender, no que acumularon cartóns amarelos e incluso un vermello no segundo tempo, e no que chegaron ao tempo de lecer cun resultado favorable grazas a un gol de Carlos González. No segundo tempo, Aimar González entrou para reforzar aos locais e só precisou dous minutos para igualar o marcador. Menos de quince minutos despois fixo o segundo co que deixar os tres últimos puntos na casa do terceiro filial donostiarra. 

 Javi Moreno xa coñece o estadio. 

 Nas filas do Tarazona atópanse xogadores como Razvan ou Marcos Mendes que xa saben o que é pisar o verde do Vero Boquete de San Lázaro con Guijuelo e Navalcarnero respectivamente, sendo o segundo incluso autor dun gol. Tamén Adrián Carrasco sabe o que é enfrontarse ao Compos, mais neste caso sendo a domicilio cando defendía as cores do Móstoles o curso pasado. 

 Non obstante, o caso máis destacado é o do seu adestrador. Javi Moreno pasou por equipos coma Atlético de Madrid ou Milan. Tamén polo Deportivo Alavés co que, no 98, eliminou ao Compos da Copa do Rei cun gol no treito final na volta, en Santiago, na que era a súa estrea como xogador do equipo vasco. Unha tempada despois, co Numancia, tamén marcou en San Lázaro. 

 Bicentenario. 

 Este mesmo domingo, Álvaro Casas podería acadar a segunda centena de encontros lucindo a camisola da SD Compostela. O capitán pode acadar os douscentos partidos oficiais, entre Liga, Copa do Rei e Copa Federación logo da súa chegada á Esedé hai xa seis anos. 

 Outro que pode chegar a unha cifra redonda é Pato. O porteiro uruguaio suma, a día de hoxe, cento corenta e nove partidos co récord de minutos imbatido nas súas mans e só trece goles encaixados en vintedous partidos este mesmo curso, convertíndose, de novo, nunha peza chave coa que pensar no ascenso. 

 Pato está de volta. 

 A pasada fin de semana tivemos a gran sorpresa da volta de Pato. O gardameta uruguaio, que levaba tres meses de baixa, volveu para deixar unha boa imaxe sobre o verde do Vero Boquete malia encaixar o gol do empate. Quen non puido estar foi Damián, que seguirá sendo baixa, e Pablo Crespo, que podería volver esta fin de semana despois de completar xa algún adestramento co resto dos seus compañeiros.

 A por un bo resultado. 

 Un domingo máis e, para manter a costume, toca madrugar. De novo, o Vero Boquete abrirá as súas portas para acoller outro partido á hora do vermú en plenas festas da Ascensión, co Composfest incluído. Unha semifinal de fase de ascenso na que se espera unha boa entrada e no que todos temos que pasar por caixa, con entradas a 8 euros para abonados e 15 euros para público xeral. 

 Para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.  

Entramos!

 Por segunda vez en tres anos, o Compos volverá ter a oportunidade de acceder á Primeira Federación. Os de Juan Carlos Andrés, que tiveron na súa man o terceiro posto, conseguiron un bo cuarto posto que nos deixará sen factor campo a favor contra un Marino que se aproveitou dun equipo que puido pero non quixo. Un primeiro tempo bo e un segundo para esquecer nun partido do que pouca cousa positiva se pode sacar máis alá da volta de Pato aos terreos de xogo. 

 O primeiro tempo tivo un claro dominador. O Compos mandou e incomodou ao Marino nos primeiros minutos chegando moi rápido o primeiro gol. Unha xogada pola banda dereita do ataque que arrinca nas botas de Riki Mangana, co lateral buscando un centro que peta nun defensa; o balón cae a Parapar, busca o oco e pon un lategazo cruzado imposible para o porteiro visitante. 

 Co marcador en contra, o Marino buscou dar un paso adiante, axudado dunha relaxación branquiazul. Non obstante, malia achegarse á portería de Pato, non foron quen de sequera disparar entre os tres paus, mantendo ese resultado ata o tempo de lecer pechando un primeiro tempo cunha media hora na que un gol foi suficiente. 

 E fin. 

 Pasado o tempo de lecer, o Compos semellaba ter quedado no vestiario. Baixón de intensidade e ritmo, cos trocos sendo incapaces de dar esa mellora, diante dun Marino de Luanco que, sen buscalo, atopou un premio. Un equipo que si mellorou coa entrada de xogadores sendo un deles, o ex do Coruxo Jairo Cárcaba, o autor do gol do empate cando xa agonizaba o partido. 

 Finalmente, malia as malas sensacións que deixou o segundo tempo, o equipo sumou ese punto suficiente para sumar a clasificación matemática para a fase de ascenso e acabar cun triple empate a puntos con Zamora, que se clasificou na última hora, e Guijuelo. 

 

Falta o outro pé

 Logo de caer, con remontada incluída, en Cantabria, o Compos ten este domingo a obriga de puntuar para entrar na fase de ascenso, que comezará a vindeira semana e que terá o sorteo o luns ao mediodía. Un partido que non será fácil, onde un punto serve para asinar a clasificación matemática e na que aínda hai que pelexar para asegurar, como mínimo, a cuarta praza. Diante, un Marino de Luanco que aínda ten unha mínima oportunidade de acceder á Copa do Rei, na que os nosos xa están tamén asegurados de cara á vindeira campaña. 

 Obxectivo cumprido. 

 O Marino de Luanco comezou a tempada dando guerra, ata o punto de manterse nos postos altos durante os primeiros meses de competición. Un equipo co claro obxectivo da permanencia, xa conseguida de xeito matemático, e que agora quere pechar unha boa campaña cun triunfo nun campo onde só foron quen de sumar de tres nunha ocasión pechando por un obxectivo do que logo falaremos. 

 Chegan a este final novenos, con corenta e oito puntos, superando aos postos perigosos por sete puntos. Isto chega grazas a trece triunfos, nove empates e once derrotas, sendo un dos equipos da zona media-baixa con menos caídas. Ademais, en canto a goles, trinta e dous goles a favor e trinta e tres en contra, unha diferenza que terán que mellorar se queren dar ese paso máis. 

 Un equipo que volveu converter Miramar nun fortín difícil de sacar puntos e que fóra de Luanco tamén se propuxo dar problemas. Seis vitorias, catro delas pola mínima, e catro empates, só un deles sen goles. Ademais, seis derrotas caendo pola mínima contra Avilés, Zamora e Arenteiro e goleados en Valladolid. 

 Catro de cinco. 

 Ata en cinco ocasións visitou o Marino de Luanco Santiago. Só nunha delas sacaron o resultado que, a día de hoxe, podería valer ao cadro asturiano. Nas catro citas restantes, o Compos foi quen de sacar un resultado que sería suficiente para este mesmo domingo. 

 Esta serie de resultados comezou en 2002 cunha goleada branquiazul, con cinco goles dos nosos contra un dos luanquinos. Tamén se sumou de tres en 2014, cunha vantaxe mínima, e no 2015, con dous goles de diferenza. Unha serie de tres triunfos que se racharía en 2021 coa vitoria visitante pola mínima na fase de ascenso á Primeira Federación e que se mantivo o curso pasado cun empate a un. 

 Nesta mesma tempada, en Miramar, repetiron o resultado. Fagir adiantou ao Marino no primeiro tempo mentres que Darío, a oito minutos para o final do tempo regulamentario, sumou un empate co que pechar a primeira volta. 

 Pola mínima. 

 A pasada fin de semana, o Compos non foi quen de certificar a súa clasificación para a fase de ascenso en terras cántabras. Un partido no que os nosos fixeron un bo primeiro tempo conseguindo un gol que servía para chegar ao tempo de lecer por diante. Acerto de Jaime Santos que suma xa cinco goles, catro deles nas últimas catro xornadas. Non obstante, o Rayo Cantabria aproveitou un mal momento no segundo tempo para dar a volta ao resultado en menos de quince minutos, con goles de Yeray e Dalisson.

