O Compos suma a quinta xornada consecutiva sen coñecer a derrota e o terceiro empate consecutivo lonxe de San Lázaro, dúas novas moi importantes na carreira pola permanencia. Esta vez, en Mieres, o equipo non estivo ben e o reparto de puntos fai que a Esedé remate a xornada a 5 puntos do Celta B, en postos de promoción de descenso próximo rival para o vindeiro domingo.
O Caudal saiu a polo partido intentando sorprender nos primeiros minutos. O dominio asturiano foi constante e as poucas ocasións foron sobre a porta de Adrián. Sen embargo, Adrián estivo moi atento evitando que os asturianos puideran adiantarse no marcador grazas, sobre todo, ás chegadas de Javi Sánchez e Lulú, os máis activos en ataque na primeira media hora.
O cambio de rumbo no encontro chegou mediada a primeira metade. Un gol anulado a Rojas fixo que o Compos intentase mellorar, gañar metros. Ademais, Fredi demostrou ter medo substituindo a Fondevila por Germán xogando a última hora de partido cunha defensa de cinco. Unha volta atrás no plantexamento cun troco tan raro como anticipado.
Sen embargo, o Caudal puxo, unha vez máis, en serios apuros ao Compos con tres ocasións moi perigosas antes do descanso. Abraham e Javi Sánchez topáronse con Adrián unha vez máis e Castiñeiras, nunha xogada a balón parado, evitou baixo paus que os locais foran gañando ao descanso.
Na segunda metade máis do mesmo. O Caudal aproveitou as características do terreo de xogo, de herba artificial e de pequenas dimensións, para achegarse máis aos tres puntos. Pero pouco a pouco, o Compos foi mellorando, sobre todo en defensa, e o perigo desapareceu da porta compostelana.
Por parte dos homes de Fredi, a única chegada con perigo do Compos nos noventa minutos chegou ao final do encontro cun disparo de Joselu a pase de Manu Rodríguez que saiu moi preto do poste.
En definitiva, pumto de ouro para o Compos a sete días de visitar Barreiro, onde os tres puntos poderían alonxar moito ao equipo dos postos de descenso.
ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús Varela, Castiñeiras, Jorge, Jimmy; Gonzalo; Fondevila (Germán, min. 30), Jordan, Peláez (Nacho, min. 67), Yahvé (Manu Rodríguez, min. 80); e Joselu.
CARTÓNS: Amonestado Fredi.
GOLES: 0-0.
ESTADIO: Hermanos Antuña. 1.050 siareiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario