A Primeira volve a San Lázaro

Se hai un partido que ninguén debería perderse é o deste sábado en San Lázaro. O Real Oviedo chega a Santiago nun momento irregular da tempada pero na busca de manter a súa superioridade lonxe do Carlos Tartiere. Un encontro complicado onde a afección, máis de mil entradas vendidas ata o momento para acompañantes de socios, será o xogador número doce, o que leve ao Compos ao noveno partido consecutivo sen perder. 
Os asturianos buscarán manterse entre os catro primeiros ata o final da tempada, á que lle restan cinco partidos para rematar. Unha tempada un tanto irregular por parte dos pupilos de Rober Robles, aínda que sendo o mellor equipo fóra de Oviedo. Cuartos con 49 puntos, 10 máis que o Compos, despois de sumar 14 vitorias, 7 empates e 10 derrotas en 31 partidos. Ademais, cabe destacar que a domicilio acumulan 8 vitorias e 2 empates en 16 encontros. En canto aos goles, os dous equipos están moi igualados. A favor sumaron 43, tres menos que a Esedé, e 35 en contra, catro menos. A nivel individual, Diego Cervero fixo 11 goles no que vai de tempada.
Sen embargo, a pesar da boa tempada asinada polos de azul, acumulan xa tres partidos consecutivos a domicilio sen coñecer a vitoria. Tres derrotas ante Zamora, Racing de Santander e Coruxo abren as portas ao Compos a unha nova sorpresa ante un dos grandes da categoría despois do feito ante o Racing de Ferrol fai só quince días. Unha mala serie de resultados dun equipo que se enfronta a outro que acumula xa oito encontros sen perder e que ademais é dos mellores da categoría como local. Como dato curioso, o Oviedo xogou tres partidos en Galiza esta tempada e de momento só conseguiron un punto en Barreiro caendo no Vao e no Couto.
En canto ás baixas, Rober Robles só contará coa de Susaeta, dúbida ata última hora. Pola súa parte, Fredi non poderá contar con Borja Facal e Santi Taboada por sanción e Fran Pastor e Yahvé por lesión.
Tendo en conta os antecedentes, o Oviedo visitou San Lázaro en seis ocasións. Dúas vitorias para o Compos, as dúas en Primeira; un empate e tres derrotas. Ademais, hai que destacar que Manuel Castiñeiras xa sabe o que é xogar ante os ovetenses despois de facelo en Copa en 2002. Catú, pola súa parte, voltará a verse as caras cun dos seus ex equipos.
O encontro será este sábado ás 18 horas con saque de honra incluido de Nacho Pacios, defensa do Compos en Primeira e actual adestrador do Ordes. Ademais, agárdase unha gran asistencia de siareiros branquiazuis. Pola súa parte, as peñas do Oviedo cancelaron a viaxe a Santiago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario