Amosando publicacións coa etiqueta Pretempada 18 19. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pretempada 18 19. Amosar todas as publicacións

Acurtando a espera

Tres semanas son moitas sen o noso Compos e para iso chega unha cita extra que acurta un pouco unha moi longa espera. Un amigable moi preto da casa que servirá para lembrar a figura de Jesús García Calvo e os 50 anos de Feiraco, empresa que fundou alá por 1969. Negreira acollerá un agasallo de Reis por adiantado e permitirá ver aos nosos unha semana antes da volta á competición oficial.


Con máis rodaxe.
O Negreira chega a esta cita amigable, a primeira proba para este 2019 que arrincou esta mesma semana, en horas baixas ocupando un posto na zona media da táboa no grupo 1 da Preferente. Despois de 20 xornadas, o equipo dirixido por Juan Cabrejo, que chegou ao equipo acompañando a Nacho e cubrindo agora o seu posto como primeiro adestrador, ocupa a décimo segunda posición da táboa con 25 puntos, lonxe dos postos de descenso. 8 vitorias, só 1 empate contra o Atlético Arteixo e 11 derrotas para un equipo que anota case os mesmos goles que recibe, facendo 25 e encaixando 26.
Un equipo con representación branquiazul xa que o ex lateral está acompañado no corpo técnico polo ex defensa e ex coordinador da base da Esedé David Rey e contan na dianteira con Rubén Márquez. O dianteiro segue pelexando aos seus 33 anos despois de pasar polas filas do conxunto santiagués, Bergantiños, Boiro e Céltiga entre outros, e asinou un total de 2 goles en 3 partidos.

Un Compos superior.
Tanto a historia como a situación actual dos dous equipos sitúan ao Compos por enriba do Negreira. Equipos de diferente categoría actualmente mais que compartiron a Terceira división ata en catro ocasións na última década deixando enfrontamentos cheos de emoción aínda que sen tanta igualdade sobre o verde.
Ao longo da historia recente, oito enfrontamentos entre veciños nos que a Esedé levou os tres puntos en sete ocasións, deixando opcións aos negreireses nunha soa cita, na que conseguiron facerse cun empate no García Calvo. Un total de 18 goles a prol do cadro branquiazul ante os 3 únicos tantos feitos polo equipo vermello.
A domicilio, os nosos asinaron o único resultado non tan positivo cun empate a un gol. A parte, alí chegou unha das grandes alegrías dos últimos anos en forma de gol. Hai só uns meses, en abril do xa pasado 2018, a falta de catro xornadas para o final do campionato regular, os nosos deixaban a tiro o primeiro posto grazas a un gol de penalti de Alex Ares xa no tempo engadido. Un gol que deixaba máis que encamiñado o obxectivo, que se conseguiría dúas semanas despois no Carballiño.

Proba para a segunda volta.
Cun equipo aínda cunha cita para pechar a primeira volta e o outro coa segunda parte do campionato xa comezada, o enfrontamento servirá para medir as forzas dos dous equipos despois das vacacións de Nadal e comprobar, agora con tempo, se serán precisas incorporacións para afrontar a segunda parte do curso, a máis dura e importante.
E para iso, Yago poderá ter ao seu mando a todos os seus xogadores agás Alberto, que aínda terá que esperar para poder estrearse esta tempada. Non obstante, as boas novas chegan para o xogador, xa que a súa longa recuperación está chegando ao seu fin, adestrando xa co resto dos seus compañeiros.

Memorial polo que pasaron grandes equipos.
O Memorial Jesús García Calvo, torneo que contou con algún equipo importante coma o caso do Deportivo, gañador en dúas ocasións. O Compos buscará facerse con este premio despois de só dous días de adestramentos nunha cita tan especial como esta, que supón ademais unha homenaxe aos 50 anos de Feiraco. 
O partido dará comezo este mesmo venres 4 ás 20 horas no García Calvo de Negreira e as entradas terán un prezo de 5 euros. Por contra, quen non poida achegarse á vila negreiresa poderá seguir o encontro a través das redes sociais da Curva Branquiazul e do clube. 

Vitoria con moito sentimento

Compos e Pontevedra disputaron un xogo cun significado máis alá do fútbol. Unha homenaxe ás figuras de Antonio Bermúdez, xornalista falecido hai algo máis de dous anos ao que se lle dedica este Memorial que xa contou coa súa terceira edición, e ao ex xerente branquiazul Fidalgo, finado o pasado venres e que recibiu un pequeno recordo no tempo de lecer á espera de algo máis especial na previa do partido ante o Barco o vindeiro domingo. Sobre o campo, bo partido dos nosos onde os menos habituais deixaron boas sensacións e un triunfo sobre o cadro granate, que atopou no seu porteiro unha esperanza de ser o terceiro equipo que se leva este trofeo amigable, que finalmente quedou na casa. 


Primeiro tempo moi aberto. 
Co arrinque do encontro, o Pontevedra buscou facerse co esférico da pelota contra un Compos que saltou ao terreo de xogo con Anxo baixo paus, dous futbolistas das categorías inferiores e Remeseiro en liña atacante. Así, as primeiras ocasións perigosas chegaron sobre a portería branquiazul non se fixeron esperar superando á zaga local sen case problemas durante os vinte primeiros minutos. 
Logo duns minutos nos que puido caer o primeiro tanto para os pontevedreses, os nosos deron a volta ao encontro producindo as primeiras boas internadas a base de rápidas contras. Santi, Miki e Remeseiro, que se topou co longueiro. Non foi máis que o principio do que pasou nun segundo tempo onde o Compos dominou de principio a fin. 

Control total. 
Coa entrada ao terreo de xogo de xogadores coma Brais Abelenda, Alex Ares, Aythami, Samu e Casas, o equipo foi superior a un Pontevedra cheo de futbolistas pouco habituais. Tal foi así que antes de cumprirse os dez minutos logo da reanudación chegou o gol da vitoria compostelanista. Un gran gol cuxa xogada arrincou Aythami cun roubo e rematou Aythami cun caneo que deixou no chan ao porteiro anotando a porta baleira.
Durante o segundo tempo, coa pelota en mans dos nosos, o protagonista principal foi Rubén. O gardameta visitante deixou unha gran actuación evitando a que puido ser unha goleada compostelanista fronte un rival de categoría superior. 

Tres futbolistas da base. 
No once titular estreouse o central do Zona Vella Pedro Leis, disputando os noventa minutos e deixando moi boas sensacións, e o centrocampista Andrés López. Este segundo, ademais, deixou o seu posto no segundo tempo a Torrente, que entrou no segundo tempo e non parou de traballar en ningún momento, levando algún que outro golpe.

Agora, o equipo xa pensa no partido de liga contra o Barco, un partido no que hai moito en xogo.

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Piscu, Pedro Leis, Naveira; Ube, Andrés López; Miki, Remeseiro, Josiño; e Santi. Tamén xogaron: Casas, Samu, Abelenda, Torrente, Ares e Aythami.
CARTÓNS: Ningún. 
GOLES: 1-0 54' Abelenda.
CAMPO: San Lázaro. 

Homenaxe a un dos grandes

Este mércores teremos unha nova cita importante á par que interesante en San Lázaro. O noso equipo seguirá a súa preparación neste curso cun novo amigable, nesta ocasión xa co curso máis que comezado, fronte a un rival de categoría superior. O Pontevedra, contra o que se repetirá amigable esta tempada, será o rival no 'III Memorial Antonio Bermúdez' sucedendo a Deportivo e Lugo, convidados nas anteriores edicións deste xa habitual torneo na capital galega.


Ás portas do ceo.
O Pontevedra visitará San Lázaro nun gran momento de forma. O equipo granate ocupa a sexta praza no grupo I da Segunda división B a só tres puntos dos postos de promoción de ascenso, algo que semella ser o obxectivo do cadro galego mellor situado a día de hoxe na categoría de bronce cuns bos 16 puntos.
Fortes en Pasarón, onde non perderon ningún partido, só perderon 2 encontros, contra Unionistas e Internacional de Madrid, a domicilio coa última hai máis dun mes. Non obstante, contaron tamén con complicacións á hora de sumar de tres con catro triunfos e outros tantos empates. A iso hai que engadir un total de 9 goles a favor e 7 en contra, contando coa cuarta mellor defensa da categoría.
Nun equipo onde a parte defensiva destaca por enriba do resto, hai que salientar tamén o gran papel que está a facer o experimentado Arruabarrena. O dianteiro vasco está a completar o seu 16º ano no fútbol senior con 4 goles en 9 partidos oficiais na súa estrea en terras do Lérez.

Segunda ocasión.
Compos e Pontevedra vanse ver as caras por segunda vez en menos de tres meses logo do enfrontamento amigable na Escravitude que se levou o equipo visitante por un contundente 0-3 levándose así o 'II Torneo Vila de Padrón'.
Por contra, en partido oficial, os dous equipos enfrontáronse nun total de 18 ocasións cun total de 10 empates, con seis deles sen goles, mentres que 5 remataron con vitoria branquiazul e outros 3, pontevedresa. Unha boa rivalidade con cor de bronce e poucos precedentes na Terceira galega.

Terceira edición.
Hai dous anos, Antonio Bermúdez deixounos aos 68 anos logo dunha reunión en San Lázaro. Un gran afeccionado branquiazul e un dos mellores xornalistas que pasaron pola radio santiaguesa, cubrindo os deportes da capital ata o día da súa morte, compartindo traballo con Toño Bermúdez, que segue á perfección os pasos do seu pai.
Logo do repentino falecemento, o clube co que traballaba, o Compos, púxose mans á obra para organizar un Memorial co que homenaxear a súa perda. Un Memorial que chega á súa terceira logo dos enfrontamentos contra Deportivo en 2016 e Lugo en 2017, partidos con resultados negativos para os nosos mandando o trofeo cara A Coruña e Lugo respectivamente.

Baixas, e rotacións?
Ás baixas xa máis que coñecidas de Rubén, Alberto e David Uña poderían unirse diferentes rotacións pensando tamén no partido de liga do domingo no que haberá que recibir ao Centro de Deportes Barco en San Lázaro.

Cita imperdible.
Mañá mércores, véspera de festivo, teremos unha boa cita na nosa casa. San Lázaro abrirá as súas portas ás 20h. Ademais, ata esa hora, a xente que queira poderá pasar polas oficinas para retirar ademais as dúas invitacións por abono para o encontro do domingo. Para éste, os aboados pasan de balde, ao igual que os menores de 18 anos, mentres que os que non o sexan terán que pagar 5 euros na billeteira do estadio.
 Por contra, quen non poida asistir ao partido, poderá seguirse nas diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

Prata

O Compos non puido pechar a súa preparación para o novo curso con vitoria logo dun empate no tempo regulamentario e unha derrota dende os once metros contra un Langreo doutra categoría. Bo partido dos nosos, destacando o primeiro tempo, Tamén hai que salientar a entrada no segundo tempo de Cachi e Yago Torrente, xogadores do xuvenil branquiazul.


Boa primeira metade.
Durante o primeiro tempo, o cadro galego amosou unha lixeira superioridade sobre o terreo de xogo contra un Langreo que soubo defenderse das importantes acometidas branquiazuis sobre a portería defendida por Imanol. Por contra, os asturianos tiveron dúas oportunidades sobre a portería de Anxo sen chegar a poñer en perigo o resultado. 
Na área rival, Aythami comeza a crear aínda máis perigo mais sen conseguir ver porta con facilidade, algo que terá que arranxar de cara ao arrinque da tempada a vindeira fin de semana. Ademais, Josiño tivo un man a man co gardamallas no que non foi quen de adiantar aos nosos mantendo o empate sen goles ata o tempo de lecer. 

Segunda parte sen ocasións.
O paso por vestiarios deixou moitos trocos nos dous equipos e un segundo tempo sen oportunidades perigosas en ningunha das dúas porterías levando a vitoria, pouco a pouco, á quenda de penaltis. De feito, só Brais Abelenda foi quen de provocar algo de perigo sobre a porta asturiana cun disparo que mandou o gardamallas directo a córner.
Unha segunda parte onde se puido vivir a estrea neste curso doutros dous xogadores da base compostelanista. Yago Torrente e Cachi tiveron dez minutos de xogo máis engadido nos que non puideron tampouco evitar unha nova pelexa por un trofeo dende os once metros. 

Na quenda de penaltis, o Langreo demostrou ser superior sobre todo baixo paus con Adrián Torre, gardamallas durante o segundo tempo, parando dous tiros dos nosos mentres que Lorenzo non puido facer o propio. 

ALIÑACIÓN: Anxo (Lorenzo, min. 46); Saro, Piscu, Uña (Casas, min. 46), Pereira (Naveira, min. 46); Mon (Ube, min. 46), Remeseiro (Samu, min. 46); Josiño (Santi, min. 46), Ares (Cachi, min. 80), Abelenda (Yago Torrente, min. 80); e Aythami.
CARTÓNS: -.
GOLES: 0-0.
PENALTIS: 2-4.
CAMPO: Pepe Barrera (Ribadeo). 

Un clásico do verán

O Compos terá este sábado a súa derradeira proba de pretempada. Será, unha vez máis, lonxe de Santiago mais cun prestixioso trofeo de verán en xogo. A preparación do curso, que ata o de agora foi máis que boa, rematará coa pelexa polo trofeo Emma Cuervo, torneo que organiza o Ribadeo dende hai o ano 1952 de maneira ininterrompida e que os nosos xogarán por quinta vez na súa historia, gañando un ata o de agora.
Diante estará o UP de Langreo mantendo esas finais entre equipos galegos e asturianos na que será a primeira participación do cadro azulgrana, recén ascendido á Segunda división B hai dous meses. Ademais, como dato, é o equipo onde se estreou e deixou anos despois o fútbol profesional o ex do Compos Ángel Lekumberri. 


67 edición.
O segundo torneo de verán máis antigo de España, só superado polo Teresa Herrera que o Deportivo organiza dende 1946, chega este ano á súa 67ª edición. Creado polo Ribadeo e xogado no Pepe Barrera, conta cun total de 18 campións diferentes ao longo dos anos entre os que destaca o Real Oviedo, con 16 títulos en 38 participacións. Equipos como Depor e Celta pechan un podio que demostra un gran nivel do campionato.
Outros equipos de primeiro nivel coma Betis, Zaragoza, Valladolid ou Sporting de Xixón tamén foron quen de facerse, polo menos unha vez, cun título ao igual que o Compos no ano 1995, superando así ao Sporting nunha das 51 finais entre galegos e asturianos convertindo este clásico do verán galego nun clásico entre veciños. 

Unha de catro. 
Ata en catro ocasións participou o Compos na loita polo Emma Cuervo. Dende a súa primeira vez alá polo ano 1992 contra o Real Oviedo e ata 1998, cando o fixo por última vez, o cadro santiagués conseguiu traer un trofeo cara Santiago. Foi en 1995, contra o Sporting de Xixón, grazas a un gol de Eraña no primeiro tempo. 
En canto ás derrotas, o Real Oviedo foi o outro protagonista en dúas das caídas mentres que o Racing de Santander superou aos nosos en 1998 pola mínima cun tanto na segunda metade, obra de Sánchez Jara. 

Enfrontamento de Segunda B.
Compos e Langreo non será a primeira vez que se vexan as caras. De feito, hai ata 16 precedentes de partidos entre ámbolos dous conxuntos co Langreo como claro gañador no total con 8 triunfos. Os nosos gañaron en 3 ocasións, nas tres últimas visitas dos asturianos a Santiago, mentres que as outras 5 remataron con reparto de puntos. 

Rubén, baixa segura.
Durante toda a pretempada só houbo que lamentar unha baixa, que se presume máis longa e dura do que semellaba nun primeiro momento. Chegou ao vestiario cun golpe nun xeonllo e podería ter unha lesión máis grave que nos vindeiros días saberemos canto tempo o podería ter fóra dos terreos de xogo. 

Tarde de sábado.
O partido será o sábado 18 ás 18.30 horas no Pepe Barrera de Ribadeo. O prezo das entradas é de 10 euros mentres que os menores de 15 anos poderán entrar de balde. Unha cita importante e interesante para coñecer, aínda máis, ao equipo que arrincará a liga unha semana despois no Ceao contra o Polvorín. 
Por contra, quen non poida asistir ao encontro poderá seguilo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ademais do perfil oficial do clube en Twitter.

Campións da XXX Copa Deputación!

O Compos fíxose por cuarta vez na súa historia coa Copa Deputación da Coruña despois dun partido cheo de emoción, con ocasións perigosas por parte dos dous equipos e goles. Non faltou á cita tampouco a polémica, cun gol anulado aos nosos e a posibilidade de invalidar o tanto ferrolán, co que empataban a Final no tempo engadido. Con todo isto, houbo que chegar aos penaltis onde ata os porteiros tiveron que amosar a súa calidade cos pés, sendo Lorenzo o encargado de anotar o gol definitivo co que se asinaba o triunfo. 


Primeira metade de tanteo. 
Os primeiros corenta e cinco minutos foron de tanteo, sen querer arriscar por parte de ningún dos dous equipos. Con oportunidades sen moita puntería sobre as dúas porterías, as defensas mandaron sobre o resto con Álvaro Casas e David Uña deixando sen opcións aos atacantes ferroláns, entre os que se atopaba un Joselu que non foi quen de probar a Lorenzo. 
As mellores oportunidades do primeiro tempo, aínda que sen moito risco, chegaron do lado santiagués. Porén, o gol chegou sen previo aviso, como resposta a un disparo de Marcos Álvarez que petou no pau, coa sinatura dun gran Alex Ares logo dun roubo de Santi. Un gran gol a cinco minutos do tempo de lecer que deixaba tocado ao Racing de cara ao segundo tempo. 

Superioridade sen premio.
No primeiro tempo o Racing gozou da mellor oportunidade para adiantarse e aínda así marchou a vestiarios por debaixo no marcador. Ao contrario ocorreu na segunda parte, na que os nosos levaron moito máis perigo e foi o conxunto verde o que rematou co premio do gol nunha xogada con polémica na derradeira ocasión de ataque do encontro. 
Os segundos corenta e cinco minutos foron de dominio e ataque dun Compos que non puido demostrar a efectividade coa que chegou a esta Final. Con Brais Abelenda como protagonista das mellores chegadas, Miki Villar e Saro asinaron as mellores oportunidades sobre a porta defendida por Diego Rivas. Ademais, ao primeiro anuláronlle un gol porque, supostamente, a pelota saiu por liña de fondo no control de Sergio Pereira. 
E se a polémica chegou nun lado, non foi menos no outro. Xa no tempo engadido, córner a prol do Racing, que semellaba saque de porta, rematou en gol de Juan Antonio con posible falta sobre Saro que non sinalou o colexiado. Unha desas oportunidades nas que aparecería o VAR. 

Ata os porteiros.
Co empate no final do tempo regulamentario e a falta de prórroga, houbo que chegar a unha quenda de penaltis na que tiveron que probar sorte tamén os porteiros, logo de chegar aos once tiros. Como resumo, polos nosos anotaron Ube, Remeseiro, Casas, Saro, Abelenda, Uña, Sergio e Lorenzo mentres que Mon, Josiño e Naveira non puideron anotar os seus respectivos penaltis.

Cuarto trofeo.
Despois de 1990, 2012 e 2013, o Compos fíxose co torneo estival da Deputación coruñesa sendo, agora si, o segundo equipo con máis títulos nas vitrinas, só superado polo cadro departamental. Sen dúbida, unha maneira inmellorable de arrincar unha nova tempada chea de esperanza. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio Pereira, Casas, Uña, Naveira; Samu (Ube, min. 74), Remeseiro; Miki (Josiño, min. 83), Ares (Mon, min. 89), Abelenda; e Santi (Saro, min. 71).
CARTÓNS: Amarelos para Santi, Alex Ares e Sergio Pereira.
GOLES: 0-1 40' Alex Ares, 1-1 90' Juan Antonio.
PENALTIS: 0-1 Ube, 0-2 Remeseiro, 1-2 Juan Antonio, 2-2 Luis, 2-3 Casas, 3-3 Sergio Otero, 3-4 Saro, 4-4 Seoane, 4-5 Abelenda, 5-5 Miguel Villarejo, 5-6 Uña, 6-6 Sanmartín, 6-7 Sergio Pereira, 7-7 Catú, 7-8 Lorenzo.
CAMPO: O Roxo (Cerceda).

Terceira Final do ano

Despois de dúas finais para pechar a pasada tempada, a pretempada terá a súa penúltima cita cunha gran Final entre dous dos favoritos para loitar polo primeiro posto na Terceira galega, que arrincará en menos de dúas semanas. Compos e Racing de Ferrol, que chegaron ata aquí despois de superar a tódolos seus rivais sen case complicacións, terán que pelexar por un novo título do campionato estival que os ferroláns gañaron en seis ocasións mentres que os santiagueses o fixeron en tres.


Dende o día de Galiza.
O 25 de xullo deu comezo a trixésima edición deste torneo de verán coa primeira fase previa, na que o Olímpico superou ao Carral. Así se estreaba esta nova Copa Deputación da Coruña que este martes chegará ao seu fin.
Non obstante, Compos e Racing de Ferrol, os finalistas, entraron a competir na terceira rolda, a comezos do mes de agosto. Con Puebla e O Val como rivais, daba comezo unha competición na que os dous equipos se viron as caras nos últimos anos en máis dunha ocasión, mais nunca nunha Final malia sumar 16 finais entre ámbolos dous conxuntos.

11 goles a favor e 1 en contra.
Puebla, Noia, Bergantiños e Negreira. Tres equipos que pelexarán o vindeiro curso no grupo 1 da Preferente e outro que apunta a pelexar por un posto na promoción de ascenso á Segunda B. E todos eles caeron aos pés dun Compos cun ataque case imparable e unha defensa que só se puido superar nunha ocasión.
Co 3-0 como resultado máis repetido, en tódolos partidos agás contra os carballeses, o Compos anotou 11 goles con Brais Abelenda e Miki Villar como máximos goleadores do equipo con catro e tres goles respectivamente. A eles hai que engadir que Aythami, Mon, Remeseiro e Josiño tamén viron porta na competición.

Maior igualdade.
O Racing de Ferrol comezou a competición cunha goleada contra O Val. Unha gran goleada que foi a maior do que levamos de campionato e coa que superaron a primeira proba. Non obstante, as cousas complicáronse para os ferroláns coa visita á Grela, onde só puideron bater ao Silva pola mínima. Por un gol máis, conseguiron derrotar ao Paiosaco mentres que, en Curtis, volveron a gañar por un tanto ao Boimorto conseguindo o pase á Final.

Vellos coñecidos.
Tanto nas filas do Compos coma nas do Racing hai xogadores con pasado no outro equipo. Con Catú e Joselu como titulares nas filas dos ferroláns e Abelenda asinando bos goles branquiazuis, os 'ex' serán pezas moi importantes nesta nova cita, inédita.

Por primeira vez.
Entre os dous equipos suman presenzas en máis da metade das Finais da Copa Deputación desputadas ata o momento. Co Racing de Ferrol presente en 12 e o Compos noutras 4, foron protagonistas, por separado, das últimas seis edicións sendo o Racing o vixente campión despois de tres finais consecutivas perdidas. Son, ademais, os únicos que poden presumir de superar ao Deportivo nunha final do torneo.
O Compos estreouse nunha Final, con derrota, alá polo verán de 1989 contra o Deportivo en Riazor, mesma sede e mesmo rival que un ano antes derrotara aos ferroláns na primeira final da historia do torneo. Non obstante, despois de dous títulos para os coruñeses, a Esedé repetiu final gañando en 1990 e o Racing de Ferrol fixo o propio un ano despois, ámbalas dúas finais en Riazor contra un Depor que mandaría ao Fabril a xogar o resto de anos.
Logo desa vitoria en 1990, houbo que agardar ata 2012 para ver aos da capital noutra Final, gañada contra o Fabril no Roxo, e repetindo ese bo facer un verán despois contra o Somozas na Malata.
Con menos sorte conta o Ferrol, que gañou en seis ocasións o trofeo, contra Depor, Ordes en dúas ocasións, Betanzos, As Pontes e Noia, o pasado curso, e o perdeu noutras tantas co Somozas como principal culpable, con dous títulos en dous derbis.

Menos de 48 horas.
O Roxo acollerá esta gran Final o martes ás 20 horas na que será a terceira edición consecutiva que remate en Cerceda, cuarta en seis anos. Para dito encontro, coma ata o de agora, as entradas terán un prezo de 5 euros mentres que os nenos menores de 14 anos pasarán de balde.
Para quen non poida achegarse ao Roxo, o partido poderá seguirse a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

A pola cuarta!

O Compos estará na súa quinta Final da Copa Deputación onde se enfrontará ao Racing de Ferrol nunha final inédita entre dous equipos que encadean un total de 9 trofeos nesta mesma competición, sendo os ferroláns os que máis veces o gañaron. Unha Final á que os nosos chegan despois de superar, con goleada e sen apenas dificultades, ao Negreira no Campo de Cepelo, esceario que non deixou moi boas sensacións. 


Clara superioridade.
Nesta nova cita, nun campo pequeno e non en moi boas condicións, o Compos foi superior a un Negreira que pouco puido facer para evitar o xa esperado. Os homes de Yago Iglesias saíron a por todas, sen arriscar a dúas semanas para o comezo da liga, e as ocasións chegaron sen parar dende os quince minutos de xogo, cando Rubén probou por primeira vez a Jose. 
O ex do Arosa, que protagonizou a mala nova do encontro retirándose mancado no segundo tempo, foi o primeiro en probar sorte mais foi Aythami, que se estrea co seu novo equipo, o encargado de abrir o marcador cun bo testarazo a un centro de Mon. O primeiro amosou, ademais, o camiño á porta negreiresa. 
Co paso dos minutos, logo de só dúas chegadas na primeira media hora, o equipo medrou sobre o verde a nivel ofensivo con catro oportunidades máis para poñer algo de distancia no marcador. Un segundo gol que non chegou antes do tempo de lecer. 

Sen opcións.
O segundo tempo comezou cunha dobre ocasión branquiazul que nin Brais Abelenda nin Ube foron quen de materializar. E se en cuestión de segundos chegaron dúas oportunidades de gol, mellores foron os primeiros vinte minutos deste segundo acto con numerosas chegadas perigosas pero que non se puideron materializar ata pasar a hora de xogo. 
Ata o momento, ningún xogador renovado puido marcar un gol nesta pretempada e quen mellor que o capitán para rematar con este curioso dato? Ube gaña un balón nunha desputa e cáelle a Mon, que non perdoa cunha fermosa volea. Un gran gol do capitán para poñer un pé na Final da Copa Deputación. 
Co segundo tanto xa no marcador, o ritmo baixou mais cos nosos mandando sen problemas. De feito, do Negreira non se soubo nada ata o treito final, xa sen tempo para reaccionar, con dúas chegadas sobre a portería defendida por Anxo que non puxeron en perigo unha diferenza que aumentou xa no engadido cun novo gol de Miki Villar para aumentar a súa conta particular convertíndoo no máximo artilleiro deste verán. 

Agora toca preparar unha nova semana, a derradeira da pretempada, con dous partidos importantes: o primeiro polo trofeo da Copa Deputación contra o Racing de Ferrol con horario e sede aínda por determinar e o segundo co Trofeo Emma Cuervo en xogo o sábado en Ribadeo co Langreo como rival. 

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas, Uña, Naveira; Mon, Ube; Rubén (Sergio Pereira, min. 59), Santi (Samu, min. 76), Abelenda; e Aythami (Miki, min. 50).
CARTÓNS: Amarelo para Ube.
GOLES: 0-1 19' Aythami, 0-2 64' Mon, 0-3 90' Miki Villar.
CAMPO: Municipal de Cepelo.

Último paso antes da Final

Compos e Negreira loitarán este domingo por un posto na Final da Copa Deputación da Coruña 2018. Unha Final que sería a quinta para os nosos e a segunda para un Negreira cun vello coñecido no posto de adestrador, que tomou o mando do primeiro equipo hai escasas semanas. Un encontro entre dous equipos que a pasada tempada militaron na Terceira galega, con resultados moi diferentes.


Catro títulos entre os dous.
Entre ámbolos dous conxuntos suman, a día de hoxe, cinco Finais da competición e só unha derrota, a encaixada polos nosos alá polo ano 1989 a mans do Deportivo en Riazor na quenda de penaltis. Dous bos equipos a nivel histórico e que este ano non pasan por camiños tan semellantes. E é que malia aparecer os dous conxuntos como equipos da Terceira, os negreireses pelexarán durante a vindeira campaña por volver á cuarta categoría do fútbol español, mentres que os nosos pelexarán por un novo ascenso ao fútbol nacional.

O lado difícil do cadro.
Os nosos chegaron a esta semifinal despois de superar ao Puebla e ao Noia por 3-0 nos dous encontros mentres que os problemas para bater ao Bergantiños foron maiores, chegando a vitoria no engadido grazas a un gol de Abelenda. Un camiño duro no que apareceron como protagonistas as novas fichaxes branquiazuis.
Pola súa parte, o Negreira tivo que chegar á quenda de penaltis para superar ao Bastavales na súa estrea. Uns penaltis que conseguiron evitar contra o Dubra grazas a un gol de Uxío co que pechaban o 1-2 definitivo. E de novo, en cuartos, houbo que decidir ao semifinalista logo dos noventa minutos regulamentarios co Boiro como equipo perdedor logo de empatar un gol de Cea. Un gran camiño tomado polos de Cabrejo, novo adestrador principal, que non van poñer as cousas nada doadas.

O gol chegou no mercado.
Das escasas fichaxes feitas pola directiva da Esedé, cubrindo as baixas, hai que asegurar que o traballo está moi ben feito sobre todo de cara a gol. E é que catro desas novas pezas leváronnos a este punto grazas aos goles. Catro de Brais Abelenda, que marcou en tódalas eliminatorias, dous de Miki Villar e un de Remeseiro e Josiño.
De feito só Anxo, porteiro titular diante do Noia, Piscu, que aínda non puido debutar en partido oficial, e Aythami quedan sen marcar, ademais dos xogadores que se manteñen dende o ano pasado, que non son quen de igualar ás novas pezas neste sentido.

Volve Santi.
Para esta cita importante, Santi estará de novo dispoñible se Yago Iglesias o precisa. O dianteiro, reconvertido a mediapunta, non puido estar por sanción diante do Bergantiños mais si podería ter minutos en Negreira. Pola súa parte, Piscu segue á espera de que chegue o seu transfer e poder debutar coa Esedé en partido oficial.

Cambio de campo.
Durante o verán moitos clubes melloran as súas instalacións e campos. Iso é o que pasa co García Calvo, que non estará listo aínda para acoller o encontro deste domingo. Por iso, o partido será o domingo ás 19.30 horas no Campo Municipal de Cepelo, tamén en Negreira.
As entradas, coma sempre na competición, terán un prezo de 5 euros para maiores de 14 anos e de balde para menores. Non obstante, quen non poida asistir poderá seguir o encontro en directo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

Abelenda métenos nas semis

O Compos superou ao Bergantiños nos cuartos de final da Copa Deputación nun partido marcado polas imprecisións e a igualdade durante os noventa minutos. Os goles, que chegaron no segundo tempo, puxeron aínda máis emoción a un xogo entre dous dos grandes da categoría e que volverán a medir as súas forzas ao longo do campionato. 
Miki Villar e Brais Abelenda, ámbolos dous entrando no segundo tempo, foron as pezas fundamentais á hora de desfacerse dun Bergantiños que levou moito perigo á portería defendida por Lorenzo. Pola súa parte, o ex branquiazul Borja Facal fixo o único gol carballés co que empataba o resultado. 


Respecto e igualdade. 
Os primeiros corenta e cinco minutos foron de igualdade sobre o terreo de xogo coa posesión da pelota, en moitos momentos, para os nosos co Bergantiños ben ordeado en defensa e case imparable á contra, con Rubén Rivera incapaz de superar a un David Uña que non parece estar en pretempada co seu gran estado de forma, sendo un muro que se gaña a titularidade á forza. 
Sobre a portería contraria, Aythami non foi quen de superar ao gardamallas, malia contar con boas oportunidades para facelo. Tamén Marcos Remeseiro, que de novo foi unha peza fundamental na vitoria, e Alex Ares, que volvía ao once, tiveron nas súas botas un gol que non chegaría ata o segundo tempo. 

Trocos fundamentais. 
O segundo tempo comezou co Compos buscando a portería de Buggi. Non obstante, o mellor chegou coa entrada ao verde de Miki Villar e Brais Abelenda, os autores dos goles. O primeiro chegou con só cinco minutos dende o troco cun gran disparo coa punteira que entrou por debaixo das pernas do gardamallas. Hai que destacar tamén que Remeseiro foi o autor dunha gran asistencia coa que deixar so ao de Nigrán.
Non obstante, as boas novas non duraron nin cinco minutos. Borja Facal, lateral que sempre se deixa todo no campo cando xoga ante a Esedé, precisou tres rexeites para superar no man a man a Lorenzo cun disparo por baixo. 

A esperanza é o último que se perde.
Co Bergantiños buscando perder algo de tempo cos penaltis en mente, chegou a sorpresa final. No engadido, Brais Abelenda transformou á perfección un roubo e asistencia de Mon cun disparo cruzado aumentando aínda máis unha conta particular que demostra o gran acerto á hora de facerse cos seus servizos. 

Agora toca preparar a semifinal, de novo a domicilio, contra un Negreira dirixido por Cabrejo e que superou ao Boiro na quenda de penaltis. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio Pereira, Casas, Uña, Naveira; Samu (Mon, min. 66), Remeseiro; Josiño (Ube, min. 69), Alex Ares (Miki Villar, min. 56), Rubén (Saro, min. 74); e Aythami (Brais Abelenda, min. 56). 
CARTÓNS: -.
GOLES: 1-0 61' Miki Villar, 1-1 65' Borja Facal, 2-1 92' Brais Abelenda.
CAMPO: San Lázaro. 

Primeira cita importante

Os dous primeiros clasificados da Terceira da pasada campaña volverán verse as caras este mércores en San Lázaro con, nada máis e nada menos que, unha semifinal en xogo. A Copa Deputación, torneo que os nosos buscan gañar por terceira vez, terá outro gran encontro entre dous dos equipos que pelexarán polo máis alto do fútbol galego dende dentro de vinte días, cando dea comezo a tempada regular. 


Catro partidos nunha semana.
O Compos segue collendo forma na pretempada e o fai cunha gran acumulación de partidos. Para ser máis exactos, catro en oito días con tres deles na mesma competición. Ademais, cabe destacar, que o equipo está demostrando un bo nivel coas fichaxes sendo protagonistas grazas ao protagonismo gañado a base de bo fútbol e goles. 
Arrincando esta serie de partidos o mércores na Pobra do Caramiñal, con goleada, a segunda cita supuxo a primeira derrota dos nosos neste verán a mans dun Pontevedra que non se amosou superior sobre o terreo de xogo mais si na efectividade e a terceira foi, de novo, para dar un paso adiante na competición de verán fronte ao Noia. Tres partidos que remataron, ademais, con 3-0 no marcador.

Brais Abelenda, o dono do gol. 
O Compos suma, en cinco partidos contando os do triangular, sete goles con Brais Abelenda autor de tres deles. Sete goles que levan a sinatura das novas fichaxes co ex xogador do Racing de Ferrol sendo a peza máis importante de cara a gol no que vai de competición estival. Ademais, Miki Villar suma dous logo de ser o primeiro mentres que Remeseiro e Josiño levan un. 

Gañadores do derbi carballés.
Bergantiños e Laracha enfrontáronse este domingo nas Eiroas nun partido onde os locais, pola mínima, conseguiron facerse co premio final grazas a un gol de Diego Fernández. Un partido igualado entre dous equipos que se verán de novo as caras o vindeiro curso na categoría e que deixa para o vindeiro mércores a mellor cita posible. 

Un precedente positivo.
Compos e Bergantiños xa se viron as caras nesta mesma competición, naquela ocasión en Carballo, hai tres anos. Un partido que supoñía o pase dos nosos aos cuartos de final e no que houbo que superar un gol inicial de Gerard no primeiro tempo. Non obstante, o bo traballo branquiazul tivo os seus froitos e con goles de Borja Facal e Chiño, este no último minuto de partido, conseguiuse o obxectivo. 
Iso se falamos da pretempada xa que hai escasos seis meses, o Bergantiños fíxose cos tres puntos en San Lázaro grazas a unha vitoria en liga pola mínima que aumentaba a emoción na loita pola primeira posición do campionato. 

Santi e Piscu non estarán. 
Expulsado contra o Noia por dobre amoestación, Santi non estará neste encontro onde si poderían volver homes coma Alex Ares, ausente o domingo por precaución, mentres Piscu terá que seguir esperando para estrearse en partido oficial xa que aínda non recibiu o transfer. 

Mesmo horario.
San Lázaro abrirá as súas portas o mércores ás 20 horas, repetindo o horario do enfrontamento contra o Noia. Para esta cita, importante, as entradas terán un prezo de 5 euros para maiores de 14 anos e de balde para menores. 
Quen, por contra, non poida achegarse ao teatro branquiazul, poderá seguir o encontro a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ademais de no perfil oficial do clube en Twitter.

Seguimos adiante

O Compos superou ao Noia nun partido onde os nosos foron superiores. Unha cita marcada pola vaga de calor unha vez máis provocando que os primeiros minutos de partido foran máis igualados, sen ocasións de perigo e con entradas importantes, ás que engadir problemas para controlar o xogo por parte do colexiado. Xa co partido baixo o mando branquiazul, os locais mandaron sobre o verde ata deixar o resultado pechado. 
A nivel individual, destaca a actuación de Brais Abelenda, autor de dous goles, Miki Villar, que asinou o primeiro, e Uña, sendo de novo unha peza fundamental en defensa. A nota negativa púxoa Santi, expulsado no segundo tempo despois de dúas únicas faltas nunha boa actuación.


De menos a máis. 
O encontro arrincou espeso, con moita igualdade, faltas e xogo no centro. De feito, agás algún disparo illado dende fóra da área, houbo que agardar media hora para ver as primeiras oportunidades con claridade sobre a portería defendida por Pajarillo. O ex gardamallas do Negreira, entre outros, por contra, non foi quen de frear o disparo de Miki Villar, que fixo o segundo na súa conta nesta pretempada a pase de Santi. 
Co resultado a prol dos nosos, os porteiros cobraron máis importancia antes do tempo de lecer. Pajarillo evitou o segundo gol parando un disparo de Abelenda logo dunha gran xogada con Remeseiro. Mais, porén, o Noia respondeu na derradeira oportunidade do primeiro tempo cunha dobre ocasión na que Anxo amosou os seus reflexos. 

Cinco minutos máxicos. 
Os cinco primeiros minutos logo do tempo de lecer serviron para pechar o encontro de xeito definitivo con Abelenda deixando clara a súa capacidade de cara a gol. E é que o ex do Racing de Ferrol fixo o seu primeiro gol cunha fermosa vaselina ante a saída de Pajarillo mentres que o segundo, terceiro para o equipo, chegou cun disparo dende fóra da área directo á escadra. Un golazo co que, ademais, quedou pechada a vitoria branquiazul. 
Con máis de media hora de partido por diante, o partido entrou nunha dinámica moito máis tranquila, con dominio total do esférico por parte dos nosos e escasos intentos de chegadas. Por contra, si que houbo que sufrir algunha que outra entrada perigosa, sempre castigadas con cartón amarelo. 

Superado o Noia, en cuartos espera o Bergantiños. Nova cita da Copa Deputación, contra un rival sempre duro, e que de novo será en San Lázaro, con horario aínda por confirmarse.

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas, Uña, Naveira (Sergio Pereira, min. 46); Samu (Mon, min. 62), Remeseiro (Ube, min. 72); Miki (Rubén, min. 72), Santi, Brais Abelenda (Josiño, min. 76); e Aythami. 
CARTÓNS: Amarelo para Uña. Expulsado Santi por dobre amoestación.
GOLES: 1-0 31' Miki, 2-0 46' Brais Abelenda, 3-0 50' Brais Abelenda.
CAMPO: San Lázaro.

Primeira caída

O Compos sumou, na Escravitude, a súa primeira derrota da pretempada. Na primeira cita dunha longa fin de semana, con dous encontros en 24 horas, o cadro dirixido por Yago Iglesias pouco, ou máis ben nada, puido facer diante dun Pontevedra que se amosou superior durante os noventa minutos, sobre todo de cara á porta.


Pensando algo máis no encontro de mañá, que supón ademais a estrea do novo equipo en San Lázaro, o equipo saltou coa novidade de Piscu no once titular. Xunto a el, outras tres das novas incorporacións que tampouco foron quen de facer fronte a un Pontevedra que se adiantou aos seis minutos grazas a un gol de Churre logo dunha falta lateral botada por Javi López. 
A superioridade granate levouse, sobre todo, á efectividade. E é que só chegaron á porta defendida por Anxo, que se enfrontaba contra o seu ex equipo, en dúas ocasións durante os primeiros corenta e cinco minutos marcando dous goles, o segundo cun disparo potente dende fóra da área de Kevin Presa ante o que puido facer o gardamallas branquiazul. 
Durante a segunda metade as oportunidades foron para os nosos, que non foron quen de bater ao porteiro pontevedrés. E quen perdoa as acaba pagando. De novo os erros custaron unha oportunidade para os nosos que recibiron o golpe definitivo das botas de Romay logo dunha boa xogada individual de Kevin Presa. 

E mañá máis e mellor. Ás 20 horas recibiremos en San Lázaro ao Noia nos oitavos de final da Copa Deputación sendo, ademais, á primeira ocasión na que se poida ver ao equipo en Santiago despois de tres citas.  

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Queiruga, Piscu, Sergio Pereira; Samu, Ube; Josiño, Vilariño, Rubén; e Aythami. Tamén xogaron: Mon, Santi, Uña, Casas, Naveira, Remeseiro, Abelenda e Miki.
CARTÓNS
GOLES: 0-1 6' Churre, 0-2 29' Kevin Presa, 0-3 84' Romay.
CAMPO: Novo Campo do Doce. 

Calor e fútbol

Nesta vaga de calor que estamos a pasar en Galiza, nada mellor para combatilo que ver fútbol. De feito, para esta fin de semana temos dobre cita co Compos contra dous rivais de bo nivel que de seguro obrigarán aos nosos a dar o mellor sobre o verde.
O sábado, para abrir a fin de semana do mellor xeito, 'II Torneo Vila de Padrón' na Escravitude contra o Pontevedra mentres que o domingo teremos unha nova cita coa Copa Deputación no primeiro encontro dos nosos en San Lázaro contra un Noia que chega logo de golear na pasada eliminatoria. Dobre agasallo para preparar unha tempada que se presume moi complicada.


Outro Segunda B.
Despois de superar ao Coruxo en 45 minutos, no Triangular de Praíña, toca superar outra proba importante contra un rival de superior categoría, nesta ocasión en noventa minutos. Diante, un rival que chega despois de tres citas de gran nivel con rivais de, como mínimo, Segunda división B.
Arrincaron os amigables de pretempada o 21 do pasado mes de xullo, dous días antes de que os nosos comezasen a traballar, en Avilés contra o Sporting de Xixón, partido que empataron a un gol diante dun rival que loitou ata o final polo ascenso á Primeira división a pasada tempada. Días despois, coincidindo co Día de Galiza, recibiron en Pasarón ao Lugo nun encontro que, de novo, rematou con empate a un gol decidíndose o trofeo na quenda de penaltis, onde gañaron os granates. E a última cita ata o momento foi un triangular contra Celta B e Rápido de Bouzas no que gañaron aos primeiros e empataron contra os segundos.

Segunda cita no torneo.
O Compos xa sabe o que é pisar o campo do Doce, na Escravitude, para xogar o 'Torneo Vila de Padrón', que este ano presenta a súa segunda edición. Na primeira, os de Yago Iglesias superaron sen apenas problemas ao Negreira con goles de Álvaro Casas, Alex Ares, Mon, Primo e Ube superando ata dous resultados adversos.

Estrea con goleada.
Cambiando de rival e día, o Noia estreouse con goleada a pasada fin de semana na Copa Deputación. Despois da derrota fronte ao Ribadumia e a goleada ao Cordeiro, chegou a quenda do Flavia. O equipo padronés non foi rival para os noieses caendo por 2 goles a 6 grazas ao acerto de Quintairos, autor de tres tantos, Nando con outros dous e Ander, que pechou a goleada.
Estamos a falar, ademais, do equipo que deixou aos nosos fóra da competición á primeira de cambio. Con só noventa minutos de xogo na Copa Deputación, un gol de Adrián Abelenda no minuto 1 de partido foi suficiente para eliminar a un equipo que remataría o curso de xeito inmellorable.

Dobre ración.
O sábado comezamos a fin de semana co encontro ante o Pontevedra no Campo do Doce, na Escravitude. As entradas terán un prezo de 5 euros para os socios do clube padronés mentres que serán 8 euros para o resto de afeccionados. Dará comezo ás 19 horas e o cadro anfitrión anunciou sorpresas, motivo polo que non se poderá perder esta nova cita dos nosos.
Por contra, o domingo volve o fútbol a San Lázaro. O teatro branquiazul abrirá as súas portas por primeira vez dende a derrota contra o Salmantino. O encontro será ás 20 horas e o prezo das entradas será de 5 euros para maiores de 18 anos, mentres que os menores terán a entrada ao partido de balde.

As fichaxes funcionan de marabilla

O Compos asinou o pase aos oitavos de final da Copa Deputación nun partido onde foi claramente superior ao rival, o Puebla. Noventa minutos onde a efectividade non se fixo presente, sobre todo no primeiro tempo, mais o equipo conseguiu un triunfo cómodo grazas aos acertos de Marcos Remeseiro, Josiño Filgueira e Brais Abelenda, asinando máis goles por parte das novas pezas, despois do feito por Miki Villar o pasado sábado contra o Coruxo. 


Faltou acerto. 
Contra un Puebla inferior, que pouco puido facer para evitar unha goleada. Aínda así, logo dun aviso que puido evitar Lorenzo, o gol non chegou durante os primeiros corenta e cinco minutos con Aythami buscando abrir a súa conta particular coa camisola branquiazul, un gol que, de novo, se fai de rogar. 
Ás do canario hai que engadir tamén as oportunidades de Mon, cuxo tiro saiu por enriba da portería, e outra de Rubén, cun disparo cruzado que non entrou por milímetros. Non obstante, a ocasión máis clara foi un gol mal anulado aos nosos por un suposto fóra de xogo cando a pelota chegada dos pés dun contrario.

Os trocos melloraron o encontro.
Na segunda metade, máis do mesmo coa diferenza de que nos cinco trocos realizados nos vinte primeiros minutos entraron os tres xogadores que, por sorte, si conseguiron ver portería certificando o pase aos oitavos nos intres finais do enfrontamento. De feito, catro dos recén entrados ao terreo de xogo fabricaron o primeiro gol.
Un roubo de Samu no centro do campo, unha parede con Josiño, cesión para Santi e asistencia para Remeseiro. O primeiro gol do Compos na Copa Deputación, cun final fermoso despois dunha gran xogada en equipo na que interviron dúas das novas fichaxes. 
E é que os novos parecen ter collido o ritmo ben ao fútbol dos nosos. Como mostra, unha posible asistencia de Josiño Filgueira para Santi, que non foi quen de ver porta por moi pouco, e unha ocasión de Brais Abelenda que sacou baixo paus un defensa despois de superar ao porteiro cun caneo. 
Protagonista da anterior xogada, o ex do Racing de Ferrol tamén participou no segundo gol cunha gran asistencia cun pase da morte para Josiño Filgueira, que non perdoou marcando a pracer case sen tempo posible para unha reacción local que nunca chegou. E marcou o terceiro batendo ao porteiro no man a man pechando unha actuación moi notable en algo menos de media hora que tivo sobre o terreo de xogo. 

Agora, o equipo terá que preparar a cita do sábado contra o Pontevedra na Escravitude, no 'II Torneo Vila de Padrón', ademais do encontro de oitavos desta mesma competición contra o Noia.

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Casas, Uña, Sergio Pereira; Ube (Remeseiro, min. 54), Mon (Samu, min. 54); Alex Ares, Miki Villar (Josiño Filgueira, min. 64), Rubén (Abelenda, min. 64); e Aythami (Santi, min. 64). 
CARTÓNS: -.
GOLES: 0-1 69' Remeseiro, 0-2 82' Josiño Filgueira, 0-3 90' Abelenda.
CAMPO: Da Alta.

Entran os grandes

A Copa Deputación segue o seu transcurso e chega a hora dos grandes. Os equipos da Segunda B, no caso do Fabril, e Terceira galega entran en acción o vindeiro mércores con partidos interesantes entre os que destacar o que xogarán os nosos na Pobra do Caramiñal fronte a un recén ascendido á Preferente norte. Será, ademais, o segundo ano consecutivo no que os nosos visiten o Campo da Alta.


O Bertamiráns, superado. 
O Puebla entrou na competición enfrontándose a un duro Bertamiráns que non deixou as cousas nada doadas malia non contar co seu equipo titular, xogando con varios futbolistas da base. Un partido non exento de polémica no que os pobrenses chegaron a poñerse 0-3 no marcador cumprida a hora de xogo. Non obstante, o cadro local buscou manterse con opcións grazas a dous goles en menos de dez minutos e que os deixaban, cun cuarto de hora para o final, a un gol dos penaltis. Non obstante, as esperanzas amesás duraron non máis de dous minutos, coa chegada do cuarto gol visitante, obra de Jorge Viturro asinando así o seu terceiro gol na súa conta particular e o pase dos seus á seguinte fase da competición.
Foi un partido no que, ademais, se enfrontaron dous ex xogadores da base branquiazul: Silva no Bertamiráns e Aguado polo Puebla, equipo que prepara o ex adestrador da Esedé Anxo Casalderrey.

Segundo ano consecutivo. 
O pasado verán, o Compos visitou tamén a Pobra do Caramiñal. Un partido correspondente ao Trofeo Conde de Fenosa e que os nosos trouxeron cara á capital grazas a unha vitoria pola mínima con goles de Tomás e o xuvenil Yago, remontando así o gol inicial asinado por Viturro.
Por contra, será a primeira ocasión na que se vexan as caras na Copa Deputación logo da eliminación do Puebla a pasada tempada a mans do Noia, que días despois remataría co camiño dos nosos na competición na primeira oportunidade.

Primeira competición.
Despois do Triangular de Praíña, no que os nosos deixaron moi boas sensacións, chega a primeira proba importante na que Yago terá que buscar o seu primeiro once titular para os noventa minutos despois do bo facer das novas fichaxes en Pontevea. Un partido no que ver, tamén, o estado físico dos nosos logo de semana e media de preparación.

Sen moitas sorpresas. 
Sen equipos da Terceira na competición, as posibles maiores sorpresas foron a eliminación nos penaltis do Órdenes a mans do Flavia despois do 3-3 nos 90 minutos. Ademais, no lado do cadro polo que vai o Compos, hai que falar do pase do Arzúa, que se enfrontará ao Bergantiños, e do Eume Deportivo, que fará o propio fronte ao Laracha.
En oitavos, o gañador do Puebla-Compos terá que xogar contra o vencedor do Flavia-Noia.

Primeiro, entre semana. 
O partido está marcado para o 1 de agosto, mércores, ás 19:30 horas, horario xa oficial, no Campo da Alta. Para este encontro, ao igual que no resto da competición, as entradas terán un prezo de 5 euros para maiores de 18 anos e de balde para menores de idade.

Primeira proba máis que superada

O Compos volveu de Pontevea como campión do Triangular de Praíña por segundo ano consecutivo. O equipo de Yago Iglesias, que superou ao Arosa dende os once metros, dominou totalmente o segundo encontro fronte ao Coruxo gañando pola mínima cun equipo formado por todas as novas incorporacións, sendo un posible equipo titular de cara á vindeira tempada. 


Os penaltis rachan a igualdade. 
Co Arosa algo máis atacante, con Sylla como xogador máis destacado, o Compos non puido case pasar dun centro do campo onde se pasou gran parte dos corenta e cinco minutos. Ademais, quedou claro que Uña segue en plena forma salvando todos e cada un dos intentos dos vilagarciáns por poñer en perigo a portería defendida por Lorenzo.
O primeiro encontro, no que non houbo ocasións de perigo en ningunha das dúas porterías, destacou sobre todo pola presenza no terreo de xogo de Queiruga, Víctor Vilariño e Marcos Mella acompañando a xogadores xa coñecidos coma Rubén ou Alex Ares, autor do primeiro gol de penalti. 
Dende os once metros, un ex branquiazul foi unha das pezas importantes para acadar o primeiro triunfo. E é que, despois de dous penaltis marcados por cada equipo, Manu Rodríguez estreouse coa camisola arlequinada na súa segunda etapa perdoando ante Lorenzo. Non obstante, Uña tampouco foi quen de atinar co seu lanzamento e tivo que ser o porteiro padronés o que rematase coa igualdade parando a quinta pena máxima arousá.

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio Pereira, Uña, Queiruga, Víctor Vilariño; Ube, Mon; Alex Ares, Marcos Mella, Rubén; e Santi. 

O Coruxo, moi superior.
O Coruxo non precisou máis de vinte minutos para desfacerse do Arosa no segundo partido do triangular. O equipo vigués, coas súas mellores figuras sobre o terreo de xogo, non perdoou nada ata poñerse no marcador cunha vantaxe de tres goles. Superiores en tódalas liñas do terreo de xogo, baixaron o ritmo xa sen risco de perder o encontro. Aínda así, o Arosa seguiu sendo inferior ao cadro verde, que mantivo a diferenza importante ata o final. 

Imaxe inmellorable. 
E só minutos despois de golear aos de Vilagarcía, o Coruxo, cun equipo totalmente diferente, caeu fronte a un Compos con só cinco días dende o primeiro adestramento e un equipo inédito ata o momento, coa seis incorporacións sobre o terreo de xogo ás que engadir a Queiruga, que repetiu no once titular xogando varios minutos dando entrada a Uña para manter o marcador contra un rival case incapaz de poñer en problemas a Anxo. 
Con maior poder no terreo de xogo ca no primeiro encontro, o gol chegou cun pase en profundidade de Brais Abelenda, dono da zona de creación. A pelota chegoulle a Miki Villar e este non perdoou coa zurda ante a saída do gardamallas. Un gol para estrearse o de Nigrán e que, media hora despois, suporía a consecución dun novo trofeo.

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Álvaro Casas, Queiruga (Uña), Naveira; Samu, Remeseiro; Miki Villar, Josiño Filgueira, Abelenda; e Aythami.
GOLES: 1-0 13' Miki Villar.

Superada a primeira proba para os nosos, na tarde do domingo coñeceremos ao seguinte rival nesta pretempada. Bertamiráns ou Puebla recibirán aos nosos o vindeiro mércores nos oitavos de final da Copa Deputación da Coruña, na estrea dos nosos na competición. 

Comezamos!

O Compos, que adestra en Conxo dende o pasado luns, terá este sábado a súa primeira proba nesta pretempada nun triangular que xa está a ser un fixo nos plans do cadro branquiazul. Pontevea acollerá un ano máis, na súa novena edición, aos nosos nun torneo onde se medirán a Arosa e Coruxo, outro dos fixos neste triangular organizado polo Praíña Sporting Clube.

Un amor de verán.
Por quinta vez, a Esedé participará nun torneo que está a ser un fixo nos plans de verán para preparar as tempadas e dar a coñecer as novas caras preto da capital. Os de Yago Iglesias estiveron por primeira vez alá polo verán de 2012, cando se enfrontaron a Fabril e Pontevedra sen conseguir máis que dous empates, nunha edición na que non houbo triunfos e que se levou o cadro granate grazas á diferenza de goles.
En 2014, con Iñaki Alonso no banco, os rivais neste triangular foron Cerceda e Coruxo e, de novo, os nosos non foron quen de conseguir o triunfo nos 45 minutos asinando outros dous empates, e a vitoria dende os once metros fronte aos do Roxo.
Por contra, o noso equipo non puido estar en 2015 nun triangular no que estaba convidado mais ao que non axudaron as datas. A Copa Deputación, cuxa segunda rolda coincidía coa visita ao Campo de Reis, fixo que os nosos non se puideran medir a Coruxo e Somozas.
Fronte os mesmos equipos aos que se enfrontaría o ano anterior, en 2016 o Compos volveu a Pontevea para gañar en penaltis ao Somozas, despois dun empate nos 45 minutos regulamentarios, e perder pola mínima fronte ao Coruxo pensando unha vez máis na Copa Deputación.
E chegamos a 2017. Unha tempada para o recordo que comezou cos nosos enfrontándose a Céltiga e Cerceda e que nos deixou un bo sabor de boca neste triangular, gañado polos nosos. 2-0 fronte aos dous equipos e unha imaxe inmellorable dos de Yago Iglesias con Sobrido anotando un gol por partido e demostrando a súa fame de cara a gol.

Un vello coñecido.
No verán no que algúns ex branquiazuis están a voltar á terra, hai que falar dunha das incorporacións do Arosa co que buscarán mellorar o feito o pasado curso. Trátase de Manu Rodríguez, centrocampista que deixou moi boas sensacións nos catro anos que vestiu a camisola branquiazul e coa que acadou dous ascensos consecutivos, chegando en Preferente e marchando en Segunda B para voltar meses despois coa intención de evitar un descenso máis que esperado.

Os vigueses chegan mellor. 
Hai quince días que o Coruxo arrincou a súa pretempada sumando xa tres citas nas que os resultados non foron o mellor. Comezaron con derrota en Melgaço, Portugal, fronte ao Boavista, da máxima categoría do fútbol luso, e puideron mellorar o rumbo nun triangular no que superaron ao Caselas a penaltis e ao Celta B no tempo regulamentario facéndose co primeiro posto. De volta ao camiño da derrota, non puideron superar ao Ourense CF, que gañou pola mínima grazas a un gol de Tomás dende os once metros.
Pola súa parte, o Arosa chegará tamén sen minutos de xogo logo de arrincar os adestramentos o pasado luns.

Horarios e prezo.
O sábado, o Juan Amado de Pontevea, antes coñecido coma Campo de Reis, abrirá as súas portas para acoller un triangular que comezará ás 18:30 horas co enfrontamento entre Compos e Arosa. Os vilagarciáns pecharán a súa participación unha hora máis tarde, diante do Coruxo, e os nosos volverán ao campo ás 20:30 horas para medirse ao equipo vigués. A entrega de trofeos será ás 21:30.
O prezo das entradas será de 6 euros por persoa e o 10% dos cartos recaudados irá para a Fundación sen ánimo de lucro ASPAMITE.
Quen, por contra, non poida achegarse á vila teense, poderá seguir o triangular nas diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter.

Outra cita confirmada.
Presente no 'I Torneo Vila de Padrón' no que os nosos se enfrontaron ao Negreira o pasado verán, o Compos estará tamén na segunda edición na que se medirá ao Pontevedra o sábado 4 de agosto ás 19 horas. De novo será na Escrativude, no Novo Campo do Doce, e será a terceira cita branquiazul logo da estrea na Copa Deputación ante un rival aínda por coñecerse.

Pontevea, parada obrigatoria


Un ano máis, o Compos estará este verán en Pontevea. O primeiro amigable confirmado, como xa ven sendo habitual, foi o triangular que se xogará neste mes de xullo no Campo de Reis, no concello de Teo. Un torneo que chega este ano á súa novena edición e que contará con equipos importantes da talla de Compos ou Arosa, da Terceira división, ademais do Coruxo, da Segunda B. 
O cadro de Yago Iglesias, agora mesmo con 15 xogadores confirmados, terá unha tan dura como fermosa cita o 28 deste mes de xullo en Pontevea. O triangular organizado polo Praíña e que contará con dous equipos da parte alta da clasificación da Terceira e un da categoría de bronce, será a cuarta ocasión na que vexa aos nosos en acción, terceira de xeito consecutivo. 
Foi no 2012 cando se puido ver aos nosos sobre o terreo de xogo do Campo de Reis por primeira vez, nun triangular fronte a Pontevedra e Fabril no que os nosos non puideron facer máis que sacar dous empates. Invitados en 2015, a Copa Deputación fixo que non houbera datas dispoñibles para os nosos mentres que no 2016, Somozas e Coruxo foron os rivais con empate fronte aos primeiros e derrota contra os vigueses. E o pasado verán, Céltiga e Cerceda foron os rivais dun Compos que se desfixo de ámbolos dous equipos con dous goles por partido e Sobrido amosando a súa capacidade de cara a gol con dous tantos. 
Con respecto a esta edición, só se coñece a data, sábado 28 de xullo, mais aínda non se sabe nin o horario de comezo nin a orde dos encontros, así como o prezo das entradas.