Tropezón e permanencia

O Compos non puido despedirse esta tempada de San Lázaro cunha nova vitoria ante o Tropezón nun encontro onde chegou a permanencia matemática, despois de lograr fai xa unhas semanas a virtual. Un partido onde a Esedé tivo que loitar máis dunha hora cun xogador menos despois da expulsión de Germán, rigurosa. Sen embargo, unha vez máis, Joselu apareceu para acabar cos problemas e facer os dous goles locais. Ademais, o dianteiro de Palmeira igualou a cifra de goles anotados a pasada tempada entre liga e promoción. 
A primeira metade tivo unha clara cor branquiazul. Baixo altas temperaturas, os locais puxeron o fútbol e as ocasións ante un equipo que saiu a defender e agardou moi preto da súa área a que o Compos buscase adiantarse no marcador. E na primeira contra que puideron gozar os cántabros, Germán frea a un rival na frontal da área e o árbitro, sen dubidar, expulsa ao central ourensán. Un golpe que acusou a defensa na segunda metade. 
A mellor defensa é un bo ataque e así afrontou o equipo a expulsión ata o descanso. E ninguén mellor que Joselu, a centro de Jimmy, para rachar a igualdade no marcador a dez minutos para o final da primeira metade. Un gol esperanzador para pensar que esta podería ser a derradeira vitoria da tempada na casa, unha gran despedida ante un rival que non quixo poñer nada fácil. 
Na segunda metade máis do mesmo. O equipo quixo pechar o marcador o antes posible e aos sete minutos chegou o segundo da tarde, tamén de Joselu pero esta vez a pase de Manu Rodríguez. Segundo gol e a sentencia parecía chegar a falta de media hora a pesar de xogar cun menos. 
Sen embargo, o Tropezón meteu unha marcha máis ao encontro con moito que gañar e nada que perder. E só cinco minutos máis tarde chegou o primeiro gol dos cántabros aproveitando un erro da defensa. Un gol que non provocou cambios no xogo e que puido sucederse con dous goles máis do Compos, que non chegaron por moi pouco. 
E de novo, o perdón levou ao Compos a recibir un gol máis, a novena vez que o equipo comeza gañando e acaba sen sumar os tres puntos. Perujo asinou o empate nun gran momento do Tropezón e a Esedé comezou un final de partido onde tiveron que pedir a hora.
Finalmente, empate e grazas para manterse na Segunda B unha tempada máis. Agora a pola primeira vitoria lonxe de San Lázaro en Las Gaunas e a pensar na vindeira campaña con máis tempo que o ano pasado.

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Borja, Castiñeiras, Germán, Jimmy; Gonzalo, Fondevila (Jorge, min. 29); Jordan (Manu, min. 44), Peláez (Diego Rey, min. 65), Jacobo; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Jacobo. Expulsado Germán por cartón vermello directo. 
GOLES: 1-0 36' Joselu, 2-0 52' Joselu, 2-1 58' Dorronsoro, 2-2 74' Perujo. 
ESTADIO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario