Punto importante ante o líder

O Compos sumou un punto moi valioso na saída ao campo do Racing de Santander, merecido líder da categoría. Un encontro moi difícil que a Esedé saldou cun empate importante demostrando, de novo, un gran xogo e rozando a vitoria nun partido para a historia por todo o acontecido, sobre todo na segunda metade. Como anécdota queda a lesión do árbitro, a saída ao terreo de xogo dun asistente que estaba na bancada e os, nada máis e nada menos, doce minutos de tempo engadido. 
De principio a fin, o equipo de Fredi estivo moi ordenado en defensa evitando calquera oportunidade de crear perigo a Koné, xogador máis destacado no Racing que a vindeira tempada xogará en Primeira. O Compos conseguiu ter o balón e o dominio do encontro xogando en campo contrario pero errando á hora de dar o último pase.
O dominio branquiazul achegaba o gol visitante en cada xogada. Sen embargo, houbo que agardar media hora para poder ver o primeiro gol do encontro. Carreira de Diego Peláez e gol do ex do Celta e Coruxo demostrando que non só Joselu, xogador máis marcado durante os máis de cen minutos, marca goles no equipo. 
O Racing intentou desfacerse do dominio visitante e, polo menos, empatar. Buscaron a porta de Adrián a través de Koné pero o camerunés non puido cunha defensa perfecta. Sen embargo, a falta de dous minutos para o final, Javi Soria si atinou a superar ao porteiro coruñés. Falta directa desde fóra da área e golazo imparable do central conquense. 
Na segunda metade aumentou a intensidade ata que o colexiado comezou cos problemas físicos e o porteiro local tivo que retirarse mancado. Nese momento, os paróns sucedéronse no partido e o ritmo non foi tan alto como antes. Sen embargo, o Compos volveu a dominar e ter as mellores ocasións para levarse os tres puntos. 
Joselu probou fortuna coa cabeza, cun remate moi frouxo, e asistiu en dúas ocasións aos seus compañeiros, tamén sen sorte. Diego Peláez, o mellor do partido, puido facer tamén o segundo cunha vaselina que saiu fóra por pouco. Na outra portería, Adrián evitou dous goles de Koné en dous man a man onde o dianteiro non soubo reaccionar con rapidez perdendo dúas grandes oportunidades. 
Finalmente, o Compos volve a casa cun punto de ouro sacado merecidamente dun campo no que fai dous anos xogaban equipos de Primeira división. Un empate que, ademais, saberá a outro de sumar unha nova vitoria ante o Logroñés do 'Tato' Abadía a vindeira semana en San Lázaro. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús Varela, Jorge, Castiñeiras, Jimmy; Gonzalo, Fondevila (Julen, min. 95); Taboada, Peláez (Manu Rodríguez, min. 75), Diego Rey (Nacho, min. 83); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Jimmy e Adrián. 
GOLES: 0-1 33' Peláez, 1-1 43' Soria.
ESTADIO: Campo de Sport do Sardinero. 15.000 persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario