En plena recta final pola permanencia, o Compos recibirá este sábado ao Racing de Ferrol. O segundo clasificado, que está a realizar unha grandísima tempada coa vista posta na promoción de ascenso á Segunda división, chega para probar a un equipo que sumou 10 dos últimos 18 puntos, seis xornadas consecutivas sen coñecer a derrota.
Un 'clásico' de Galiza entre dous históricos da terra cun propósito similar en noventa minutos. Os dous equipos sairán a polos tres puntos coa mente posta nas dúas metas moi diferentes que teñen. Para o Compos gañar este partido podería rematar co medo polo descenso superando a barreira dos dez puntos de diferenza. Pola súa parte, o Racing non deixará de loitar pola primeira posición e de sumar os tres puntos podería achegarse ata os dous puntos se o Racing de Santander non gaña.
Para esta fin de semana, Fredi non poderá contar con Fran Pastor unha semana máis contando con 21 xogadores dos que deberá descartar a cinco antes do comezo do encontro. Pola súa parte, Aira conta coa baixa segura de Dopico e Pumar será dúbida ata a última hora, xa que non puido adestrar por lesión ata este mércores.
Ésta será a quinta vez que o Racing visite en partido oficial San Lázaro, xa que fai dúas tempadas caeu en Santa Isabel nun partido da Copa Deputación. Terceiro partido que servirá para decantar a balanza despois de sumar unha vitoria cada equipo. O Compos gañou no derradeiro partido entre ambos na Segunda B, no 2010, nunha moi mala tempada, grazas a os goles de Iván e Trovo, autor dun dos mellores goles que se recordan por San Lázaro. Garrido abriu o resultado, que rematou 2-1. Sen embargo, a pasada tempada gañou o Racing grazas a un gol de Jorge Rodríguez. Na Segunda división, fai trece anos, o resultado foi de 1-1 mentres que dous anos máis tarde o Racing endosou un contundente 0-5.
Se por algo se caracterizará este partido será polo enfrontamento entre os dous máximos goleadores da categoría. Dous xogadores que suman 37 goles. Os 20 de Joselu, máximo goleador do grupo e do Compos, terá diante a Manu Barreiro, segundo na carreira por ser o maior artilleiro. Un duelo que asegura goles e calidade.
En canto ao Racing de Ferrol, suman ata agora 50 puntos. 13 vitorias, 11 empates e 5 derrotas ata o momento acumulando 49 goles a favor, compartindo o primeiro posto neste aspecto co Racing de Santander, e despois de encaixar só 28. Fóra da Malata, sumaron 17 puntos en 14 partidos. A domicilio, algo que chama a atención é que perderon tres partidos pero, por contra, só gañaron tres. Ademais, empataron oito encontros lonxe da casa.
Para rematar, o Compos chega ao derradeiro derbi da tempada despois de empatar contra o Celta B en Barreiro nun final de infarto. Pola súa parte, o Racing chega asustando tras gañar á SD Logroñés por un contundente 6-0.
O partido será este sábado en San Lázaro. Un encontro para o que o clube puxo grandes descontos para acompañantes de socios e no que se agarda unha boa chegada de afeccionados desde Ferrol, que estarán situados no Fondo Norte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario