O Compos fíxose por cuarta vez na súa historia coa Copa Deputación da Coruña despois dun partido cheo de emoción, con ocasións perigosas por parte dos dous equipos e goles. Non faltou á cita tampouco a polémica, cun gol anulado aos nosos e a posibilidade de invalidar o tanto ferrolán, co que empataban a Final no tempo engadido. Con todo isto, houbo que chegar aos penaltis onde ata os porteiros tiveron que amosar a súa calidade cos pés, sendo Lorenzo o encargado de anotar o gol definitivo co que se asinaba o triunfo.
Primeira metade de tanteo.
Os primeiros corenta e cinco minutos foron de tanteo, sen querer arriscar por parte de ningún dos dous equipos. Con oportunidades sen moita puntería sobre as dúas porterías, as defensas mandaron sobre o resto con Álvaro Casas e David Uña deixando sen opcións aos atacantes ferroláns, entre os que se atopaba un Joselu que non foi quen de probar a Lorenzo.
As mellores oportunidades do primeiro tempo, aínda que sen moito risco, chegaron do lado santiagués. Porén, o gol chegou sen previo aviso, como resposta a un disparo de Marcos Álvarez que petou no pau, coa sinatura dun gran Alex Ares logo dun roubo de Santi. Un gran gol a cinco minutos do tempo de lecer que deixaba tocado ao Racing de cara ao segundo tempo.
Superioridade sen premio.
No primeiro tempo o Racing gozou da mellor oportunidade para adiantarse e aínda así marchou a vestiarios por debaixo no marcador. Ao contrario ocorreu na segunda parte, na que os nosos levaron moito máis perigo e foi o conxunto verde o que rematou co premio do gol nunha xogada con polémica na derradeira ocasión de ataque do encontro.
Os segundos corenta e cinco minutos foron de dominio e ataque dun Compos que non puido demostrar a efectividade coa que chegou a esta Final. Con Brais Abelenda como protagonista das mellores chegadas, Miki Villar e Saro asinaron as mellores oportunidades sobre a porta defendida por Diego Rivas. Ademais, ao primeiro anuláronlle un gol porque, supostamente, a pelota saiu por liña de fondo no control de Sergio Pereira.
E se a polémica chegou nun lado, non foi menos no outro. Xa no tempo engadido, córner a prol do Racing, que semellaba saque de porta, rematou en gol de Juan Antonio con posible falta sobre Saro que non sinalou o colexiado. Unha desas oportunidades nas que aparecería o VAR.
Ata os porteiros.
Co empate no final do tempo regulamentario e a falta de prórroga, houbo que chegar a unha quenda de penaltis na que tiveron que probar sorte tamén os porteiros, logo de chegar aos once tiros. Como resumo, polos nosos anotaron Ube, Remeseiro, Casas, Saro, Abelenda, Uña, Sergio e Lorenzo mentres que Mon, Josiño e Naveira non puideron anotar os seus respectivos penaltis.
Cuarto trofeo.
Despois de 1990, 2012 e 2013, o Compos fíxose co torneo estival da Deputación coruñesa sendo, agora si, o segundo equipo con máis títulos nas vitrinas, só superado polo cadro departamental. Sen dúbida, unha maneira inmellorable de arrincar unha nova tempada chea de esperanza.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio Pereira, Casas, Uña, Naveira; Samu (Ube, min. 74), Remeseiro; Miki (Josiño, min. 83), Ares (Mon, min. 89), Abelenda; e Santi (Saro, min. 71).
CARTÓNS: Amarelos para Santi, Alex Ares e Sergio Pereira.
GOLES: 0-1 40' Alex Ares, 1-1 90' Juan Antonio.
PENALTIS: 0-1 Ube, 0-2 Remeseiro, 1-2 Juan Antonio, 2-2 Luis, 2-3 Casas, 3-3 Sergio Otero, 3-4 Saro, 4-4 Seoane, 4-5 Abelenda, 5-5 Miguel Villarejo, 5-6 Uña, 6-6 Sanmartín, 6-7 Sergio Pereira, 7-7 Catú, 7-8 Lorenzo.
CAMPO: O Roxo (Cerceda).

Ningún comentario:
Publicar un comentario