O Compos volta ao camiño da vitoria

A Esedé demostrou ante a Cultural que as numerosas baixas coas que chegou Fredi non son razón para non saír a gañar. O equipo fíxoo nun partido clave e superou sen demasiados problemas ao conxunto leonés. Joselu por partida dobre e Yahvé fixeron os tres goles cos que o Compos vaise a catro puntos do descenso por enriba dos dous equipos de Logroño a unha semana de visitar ao líder da categoría, o Racing de Santander. 
Nunha nova final, con ata sete baixas e cun troco de estratexia prometido polo adestrador, o equipo saltou ao terreo de xogo con Jordan na defensa, Jesús Varela na banda contraria do habitual e Diego Rey e Óscar Fondevila, dos máis destacados, no once inicial. E o equipo respondeu dende o primeiro minuto de xogo. O dominio foi total, a Cultural apenas puido tocar o balón e a presión alta fixo que os leoneses non tiveran ocasión de incomodar a Adrián. 
Chegados os dez minutos de encontro, nunha das internadas santiaguesas na área contraria, Yahvé foi derrubado por un contrario. Penalti e Joselu non perdoa o seu décimo sétimo gol da tempada, algo do que poucos xogadores a nivel mundial poden presumir. Un bo gol do de Palmeira para comezar da mellor forma posible.
Co resultado positivo, o equipo non se foi abaixo, algo que si pasou nos xogadores visitantes. O Compos foi máis superior a partir do gol e só vinte minutos máis tarde, despois de numerosas faltas e un gol anulado por unha sobre o porteiro, chegou o segundo. Pase longo para Joselu, supera en velocidade a un contrario e bate ao porteiro cun disparo cruzado. 
A goleada puido aumentarse tanto antes do descanso como despois. As ocasións non deixaron de chegar sobre a porta de Toño aínda que mantendo os problemas á hora de finalizar cada xogada. Joselu, Diego Rey, Óscar Fondevila e, incluso, Castiñeiras buscaron superar ao porteiro rioxano. Sen embargo, houbo que agardar ata un erro do cancerbeiro rival para ver o terceiro gol da noite co que finiquitar o encontro. 
Yahvé dispara, o porteiro non acerta a atrapar a pelota e aparece de novo o ex da Cultural Leonesa entre outros para facer o terceiro sen oposición. Un gol importante que non só vale tres puntos senón que ademais devolve as boas sensacións a un equipo que visitará El Sardinero en sete días, estadio no que nesta mesma campaña xa caeron dous equipos de Primeira división.
A nota mala do encontro puxérona dous xogadores do Compos. Catú tivo que retirarse mancado cunha escordadura no nocello que o apartará dos terreos de xogo polo menos un mes e dez minutos foi Gonzalo o que tivo que deixar o encontro tamén mancado deixando o seu posto a Julen, que voltou tras lesión. Ademais, tamén tivo minutos Jorge despois de ter pé e medio fóra do equipo no mercado invernal.

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús, Castiñeiras, Catú (Jorge, min. 72), Jordan; Gonzalo (Julen, min. 82); Óscar, Peláez (Manu Rodríguez, min. 62), Diego Rey, Yahvé; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Catú e Yahvé.
GOLES: 1-0 11' Joselu, 2-0 30' Joselu, 3-0 57' Yahvé.
ESTADIO: San Lázaro. 930 persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario