A promoción de ascenso fuxe. Un soño que se vai nunha tempada que non foi nada doada. Terceiro empate consecutivo e a pensar en conseguir unha das prazas na Copa do Rei da vindeira tempada, algo que pode chegar ben rematando entre os cinco primeiros ou ben sendo un dos dous mellores equipos da categoría fóra deses postos. A visita do Oviedo, xa campión da categoría de forma matemática, rematou cun gol de Lemos para os nosos e outro de Cervero para os asturianos.
O encontro comezou de forma inmellorable. Primeira chegada e gol de Lemos. Chegada rápida e potente disparo cruzado do santiagués ante o que nada pode facer Esteban para evitalo. Gran gol do xogador cedido polo Deportivo para manter con moita vida ao Compos de cara ao final da tempada, onde haberá que xogar ante dous equipos asturianos máis. Un gol que, ademais, facía ascender ao noso equipo un posto na táboa.
O gol serviu para poder dominar o partido sen a obsesión de ir a pola portería de Esteban pero, por contra, significou unha relaxación importante que non soubo aproveitar o equipo ovetense na primeira metade. Confiados, os de Iñaki Alonso manexaron o esférico en todo o campo só probando ao porteiro asturiano en dúas ocasións que nin sequera foron entre os tres paus.
Na outra parte do campo, o Oviedo non xogou ao máximo das súas posibilidades deixando xogar ao Compos pensando en gran parte na promoción de ascenso, onde só terían que xogar dous encontros para estar na categoría de prata do fútbol nacional. De feito, só puxeron en perigo a Ramón cun disparo frouxo nos primeiros instantes do partido, despois do gol.
Na segunda metade baixou aínda máis a intensidade. Os dous equipos parecían conformarse co resultado e os trocos foron paralizando pouco a pouco o partido. Interrupcións continuas e pouco fútbol ademais de non haber ocasións en ningunha das dúas porterías. Imprecisións nos pases e nada que contar dun partido que chegou aos dez minutos finais co mellor resultado posible.
Pero, como xa parece ser costume en San Lázaro, o Compos acabou pagando as ocasións perdidas. O perdón volveu ser moi negativo e o Oviedo aproveitouse para facer un empate co que manter os oito puntos de ventaxa sobre o Murcia, que non puido pasar do empate sen goles. Un gol de Cervero aproveitando un balón sen dono na área ante o que pouco puido facer Ramón. Era o primeiro balón que tocaba o dianteiro despois de saír do banco só un minuto antes.
Os últimos minutos foron de auténtico sufrimento para un Compos que atacou con dez xogadores para morrer na beira da promoción.
Ata o final da tempada, dous partidos por diante, só queda un obxectivo real que é o de superar ao Guijuelo na táboa e lograr a clasificación segura cara a Copa, anque agora mesmo o Compos xa é un dos clasificados. E tamén, para os máis soñadores, queda unha mínima posibilidade matemática para entrar na promoción. Para iso o Compos tería que gañar os dous encontros e o Logroñés non sumar nin un punto máis ata o final, algo imposible.
ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Portela, Alcañiz, Jimmy; Marcos Rodríguez; Lemos, Teles (Manu Rodríguez, min. 49), Fondevila (Mensha, min. 85), Quim (Jordan, min. 65); e Yacine.
CARTÓNS: Amarelos para Ramón, Jimmy e Josu.
GOLES: 1-0 1' Lemos, 1-1 80' Cervero.
ESTADIO: San Lázaro. A mellor entrada da tempada cunha boa chegada de siareiros visitantes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario