Amosando publicacións coa etiqueta Liga 13 14. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Liga 13 14. Amosar todas as publicacións

O Compos despídese con outra derrota

O Compos non puido tampouco coa UD Logroñés en Las Gaunas nun partido nos que os de Fredi tiveron ocasións suficientes na primeira metade para levarse os tres puntos. A segunda metade, acusando o esforzo feito nos primeiros corenta e cinco minutos, foi para o que máis o buscou. Os rioxanos provocaron máis perigo e leváronse a vitoria grazas a un gol de penalti e un testarazo a cinco minutos para o final. O mellor do encontro foron os debuts de Lucas e Mateo. 
Un encontro moi disputado na primeira metade con tres partes. Primeiro, os dous equipos repartíronse o dominio, non crearon perigo e buscaron as ocasións a base de balóns en longo sen crear xogo. O Logroñés tomou o manexo do partido e, agora si, tiveron ocasións moi perigosas sobre a porta de Lorenzo, titular nesta fase final do campionato. Sen embargo, os locais non tiveron a sorte precisa para facer o primeiro coas numerosas chegadas polas bandas.
E nos últimos vinte minutos da primeira metade, o dominador foi o Compos. Unha ocasión de Nacho coa que non puido superar ao porteiro abriu a veda sobre a portería local. O perigo chegou á porta defendida polo Logroñés con Nacho como xogador máis adiantado substituindo a Joselu, que quedou no banco por primeira vez no que vai de tempada. Jacobo tamén puido facer o primeiro pero chegouse ao descanso sen goles por parte de ningún equipo.
Na segunda parte, o Compos mantivo o guión de tódolos partidos lonxe da casa esta tempada. Nun ano un tanto atípico, o equipo mantivo os problemas para adiantarse e o Logroñés tomou o control do esférico provocando serio perigo sobre a porta de Lorenzo.
As poucas esperanzas de acabar a liga coa primeira vitoria a domicilio remataron aos vinte minutos co gol do Logroñés de penalti. Un gol que rematou co Compos, que xa non tivo máis ocasións claras de perigo durante os vintecinco minutos restantes, que serviron para ver dous debuts. 
Aumentando o descanso de Joselu, Fredi decidiu que o substituto de Nacho esta vez fora Peláez e sorprendeu regalando minutos a Lucas, xuvenil do equipo sacando do terreo de xogo a Lorenzo, igual que o fixo en Cieza con Christian. Ademais, Mateo ocupou o posto de Diego Rey nos últimos minutos. 
Pola súa parte, a falta de cinco minutos para o final, Goñi finiquitou a vitoria rioxana cun testarazo tras un centro chegado pola banda. 
Nova derrota do Compos e a pensar na vindeira tempada, a que podería rematar co ascenso a Segunda. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo (Lucas, min. 74); Borja, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Fondevila, Manu Rodríguez; Jesús, Jacobo, Diego Rey (Mateo, min. 84); e Nacho (Peláez, min. 73).
CARTÓNS: Amarelos para Jacobo, Manu Rodríguez e Fondevila. 
GOLES: 1-0 65' Omar Chamadoira, 2-0 85' Goñi.
ESTADIO: Las Gaunas. 

Á derradeira chegará a vencida?

O Compos terá este domingo a derradeira oportunidade de alcanzar a primeira vitoria lonxe de San Lázaro esta tempada. Chega o fin da tempada regular cun partido nun esceario tan especial como é Las Gaunas. Un partido sen nada en xogo máis que esa ocasión de volver a Santiago cos tres puntos por primeira vez desde que en setembro comezou a liga. 
Diante estará a UD Logroñés. Un equipo creado, ou máis ben refundado, en 2009 recibe por primeira vez á SD Compostela para despedir unha tempada na que os dous equipos lograron o obxectivo da permanencia. Os rioxanos están salvados e cinco puntos por enriba da SD Logroñés, equipo en promoción de descenso, e a só un punto da undécima praza, que ocupa o Compos. Sen embargo, o equipo de Logroño non será un rival fácil de superar. Con 43 puntos conseguidos ata o de agora só optan como máximo ao posto que agora ocupa a Esedé. Ademais, trátase do equipo menos goleador con 31 puntos ata o momento. En canto aos encontros da casa, suman 28 puntos con 7 vitorias, 7 empates e 4 derrotas, 21 goles a favor e 15 en contra en 18 partidos. 
O único antecedente foi o partido de ida onde o Compos gañou aos rioxanos por 2 goles a 0 asinados por Joselu e Jordan. 
En canto ás baixas, Fredi non poderá contar con Adrián, Germán, Gonzalo, Jordan, Yahvé, Santi Taboada, Jorge, Fran Pastor nin Julen. Pola contra, na convocatoria de 16 xogadores entran Lucas, Mateo e Ander, das categorías inferiores. 
O encontro será este domingo ás 18 horas e non será televisado. 

Tropezón e permanencia

O Compos non puido despedirse esta tempada de San Lázaro cunha nova vitoria ante o Tropezón nun encontro onde chegou a permanencia matemática, despois de lograr fai xa unhas semanas a virtual. Un partido onde a Esedé tivo que loitar máis dunha hora cun xogador menos despois da expulsión de Germán, rigurosa. Sen embargo, unha vez máis, Joselu apareceu para acabar cos problemas e facer os dous goles locais. Ademais, o dianteiro de Palmeira igualou a cifra de goles anotados a pasada tempada entre liga e promoción. 
A primeira metade tivo unha clara cor branquiazul. Baixo altas temperaturas, os locais puxeron o fútbol e as ocasións ante un equipo que saiu a defender e agardou moi preto da súa área a que o Compos buscase adiantarse no marcador. E na primeira contra que puideron gozar os cántabros, Germán frea a un rival na frontal da área e o árbitro, sen dubidar, expulsa ao central ourensán. Un golpe que acusou a defensa na segunda metade. 
A mellor defensa é un bo ataque e así afrontou o equipo a expulsión ata o descanso. E ninguén mellor que Joselu, a centro de Jimmy, para rachar a igualdade no marcador a dez minutos para o final da primeira metade. Un gol esperanzador para pensar que esta podería ser a derradeira vitoria da tempada na casa, unha gran despedida ante un rival que non quixo poñer nada fácil. 
Na segunda metade máis do mesmo. O equipo quixo pechar o marcador o antes posible e aos sete minutos chegou o segundo da tarde, tamén de Joselu pero esta vez a pase de Manu Rodríguez. Segundo gol e a sentencia parecía chegar a falta de media hora a pesar de xogar cun menos. 
Sen embargo, o Tropezón meteu unha marcha máis ao encontro con moito que gañar e nada que perder. E só cinco minutos máis tarde chegou o primeiro gol dos cántabros aproveitando un erro da defensa. Un gol que non provocou cambios no xogo e que puido sucederse con dous goles máis do Compos, que non chegaron por moi pouco. 
E de novo, o perdón levou ao Compos a recibir un gol máis, a novena vez que o equipo comeza gañando e acaba sen sumar os tres puntos. Perujo asinou o empate nun gran momento do Tropezón e a Esedé comezou un final de partido onde tiveron que pedir a hora.
Finalmente, empate e grazas para manterse na Segunda B unha tempada máis. Agora a pola primeira vitoria lonxe de San Lázaro en Las Gaunas e a pensar na vindeira campaña con máis tempo que o ano pasado.

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Borja, Castiñeiras, Germán, Jimmy; Gonzalo, Fondevila (Jorge, min. 29); Jordan (Manu, min. 44), Peláez (Diego Rey, min. 65), Jacobo; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Jacobo. Expulsado Germán por cartón vermello directo. 
GOLES: 1-0 36' Joselu, 2-0 52' Joselu, 2-1 58' Dorronsoro, 2-2 74' Perujo. 
ESTADIO: San Lázaro. 

E á undécima chega o Noja

Dez partidos sen perder, o Compos chega á casa do colista e non suma nin sequera un punto. Moi mal partido dos de Fredi e mantense a curiosa, por dicilo dalgunha maneira, mala sorte do equipo lonxe de San Lázaro, onde non gañaron nin a un equipo que levaba sen sumar os tres puntos desde a primeira xornada da tempada. Joselu, unha vez máis, fixo o gol para a Esedé desde o punto de penalti. 
Moi mal partido dun equipo que está, a pesar de lograr a permanencia, pasando por un mal momento institucional en canto á economía e os pagos aos xogadores. O equipo non puido facerse co balón na primeira metade e o Noja aproveitouse para marcar na primeira ocasión que tiveron, tras unha contra, por obra de Ricki.
Un gol inesperado e que o equipo non soubo superar. Os de Fredi non crearon nin unha soa ocasión de perigo en toda a primeira metade e só Joselu, en dúas ocasións e con dous disparos moi frouxos, probou ao porteiro do Noja. Pola súa parte, os cántabros buscaron defender con todo e poder rematar cun bo resultado despois de máis de vinte xornadas sen gañar.
A segunda metade comezou con outro mazazo. Sen case tempo para pensar que comezara a segunda metade, o Noja puxo o segundo no marcador. Sen embargo, o Compos non mellorou nin o máis mínimo. Nada de perigo sobre a porta contraria, sen ideas e cun dominio inútil.
Pero por sorte, a dez minutos para o final do encontro, Joselu puido gozar da mellor ocasión do encontro. Penalti a prol do Compos e o de Palmeira non perdoa confirmándose como o máximo goleador do fútbol nacional, aumentando a súa hexemonía na Segunda B e abrindo as portas de equipos de categorías superiores de cara á vindeira tempada.
Nos últimos minutos, o Compos mantivo o dominio claro gozando de boas ocasións pero perdoando unha vez máis o gol do empate co que mantería a xeira de resultados. Definitivamente, á undécima chegou a definitiva e toca pensar xa no derradeiro partido da tempada en San Lázaro ante o Tropezón.

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Borja, Castiñeiras (Nacho, min. , Catú, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez (Julen, min. ), Jordan, Peláez, Diego Rey (Jacobo, min. 63); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Borja Facal.
GOLES: 1-0 13' Ricki, 2-0 50', 2-1 79' Joselu.
ESTADIO: La Caseta.

A permanencia a tres puntos

O Compos ten xa pé e medio na Segunda B a vindeira tempada despois dunha nova vitoria ante o Burgos, ao que supera no enfrontamento particular despois do 3-1 da ida favorable aos burgaleses. Joselu, que mantén o seu pulso con Diego Costa por ser o máximo goleador español do fútbol nacional, sumou dous goles máis na súa conta, que ascende aos 27 tantos superando xa a súa marca da tempada pasada, e Manu Rodríguez pechou os tres puntos ante un equipo inofensivo.
O décimo partido sen perder da Esedé comezou co Burgos querendo o balón e achegándose á porta de Adrián cunha falta perigosa que non pasou a máis. Sen embargo, na primeira que tivo o dianteiro de Palmeira, tras unha gran asistencia de Diego Peláez despois da primeira carreira maxistral de Diego Rey pola banda esquerda, un perigo constante desfacendo á defensa visitante. 
O máis complicado xa estaba feito. O Compos xa gañaba a un equipo anulado totalmente e con grandes erros en defensa permitindo todo aos locais, que non precisaron máis de dez minutos para facer o segundo e tranquilizar un pouco un encontro que podería rematar en goleada. Para o segundo, tamén obra de Joselu, o asistente foi Gonzalo cun centro que deixou ao dianteiro só diante do porteiro, ao que superou sen problemas. 
Dous goles de diferenza pero coa mente posta no empate recibido ante o Sporting B despois de sumar a mesma distancia. Ademais, o partido estaba para que chegase un terceiro gol moi cedo. O Compos era moi superior ante un Burgos sen ideas, un xoguete nas mans dos xogadores branquiazuis. E as ocasións sucedéronse sobre a porta defendida por Aurreko, que non foi capaz de evitar o terceiro da noite superada a media hora de xogo. 
Terceiro gol e terceira intervención de Joselu. Diego Peláez comezou a xogada cun pase para o dianteiro e este cedeu o balón para Manu Rodríguez, que superou ao porteiro vasco cun disparo dentro da área sentenciando así un encontro que non tivo máis conto e que achega ao Compos non só á permanencia senón tamén á zona media alta da táboa, seguinte obxectivo dos homes de Fredi para os tres partidos que restan da tempada a só dous puntos do oitavo clasificado, o Ourense.
A segunda metade non tivo nada destacable. O Burgos puido gozar máis da posesión do esférico pero mantendo constantes erros á hora de superar a unha defensa segura que non tivo problemas para evitar que o perigo chegase á porta de Adrián. Ademais, o Compos puido ampliar a conta á contra con boas chegadas de Joselu, moi activo os noventa minutos en busca dun novo 'hat trick'.
Finalmente, o equipo suma a décima xornada sen perder e firma a salvación matemática, aínda que podería caer ao posto de promoción de descenso, algo moi difícil de que ocorra. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Catú (Germán, min. 46), Castiñeiras, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez; Jordan, Diego Rey (Jacobo, min. 65), Diego Peláez (Yahvé, min. 76); e Joselu. 
CARTÓNS: Amarelos para Yahvé e Jordan. 
GOLES: 1-0 3' Joselu, 2-0 12' Joselu, 3-0 34' Manu Rodríguez. 
ESTADIO: San Lázaro. 1.100 siareiros. 

A permanencia, a tiro

Este sábado, o Compos terá un duro encontro en San Lázaro ante un equipo xa salvado e que podería loitar por algo máis nas derradeiras xornadas do campionato. O Burgos visita Santiago coa vista posta en superar ao Ourense na clasificación mentres que a Esedé quere pechar unha gran semana, na que puidemos coñecer os prezos máis que asequibles para os abonos da vindeira tempada, achegándose ao Sporting B, a catro puntos.
Undécimo contra noveno. Un partido importante da zona media coa permanencia en xogo, algo que podería chegar de superar ao Burgos, e despois dunha fin de semana de descanso. O Compos buscará a vitoria desde o comezo pero sen poder contar con Fran Pastor e Taboada, lesionados, ademais de Jesús, Julen, Jorge e Nacho por decisión técnica. Pola súa parte, Calderé, que non poderá estar no banco por sanción, non poderá contar con Carralero por acumulación de cartóns mentres que recuperará a Xavi Moré, un dos autores da eliminación do Real Madrid por parte do Valladolid no 2005.
Para este encontro, o Compos chegará despois dunha xornada de descanso. O Burgos, en cambio, chega despois de caer ante a SD Logroñés e de sumar catro partidos sen coñecer a vitoria. En canto ao partido da primeira volta, o equipo castelán levouse os tres puntos por 3 goles a 1, obra de Yahvé, ex xogador do Burgos. 
En canto ao equipo rival, acumulan 45 puntos despois de 13 vitorias, 6 empates e outras 13 derrotas. Só 34 goles a favor e 35 en contra con Abdón como máximo goleador do conxunto burgalés despois de sumar 9 dianas no que vai de tempada. Pola súa parte, loxe do Plantío, só sumaron 15 puntos en 15 partidos. Ademais, no que vai de segunda volta só lograron sete puntos lonxe da casa.
O encontro será este sábado en San Lázaro onde os afeccionados poderán retirar entradas ata as 13 horas a 2 euros tanto para tribuna como preferencia ou entrar gratis levando posta unha camiseta do Compos. 

Máis preto da permanencia

O Compos acumulou xa a novena xornada consecutiva sen perder nun partido onde foi, unha vez máis, superior. Un encontro no que puido gañar calqueira e no que Joselu volveu a marcar e iguala a Diego Costa, xogador do Atlético de Madrid, na clasificación de goleadores nacionais con 25 goles, algo ao alcance só dos máis grandes. Con este punto logrado, o equipo durmirá tranquilo e afrontará os catro partidos finais, despois dunha fin de semana de descanso, coa mente posta na permanencia, que podería chegar ante o Burgos en San Lázaro en quince días. 
O guión do encontro quedou exposto nos primeiros minutos do encontro. O Compos tería o esférico no seu poder mentres que o Oviedo, cunha presión moi alta, intentaría aproveitar erros e buscar crear perigo á contra. Os de Fredi gozaron de oportunidades para crear perigo con dous córners nos primeiros cinco minutos do xogo que ninguén soubo rematar. 
As ocasións, que pouco a pouco foron chegando, foron lideradas por Diego Peláez. O ex do Coruxo volveu ser o enlace entre o centro do campo e a dianteira surtindo numerosos pases a Diego Rey e Joselu, xogadores máis activos en labores ofensivas. Pola súa parte, Adrián só tivo que intervir nunha ocasión sen demasiado perigo na primeira media hora de xogo.
Pero como leva pasando toda a tempada, o equipo perdoa e despois págao moi caro. Unha posible falta sobre Jordan nun roubo no centro do terreo de xogo e contra rápida do equipo asturiano que remata cun disparo por baixo de Susaeta co que supera a Adrián. Un golpe inxusto na segunda chegada dun equipo que soubo xogar moi ben as súas cartas. 
A Esedé buscou unha reacción rápida pero exceptuando dous centros que non atoparon rematadores, antes do descanso o equipo non tivo máis opcións de igualar o resultado. 
Na segunda metade baixou o ritmo. O Compos mantivo o dominio pero o perigo sobre a porta defendida por Pol só chegou a balón parado cunha falta moi ben botada por Gonzalo. O equipo, sen embargo, non estaba tendo continuidade no xogo, algo que fixo respirar a un Oviedo que non puido crear ocasións tampouco.
Despois de moito perdoar, Joselu sacou unha das súas xenialidades para superar ao porteiro e facer o empate. Levouse o balón tras unha loita con dous defensas e driblou ao porteiro, que saiu en busca de quitarlle o balón ao de Palmeira antes de que o '9' branquiazul fixera o empate a porta baleira e sen demasiado ángulo.
Co empate, o Oviedo desapareceu por completo os vinte últimos minutos. O Compos pasou a dominar o encontro e ter opcións de sobra para firmar o segundo gol. Sen embargo, nas dúas ocasións máis claras, as dúas finalizadas por Joselu, non puideron rematar no fondo das redes. 
Finalmente, o Compos perdoou a un Oviedo que volverá a casa cun punto co que non poden manter o cuarto posto.

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús, Catú, Castiñeiras, Jimmy; Gonzalo, Manu (Fondevila, min. 58); Jordan (Julen, min. 79), Peláez (Jacobo, min. 68), Diego Rey; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Gonzalo, Jacobo e Jesús.
GOLES: 0-1 32' Susaeta, 1-1 71' Joselu.
ESTADIO: San Lázaro. 2500 siareiros aproximadamente. A mellor entrada da tempada.

A Primeira volve a San Lázaro

Se hai un partido que ninguén debería perderse é o deste sábado en San Lázaro. O Real Oviedo chega a Santiago nun momento irregular da tempada pero na busca de manter a súa superioridade lonxe do Carlos Tartiere. Un encontro complicado onde a afección, máis de mil entradas vendidas ata o momento para acompañantes de socios, será o xogador número doce, o que leve ao Compos ao noveno partido consecutivo sen perder. 
Os asturianos buscarán manterse entre os catro primeiros ata o final da tempada, á que lle restan cinco partidos para rematar. Unha tempada un tanto irregular por parte dos pupilos de Rober Robles, aínda que sendo o mellor equipo fóra de Oviedo. Cuartos con 49 puntos, 10 máis que o Compos, despois de sumar 14 vitorias, 7 empates e 10 derrotas en 31 partidos. Ademais, cabe destacar que a domicilio acumulan 8 vitorias e 2 empates en 16 encontros. En canto aos goles, os dous equipos están moi igualados. A favor sumaron 43, tres menos que a Esedé, e 35 en contra, catro menos. A nivel individual, Diego Cervero fixo 11 goles no que vai de tempada.
Sen embargo, a pesar da boa tempada asinada polos de azul, acumulan xa tres partidos consecutivos a domicilio sen coñecer a vitoria. Tres derrotas ante Zamora, Racing de Santander e Coruxo abren as portas ao Compos a unha nova sorpresa ante un dos grandes da categoría despois do feito ante o Racing de Ferrol fai só quince días. Unha mala serie de resultados dun equipo que se enfronta a outro que acumula xa oito encontros sen perder e que ademais é dos mellores da categoría como local. Como dato curioso, o Oviedo xogou tres partidos en Galiza esta tempada e de momento só conseguiron un punto en Barreiro caendo no Vao e no Couto.
En canto ás baixas, Rober Robles só contará coa de Susaeta, dúbida ata última hora. Pola súa parte, Fredi non poderá contar con Borja Facal e Santi Taboada por sanción e Fran Pastor e Yahvé por lesión.
Tendo en conta os antecedentes, o Oviedo visitou San Lázaro en seis ocasións. Dúas vitorias para o Compos, as dúas en Primeira; un empate e tres derrotas. Ademais, hai que destacar que Manuel Castiñeiras xa sabe o que é xogar ante os ovetenses despois de facelo en Copa en 2002. Catú, pola súa parte, voltará a verse as caras cun dos seus ex equipos.
O encontro será este sábado ás 18 horas con saque de honra incluido de Nacho Pacios, defensa do Compos en Primeira e actual adestrador do Ordes. Ademais, agárdase unha gran asistencia de siareiros branquiazuis. Pola súa parte, as peñas do Oviedo cancelaron a viaxe a Santiago.

O Compos déixase dous puntos en Xixón

O Compos sumou o oitavo partido consecutivo sen perder nun encontro once parecía estar asegurada a primeira vitoria a domicilio. A visita a Xixón pintaba complicada co décimo posto en xogo e despois dun comezo dos bos, o equipo foise abaixo e con dous golpes duros sumou un novo empate. Gonzalo e Joselu sumaron os dous goles para os branquiazuis mentres que Dani Erencia e Mera, aproveitando un erro monumental de Adrián, igualaron o encontro para os asturianos. Ademais, os dous equipos remataron cun xogador menos. 
A Esedé saltou ao terreo de xogo cun gran xogo e alta intensidade. Dominio constante nos primeiros minutos a pesar da alta presión dos locais. Sen embargo, os problemas para os asturianos comezaron cedo coa lesión de Yacine en menos de dez minutos. E só tres minutos máis tarde do primeiro troco, chegou o primeiro gol do Compos. Diego Peláez, un dos mellores das últimas xornadas, puxo un pase medido á área para que Gonzalo cruzase o esférico desde a banda por enriba da defensa, que puido facer máis para evitar o primeiro da tarde.
Con algo máis de tranquilidade, pero sen deixar de buscar a porta contraria en ningún momento, o equipo mantivo o dominio ante un rival que foi de menos a máis pero sen crear perigo. E, como non, Joselu pasou a un primeiro plano. O dianteiro de Palmeira tivo o segundo gol nas súas botas aos vinte minutos pero tivo que agardar sete minutos máis para poder aumentar a súa incrible conta de goles esta tempada. Penalti claro de Álex Menéndez sobre Borja Facal e gol desde os once metros dun dianteiro cun promedio de goles de 0,77 por partido, algo só ao alcance dos mellores dianteiros do mundo. 
Partido medio encarrilado e o Compos máis tranquilo sobre o terreo de xogo. Sen embargo, na primeira chegada, con Jimmy no chan despois dun balonazo e sen que os locais tiraran o balón fóra nin o árbitro parara o encontro, chegou o primeiro gol para o Sporting B. Tras tres rexeites na mesma xogada, Dani Erencia bate a Adrián cun testarazo.
O Sporting mellorou pero, unha vez máis, sen crear perigo sobre a porta de Adrián. Pola súa parte, Joselu topouse co porteiro local e Gonzalo, moi activo en ataque, coa madeira. Perdoando o terceiro, o Compos chegou ao descanso cun 1-2 un tanto inxusto e curto.
Na segunda metade desapareceu o Compos durante os primeiros minutos. O filial asturiano aumentou a intensidade sobre o terreo de xogo e non permitiu nada aos pupilos de Fredi. Un aviso por parte de Álex García, que evitou Adrián, foi a antesala do empate, aos vinte minutos da reanudación. Un gol difícil de explicar e repetir xa que Mera decidiu sorprender desde o medio do campo disparando unha falta por enriba de todos, incluido o porteiro, caendo o balón dentro da portería. Bo gol e gran erro do coruñés, que saiu da súa porta un par de metros intentando evitar un posible remate dos xogadores de dentro da área.
Máis de vinte minutos por diante e o encontro aumenta a intensidade. Un final de tolos con ocasións nas dúas porterías e co Compos moito máis preto de sumar a primeira vitoria lonxe de San Lázaro despois de 31 encontros. Joselu tivo unha moi clara que non atopou porta mentres que Santi Taboada errou na mellor ocasión de todo o encontro. O vitoriano supera á defensa e ao porteiro cun caneo e, incomprensiblemente, manda o balón ao poste perdoando unha vez máis o gol da vitoria.
Para finalizar o partido da peor forma posible, Jony foi expulsado polos locais mentres que Borja Facal viu o segundo cartón amarelo por perda de tempo e non poderá estar o vindeiro sábado ante o Oviedo en San Lázaro.

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Taboada, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez (Germán, min. 88); Jordan (Jacobo, min. 62), Peláez (Yahvé, min. 69), Diego Rey; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Taboada. Expulsado Borja Facal por dobre amonestación.
GOLES: 0-1 11' Gonzalo, 0-2 30' Joselu, 1-2 33' Dani Erencia, 2-2 66' Mera.
ESTADIO: Pepe Ortiz da cidade deportiva de Mareo. 

Sete!

O Compos acumula xa sete xornadas sen perder despois de sorprender cunha goleada ao segundo clasificado. O Racing de Ferrol chegou a San Lázaro respaldado por máis dun centenar de siareiros verdes e saiu cun saco de goles importante despois do mellor partido da Esedé en anos. Un derbi para o recordo no que Joselu fixo tres goles e Jordan un, no que Catú foi expulsado e no que a afección demostrou ser de Primeira división. Por parte do Racing, o santiagués Manu Barreiro fixo o gol da honra de penalti. 
O partido comezou cun ritmo altísimo. Os ferroláns avisaron sobre a porta de Adrián na primeira xogada do partido cun gol ben anulado por posición antirregulamentaria mentres que na outra porta, Joselu non perdoou. Contraataque do Compos, a defensa non saca o balón de área e o dianteiro de Palmeira bate a Camacho cando non se cumpliran nin os tres minutos de xogo en San Lázaro demostrando a afección que este equipo quere rematar a tempada no máis alto posible. 
Os visitantes intentaron reaccionar presionando a saída do balón moi arriba pero iso só aumentou os problemas aos de Aira, que viron como noutra contra chegaba a xogada que remataría no segundo gol en só dez minutos. Diego Rey iniciou a xogada pola banda, centro raso á área, erra o defensa e Jordan, ben situado, supera ao porteiro por segunda vez no encontro. 
Estaba a ser un partido fácil ata que o colexiado decidiu sinalar un penalti na área local por falta de Catú, na que o rival tirouse tan só con sentir o máis mínimo contacto. Desde os once metros, e como era de agardar, Manu Barreiro non perdoou poñendo o 2-1 no marcador, unha vez máis sen funcionar, de San Lázaro.
Sen embargo, Joselu puxo de novo os dous goles de diferenza en cuestión dun par de minutos. Novo erro dun defensa racinguista nun intento de pase ao seu porteiro, que non se atreve a saír a polo balón, e aparece o '9' branquiazul para gañar en velocidade ao defensa sorprendéndoo e batendo a Camacho cun disparo raso imparable.
Co partido case resolto, o Compos soubo manexar o tempo ao seu antollo. Co Racing buscando del calqueira modo facer o segundo, os de Fredi tomaron o control do balón ata o final da primeira metade e só buscaron a porta de Camacho en ocasións claras, sen poñer en perigo o resultado en ningún momento e achegándose ata en dúas ocasións ao cuarto gol, que xa sería definitivo. 
A segunda metade chegou con menos intensidade pero con ocasións nas dúas porterías. O Compos tivo o control do encontro nas súas mans e o perigo apenas chegou á porta de Adrián exceptuando xogadas a balón parado nas que a defensa soubo actuar á perfección evitando sustos importantes.
O partido, sen embargo, puido complicarse nun dos erros do colexiado, que non fixo máis que amosar cartóns a xogadores dos dous equipos evitando que a tensión fora a máis. Nunha das poucas entradas cometidas por Catú, que nin sequera foi como para sacar cartón, expulsou ao central por dobre amonestación a quince minutos para o final, nos que o Compos tería que loitar contra un Racing que deixou todo sobre o terreo de xogo para voltar a casa polo menos cun punto. 
Sen embargo, o equipo soubo manexar á perfección a situación e o Racing non puido facer nada. Por contra, Joselu aproveitou un erro do porteiro rival, que había saído ata case o medio do campo, para facer o cuarto e definitivo desde lonxe demostrando calidade e potencia. 
4-1 un tanto inesperado e a penar agora no Sporting B, próximo rival do Compos en Xixón.

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo; Manu Rodríguez, Jordan (Jacobo, min. 81), Peláez (Fondevila, min. 68), Diego Rey (Taboada, min. 76); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Gonzalo e Jordan. Expulsado Catú por dobre amonestación.
GOLES: 1-0 3' Joselu, 2-0 11' Jordan, 2-1 16' Manu Barreiro, 3-1 19' Joselu, 4-1 86' Joselu. 
ESTADIO: San Lázaro. 

O Racing proba ao Compos

En plena recta final pola permanencia, o Compos recibirá este sábado ao Racing de Ferrol. O segundo clasificado, que está a realizar unha grandísima tempada coa vista posta na promoción de ascenso á Segunda división, chega para probar a un equipo que sumou 10 dos últimos 18 puntos, seis xornadas consecutivas sen coñecer a derrota.
Un 'clásico' de Galiza entre dous históricos da terra cun propósito similar en noventa minutos. Os dous equipos sairán a polos tres puntos coa mente posta nas dúas metas moi diferentes que teñen. Para o Compos gañar este partido podería rematar co medo polo descenso superando a barreira dos dez puntos de diferenza. Pola súa parte, o Racing non deixará de loitar pola primeira posición e de sumar os tres puntos podería achegarse ata os dous puntos se o Racing de Santander non gaña.
Para esta fin de semana, Fredi non poderá contar con Fran Pastor unha semana máis contando con 21 xogadores dos que deberá descartar a cinco antes do comezo do encontro. Pola súa parte, Aira conta coa baixa segura de Dopico e Pumar será dúbida ata a última hora, xa que non puido adestrar por lesión ata este mércores.
Ésta será a quinta vez que o Racing visite en partido oficial San Lázaro, xa que fai dúas tempadas caeu en Santa Isabel nun partido da Copa Deputación. Terceiro partido que servirá para decantar a balanza despois de sumar unha vitoria cada equipo. O Compos gañou no derradeiro partido entre ambos na Segunda B, no 2010, nunha moi mala tempada, grazas a os goles de Iván e Trovo, autor dun dos mellores goles que se recordan por San Lázaro. Garrido abriu o resultado, que rematou 2-1. Sen embargo, a pasada tempada gañou o Racing grazas a un gol de Jorge Rodríguez. Na Segunda división, fai trece anos, o resultado foi de 1-1 mentres que dous anos máis tarde o Racing endosou un contundente 0-5. 
Se por algo se caracterizará este partido será polo enfrontamento entre os dous máximos goleadores da categoría. Dous xogadores que suman 37 goles. Os 20 de Joselu, máximo goleador do grupo e do Compos, terá diante a Manu Barreiro, segundo na carreira por ser o maior artilleiro. Un duelo que asegura goles e calidade. 
En canto ao Racing de Ferrol, suman ata agora 50 puntos. 13 vitorias, 11 empates e 5 derrotas ata o momento acumulando 49 goles a favor, compartindo o primeiro posto neste aspecto co Racing de Santander, e despois de encaixar só 28. Fóra da Malata, sumaron 17 puntos en 14 partidos. A domicilio, algo que chama a atención é que perderon tres partidos pero, por contra, só gañaron tres. Ademais, empataron oito encontros lonxe da casa.
Para rematar, o Compos chega ao derradeiro derbi da tempada despois de empatar contra o Celta B en Barreiro nun final de infarto. Pola súa parte, o Racing chega asustando tras gañar á SD Logroñés por un contundente 6-0. 
O partido será este sábado en San Lázaro. Un encontro para o que o clube puxo grandes descontos para acompañantes de socios e no que se agarda unha boa chegada de afeccionados desde Ferrol, que estarán situados no Fondo Norte.

Joselu salva un punto

O Compos acumula xa seis xornadas sen coñecer a derrota, algo que está cambiando o obxectivo da directiva. Un novo empate lonxe de San Lázaro, e van catro consecutivos, fai que o equipo perda un posto pero aumente a diferenza cos postos de descenso ata os nove puntos. Para logralo, en Barreiro tivo que aparecer Joselu para asinar o gol do empate a falta de seis minutos para o final do encontro.
A Esedé non puido amosar o seu mellor nivel ante un Celta B que plantexou un encontro complicado baseando o seu xogo en balóns en longo buscando as costas á defensa branquiazul. Os locais saíron con intensidade querendo sorprender a Castiñeiras e Jorge, moi seguro durante os noventa minutos. Atoparon o camiño á porta de Adrián moi cedo con tres ocasións perigosas pero sen acerto suficiente. Pola súa parte, Joselu buscou superar a Rubén Blanco cunha vaselina que chegou sen problemas ás mans do porteiro. 
Primeiro aviso santiagués nun contraataque, forma de atopar a porta na primeira media hora para os de Fredi, que anticipou o primeiro gol do encontro, só dous minutos máis tarde. Un gol que, sen embargo, non foi ningunha sorpresa xa que tal e como estaba sendo o partido só era cuestión de tempo que alguén se adiantase. Esta vez tivo que chegar despois do peor erro do equipo compostelán no centro do campo cunha perda de balón que aproveitou Thaylor para asistir a Borja Iglesias, que superou a Adrián por baixo. 
A reacción visitante foi instantánea. Os pupilos de Fredi sacudíronse o dominio vigués e a base de posesións longas. Con Joselu en forma, o equipo atopou o camiño á porta contraria aínda que sen demasiado perigo durante a primeira metade, onde o equipo foi de menos a máis. 
Na segunda metade, o dominio compostelanista foi maior. O Celta B apenas puxo en perigo a porta de Adrián mentres que Joselu e Diego Rey, do mellor do equipo, si se achegaron á portería defendida por Rubén Blanco. Pero unha vez máis algo interpúxose entre o Compos e o gol a pesar do dominio santiagués sobre o campo. 
O tempo pasaba. Cada minuto a Esedé buscaba arriscar máis buscando o gol do empate sabendo que o erro máis pequeno podería rematar no segundo gol vigués. Por sorte, o merecido gol chegou cos dous xogadores máis destacados en ataque como protagonistas. Diego Rey dispara, rexeita Rubén Blanco e Joselu, sempre na mellor posición, manda o balón ao fondo das redes.
Gol importatísimo a falta de seis minutos máis o desconto co que aumentar as esperanzas e a intensidade nun xogo que morreu co Compos dominando e moito máis preto do segundo gol que o rival, que non puido facer moito na segunda metade para manter os tres puntos ante un rival que loitará ata o final non só pola permanencia senón tamén por un posto na próxima edición da Copa do Rei.
O vindeiro sábado, último derbi da tempada en San Lázaro. Visítanos o Racing de Ferrol, segundo clasificado e nun estado de forma envexable. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja Facal, Castiñeiras (Diego Rey, min. 46), Jorge, Jimmy; Taboada, Gonzalo; Óscar Fondevila (Manu Rodríguez, min. 78), Jordan, Peláez (Jacobo, min. 69); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Santi Taboada.
GOLES: 1-0 19' Borja Iglesias, 1-1 84' Joselu.
ESTADIO: Barreiro. 

Un derbi para soñar

A Esedé chega ao momento máis importante da tempada con dous derbis en sete días que de gañalos podería cambiar moito o conto. Primeiro toca visitar ao Celta B. Un equipo en horas baixas que non pasa pola súa mellor tempada. Loitando por saír do posto de promoción de descenso, o filial olívico recibirá ao Compos nun derbi onde gañar é o único posible. 
Dúas xeiras de resultados enfróntanse este domingo en Barreiro. O Compos acumula xa os cinco últimos partidos sen perder con dúas vitorias e tres empates, os tres lonxe de San Lázaro e en campo moi complicados. Pola súa parte, os celestes só gañaron un partido dos nove últimos, ante o Racing de Santander na casa pola mínima. Lograron 4 dos últimos 27 puntos e sumaron só 5 goles a favor, algo que demostra á perfección o mal momento polo que pasan, algo que aproveitar.
Décimo sextos, os homes de David de Dios suman ata este domingo 29 puntos despois de 28 partidos. 8 vitorias, 5 empates e 15 derrotas, case todas a domicilio, resumen os encontros do filial vigués esta tempada. En canto a goles, acumulan 27 a favor e 42 en contra, segundo equipo que máis goles recibiu ata o de agora. Sen embargo, na casa sumaron 20 puntos de 45 posibles demostrando que na casa son un rival a ter en conta. A nivel individual, Borja Iglesias é o máximo goleador do equipo con 9 tantos.
En canto ás baixas, Fredi non poderá contar con Jesús Varela nin Fran Pastor, baixa de longa duración. Pola súa parte, Marcos Torres e Borja Fernández serán baixa por lesión no filial vigués. 
A última visita da Esedé a Barreiro, a pasada tempada, o Compos ascendeu un posto grazas á vitoria do Compos por 2 goles a 3. Camochu, agora nas filas do Avilés, fixo os dous goles do filial celeste mentres que Jacobo Tato e Joselu por partida dobre, nos últimos cinco minutos ambos, firmou os tres puntos. O outro antecedente data de 2009. O último encontro entre os dous na Segunda B rematou cun 2-0 con goles de Oriol Riera e Álex López, os dous actualmente xogando na Primeira división. 
En canto ao último partido, o Compos chega despois de empatar sen goles no campo do Caudal Deportivo. Pola súa parte, o Celta B perdeu en Las Gaunas ante a SD Logroñés por 1 gol a 0. 
O partido será este domingo ás 16:30 horas en Barreiro e será retransmitido pola TVG2. Ademais, desde o clube celeste piden a asistencia do maior número de afeccionados posibles nas bancadas do campo, onde tamén haberá un bo número de siareiros chegados de Santiago.

Empate e grazas

O Compos suma a quinta xornada consecutiva sen coñecer a derrota e o terceiro empate consecutivo lonxe de San Lázaro, dúas novas moi importantes na carreira pola permanencia. Esta vez, en Mieres, o equipo non estivo ben e o reparto de puntos fai que a Esedé remate a xornada a 5 puntos do Celta B, en postos de promoción de descenso próximo rival para o vindeiro domingo.
O Caudal saiu a polo partido intentando sorprender nos primeiros minutos. O dominio asturiano foi constante e as poucas ocasións foron sobre a porta de Adrián. Sen embargo, Adrián estivo moi atento evitando que os asturianos puideran adiantarse no marcador grazas, sobre todo, ás chegadas de Javi Sánchez e Lulú, os máis activos en ataque na primeira media hora. 
O cambio de rumbo no encontro chegou mediada a primeira metade. Un gol anulado a Rojas fixo que o Compos intentase mellorar, gañar metros. Ademais, Fredi demostrou ter medo substituindo a Fondevila por Germán xogando a última hora de partido cunha defensa de cinco. Unha volta atrás no plantexamento cun troco tan raro como anticipado.
Sen embargo, o Caudal puxo, unha vez máis, en serios apuros ao Compos con tres ocasións moi perigosas antes do descanso. Abraham e Javi Sánchez topáronse con Adrián unha vez máis e Castiñeiras, nunha xogada a balón parado, evitou baixo paus que os locais foran gañando ao descanso.
Na segunda metade máis do mesmo. O Caudal aproveitou as características do terreo de xogo, de herba artificial e de pequenas dimensións, para achegarse máis aos tres puntos. Pero pouco a pouco, o Compos foi mellorando, sobre todo en defensa, e o perigo desapareceu da porta compostelana. 
Por parte dos homes de Fredi, a única chegada con perigo do Compos nos noventa minutos chegou ao final do encontro cun disparo de Joselu a pase de Manu Rodríguez que saiu moi preto do poste. 
En definitiva, pumto de ouro para o Compos a sete días de visitar Barreiro, onde os tres puntos poderían alonxar moito ao equipo dos postos de descenso.

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús Varela, Castiñeiras, Jorge, Jimmy; Gonzalo; Fondevila (Germán, min. 30), Jordan, Peláez (Nacho, min. 67), Yahvé (Manu Rodríguez, min. 80); e Joselu. 
CARTÓNS: Amonestado Fredi. 
GOLES: 0-0.
ESTADIO: Hermanos Antuña. 1.050 siareiros.  

A primeira en Mieres?

O Compos, cun pe na Segunda B a vindeira tempada, podería sumar este domingo a primeira vitoria a domicilio desta campaña. O Caudal de Mieres penúltimo e loitando por non descender, será o próximo rival dun equipo que buscará este domingo os tres primeiros puntos lonxe de San Lázaro despois de dous empates moi importantes en Zamora e Santander.
Un novo partido importante, propicio para lograr o obxectivo principal nas últimas datas, no que Fredi perderá a dous xogadores que non estarán dispoñibles ata os últimos encontros desta tempada. Á baixa de Catú, que estará fóra dos terreos de xogo un mes máis, hai que sumar a de Fran Pastor, operado este xoves do menisco. Pola súa parte, Miguel Ángel Álvarez Tomé non poderá contar con Bielsa, Noel, Míchel e Naya por lesión.
Un encontro cun só precedente xa que só se viron as caras nunha ocasión. No ano 2002, o Compos visitou o Hermanos Antuña para volver a Santiago cun punto despois dun empate sen goles. Dese partido só queda un xogador nas filas branquiazuis: Manuel Castiñeiras, que foi titular nesa ocasión e que apunta a repetir este domingo. 
En canto á chegada de ambos conxuntos, o Compos chega como 11º clasificado con 33 puntos, a 7 do Coruxo, mentres que o Caudal é penúltimo con 25 puntos, a 3 do posto de promoción de descenso. Ademais, os dous chegan despois de gañar a pasada xornada. A Esedé superou sen problemas á SD Logroñés en San Lázaro cun 3-0 e o Caudal fixo o propio coa UD Logroñés por 1-2 con dous goles de penalti para os asturianos. 
Do rival hai que dicir que é un dos equipos máis goleados da categoría, con 40 goles en contra, e un dos máis goleadores da zona baixa da táboa con 30. A nivel individual, Rojas é o máximo goleador do equipo con 5 dianas.
O partido será este domingo ás 12 da mañá no Hermanos Antuña e poderá verse pola televisión asturiana. 

Este equipo promete

A Esedé suma unha nova vitoria para alonxarse dos postos de descenso e achegarse máis ao obxectivo da permanencia, cada vez máis preto. Tres goles e tres puntos ante un rival directo como é a SD Logroñés, ben liderada polo 'Tato' Abadía. O ex xogador do Compos e adestrador do conxunto rioxano foi, ademais, o autor do saque de honra antes do encontro. Fondevila, Joselu e Yahvé, autores dos goles.
Fredi prometeu un cambio de estratexia e a Esedé comezou a mellorar en canto aos seus resultados. Un xogo moi directo, polas bandas e moi ben finalizadas as xogadas. Como demostración queda o gol de Fondevila aos trece minutos de xogo. Xogada pola banda dereita, centro para o ex do Xetafe B e golazo desde fóra da área cun disparo cruzado imposible para o porteiro.
A intensidade foi en aumento. O equipo non quería perdoar nin a máis mínima ocasión de aumentar distancias e só dous minutos máis tarde chegou o segundo. Yahvé chega pero o porteiro comete falta sobre el. Penalti e o Logroñés con dez durante máis dunha hora. Desde os once metros, e como estaba previsto, non errou Joselu.
Co 2-0 a intensidade baixou notablemente. O Compos vía o partido moi cómodo e baixou o nivel, aínda que sen deixar aos rioxanos incomodar en ningún momento a porta de Adrián, que mantívoa unha semana máis a cero.
Na segunda metade, a intensidade no xogo non apareceu durante os primeiros minutos. O Compos, co partido no peto, non tivo dificultades de atopar a porta contraria. Pola súa parte, o Logroñés notou o esforzo realizado na primeira metade. Así transcurriu o encontro durante a primeira media hora do segundo tempo, coa Esedé dominando o xogo pero sen materializar ningunha ocasión. 
Nos últimos vinte minutos, o Compos buscou de novo con intensidade a porta rioxana. Tres erros ante a porta de Ricardo foron a antesala do terceiro e definitivo gol do encontro. Centro de Jordan desde a dereita e Yahvé finaliza cun gran testarazo. 
Tres goles, tres puntos e catro xornadas sen coñecer a derrota sumando xa oito dos últimos doce puntos. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús Varela, Castiñeiras, Taboada, Jimmy; Gonzalo (Manu, min. 74); Jordan, Fondevila, Yahvé, Diego Rey (Nacho, min. 63); e Joselu (Peláez, min. 73). 
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 1-0 13' Fondevila, 2-0 15' Joselu, 3-0 70' Yahvé. 
ESTADIO: San Lázaro. 1.050 siareiros.

Punto importante ante o líder

O Compos sumou un punto moi valioso na saída ao campo do Racing de Santander, merecido líder da categoría. Un encontro moi difícil que a Esedé saldou cun empate importante demostrando, de novo, un gran xogo e rozando a vitoria nun partido para a historia por todo o acontecido, sobre todo na segunda metade. Como anécdota queda a lesión do árbitro, a saída ao terreo de xogo dun asistente que estaba na bancada e os, nada máis e nada menos, doce minutos de tempo engadido. 
De principio a fin, o equipo de Fredi estivo moi ordenado en defensa evitando calquera oportunidade de crear perigo a Koné, xogador máis destacado no Racing que a vindeira tempada xogará en Primeira. O Compos conseguiu ter o balón e o dominio do encontro xogando en campo contrario pero errando á hora de dar o último pase.
O dominio branquiazul achegaba o gol visitante en cada xogada. Sen embargo, houbo que agardar media hora para poder ver o primeiro gol do encontro. Carreira de Diego Peláez e gol do ex do Celta e Coruxo demostrando que non só Joselu, xogador máis marcado durante os máis de cen minutos, marca goles no equipo. 
O Racing intentou desfacerse do dominio visitante e, polo menos, empatar. Buscaron a porta de Adrián a través de Koné pero o camerunés non puido cunha defensa perfecta. Sen embargo, a falta de dous minutos para o final, Javi Soria si atinou a superar ao porteiro coruñés. Falta directa desde fóra da área e golazo imparable do central conquense. 
Na segunda metade aumentou a intensidade ata que o colexiado comezou cos problemas físicos e o porteiro local tivo que retirarse mancado. Nese momento, os paróns sucedéronse no partido e o ritmo non foi tan alto como antes. Sen embargo, o Compos volveu a dominar e ter as mellores ocasións para levarse os tres puntos. 
Joselu probou fortuna coa cabeza, cun remate moi frouxo, e asistiu en dúas ocasións aos seus compañeiros, tamén sen sorte. Diego Peláez, o mellor do partido, puido facer tamén o segundo cunha vaselina que saiu fóra por pouco. Na outra portería, Adrián evitou dous goles de Koné en dous man a man onde o dianteiro non soubo reaccionar con rapidez perdendo dúas grandes oportunidades. 
Finalmente, o Compos volve a casa cun punto de ouro sacado merecidamente dun campo no que fai dous anos xogaban equipos de Primeira división. Un empate que, ademais, saberá a outro de sumar unha nova vitoria ante o Logroñés do 'Tato' Abadía a vindeira semana en San Lázaro. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús Varela, Jorge, Castiñeiras, Jimmy; Gonzalo, Fondevila (Julen, min. 95); Taboada, Peláez (Manu Rodríguez, min. 75), Diego Rey (Nacho, min. 83); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Jimmy e Adrián. 
GOLES: 0-1 33' Peláez, 1-1 43' Soria.
ESTADIO: Campo de Sport do Sardinero. 15.000 persoas. 

A saída máis dura

Este domingo o Compos visitará ao líder da categoría nun dos partidos máis difíciles da tempada. Un encontro ante o mellor rival de toda a Segunda B, queda demostrado despois de ver o feito polo Racing na Copa do Rei ante equipos da Primeira división e caendo, sen xogar o partido de volta, ante a Real Sociedade. Un rival que pode presumir non só de ser o líder da categoría senón que ademais é o conxunto máis goleador e o menos goleado. 
Gañar no Sardinero. Ése e o obxectivo co que os xogadores do Compos viaxarán esta fin de semana a Santander. Unha vitoria difícil pero non imposible botando un ollo ao pasado xa que os nosos xa conseguiron traer os tres puntos en 1991, na Segunda división. Maric e Suso Moure fixeron os dous goles cos que a Esedé firmou a única vitoria en Santander dos seis partidos xogados, catro deles en Primeira con tres empates e unha derrota. 
Sen embargo, esta tempada puntuar na capital cántabra antóllase moi difícil, case imposible. O Racing descoñece o que é perder na casa esta tempada, incluindo partidos ante Almería e Sevilla na Copa, e só cedeu catro empates marcando, ademais, en tódolos partidos como local. 28 puntos de 36 posibles no que vai de tempada, pero que só sumou 21 dos 42 goles que leva na casa encaixando 7 de 19.
O partido máis agardado nun campo onde a afección será o xogador número doce nos santanderinos e no que non poderán estar Jacobo, Catú, Fran Pastor e Borja por lesión nin Yahvé e Jordan por sanción no equipo de Fredi. Pola súa parte, Francisco Fernández non poderá contar con Andreu por sanción e terá as dúbidas ata última hora de Borja Granero e Juanpe. 
Algo que ademais pódese destacar é a presenza sobre o terreo de xogo dos dous máximos goleadores do Grupo I da Segunda B: Joselu e Koné, que marcou un gol na visita do Racing a San Lázaro na primeira volta onde os cántabros sumaron a primeira derrota na casa do Compos por 0 goles a 2. 
O partido será este domingo no Campo de Sports do Sardinero ás 18 horas e poderá verse a través de internet na web oficial do Racing de Santander. 

O Compos volta ao camiño da vitoria

A Esedé demostrou ante a Cultural que as numerosas baixas coas que chegou Fredi non son razón para non saír a gañar. O equipo fíxoo nun partido clave e superou sen demasiados problemas ao conxunto leonés. Joselu por partida dobre e Yahvé fixeron os tres goles cos que o Compos vaise a catro puntos do descenso por enriba dos dous equipos de Logroño a unha semana de visitar ao líder da categoría, o Racing de Santander. 
Nunha nova final, con ata sete baixas e cun troco de estratexia prometido polo adestrador, o equipo saltou ao terreo de xogo con Jordan na defensa, Jesús Varela na banda contraria do habitual e Diego Rey e Óscar Fondevila, dos máis destacados, no once inicial. E o equipo respondeu dende o primeiro minuto de xogo. O dominio foi total, a Cultural apenas puido tocar o balón e a presión alta fixo que os leoneses non tiveran ocasión de incomodar a Adrián. 
Chegados os dez minutos de encontro, nunha das internadas santiaguesas na área contraria, Yahvé foi derrubado por un contrario. Penalti e Joselu non perdoa o seu décimo sétimo gol da tempada, algo do que poucos xogadores a nivel mundial poden presumir. Un bo gol do de Palmeira para comezar da mellor forma posible.
Co resultado positivo, o equipo non se foi abaixo, algo que si pasou nos xogadores visitantes. O Compos foi máis superior a partir do gol e só vinte minutos máis tarde, despois de numerosas faltas e un gol anulado por unha sobre o porteiro, chegou o segundo. Pase longo para Joselu, supera en velocidade a un contrario e bate ao porteiro cun disparo cruzado. 
A goleada puido aumentarse tanto antes do descanso como despois. As ocasións non deixaron de chegar sobre a porta de Toño aínda que mantendo os problemas á hora de finalizar cada xogada. Joselu, Diego Rey, Óscar Fondevila e, incluso, Castiñeiras buscaron superar ao porteiro rioxano. Sen embargo, houbo que agardar ata un erro do cancerbeiro rival para ver o terceiro gol da noite co que finiquitar o encontro. 
Yahvé dispara, o porteiro non acerta a atrapar a pelota e aparece de novo o ex da Cultural Leonesa entre outros para facer o terceiro sen oposición. Un gol importante que non só vale tres puntos senón que ademais devolve as boas sensacións a un equipo que visitará El Sardinero en sete días, estadio no que nesta mesma campaña xa caeron dous equipos de Primeira división.
A nota mala do encontro puxérona dous xogadores do Compos. Catú tivo que retirarse mancado cunha escordadura no nocello que o apartará dos terreos de xogo polo menos un mes e dez minutos foi Gonzalo o que tivo que deixar o encontro tamén mancado deixando o seu posto a Julen, que voltou tras lesión. Ademais, tamén tivo minutos Jorge despois de ter pé e medio fóra do equipo no mercado invernal.

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús, Castiñeiras, Catú (Jorge, min. 72), Jordan; Gonzalo (Julen, min. 82); Óscar, Peláez (Manu Rodríguez, min. 62), Diego Rey, Yahvé; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Catú e Yahvé.
GOLES: 1-0 11' Joselu, 2-0 30' Joselu, 3-0 57' Yahvé.
ESTADIO: San Lázaro. 930 persoas. 

Dous históricos de novo en San Lázaro

Compos e Cultural Leonesa, dous históricos do fútbol nacional, reencontraranse este domingo en San Lázaro nun dos grandes partidos da tempada, importante para alonxarse dos postos de descenso aos que están preto os dous equipos. Catro puntos de distancia entre os dous nun partido que podería calificarse como de catro puntos para a Esedé, que intentará facer válido o empate do pasado domingo en Zamora.
O Compos chegará este domingo ao partido ante a Cultural en cadro. Fredi non poderá contar para o encontro con máis de dezaseis xogadores xa que ás baixas de Germán, Jorge, Fran Pastor e Jacobo hai que sumar as de Borja e Taboada tamén por lesión e a de Jimmy por sanción. Pola súa parte, Luis Cembranos non poderá contar con Bardal nin Adán por lesión nin con David Álvarez por sanción. 
Un encontro difícil, coa permanencia na mente dos dous equipos onde os tres puntos serán moi importantes xa que os dous loitan polo mesmo obxectivo. Entre ámbolos dous conxuntos hai unha diferenza de tan só catro puntos e tres postos entre eles. A Cultural chega a Santiago con 30 puntos tras sumar 7 vitorias, 9 empates e 8 derrotas. O segundo equipo máis goleador da zona media-baixa da táboa, despois do Compos, con 28 goles a favor, e o segundo menos goleado despois da SD Logroñés con 31 dianas en contra. Un conxunto onde Diego Torres é o máximo goleador, con 9 goles ata o momento. En canto aos partidos lonxe de León, sumaron 10 dos 33 puntos posibles gañando a equipos da zona baixa, Coruxo e Noja, e empatando en campos como o do Avilés ou o do Guijuelo. 
En canto aos enfrontamentos entre os dous equipos, o último data do 2009 tamén na Segunda B. A Cultural Leonesa levouse un punto de San Lázaro grazas a un gol de Jito, agora no Éibar, e con Yahvé nas filas do equipo leonés. Esta tempada, o Compos puido voltar de León cun punto despois de firmar un 2-2 con goles de Manu Rodríguez e Catú. 
O encontro será este domingo ás 19 horas, televisado pola TVG2 e o saque de honra farao o novo obispo auxiliar da archidiócese de Santiago Jesús Fernández González. Ademis, cabe recordar que as peñas Curva Branquiazul, Linguazul e Botalle Outra estarán situadas á altura do centro do terreo de xogo na Preferencia.