Un derbi para soñar

A Esedé chega ao momento máis importante da tempada con dous derbis en sete días que de gañalos podería cambiar moito o conto. Primeiro toca visitar ao Celta B. Un equipo en horas baixas que non pasa pola súa mellor tempada. Loitando por saír do posto de promoción de descenso, o filial olívico recibirá ao Compos nun derbi onde gañar é o único posible. 
Dúas xeiras de resultados enfróntanse este domingo en Barreiro. O Compos acumula xa os cinco últimos partidos sen perder con dúas vitorias e tres empates, os tres lonxe de San Lázaro e en campo moi complicados. Pola súa parte, os celestes só gañaron un partido dos nove últimos, ante o Racing de Santander na casa pola mínima. Lograron 4 dos últimos 27 puntos e sumaron só 5 goles a favor, algo que demostra á perfección o mal momento polo que pasan, algo que aproveitar.
Décimo sextos, os homes de David de Dios suman ata este domingo 29 puntos despois de 28 partidos. 8 vitorias, 5 empates e 15 derrotas, case todas a domicilio, resumen os encontros do filial vigués esta tempada. En canto a goles, acumulan 27 a favor e 42 en contra, segundo equipo que máis goles recibiu ata o de agora. Sen embargo, na casa sumaron 20 puntos de 45 posibles demostrando que na casa son un rival a ter en conta. A nivel individual, Borja Iglesias é o máximo goleador do equipo con 9 tantos.
En canto ás baixas, Fredi non poderá contar con Jesús Varela nin Fran Pastor, baixa de longa duración. Pola súa parte, Marcos Torres e Borja Fernández serán baixa por lesión no filial vigués. 
A última visita da Esedé a Barreiro, a pasada tempada, o Compos ascendeu un posto grazas á vitoria do Compos por 2 goles a 3. Camochu, agora nas filas do Avilés, fixo os dous goles do filial celeste mentres que Jacobo Tato e Joselu por partida dobre, nos últimos cinco minutos ambos, firmou os tres puntos. O outro antecedente data de 2009. O último encontro entre os dous na Segunda B rematou cun 2-0 con goles de Oriol Riera e Álex López, os dous actualmente xogando na Primeira división. 
En canto ao último partido, o Compos chega despois de empatar sen goles no campo do Caudal Deportivo. Pola súa parte, o Celta B perdeu en Las Gaunas ante a SD Logroñés por 1 gol a 0. 
O partido será este domingo ás 16:30 horas en Barreiro e será retransmitido pola TVG2. Ademais, desde o clube celeste piden a asistencia do maior número de afeccionados posibles nas bancadas do campo, onde tamén haberá un bo número de siareiros chegados de Santiago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario