Este equipo promete

A Esedé suma unha nova vitoria para alonxarse dos postos de descenso e achegarse máis ao obxectivo da permanencia, cada vez máis preto. Tres goles e tres puntos ante un rival directo como é a SD Logroñés, ben liderada polo 'Tato' Abadía. O ex xogador do Compos e adestrador do conxunto rioxano foi, ademais, o autor do saque de honra antes do encontro. Fondevila, Joselu e Yahvé, autores dos goles.
Fredi prometeu un cambio de estratexia e a Esedé comezou a mellorar en canto aos seus resultados. Un xogo moi directo, polas bandas e moi ben finalizadas as xogadas. Como demostración queda o gol de Fondevila aos trece minutos de xogo. Xogada pola banda dereita, centro para o ex do Xetafe B e golazo desde fóra da área cun disparo cruzado imposible para o porteiro.
A intensidade foi en aumento. O equipo non quería perdoar nin a máis mínima ocasión de aumentar distancias e só dous minutos máis tarde chegou o segundo. Yahvé chega pero o porteiro comete falta sobre el. Penalti e o Logroñés con dez durante máis dunha hora. Desde os once metros, e como estaba previsto, non errou Joselu.
Co 2-0 a intensidade baixou notablemente. O Compos vía o partido moi cómodo e baixou o nivel, aínda que sen deixar aos rioxanos incomodar en ningún momento a porta de Adrián, que mantívoa unha semana máis a cero.
Na segunda metade, a intensidade no xogo non apareceu durante os primeiros minutos. O Compos, co partido no peto, non tivo dificultades de atopar a porta contraria. Pola súa parte, o Logroñés notou o esforzo realizado na primeira metade. Así transcurriu o encontro durante a primeira media hora do segundo tempo, coa Esedé dominando o xogo pero sen materializar ningunha ocasión. 
Nos últimos vinte minutos, o Compos buscou de novo con intensidade a porta rioxana. Tres erros ante a porta de Ricardo foron a antesala do terceiro e definitivo gol do encontro. Centro de Jordan desde a dereita e Yahvé finaliza cun gran testarazo. 
Tres goles, tres puntos e catro xornadas sen coñecer a derrota sumando xa oito dos últimos doce puntos. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús Varela, Castiñeiras, Taboada, Jimmy; Gonzalo (Manu, min. 74); Jordan, Fondevila, Yahvé, Diego Rey (Nacho, min. 63); e Joselu (Peláez, min. 73). 
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 1-0 13' Fondevila, 2-0 15' Joselu, 3-0 70' Yahvé. 
ESTADIO: San Lázaro. 1.050 siareiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario