O Compos, cun pe na Segunda B a vindeira tempada, podería sumar este domingo a primeira vitoria a domicilio desta campaña. O Caudal de Mieres penúltimo e loitando por non descender, será o próximo rival dun equipo que buscará este domingo os tres primeiros puntos lonxe de San Lázaro despois de dous empates moi importantes en Zamora e Santander.
Un novo partido importante, propicio para lograr o obxectivo principal nas últimas datas, no que Fredi perderá a dous xogadores que non estarán dispoñibles ata os últimos encontros desta tempada. Á baixa de Catú, que estará fóra dos terreos de xogo un mes máis, hai que sumar a de Fran Pastor, operado este xoves do menisco. Pola súa parte, Miguel Ángel Álvarez Tomé non poderá contar con Bielsa, Noel, Míchel e Naya por lesión.
Un encontro cun só precedente xa que só se viron as caras nunha ocasión. No ano 2002, o Compos visitou o Hermanos Antuña para volver a Santiago cun punto despois dun empate sen goles. Dese partido só queda un xogador nas filas branquiazuis: Manuel Castiñeiras, que foi titular nesa ocasión e que apunta a repetir este domingo.
En canto á chegada de ambos conxuntos, o Compos chega como 11º clasificado con 33 puntos, a 7 do Coruxo, mentres que o Caudal é penúltimo con 25 puntos, a 3 do posto de promoción de descenso. Ademais, os dous chegan despois de gañar a pasada xornada. A Esedé superou sen problemas á SD Logroñés en San Lázaro cun 3-0 e o Caudal fixo o propio coa UD Logroñés por 1-2 con dous goles de penalti para os asturianos.
Do rival hai que dicir que é un dos equipos máis goleados da categoría, con 40 goles en contra, e un dos máis goleadores da zona baixa da táboa con 30. A nivel individual, Rojas é o máximo goleador do equipo con 5 dianas.
O partido será este domingo ás 12 da mañá no Hermanos Antuña e poderá verse pola televisión asturiana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario