O Compos déixase dous puntos en Xixón

O Compos sumou o oitavo partido consecutivo sen perder nun encontro once parecía estar asegurada a primeira vitoria a domicilio. A visita a Xixón pintaba complicada co décimo posto en xogo e despois dun comezo dos bos, o equipo foise abaixo e con dous golpes duros sumou un novo empate. Gonzalo e Joselu sumaron os dous goles para os branquiazuis mentres que Dani Erencia e Mera, aproveitando un erro monumental de Adrián, igualaron o encontro para os asturianos. Ademais, os dous equipos remataron cun xogador menos. 
A Esedé saltou ao terreo de xogo cun gran xogo e alta intensidade. Dominio constante nos primeiros minutos a pesar da alta presión dos locais. Sen embargo, os problemas para os asturianos comezaron cedo coa lesión de Yacine en menos de dez minutos. E só tres minutos máis tarde do primeiro troco, chegou o primeiro gol do Compos. Diego Peláez, un dos mellores das últimas xornadas, puxo un pase medido á área para que Gonzalo cruzase o esférico desde a banda por enriba da defensa, que puido facer máis para evitar o primeiro da tarde.
Con algo máis de tranquilidade, pero sen deixar de buscar a porta contraria en ningún momento, o equipo mantivo o dominio ante un rival que foi de menos a máis pero sen crear perigo. E, como non, Joselu pasou a un primeiro plano. O dianteiro de Palmeira tivo o segundo gol nas súas botas aos vinte minutos pero tivo que agardar sete minutos máis para poder aumentar a súa incrible conta de goles esta tempada. Penalti claro de Álex Menéndez sobre Borja Facal e gol desde os once metros dun dianteiro cun promedio de goles de 0,77 por partido, algo só ao alcance dos mellores dianteiros do mundo. 
Partido medio encarrilado e o Compos máis tranquilo sobre o terreo de xogo. Sen embargo, na primeira chegada, con Jimmy no chan despois dun balonazo e sen que os locais tiraran o balón fóra nin o árbitro parara o encontro, chegou o primeiro gol para o Sporting B. Tras tres rexeites na mesma xogada, Dani Erencia bate a Adrián cun testarazo.
O Sporting mellorou pero, unha vez máis, sen crear perigo sobre a porta de Adrián. Pola súa parte, Joselu topouse co porteiro local e Gonzalo, moi activo en ataque, coa madeira. Perdoando o terceiro, o Compos chegou ao descanso cun 1-2 un tanto inxusto e curto.
Na segunda metade desapareceu o Compos durante os primeiros minutos. O filial asturiano aumentou a intensidade sobre o terreo de xogo e non permitiu nada aos pupilos de Fredi. Un aviso por parte de Álex García, que evitou Adrián, foi a antesala do empate, aos vinte minutos da reanudación. Un gol difícil de explicar e repetir xa que Mera decidiu sorprender desde o medio do campo disparando unha falta por enriba de todos, incluido o porteiro, caendo o balón dentro da portería. Bo gol e gran erro do coruñés, que saiu da súa porta un par de metros intentando evitar un posible remate dos xogadores de dentro da área.
Máis de vinte minutos por diante e o encontro aumenta a intensidade. Un final de tolos con ocasións nas dúas porterías e co Compos moito máis preto de sumar a primeira vitoria lonxe de San Lázaro despois de 31 encontros. Joselu tivo unha moi clara que non atopou porta mentres que Santi Taboada errou na mellor ocasión de todo o encontro. O vitoriano supera á defensa e ao porteiro cun caneo e, incomprensiblemente, manda o balón ao poste perdoando unha vez máis o gol da vitoria.
Para finalizar o partido da peor forma posible, Jony foi expulsado polos locais mentres que Borja Facal viu o segundo cartón amarelo por perda de tempo e non poderá estar o vindeiro sábado ante o Oviedo en San Lázaro.

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Taboada, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez (Germán, min. 88); Jordan (Jacobo, min. 62), Peláez (Yahvé, min. 69), Diego Rey; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Taboada. Expulsado Borja Facal por dobre amonestación.
GOLES: 0-1 11' Gonzalo, 0-2 30' Joselu, 1-2 33' Dani Erencia, 2-2 66' Mera.
ESTADIO: Pepe Ortiz da cidade deportiva de Mareo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario