Joselu salva un punto

O Compos acumula xa seis xornadas sen coñecer a derrota, algo que está cambiando o obxectivo da directiva. Un novo empate lonxe de San Lázaro, e van catro consecutivos, fai que o equipo perda un posto pero aumente a diferenza cos postos de descenso ata os nove puntos. Para logralo, en Barreiro tivo que aparecer Joselu para asinar o gol do empate a falta de seis minutos para o final do encontro.
A Esedé non puido amosar o seu mellor nivel ante un Celta B que plantexou un encontro complicado baseando o seu xogo en balóns en longo buscando as costas á defensa branquiazul. Os locais saíron con intensidade querendo sorprender a Castiñeiras e Jorge, moi seguro durante os noventa minutos. Atoparon o camiño á porta de Adrián moi cedo con tres ocasións perigosas pero sen acerto suficiente. Pola súa parte, Joselu buscou superar a Rubén Blanco cunha vaselina que chegou sen problemas ás mans do porteiro. 
Primeiro aviso santiagués nun contraataque, forma de atopar a porta na primeira media hora para os de Fredi, que anticipou o primeiro gol do encontro, só dous minutos máis tarde. Un gol que, sen embargo, non foi ningunha sorpresa xa que tal e como estaba sendo o partido só era cuestión de tempo que alguén se adiantase. Esta vez tivo que chegar despois do peor erro do equipo compostelán no centro do campo cunha perda de balón que aproveitou Thaylor para asistir a Borja Iglesias, que superou a Adrián por baixo. 
A reacción visitante foi instantánea. Os pupilos de Fredi sacudíronse o dominio vigués e a base de posesións longas. Con Joselu en forma, o equipo atopou o camiño á porta contraria aínda que sen demasiado perigo durante a primeira metade, onde o equipo foi de menos a máis. 
Na segunda metade, o dominio compostelanista foi maior. O Celta B apenas puxo en perigo a porta de Adrián mentres que Joselu e Diego Rey, do mellor do equipo, si se achegaron á portería defendida por Rubén Blanco. Pero unha vez máis algo interpúxose entre o Compos e o gol a pesar do dominio santiagués sobre o campo. 
O tempo pasaba. Cada minuto a Esedé buscaba arriscar máis buscando o gol do empate sabendo que o erro máis pequeno podería rematar no segundo gol vigués. Por sorte, o merecido gol chegou cos dous xogadores máis destacados en ataque como protagonistas. Diego Rey dispara, rexeita Rubén Blanco e Joselu, sempre na mellor posición, manda o balón ao fondo das redes.
Gol importatísimo a falta de seis minutos máis o desconto co que aumentar as esperanzas e a intensidade nun xogo que morreu co Compos dominando e moito máis preto do segundo gol que o rival, que non puido facer moito na segunda metade para manter os tres puntos ante un rival que loitará ata o final non só pola permanencia senón tamén por un posto na próxima edición da Copa do Rei.
O vindeiro sábado, último derbi da tempada en San Lázaro. Visítanos o Racing de Ferrol, segundo clasificado e nun estado de forma envexable. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja Facal, Castiñeiras (Diego Rey, min. 46), Jorge, Jimmy; Taboada, Gonzalo; Óscar Fondevila (Manu Rodríguez, min. 78), Jordan, Peláez (Jacobo, min. 69); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Santi Taboada.
GOLES: 1-0 19' Borja Iglesias, 1-1 84' Joselu.
ESTADIO: Barreiro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario