O Compos xogará unha tempada máis a Copa do Rei despois dunha importante vitoria ante o Real Avilés coa que rematar o curso da mellor forma posible. Unha goleada cómoda ante un equipo que loitará por non xogar a vindeira tempada na Terceira división na promoción de permanencia. Manu Rodríguez, Jimmy e Yacine, tres dos mellores xogadores desta campaña, pecharon un resultado máis que positivo só posto en perigo por Ito.
Dous obxectivos moi diferentes sobre o terreo de xogo de San Lázaro, a última vez esta tempada que o coliseo branquiazul abría as súas portas. A Copa do Rei ante a permanencia na categoría de bronce. Dous equipos en posicións moi diferentes que cedo se mostrou sobre o verde cun gol rápido. Manu Rodríguez fixo o primeiro da tarde cun gran disparo desde fóra da área. Un gran gol do capitán para gañarse o posto de cara á vindeira campaña.
Co resultado a favor, o Compos mantivo a calma, baixou un pouco a intensidade pero aínda así tivo ocasións sobre a porta rival con Manu Rodríguez como xogador máis ofensivo. O propio morañés tivo as dúas ocasións máis perigosas enviando unha delas directamente á madeira perdoando o segundo tanto.
Na segunda metade máis do mesmo. O Compos dominando o xogo sen apenas dificultades e o Real Avilés agardando atrás para saír á contra. Trocos, faltas e interrupcións varias para frear o ritmo da segunda parte notablemente, algo que non viña ben a ningún dos dous equipos xa que podería pasar calqueira cousa sobre o terreo de xogo.
Poucas ocasións sobre as dúas porterías, ningunha con perigo, na primeira media hora que deron paso a quince minutos de goles e alta intensidade. Jimmy fixo o segundo que parecía ser a sentenza definitiva por parte dos locais a falta de quince minutos confirmándose como máximo goleador do equipo esta campaña a pesar da súa posición sobre o campo.
Buscando unha pequena esperanza, o Real Avilés recurtou diferenzas a falta de cinco minutos para o final. Pero cando o partido xa parecía chegar ao seu fin, no derradeiro minuto do tempo engadido, Yacine pechou o resultado co 3-1 definitivo. Unha vitoria que nos clasifica para a Copa onde haberá que loitar con algún equipo da mesma categoría ou incluso inferior antes de recibir en San Lázaro a un equipo de Primeira división polo mes de decembro.
ALIÑACIÓN: Ramón; Catú, Alcañiz, Portela, Jimmy; Marcos Rodríguez; Manu Rodríguez, Jordan (Lemos, min. 64), Quim (Iván Pérez, min. 69), Fondevila (Moreira, min. 84); e Yacine.
CARTÓNS: Amarelos para Alcañiz e Yacine.
GOLES: 1-0 5' Manu Rodríguez, 2-0 73' Jimmy, 2-1 87' Ito, 3-1 93' Yacine.
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario