Porque hai días que é mellor non saír da cama, o Compos non puido facer nada na súa visita ao Pepe Ortiz de Mareo. Unha dura derrota coa Copa do Rei moi en xogo no peor partido do equipo esta tempada. Diante, o Sporting B que deixa aos nosos sen posibilidades de entrar na promoción de ascenso e que pon en serio perigo a clasificación para a Copa do Rei dun equipo que terá que agardar ao que fagan esta tarde tanto a Cultural Leonesa ante o Atlético Astorga como o Guijuelo, que recibe a un Murcia, que loitará por ser segundo de cara á promoción. Mandi por partida dobre e Tato foron os autores dos tres goles.
O encontro non puido comezar peor. Superados os cinco minutos, Ramón busca sacar o balón xogado fóra da área ante Mandi. O xogador canario foi máis listo que o porteiro andaluz, rouboulle a pelota e marcou a porta baleira o primeiro gol do encontro. Primeiro mazazo que foi sucedido moi cedo pola primeira lesión do encontro. Borja Navarro tivo que deixar o terreo de xogo mancado ocupando Mensha o seu posto.
O Compos apenas soubo reaccionar ante o gol local e antes do descanso, a pesar de contar coa posesión do esférico, non chegaron ocasións claras ante a porta defendida por Pol Busquets, porteiro formado nas categorías inferiores do Barça. Só Mensha e Manu Rodríguez, ambos sen puntería, probaron sorte sen conseguir sequera disparar entre os tres paus.
Na segunda metade, a Esedé tentou saír con gañas de remontada. Chegadas con perigo sobre a porta asturiana pero, de novo, duro golpe antes de cumprirse os dez minutos. Nova chegada do equipo local tras unha xogada colectiva, balón para Tato e este axusta o balón ao pau onde Ramón apenas puido facer nada para evitar o segundo gol.
Co segundo en contra, o Compos buscou subir un pouco a intensidade cunha nova oportunidade perdoada por Mensha diante do porteiro. E, unha vez máis, quen perdoa acaba pagando. Só sete minutos precisaron os xixoneses para facer o terceiro gol cun novo disparo de Mandi co que bater a un Ramón que non tivo precisamente a súa mellor mañá.
O terceiro gol serviu de sentenza ante un equipo que non soubo reaccionar. Media hora por diante na que a Esedé foi incapaz de ter ningunha ocasión máis sobre a porta de Pol Busquets nun tempo marcado polos trocos, entre os que sorprendeu a entrada de Mon.
Unha derrota máis despois de case dous meses e a pensar xa no Real Avilés ante o que hai que gañar para asegurar a presenza na vindeira edición da Copa do Rei.
ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Portela, Alcañiz, Jimmy; Marcos Rodríguez; Manu Rodríguez, Lemos, Fondevila (Mon, min. 62), Jordan (Moreira, min. 63); e Borja Navarro (Mensha, min. 9).
CARTÓNS: Amarelos para Josu e Alcañiz.
GOLES: 1-0 6' Mandi, 2-0 53' Tato, 3-0 60' Mandi.
ESTADIO: Pepe Ortiz.

Ningún comentario:
Publicar un comentario