 Menos goles houbo no derbi asturiano. En Miramar, o Marino de Luanco despediuse da súa xente por esta tempada contra un Oviedo Vetusta que dixo adeus á posibilidade de entrar na fase de ascenso á Primeira Federación. Isto chegou grazas a un gol de Jairo Cárcaba, máximo goleador dos luanquinos, logo de levar menos de dez minutos sobre o verde. Un gol que os mantén con opcións de entrar na Copa do Rei.  

 Fase de ascenso ou Copa do Rei. 

 Este domingo, no Vero Boquete, os dous equipos pelexarán por dous obxectivos diferentes. O Compos tentará finalizar o curso regular cumprindo co obxectivo de xogar a fase de ascenso, tendo xa na man o billete á Copa do Rei, mentres que os asturianos, coa permanencia no peto, poden pelexar por xogar a competición do 'KO'. Aquí van as opcións dos dous equipos: 

 O Compos, con só un empate estaría clasificado matematicamente. Neste caso, dependería do resultado do Guijuelo ante o Avilés para acabar cuarto ou quinto. Dese partido e do que xogue o Zamora contra o Palencia Cristo Atlético depende tamén a clasificación en caso de derrota, tendo que perder un dos dous ou, no caso dos de Yago Iglesias, tamén empatar. E, deixando atrás os resultados negativos, tamén hai opción de ser terceiro gañando e sempre que o Valladolid Promesas non faga o propio en Langreo. 

 O caso do Marino de Luanco é máis complexo. Os asturianos deben volver á casa cos tres puntos, que o Zamora perda e que non gañe a Gimnástica de Torrelavega. A maiores, terían que mellorar a súa diferenza de goles para darse todos os supostos precisos para algo que apunta a difícil. 

 Problemas en defensa. 

 Para esta cita importante, Juan Carlos Andrés poderá recuperar a Damián logo da semana fóra por sanción, aínda que chegará xusto se é que o fai, sendo dúbida ata última hora. Ademais do lateral, podería caer tamén da lista Pablo Crespo e Álvaro Casas. O central cántabro tivo que ser substituído contra o Rayo Cantabria por un golpe na mesma zona onde antes sufriu unha lesión mentres que o capitán santiagués ten molestias. A maiores, Darío e Mario chegan apercibidos de sanción e perderíanse a ida da primeira rolda da fase de ascenso no caso de ver o quinto. 

 O primeiro gol, na bancada. 

 Coa importancia que ten esta cita, o clube repartiu entradas polos locales de hostelería da cidade, as cales xa se esgotaron en varios deles e, incluso, máis dunha vez tendo que repoñer. Ás máis de mil cincocentas invitacións repartidas, hai que engadir que para os non abonados estarán as entradas nas billeteiras a só cinco euros, tanto para Preferencia coma en Tribuna sendo totalmente de balde para os menores de idade. 

 Para quen non poida asistir, poderá verse en directo a través da segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Un paso máis preto

 O Compos sumou de tres na visita dun Laredo que, malia intentalo e merecelo, non sacou nada positivo do Vero Boquete. Un partido difícil, cos visitantes levando a maior parte da posesión, e que se decantou do lado branquiazul grazas a un gol xa no tempo engadido. Mañá complicada pero que achega aos nosos á promoción de ascenso, con Zamora e Oviedo Vetusta aínda por xogar, ascendendo, ademais, un posto na clasificación. 

 O primeiro tempo contou cun guió semellante ao de Valladolid. Os de Juan Carlos Andrés deron o balón aos cántabros, pouco acostumados a contar coa posesión e irse ao ataque, xogando coa presión de ter que gañar para manter a vida unha semana máis. Non obstante, nin uns nin outros foron capaces de poñer en risco a portería contraria. 

 Abrindo o xogo ás bandas, sen Jordan nin Jaime Santos no centro do campo para poñer balóns a Darío, puido chegar algunha oportunidade clara. Non obstante, na primeira, Antas non foi quen sequera de pegarlle á pelota. Con isto, a mellor oportunidade chegou nos últimos intres do primeiro tempo cun disparo de Elliot que detivo o porteiro. 

 Comezou algo mellor o segundo tempo cun disparo de Samu que petou no longueiro. Unha oportunidade que non supuxo tampouco unha mellora para o equipo que hai sete días superou un resultado adverso cun guión igual. 

 Os trocos melloraron algo. 

 Coa entrada de Mario por Elliot, que estaba a ser do mellor, chegaron máis ocasións. Un Compos que se foi ao ataque con Parapar e o propio Mario buscando os primeiros avisos. De novo, un espellismo. Un xogo insuficiente para superar a un Laredo con máis necesidade que ideas, algo do que tampouco foron servidos os santiagueses. 

 E chegou. Xa no minuto noventa, co equipo metido en ataque sabendo da importancia de facer un gol, nas botas de Jaime Santos. Chegada en grupo, combinando na área e balón para o asturiano, que non perdoa chegando dende segunda liña. Un gol que o sitúa como un dos máximos artilleiros do equipo con catro dianas, tres nos últimos tres partidos. 

 Agora, a preparar o partido moi importante contra o Rayo Cantabria no que defender esa cuarta posición e intentar asegurar xa esa presenza na promoción de ascenso e, á súa vez, na Copa do Rei do vindeiro curso. 

A vida ou morte

 Penúltima cita no Vero Boquete para un Compos que segue pensando na fase de ascenso. Os de Juan Carlos Andrés, que seguen dependendo de si mesmos, reciben este domingo a un Laredo que se xoga a vida. Un equipo que se salvou da queima a tempada pasada grazas á diferenza de puntos, evitando a promoción de permanencia, e que este ano visita o Vero Boquete por primeira vez na súa historia coa única intención de manterse con vida fóra dunha Terceira da que fuxiron hai tres anos. 

 Coa auga polo pescozo. 

 O Laredo chega este final de liga sen poder depender de si mesmo para salar a categoría ata o punto de que podería saltar ao verde de San Lázaro virtualmente descendido de darse unha serie de resultados na tarde do sábado. E, para evitalo, non poden facer outra cousa que non sexa gañar. 

 Gañar é algo que poucas veces puideron facer no que vai de curso. Décimo quintos na táboa con trinta e catro puntos, sumaron de tres en nove oportunidades. Noutras sete se repartiron os puntos cos rivais e quedaron sen puntuar en quince citas. Trátase, ademais, do equipo con menos gol do grupo, con dezaoito tantos ao seu favor. Por contra, demostrando o seu xogo defensivo, só tres equipos encaixaron menos dos vinteséis encaixados polos cántabros, estando entre eles o Compos. 

 Fortes na casa, onde puntuaron en boa parte dos seus xogos, non son de empatar a domicilio. Lonxe de Laredo conseguiron gañar en cinco citas, destacando o triunfo en Valladolid, e só empataron en Lugo. Ademais, caeron en nove ocasións. Un equipo que se move por resultados curtos sen acabar ningún partido con máis dun gol de diferenza, nin para ben nin para mal. 

 Ocasións escasas. 

 En poucas ocasións se puideron ver Compos e Laredo as caras en Santiago, sendo ésta a primeira que o fagan no Vero Boquete de San Lázaro. Dous equipos con moita historia na Terceira, un máis ca o outro, e que nesa mesma categoría se enfrontaron hai xa máis de corenta anos entre a liga e a Copa. 

 Nos sesenta, tiveron o seu primeiro cara a cara na Copa do Xeneralísimo en 1969. Un emparellamento igualado que arrincou cun empate a un en Santiago e que non se puido finiquitar en Cantabria, cunha igualada sen goles. Primeira vez que os dous conxuntos xogaban a competición e chegarían a un encontro de desempate no que os nosos superarían a rolda grazas a un tres a cero. 

 Deixamos atrás a competición do 'KO' e abrimos unha nova década, a dos setenta, na que se verían as caras en dúas ocasións en Santa Isabel. Hai xa cincuenta anos, na tempada 72/73, teríamos un triunfo pola mínima dos branquiazuis mentres que se repetiría o resultado de anos atrás na Copa para sumar os dous puntos e esquecer os tres anos previos por Preferente. 

 Menos sorte, ou acerto, houbo en Laredo, no partido da primeira volta. Coas vacacións na cabeza, os dous equipos deixaron un partido con escasas oportunidades de perigo e no que os erros custaron dous puntos a ambas as dúas escadras. 

 Mesmo resultado, diferentes sensacións. 

 A pasada fin de semana, o Compos tiña unha cita moi importante na loita polos postos altos. Un partido que tivo un primeiro tempo moi malo para os intereses do equipo dirixido por Juan Carlos Andrés, chegando ao tempo de lecer con dous goles de vantaxe... abaixo. Por sorte, a reacción logo do paso por vestiarios foi inmellorable e chegou a igualada grazas aos tantos de Jaime Santos e Darío, rematando o partido non só co punto no peto senón que pelexando por gañar nun campo moi difícil. 

 En Laredo, un guión semellante. O cadro cántabro, contra o Marino de Luanco, chegou ao tempo de lecer co resultado inicial. Non obstante, na segunda metade, non se fixeron esperar os goles. Carrión e Mikel Álvaro, en cuestión de cinco minutos encamiñaron un triunfo que semellaba case feito para unha das mellores defensas da categoría. Mais, nada máis lonxe da realidade. Nino rebaixou a diferenza a un e, só dous minutos despois, Guaya puxo o empate no marcador que complicaba a vida os de vermello. 

 Pola mínima. 

 O Laredo seguirá os pasos dos seus veciños de Gimnástica de Torrelavega e Rayo Cantabria e será o terceiro equipo cántabro que visitará o Vero Boquete este curso. Antes, os torrelaveguenses marcharon de baleiro grazas a un gol de Jordan no segundo tempo. Tamén houbo que esperar a despois do paso por vestiarios na cita contra o filial racinguista para ver a Darío anotando o seu sexto tanto. 

 Mellorando no anímico.

 A chegada do novo adestrador trouxo con el os bos resultados e unha mellora anímica no equipo e na afección. Aínda así, non hai a mesma sorte no físico. Pato segue ultimando a sua recuperación, tentando chegar á fase de ascenso. Pola súa parte, Allyson e Crespo xa adestraron co grupo ao igual que Cano e Fer Beltrán, que tiveron problemas ao longo da semana. 

 No capítulo de cartóns, Damián, Mario, Riki Mangana e Darío contan con catro cartóns cada un, a un da sanción. 

 A misa, no templo. 

 Este domingo, volvemos ter unha cita non apta para resacosos. O domingo ás doce abrirá as súas portas o Vero Boquete de San Lázaro. Un partido importante, onde manter esas opcións de escalar algún posto máis, e no que as entradas terán un prezo de 15 euros en Preferencia, 20 en Tribuna e dez euros menos por bancada para menores de idade. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

O peor e o mellor

 En Valladolid puidemos ver as dúas caras dun Compos que segue a depender de si mesmo para xogar a fase de ascenso a falta de tres xornadas, permanecendo nos postos altos unha semana máis, grazas a un empate valioso e traballado contra o filial castelán. Un encontro onde os trocos foron moi importantes con remontada incluída. Jaime Santos, que repite, e Darío fixeron os dous tantos rescatando un punto. 

 Comezou o encontro e o Compos parecía estar mellor sobre o verde. Non obstante, repetiuse o guión de Avilés. Chegada clara por banda, centro e non chega Samu. Unha ocasión moi clara que perdoan os nosos e desaparecen. Iso puido aproveitalo un Valladolid Promesas sólido, serio e que soubo sacar partido ás súas individualidades, con Pozo pelexando con Roque na banda. 

 Pouco a pouco, o filial foi gañando terreo e achegándose á portería defendida por Javi Jiménez. Se a iso lle sumamos imprecisións en defensa obtemos o primeiro tanto. Un gol de Cédric aproveitando un rexeite logo dun disparo que petou no longueiro e non entrou por moi pouco. Primeiro gol e os de Juan Carlos Andrés non souberon reaccionar, véndose máis cómodo o cadro local e obtendo, menos de dez minutos despois, o segundo tanto cun disparo que tocou o gardameta pero non o suficiente para desviar a traxectoria. 

 Outra imaxe. 

 Imaxe moi mala do equipo no primeiro tempo pero que se viu moi diferente logo do paso por vestiarios. Un equipo moito máis ofensivo, coa posesión do esférico e presión en campo contrario forzando o erro. A iso hai que sumar que non se precisaron nin cinco minutos para sumar o primeiro gol á conta, obra de Jaime Santos, e que cambiou aínda máis o que se viría co paso dos minutos. 

 O gol e a entrada de Darío deron aínda máis forza en ataque a un Compos que pasou boa parte do segundo tempo nas inmedicacións da portería, aínda que sen a puntería precisa. O dianteiro fixo das súas, provocou serio perigo, sacou algún cartón aos defensas e anotou o tanto dun empate que se vía imposible no tempo de lecer. 

 Co empate e o 'golaverage' salvado, era momento de intentar buscar o terceiro. Coa entrada de Elliot, o perigo seguiu pola banda, co canario demostrando un bo nivel por segundo encontro consecutivo. Non obstante, e malia merecer algo máis, non houbo a sorte precisa para incomodar ao porteiro. Tampouco Javi Jiménez tivo apenas traballo nun segundo tempo totalmente compostelanista. 

 Agora, con este empate, o Compos mantense quinto unha semana máis, co Guijuelo a tres puntos e o Avilés a catro con tres partidos por diante contra equipos de zona media-baixa da clasificación e o 'golaverage' gañado a todos os nosos rivais directos agás Oviedo Vetusta. Soñamos coa promoción? 

A saída máis dura

 Este domingo chega unha nova proba importante neste treito final do campionato coa fase de ascenso en xogo. Un enfrontamento no que, a maiores, se pelexará polo cuarto posto dunha clasificación onde varios rivais esperan un esvarón do Compos, comezando por un Zamora que non perde a pista da quinta posición. Neste caso, os nosos visitarán ao terceiro, o filial do Real Valladolid, nun partido que asegura goles, entre dous dos conxuntos que mellor coñecen o camiño á porta contraria. 

 Sen gusto polos empates. 

 O filial do Valladolid, que estivo na primeira tempada da historia da Primeira Federación, busca volver a esa nova terceira categoría do fútbol español. Un camiño que coñecen e que parecen ter xa ben tomado, cun colchón cómodo con respecto ao sexto clasificado, a tres puntos do Compos e co terceiro posto, e a opción de xogar a volta na casa na fase de ascenso, a só dous puntos. Un presente para os branquivioletas máis que positivo. 

 Ata o de agora, o Valladolid Promesas, suma cincuenta puntos. Quince vitorias dos casteláns e só cinco empates, sendo o segundo equipo que menos veces se repartiu o premio. Ademais, dez derrotas que os sitúan como o equipo con máis caídas dos seis primeiros. Por outro lado, corenta e dous goles os manteñen como o equipo máis anotador do grupo e trinta e cinco en contra, como un dos equipos máis febles en defensa. 

 Fortes a domicilio, sumando os mesmos puntos ca o Compos, son tamén uns dos mellores locais. Nove triunfos dirante da súa afección, seis deles pola mínima, e un só empate, con seis goles, contra o Palencia Cristo Atlético. A maiores, cinco derrotas nas que só foron quen de anotar un gol. 

 Cara e cruz. 

 En dúas ocasións visitou, o Compos, o Anexo de Zorrilla. Dúas visitas que nos deixaron tres puntos por equipo e ningún empate. Na primeira, logo dunha tempada enteira sen gañar a domicilio, chegou aa vitoria malia chegar, os locais, por diante ao tempo de lecer. No segundo tempo, en cuestión de cinco minutos empatou Josu, volveu adiantarse o filial vallisoletano e Manu Rodríguez puxo a igualada por terceira vez. Borja Navarro sería o autor, minutos despois, do gol dun triunfo que non se repetiría ao ano seguinte. Caye Quintana e Adrián asinaron os tantos do triunfo adiantándose a falta de sete minutos para o final. Un golpe duro para un equipo que non era quen de saír do fondo do pozo. 

 Menos sorte houbo no estadio do lado, no José Zorrilla. Seis visitas ao primeiro equipo do Valladolid e, como máis positivo, tres empates. Outras tres derrotas chegando a última como un dos golpes que evitaron a permanencia branquiazul na Primeira división. Todas elas na década dos noventa entre a Segunda e a Primeira división sumando unha eliminatoria de Copa superada polos nosos. 

 Un paso máis. 

 Volvendo á actualidade, a pasada fin de semana deron un paso adiante os dous equipos. O Compos, obrigado a gañar despois de seis partidos sen facelo, superou a un Palencia Cristo Atlético inferior. Un partido con firmeza en defensa, con acerto en ataque e cos suplentes ben enchufados. Fer Beltrán, que xa suma a mellor cifra anotadora da súa carreira; Jaime Santos e Mario, que deixou atrás a súa sequía goleadora, asinaron unha boa vitoria que aumenta a moral do equipo. 

 Menos puntería tivo un Valladolid Promesas que visitaba Miramar, un campo sempre complicado. Un filial que foi superior contra un rival que mellorou co paso dos minutos. Non obstante, ningún dos dous foi quen de ver portería quedando cun empate que mantén seguro aos casteláns, que se aseguran unha semana máis entre os cinco primeiros malia o que pase o domingo. 

 Máis recuperados. 

 A pasada fin de semana regresaron ao equipo Roque e Fer Beltrán. Damián volveu á convocatoria malia non ter minutos. E para este domingo, Pablo Crespo pode ocupar, de novo, o seu posto no centro da defensa, aínda que será dúbida por molestias ata o sábado. Con isto, Juan Carlos Andrés só perdería a Pato, que xa ultima a súa recuperación, e Allyson. A maiores, terá que facer un descarte para completar a convocatoria. 

 Por internet, pero de balde. 

 Unha nova saída fóra da nosa terra pero, por sorte, nesta ocasión si teremos a oportunidade de ver aos nosos. Será a través de La 8, televisión de Castela e León, e poderá verse na web totalmente de balde. O partido comezará ás 12 horas, horario que se repetirá en todos os partidos de liga que quedan se nada cambia, e no que haberá un bo número de afeccionados chegados dende Santiago, aproveitando de novo o bus gratis por parte do clube e patrocinadores. 

 Ademais, tamén se poderá seguir nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Seguimos na pelexa!

 O Compos volveu gañar máis dun mes despois e fíxoo nunha fin de semana inmellorable na que perderon xa algúns dos seus perseguidores, poñendo terra de por medio. Unha vitoria na estrea de Juan Carlos Andrés como adestrador no Vero Boquete e con Eusebio como espectador de luxo. Fer Beltrán, Jaime Santos e Mario asinaron os tres tantos dun equipo que, ademais, deixou a porta a cero contra un Palencia Cristo Atlético que tivo más oportunidades das que mereceu por xogo aproveitando erros nunha defensa que volveu ter unha mala mañá. 

 O partido comezou co Compos enchufado, buscando a portería do cadro palentino. Riki Mangana foi o autor do primeiro intento cun centro ao que non chegou Mario por moi pouco. Tampouco Roque foi quen de superar ao porteiro perdoando un primeiro gol que chegaría antes dos vinte minutos. Xogada pola banda dereita con Parapar e Riki, balón para Samu e dende liña de fondo centra ao corazón da área onde remata Fer Beltrán para asinar o seu quinto gol. 

 Intentando aproveitar a inercia do primeiro gol, a piques estivo de chegar o segundo. En só un minuto, puideron chegar ata tres ocasións nas botas de Jaime Santos, Mario e Parapar perdoando, os tres, diante dun Maxi que evitou unha goleada maior. Unha sorte que tampouco tivo Mario uns intres despois buscando ese segundo gol que se fixo de rogar. 

 Do Palencia Cristo Atlético, pouco nun primeiro tempo dominado polos locais. Algunha oportunidade á contra ou aproveitando algún erro defensivo pero sen chegar a por en grandes apuros a Javi Jiménez, algo que si fixeron con máis perigo na segunda parte. 

 Sentenza. 

 Comezou o segundo tempo e fíxoo con opcións para os dous equipos. Primeiro, probou sorte Pablo Antas a pase de Parapar. Na seguinte xogada, Adri Castro a piques estivo de facer o empate cun disparo que petou no pau da porta branquiazul. Unha oportunidade, moi clara, perdoada e que serviu para dar un paso adiante no ataque, buscando poñer terra de por medio. 

 As ocasións volveron sobre a porta defendida por Maxi, con Mario de novo perdoando. Non así Jaime Santos, iniciando el mesmo a xogada, abrindo para Samu e centro do dubrés que remata o ovetense dende o corazón da área. Segundo gol e unha tranquilidade que se trasladou ao terreo de xogo permitindo algo máis a un Palencia Cristo Atlético que volveu perdoar, cun disparo de Arroyo que petou no pau antes de chegar ás mans do porteiro. Javi Jiménez tería que aparecer, minutos despois, noutra oportunidade que non chegou a bo porto. 

 Cos trocos, a intensidade e o bo xogo mantívose. Foi, de feito, un dos que entrou dende o banco unha peza moi importante para sentenciar o xogo. Elliot, que non está a ter sorte este curso, sacouse do sombreiro unha gran xogada individual en campo propio para desfacerse de todos os rivais que tivo polo camiño antes de poñer un gran pase adiantado para Mario, que superou en velocidade ao seu par e bateu ao porteiro para deixar atrás a súa sequía anotadora. 

 Un triunfo importante para deixar atrás o mal momento do equipo e manterse nos postos privilexiados antes de visitar ao Valladolid Promesas. 

Primeira 'bola de partido'

 Con todo o colchón con respecto aos perseguidores perdido, chega a hora da verdade. Xa non hai outra opción que non sexa gañar e máis tendo en conta que ata cinco equipos seguen metidos nesa pelexa pola quinta posición... que se unen aos catro que agora mesmo ocupan os postos de promoción de ascenso, co Real Avilés xa separado na clasificación. Agora, todo pasa por gañar. Non hai outra opción. E diante, este domingo, teremos ao Palencia Cristo Atlético na primeira oportunidade para defender ese posto e intentar ascender de novo nunha clasificación cada vez máis axustada. 

 Buscando a permanencia. 

 O Palencia Cristo Atlético chega a esta xornada despois dun curso no que sumaron en boa parte dos seus partidos, sendo un dos equipos con máis empates, e unha defensa que os sitúa como un dos equipos que menos tantos recibiu. Non obstante, isto non é suficiente para deixar atrás os postos de perigo, estando aínda moi preto do descenso e da fase de permanencia. 

 A día de hoxe, os palentinos son decimosegundos con trinta e sete puntos, só un máis ca o Ourense Club de Fútbol e a un do Coruxo, aventaxando en tres ao Langreo, equipo que marca os postos de descenso. Isto pasa grazas a nove triunfos, gran parte deles na casa, e dez empates. Os dez partidos restantes acabaron en derrota, oito delas sen ver portería sequera. 

 Na casa, fortes. A domicilio, con máis complicacións. Só volveron á casa cos tres puntos de Laredo, Burgos e Carballo, deixando a porta a cero nas tres citas. En máis ocasións, seis, se repartiron os puntos, catro deles en citas sen goles e destacando o encontro con seis tantos en Valladolid. Por outro lado, caeron en cinco xogos nos que non chegaron a ver portería. 

 Invictos. 

 O camiño que está a tomar o Compos, con seis partidos sen coñecer a vitoria, non é para nada esperanzador. É obrigatorio sumar de tres por diferentes motivos, empezando polo tema anímico que ten ao equipo moi tocado. Tamén, pola clasificación. E é que os nosos pasaron de pechar a primeira volta a tres puntos do Arenteiro e a sete do sexto. Agora, o conto é moi diferente. 

 Non obstante, e malia que as cousas non están para botar foguetes, os enfrontamentos contra o Palencia Cristo Atlético deixan unha pequena esperanza para recuperar un pouco a esperanza e espantar as pantasmas dos últimos anos, que xa están acomodados en San Lázaro. E é que nas tres citas anteriores sempre se sumou. 

 A pasada tempada, os casteláns visitaron o Vero Boquete de San Lázaro por primeira vez e saíron sen nada. Jordan, Primo e Pablo Antas, de penalti, asinaron os goles do primeiro triunfo con Rodri como adestrador principal. Unha sorte que non nos acompañou en Palencia, onde se adiantaron os locais cun gol de Frodo e no que habería que agardar ata o treito final para a igualada de Escudero. 

 O camiño do triunfo volveu esta tempada, na primeira volta. Un Compos que chegou a La Nueva Balastera demostrando unha gran solidez defensiva e tivo en Mario Rodríguez o autor dun gran triunfo grazas a dous goles. 

 Sen gol. 

 A pasada fin de semana, en Avilés, medíanse dous equipos da parte alta coa única intención de sumar de tres e ampliar a vantaxe con respecto aos equipos de fóra dos postos privilexiados, achegándose ao obxectivo. O Compos foi mellor nos primeiros minutos e estivo preto do gol. Non obstante, como xa é habitual, os nosos perdoaron e pagaron caro. Natalio fixo o primeiro gol local e desapareceron os de Juan Carlos Andrés. Se a iso engadimos unha desconexión en defensa obtemos o resultado final: un gol de Primo que sentenciaba o triunfo. 

 En Palencia, máis igualdade. O Marino visitaba ao Cristo Atlético co obxectivo de achegarse máis á permanencia, case encamiñada xa, e, con iso, aos postos altos. O conxunto asturiano precisou de oitenta minutos para sumar o que foi o primeiro e único gol da cita. 

 Recuperamos efectivos. 

 Para esta cita, moi importante, volverán Fer Beltrán e Damián. O primeiro, despois de dúas semanas fóra por sanción mentres que o segundo o fará logo de máis dun mes de baixa. Por contra, seguirá fóra unha semana máis Roque, cumprindo o seu segundo partido de castigo, e Pablo Crespo, por acumulación de amoestacións. Únese á ausencia de Pato, cuxa recuperación vai mellor do agardado, e Allyson. 

 Apoiemos aos nosos. 

 Unha nova cita á hora do vermú, horario que se repetirá, mínimo, en catro das cinco citas que restan ata o final do curso, e no que poderán acceder sen pasar por caixa os que mercaron a entrada dobre na oferta para o encontro de hai dúas semanas ante o Arenteiro, ademais dos abonados. Por contra, para quen non puidera aproveitar dita oferta, as entradas estarán a quince euros en Preferencia, vinte en Tribuna e dez euros menos por bancada para os menores de idade. 

 Para quen non poida asistir, o partido poderá verse a través da segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Gañar, gañar ou gañar

 Xa co primeiro posto imposible, co Arenteiro a piques de ser matematicamente campión de liga, quedan por confirmarse os catro equipos que, en maio e xuño, pelexarán por ascender á Primeira Federación. Unha proba de lume, e non só para os nosos, chega este domingo entre dous dos ocupantes deses postos privilexiados. Compos e Real Avilés Industrial pelexarán no mellor partido desta xornada por manter o colchón con respecto aos perseguidores, sabedores de que esta xornada, pase o que pase, seguirán nesa parte alta da táboa. 

 Regulares. 

 O Avilés, un dos equipos máis en forma na actualidade, recibe ao Compos este domingo dende o posto máis alto posible, tendo en conta que o primeiro ten un dono que non o soltou en meses. Un equipo que soubo aproveitar os últimos erros dos nosos para auparse a un posto privilexiado e mantendo un colchón de puntos que, de momento, os manterán seguros e coa dúbida de saber en que posto acabarán, parte importante de cara á fase de ascenso. 

 A día de hoxe, o Avilés ocupa o segundo posto por primeira vez na tempada, chegando no mellor estado ao mellor momento. Suman corenta e oito puntos grazas a catorce triunfos, gran maioría como locais, e seis empates, só dous deles sen goles. A maiores, oito derrotas nas que só foron quen de anotar dous goles. A iso hai que engadir que, xunto con Oviedo Vetusta, se trata do equipo máis goleador do grupo con trinta e sete tantos, con Primo como autor de nove. En contra, vintecatro goles. 

 Na casa, trátase dun equipo forte e que non permite que saian moitos puntos. Só Coruxo, Guijuelo e Rayo Cantabria conseguiron sacar os tres puntos do Román Suárez Puerta. Palencia Cristo Atlético e Arenteiro volveron cun empate. Por outra parte, ata seis vitorias locais, catro delas sen encaixar ningún tanto. 

 A nós tampouco se nos dá ben. 

 Se falamos da dificultade para sacar os puntos de Avilés esta tempada, tamén hai que contar que aos nosos se lle complicou ao longo dos anos. De feito, tal é así que só viaxaron os puntos cara a capital galega en dúas ocasións ao longo dos últimos cincuenta e catro anos. 

 Unha historia con máis de medio século e que nos deixou con dous triunfos da Esedé. Chegou a primeira en 1984 mentres que a segunda fíxose esperar trinta anos, grazas a un gol de Quim Araújo. Ambas as dúas, pola mínima. En máis ocasións chegou o empate, con ata catro, e as vitorias locais, con seis a prol dos asturianos. 

A pasada xornada chegou un deses empates con ata catro goles. Pablo Durán adiantou aos que vestiron de negro naquela cita mentres que Sergio García non tardou en asinar o empate co que se chegaría ao tempo de lecer. Na segunda metade, Pablo Antas tampouco tardou en facer o segundo pero dez minutos máis tarde chegou o empate definitivo, obra de Morcillo. 

 Cambio de posicións. 

 A clasificación está a sofrir trocos cada semana e a pasada vivimos unha caída do Compos e un ascenso dos avilesinos. Os nosos recibían a un Arenteiro que busca acadar o seu soño canto antes. Unha festa do fútbol que comezou cun gol de Allyson para un Compos que foi de máis a menos e que, dende o primeiro gol de Antón Escobar, amosou problemas ofensivos pero, sobre todo, defensivos. Isto aproveitouno, no treito final, o cadro verde para asinar a sentenza con outro gol de Escobar e un de Germán. 

 Pola súa parte, o Avilés visitaba ao Marino de Luanco nun bo derbi asturiano cos dous equipos obrigados a gañar. Foi o conxunto visitante quen non tardou en adiantarse cun gol de Primo encamiñando un triunfo que pecharían no segundo tempo, cun tanto obra de Morcillo. 

 Un colchón insuficiente. 

 O Compos pasou, en poucas semanas, de sumar unha vantaxe cómoda con respecto ao sexto clasificado a estar só tres puntos, co 'golaverage' particular gañado ao Zamora. Non obstante, isto só fai que, de igualar a puntos esta fin de semana, os nosos sigan por diante ata a visita do Palencia Cristo Atlético. 

 Por detrás, Oviedo Vetusta e Rayo Cantabria con catro puntos nun final de liga con ata sete enfrontamentos directos nas seis xornadas que restan para a chegada da fase de ascenso. 

 Máis problemas. 

 Coa presenza do novo adestrador branquiazul, Juan Carlos Andrés, chegan problemas sobre o verde. A pasada fin de semana chegou a novidade de Darío, que puido ter minutos no segundo tempo. Non obstante, no derbi caeu Roque por expulsión de cara a esta cita. O lateral súmase a Fer Beltrán, que cumprirá o seu segundo partido de sanción. Tampouco estará Damián nin Allyson. 

 Por outra parte, Pablo Crespo, Mario, Riki Mangana e Darío están a un cartón de sanción. 

 Pechamos a xornada. 

 Domingo ás 19 horas non será problema para que un autobús de afeccionados viaxe dende Santiago cara Avilés para pechar a xornada e esta Semana Santa tentando volver cos tres puntos. Partido con festa nos arredores do partido antes do mesmo e con entradas que van dende os 15 euros aos 5 euros, por idades. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse en directo por InSports así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Troco de mando

 Despois de dous partidos con Cardeñosa ocupando o posto de adestrador interino de xeito temporal, chega un novo dono para o banco. Juan Carlos Andrés, vigués de 48 anos, asina ata final de tempada logo dunha boa carreira no fútbol galego e estrearse na élite como asistente de Eusebio Sacristán. Cardeñosa, ao que adestrou no pasado, será o seu segundo. 

 Juan Carlos Andrés conta cunha boa experiencia, dende novo, no fútbol galego. Categorías inferiores do Celta, selección galega de afeccionados, Gondomar, Gran Peña, Alondras, Rápido de Bouzas e Boiro cos que deixou bos recordos, bo fútbol e gañou dúas veces a fase territorial da Copa Federación. 

 Ese bo traballo no fútbol galego levouno, da man de Eusebio, ao fútbol de élite. Foi segundo adestrador durante a etapa do pucelano tanto na Real Sociedad coma no Girona, ambos os dous na Primeira división. Deixando o cargo hai catro anos. 

 Agora, chega ata final de tempada para intentar levar ao equipo á Primeira Federación. 

Que acabe isto canto antes...

 Novo partido e, unha vez máis, decepción. O Compos nin foi quen de facer nada nin quixo tampouco facelo. Mal partido contra un Arenteiro que soubo aproveitar ben os erros, que non foron poucos, para sacar un gran resultado que os deixa a un pasiño da Primeira Federación. Un partido do que non sacar nada positivo máis alá do gol de Allyson e no que se viu unha gran apatía. 

 O partido comezou da mellor maneira posible. Primeira chegada dos nosos, córner, cadea de despropósitos da defensa verde e non perdoa Allyson. Primeiro gol do brasileiro silenciando a un gran número de afeccionados chegados dende O Carballiño. Non obstante, o xogo branquiazul foi de máis a menos, pasando de atacar sobre a porta contraria a meterse en campo propio e dar o balón a un equipo moi perigoso. 

 Meteu unha marcha máis o Arenteiro, manténdoa ata o tempo de lecer, e contaron con tres ocasións en cuestión de tres minutos, topándose con Javi Jiménez nas dúas primeiras. Non foi así na terceira, na que tampouco ninguén soubo frear a Jordan nunha carreira entre contrarios para poñer o balón a Escobar, que non perdoou logo de gañar a marca aos defensas branquiazuis. 

 Non se quixo. 

 O segundo tempo, máis do mesmo. O Compos tivo a posesión do esférico pero poucas ganas de atacar ou, sequera, de meter a perna. Erros á hora de facer algún pase e apatía contra un Arenteiro que se conformaba co que estaba a acontecer, que non buscaba facer o segundo que, polo que se ve nestes últimos meses, sería a sentenza. 

 O golpe de graza chegou pero antes o fixo unha expulsión innecesaria de Roque. Con dez, tampouco chegou o perigo ata a entrada de Darío. Non obstante, primeiro puido adiantarse o Arenteiro con outro gol de Antón Escobar aproveitando outro erro defensivo para marcar a porta baleira tendo só que empurrar o esférico. 

 Puido chegar o empate. Elliot probou sorte mandando o balón fóra por moi pouco e Darío non chegou por moi pouco, na seguinte, mandando o balón a córner a defensa verde. E da que puido ser unha ocasión para igualar o resultado a unha contra coa que matar o encontro e quedar a nada dunha festa histórica. 

 En resumo, o Compos métese en serios problemas un ano máis despois dunha gran primeira volta. Agora, obrigados a gañar en Avilés se hai intencións de pelexar por unha fase de ascenso cada vez máis difícil. 

Festa do noso fútbol

 Este domingo chega unha festa do fútbol no Vero Boquete. Con pulpeiro, orquestra antes e despois do partido e xogos para nenos fóra do estadio. Dentro, o mellor ambiente nun partido dos nosos dende a pandemia cunha importante chegada de afeccionados do Carballiño. Un enfrontamento entre o primeiro, xa practicamente campión e ascendido, e un terceiro metido nunha dura loita por acabar neses postos de privilexio. 

 Os máis regulares. 

 A tempada do Arenteiro é para quitarse o sombreiro. Un equipo cunha idea de xogo marcada, recoñecida e moi efectiva ao que non lle afectou o cambio de adestrador. Coa saída de Fran Justo e a chegada de Javi Rey, os carballiñeses seguen a ser os máis fiables sen deixarse apenas puntos e aumentando a súa vantaxe con respecto aos seus perseguidores. 

 Un líder sólido que asinou un total de sesenta puntos grazas a dezasete vitorias e nove empates. Unicamente encaixaron unha derrota en liga no que vai de curso, dúas se sumamos a da Copa contra o Atlético de Madrid, e foi contra un Compos que conquistou Espiñedo. Por outra parte, non se trata dun equipo que gañe con grandes diferenzas e con iso fixeron trinta e un goles. Si é certo que se trata do equipo menos goleado con só trece tantos encaixados. 

 Fortes na casa, sendo os mellores locais do grupo, pero aínda máis a domicilio. Fóra do Carballiño, os verdes gañaron oito partidos destacando a vitoria en Valladolid, sendo a única sumada a domicilio por máis dun gol de diferenza. A iso hai que sumar cinco empates, os tres primeiros sen goles. Ningunha derrota para un equipo que quere asinar o seu soño canto antes. 

 Invencibles. 

 Se antes falamos de que o Arenteiro non perdeu ningún partido fóra da casa no que levamos de curso, hai que falar agora de que nunca sacaron os tres puntos de Santiago. Nin sequera dous, cando o triunfo valía un menos. 

 Unha lista de enfrontamentos que este domingo chegará ás dúas cifras e que comezou cunha goleada na Terceira 64/65. Un ano despois chegaría non só o segundo triunfo senón que, ademais, o primeiro gol en contra e deixarían atrás os encontros nesa década, e por vinte anos, para volver a verse as caras no 86 cun empate a un gol. Segundo e último tanto anotado polos do Carballiño en Santa Isabel. Os triunfos volverían para pechar os oitenta. 

 Xa en San Lázaro e con Yago Iglesias no banco, volveron verse as caras con tres goleadas consecutivas na Terceira. Menos sorte, e goles, houbo o ano pasado na Segunda Federación. Un empate sen goles nunha xeira negativa dos nosos de resultados e puntería. 

 Tampouco se sumou ningunha derrota contra os carballiñeses no Espiñedo e non foi para menos na primeira volta. Un partido que foi un exemplo de 'outro fútbol' con moitas interrupcións e xogo táctico, con ata trece amoestados, e que se decantou para o lado branquiazul grazas a un gol de Mario. 

 Diferentes dinámicas. 

 O mes de marzo foi duro para un Compos que pasa agora por un cambio de mando. Un equipo sen forzas, que empeza a acusar baixas importantes e que perdeu practicamente calquera opción de ser campión de liga. E a cousa non puido mellorar no primeiro partido de Cardeñosa no que os nosos se adiantaron grazas a un gol de Cano no segundo tempo. E é que, a dez minutos para o final, chegou o empate dunha Gimnástica moi forte na casa. 

 E se falamos de equipo forte na casa non podemos deixar atrás a un Arenteiro que sumou o seu decimoquinto triunfo pola mínima contra un Marino de Luanco que o intentou pero foi incapaz de marcar. Alex Fernández, no primeiro tempo, fixo o seu sexto gol do curso.

 Baixas importantes. 

 Para este domingo, Darío abandona a enfermería e poderá estar dispoñible. Non así, Damián, que segue coa súa recuperación, ao igual que Pato, e cae Jaime Santos con molestias. A parte, Fer Beltrán terá que estar fóra por dúas semanas por sanción, unha por acumulación de cartóns e outra pola expulsión cando xa fora substituído. Volve, por sorte, Pablo Antas despois do seu partido fóra. 

 Unha festa.

 Logo do éxito do cocido de hai unhas semanas, o Compos busca repetir a unión entre afeccionados mellorando o ambiente coa orquestra Cinema antes e despois, un DJ, polbo e churrasco para comer e unha promoción de entradas para acompañantes de abonados que inclúe tamén o partido contra o Palencia Cristo Atlético de dentro de dúas semanas por só 10 euros tanto para Tribuna como para Preferencia. A maiores, as entradas habituais a 15 e 20 euros en Preferencia e Tribuna para quen non poida aproveitar a promoción, e se vivirá a chegada de, en principio, máis dun millar de seareiros do Arenteiro. O partido comezará ás 16:45 horas, quince minutos antes do horario habitual. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse o partido na segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Comeza a 'Era Cardeñosa'

 En medio dunha guerra interna e coa destitución de Fabiano aínda sen asimilar, comeza a 'Era Cardeñosa', unha nova etapa para o da Pobra do Caramiñal que queda pendente dos resultados máis próximos. Nesta ocasión, os nosos volven a Cantabria coa única intención de acabar con esta mala xeira de resultados e tapar un pouco a actualidade, aínda que sexa de xeito temporal, cun triunfo que manteña a segunda posición. Diante, unha Gimnástica de Torrelavega que ten a permanencia xa case na man e que aínda se pode achegar aos postos altos. 

 Moi fortes na casa. 

 A Gimnástica de Torrelavega chega a este último terzo do curso co obxectivo da permanencia case na man. Os cántabros ocupan un posto na zona tranquila da clasificación e con menor diferenza con respecto aos postos altos que á parte baixa. Un equipo que se fixo forte na casa, conseguindo boa parte dos seus puntos diante da súa xente no Malecón. 

 Actualmente, ocupan a novena posición con trinta e oito puntos, a seis dun Ourense Club de Fútbol que ocupa ese posto de promoción de permanencia, e a cinco do Zamora, que pecha os de promoción de ascenso. Un equipo que gañou dez partidos durante o curso, chegando só dous por máis dun gol de diferenza; empatou oito, a metade sen goles, e perdeu outros oito. Trátase dun equipo con pouco gol, con só vintecatro anotados, pero que o compensa cunha boa defensa, encaixando outros tantos. 

 Na casa conseguiron facerse co triunfo en seis ocasións. Desas vitorias só a última, contra Rayo Cantabria, chegou por máis dun gol de vantaxe. En cinco ocasións asinaron a igualada con tres deles sen goles. Por outra parte, só caeron contra Arenteiro e Marino de Luanco nas primeiras datas do campionato. 

 Un punto. 

 As visitas dos nosos a Torrelavega ao longo da historia non foron moi positivas que se poida dicir. Un enfrontamento que se repetiu en cinco ocasións entre Liga e Copa Federación e que non nos deixou ningún triunfo. 

 Falamos dunha historia que tivo gran parte do seu protagonismo na década dos setenta. Na Terceira división, antes da chegada da Segunda B, chegarían tres vitorias locais cos nosos incapaces de ver portería. Ese primeiro punto chegaría xa neste século, na Segunda B 2001/02, cun empate a un gol facendo o gol branquiazul Docando en propia portería. 

 Máis recente é o enfrontamento na Copa Federación en 2015. Nesa ocasión, os nosos volverían de Cantabria cun empate sen goles que os deixaba fóra da competición a un equipo que viña de caer tamén da Copa do Rei uns meses antes. 

 Si se sacou algo mellor da visita dos torrelaveguenses ao Vero Boquete na primeira volta cun gol de Jordan. Sería, ademais, a última vez que puidemos ver a Iván Martín coa camisola do Compos sendo a súa única ocasión con minutos na casa. 

 Cara e cruz. 

 A pasada fin de semana, o Compos non foi quen de sacar nada positivo da visita do Bergantiños a San Lázaro. Un partido onde os nosos tiveron as mellores ocasións no primeiro tempo diante dunha defensa errática. Non obstante, o gol non chegou e no segundo tempo desapareceu tamén o perigo nas dúas áreas. Con isto, o equipo supera xa os trescentos minutos sen marcar, xeira moi negativa. 

 Pola súa parte, a Gimnástica de Torrelavega visitou ao Marino de Luanco e volveu á casa cun bo triunfo. No segundo tempo, Javi Delgado e Alex Basurto asinaron os dous tantos que servían para sumar o segundo triunfo consecutivo. 

 A estrea de Cardeñosa. 

 Sen perder a vista no mercado, Cardeñosa debutará como adestrador do primeiro equipo esta fin de semana. O que ata agora foi o segundo de Fabiano comezou a súa andaina nos bancos o pasado ano no Sigüeiro, filial compostelanista. Unha primeira tempada que remataba co equipo segundo na clasificación mais sen acadar o ascenso na segunda fase. 

 Para esta súa primeira cita no cargo, seguirá coa baixa de Damián e suma a de Pablo Antas por sanción. Tamén se conta coa dúbida ata última hora de Darío e Jaime Santos conta con problemas por un golpe. A maiores, os mesmos apercibidos de cara ao gran partido contra o Arenteiro do seguinte domingo no Vero Boquete. 

 Sen televisión. 

 El Malecón abrirá as súas portas este domingo para un dos partidos importantes da xornada e no que os locais esperan poder ter un bo ambiente, polo cal sacaron unha oferta para acompañantes de abonados. Para quen se desprace, as entradas terán un prezo que ronda entre os 10 e os 15 euros, dependendo da bancada. 

 Por contra, para quen non poida desprazarse, non se poderá ver por ningunha televisión nin canle de streaming. Si que o clube cántabro habilita unha retransmisión sen imaxe do partido por Twitch. Ademais, poderá seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Fabiano, á rúa

 Nun mal momento da tempada e coas pantasmas do pasado sobrevoando o Vero Boquete, o Compos cesa a Fabiano a falta de dous meses para pechar a tempada. O adestrador brasileiro, que chegaba na súa terceira etapa no banco branquiazul, deixa ao equipo segundo clasificado e unha xeira de tres partidos sen gañar así como problemas á hora de solucionar partidos. 

 Fabiano chegou do fútbol brasileiro este verán e cun equipo feito nos últimos días de mercado logo de todo o tema con Jota Peleteiro e Antonio Quinteiro. Con isto, acadou a final da fase autonómica da Copa Federación, caendo co Arenteiro, e precisou algo máis dun mes ata dar coa tecla. Non obstante, unha xeira de once partidos seguidos sen perder aupou ao equipo ata unha segunda posición que aínda se mantén malia a mala xeira de resultados. 

 Tres partidos sen gañar nin marcar e claros problemas internos nun equipo que pelexará ata o final de tempada coa chegada dun novo adestrador. Polo momento, e ata que poida chegar o substituto, Cardeñosa toma o mando do equipo. 

Volven as pantasmas

 O Compos suma un punto e segue sen ideas contra un Bergantiños que non demostrou un bo nivel no Vero Boquete. Un partido entre dous equipos que estaban obrigados a gañar e que non fixeron méritos para facelo. O mellor, dous disparos á madeira dunha Esedé sen puntería e que supera xa os trescentos minutos sen marcar. Ademais, estrea de Javi Jiménez baixo paus deixando unha boa actuación salvando ao equipo das, escasas e sen gran risco, ocasións dos carballeses. 

 Comezou o encontro e o Compos semellaba ir a polos tres puntos. Non obstante, ante unha defensa que cometeu erros importantes, non houbo maneira de marcar. Mario contou con dúas oportunidades moi claras perdendo a pelota coa defensa na primeira e topándose co pau na segunda. Tamén Cano, á saída dun córner, avisaría petando o seu testarazo no longueiro. 

 Fronte a esas oportunidades perdoadas, o Bergantiños respondeu ben. Ata dúas oportunidades, a primeira cun disparo que obrigou a Javi Jiménez a estirarse para mandala a córner, serviron para meter algo o medo no corpo dun rival que tivo en Antas unha nova oportunidade á que volveu responder Canedo, sendo do mellor do seu equipo. 

 Os trocos non serviron. 

 A segunda metade foi máis do mesmo. Un Compos que non meteu unha marcha máis, necesaria, nin cuns trocos que non serviron para mellorar no ataque. Trocos que chegaron cedo pero insuficientes ante a falta de ideas, cun Bergantiños que non vía tan mal o empate sendo incapaz de incomodar a portería defendida por Javi Jiménez en todo o segundo tempo. 

 Nos minutos finais, á desesperada, buscouse un gol que non chegou. Tampouco un bo disparo que puxera en alerta a Canedo. Si se puido asegurar o punto coa entrada de Kike e Samu nunha defensa máis que suficiente. 

 Agora, o equipo mantén o segundo posto malia seguir sen gañar, asinando só dous dos últimos nove puntos en xogo. Por diante, a Gimnástica Torrelavega para pechar un mes que pode saír moi caro a este equipo falto de ideas, de boas sensacións e, sobre todo, de gol. 

 

Á conquista do Vao

 Novo derbi, segundo desta serie de enfrontamentos contra veciños galegos, e o Compos chega coa obriga de facer bo o punto contra o Lugo 'B'. Un partido importante e complicado no Vao contra un Coruxo que se xoga a vida e no que os nosos queren manter esa segunda posición que semella ser, a día de hoxe, o mellor posto en xogo cun Arenteiro moi separado xa do resto dos seus perseguidores, con nove puntos de vantaxe sobre os nosos. 

 Nunha liña perigosa. 

 O Coruxo está a pasar por unha tempada moi difícil. O equipo vigués, que acumula catorce tempadas na Segunda B, dúas delas na actual Segunda Federación, empeza a ter serios problemas para asegurarse a súa presenza un curso máis. De feito, os agora adestrados por Javier Maté logo da destitución dos irmáns Montes ocupan o posto de promoción de permanencia, eliminatoria que terían que xogar por diferenza de goles xa que ata tres equipos dos cinco grupos suman a mesma puntuación.

 Décimo terceiros a día de hoxe con vintenove puntos, ocupan ese posto de promoción de permanencia, igualados a puntos cun Langreo que si descendería e a dous do Ourense CF que marca a salvación. Sumaron sete triunfos, todos na primeira volta, e oito empates ademais se sufrir nove derrotas. Completan os seus números vintecatro goles a favor e vinteún en contra. 

 Na casa gañaron dous partidos, contra Laredo e Bergantiños, e empataron catro, repetindo en dúas ocasións o resultado sen goles e outras tantas repartíndose catro tantos. A parte, cinco derrotas con catro delas pola mínima e o Áviles como autor do único triunfo por máis dun gol de vantaxe. 

 A nivel individual, está a destacar Chiqui. O estremeño, que cumpre a súa segunda tempada no equipo vigués, suma xa seis goles sendo o máximo anotador. Con el, xogadores sempre importantes como o capitán Antón de Vicente ou Youssef Al Watani, sempre perigoso na área. 

 Unha longa historia. 

 Dende que nos sesenta chegara a primeira visita ao Coruxo, cun triunfo con goleada incluída, foron xa trece as visitas dos nosos ao equipo do Vao. Un enfrontamento que nos deixou un pleno de vitorias branquiazul en terras viguesas nas tres primeiras visitas chegando o primeiro empate na cuarta, todo isto dentro da primeira década na Terceira división. Unha xeira positiva que se mantivo na primeira ocasión que se enfrontaron nos oitenta chegando, un ano despois, a primeira derrota volvendo ás vitorias branquiazuis no final da década. 

 Logo da etapa dourada do Compos, sería o Coruxo quen se levaría os tres últimos puntos entre eles na Terceira. A partir de aí, volverían verse as caras xa na categoría de bronce sendo o Compos incapaz de conquistar O Vao. Tres empates, todos eles sen goles, e tres derrotas, cunha das maiores goleadas recibidas nos últimos anos. 

 A última visita, a tempada pasada, rematou o encontro sen goles sendo o Compos incapaz de sumar o seu último décimo partido consecutivo vendo portería, deixando a xeira en nove. Máis acerto pero mesmo final houbo na primeira volta con Chiqui e Darío, os máximos goleadores de cada equipo, como anotadores. 

 Incapaces de gañar. 

 A pasada xornada, tanto Compos coma o Coruxo foron incapaces de sumar de tres en sendas citas que eran de obrigada vitoria para ambos os dous. Con isto, os dous deron un paso atrás na busca dos seus obxectivos. 

 No Vero Boquete, no derbi contra o filial do Lugo, o Compos non foi quen de deixar unha boa imaxe. Un partido falto de ocasións de perigo, con Borja Rey salvando a mellor oportunidade visitante no primeiro tempo, e mellorando en ataque logo da entrada de Parapar no segundo tempo, mais sendo incapaces de poñer en risco a porta contraria. 

 En Miramar, o Marino de Luanco volveu dar outro paso adiante para non perder de vista o quinto posto. Contra un Coruxo incapaz de conquistar a vila asturiana, Borja Álvarez foi o autor do único gol para darlle os tres puntos a un Marino que empata a puntos co Avilés. 

 Tres regresos. 

 Riki Mangana, Fer Beltrán e Pablo Crespo volverán á que, algún día, foi a súa casa. Os tres, que coinciden agora por primeira vez nun mesmo equipo sendo partes importantes nos plans de Fabiano, tiveron diferentes camiños no Vao. 

 Comezamos por Fer Beltrán, o primeiro en chegar ao Coruxo. Sesenta e nove partidos en dúas tempadas, dende 2016 e 2018, e cinco goles para o do Saviñao. Na súa segunda campaña coincide no vestiario con Pablo Crespo. Recén chegado do Boiro, o central foi peza chave durante as cinco tempadas que pasou por Vigo con máis de cento corenta partidos nas súas costas. Menos sorte tivo Riki Mangana chegando en xaneiro de 2020 e participando en once encontros. Coincidiría na zaga co central cántabro. 

 Volven Jordan e Samu.

 O centro do campo do Compos colle algo de aire esta semana. Sen lesionados, Fabiano recupera, logo de sanción, a Jordan, que pasou dúas semanas fóra, e Samu. Non obstante, perde a Roque cumprindo o seu segundo ciclo de amoestacións. Por outra parte, Damián, Mario, Riki Mangana, Fer Beltrán, Darío e Pablo Antas contan con catro cartóns amarelos e, de ver un, non estarían contra o Bergantiños. 

 Invasión branquiazul. 

 Este domingo haberá que madrugar para poder ver aos nosos en acción. Un partido no que O Vao abrirá as súas portas ás 12 horas para recibir ata tres autobuses chegados dende a capital ademais de coches particulares que darán un gran ambiente a este derbi no que as entradas, como é habitual na categoría, están a 15 euros. 

 Por contra, para quen non poida desprazarse, poderá verse a través da segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.