Máis preto da permanencia

O Compos acumulou xa a novena xornada consecutiva sen perder nun partido onde foi, unha vez máis, superior. Un encontro no que puido gañar calqueira e no que Joselu volveu a marcar e iguala a Diego Costa, xogador do Atlético de Madrid, na clasificación de goleadores nacionais con 25 goles, algo ao alcance só dos máis grandes. Con este punto logrado, o equipo durmirá tranquilo e afrontará os catro partidos finais, despois dunha fin de semana de descanso, coa mente posta na permanencia, que podería chegar ante o Burgos en San Lázaro en quince días. 
O guión do encontro quedou exposto nos primeiros minutos do encontro. O Compos tería o esférico no seu poder mentres que o Oviedo, cunha presión moi alta, intentaría aproveitar erros e buscar crear perigo á contra. Os de Fredi gozaron de oportunidades para crear perigo con dous córners nos primeiros cinco minutos do xogo que ninguén soubo rematar. 
As ocasións, que pouco a pouco foron chegando, foron lideradas por Diego Peláez. O ex do Coruxo volveu ser o enlace entre o centro do campo e a dianteira surtindo numerosos pases a Diego Rey e Joselu, xogadores máis activos en labores ofensivas. Pola súa parte, Adrián só tivo que intervir nunha ocasión sen demasiado perigo na primeira media hora de xogo.
Pero como leva pasando toda a tempada, o equipo perdoa e despois págao moi caro. Unha posible falta sobre Jordan nun roubo no centro do terreo de xogo e contra rápida do equipo asturiano que remata cun disparo por baixo de Susaeta co que supera a Adrián. Un golpe inxusto na segunda chegada dun equipo que soubo xogar moi ben as súas cartas. 
A Esedé buscou unha reacción rápida pero exceptuando dous centros que non atoparon rematadores, antes do descanso o equipo non tivo máis opcións de igualar o resultado. 
Na segunda metade baixou o ritmo. O Compos mantivo o dominio pero o perigo sobre a porta defendida por Pol só chegou a balón parado cunha falta moi ben botada por Gonzalo. O equipo, sen embargo, non estaba tendo continuidade no xogo, algo que fixo respirar a un Oviedo que non puido crear ocasións tampouco.
Despois de moito perdoar, Joselu sacou unha das súas xenialidades para superar ao porteiro e facer o empate. Levouse o balón tras unha loita con dous defensas e driblou ao porteiro, que saiu en busca de quitarlle o balón ao de Palmeira antes de que o '9' branquiazul fixera o empate a porta baleira e sen demasiado ángulo.
Co empate, o Oviedo desapareceu por completo os vinte últimos minutos. O Compos pasou a dominar o encontro e ter opcións de sobra para firmar o segundo gol. Sen embargo, nas dúas ocasións máis claras, as dúas finalizadas por Joselu, non puideron rematar no fondo das redes. 
Finalmente, o Compos perdoou a un Oviedo que volverá a casa cun punto co que non poden manter o cuarto posto.

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús, Catú, Castiñeiras, Jimmy; Gonzalo, Manu (Fondevila, min. 58); Jordan (Julen, min. 79), Peláez (Jacobo, min. 68), Diego Rey; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Gonzalo, Jacobo e Jesús.
GOLES: 0-1 32' Susaeta, 1-1 71' Joselu.
ESTADIO: San Lázaro. 2500 siareiros aproximadamente. A mellor entrada da tempada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario