A permanencia a tres puntos

O Compos ten xa pé e medio na Segunda B a vindeira tempada despois dunha nova vitoria ante o Burgos, ao que supera no enfrontamento particular despois do 3-1 da ida favorable aos burgaleses. Joselu, que mantén o seu pulso con Diego Costa por ser o máximo goleador español do fútbol nacional, sumou dous goles máis na súa conta, que ascende aos 27 tantos superando xa a súa marca da tempada pasada, e Manu Rodríguez pechou os tres puntos ante un equipo inofensivo.
O décimo partido sen perder da Esedé comezou co Burgos querendo o balón e achegándose á porta de Adrián cunha falta perigosa que non pasou a máis. Sen embargo, na primeira que tivo o dianteiro de Palmeira, tras unha gran asistencia de Diego Peláez despois da primeira carreira maxistral de Diego Rey pola banda esquerda, un perigo constante desfacendo á defensa visitante. 
O máis complicado xa estaba feito. O Compos xa gañaba a un equipo anulado totalmente e con grandes erros en defensa permitindo todo aos locais, que non precisaron máis de dez minutos para facer o segundo e tranquilizar un pouco un encontro que podería rematar en goleada. Para o segundo, tamén obra de Joselu, o asistente foi Gonzalo cun centro que deixou ao dianteiro só diante do porteiro, ao que superou sen problemas. 
Dous goles de diferenza pero coa mente posta no empate recibido ante o Sporting B despois de sumar a mesma distancia. Ademais, o partido estaba para que chegase un terceiro gol moi cedo. O Compos era moi superior ante un Burgos sen ideas, un xoguete nas mans dos xogadores branquiazuis. E as ocasións sucedéronse sobre a porta defendida por Aurreko, que non foi capaz de evitar o terceiro da noite superada a media hora de xogo. 
Terceiro gol e terceira intervención de Joselu. Diego Peláez comezou a xogada cun pase para o dianteiro e este cedeu o balón para Manu Rodríguez, que superou ao porteiro vasco cun disparo dentro da área sentenciando así un encontro que non tivo máis conto e que achega ao Compos non só á permanencia senón tamén á zona media alta da táboa, seguinte obxectivo dos homes de Fredi para os tres partidos que restan da tempada a só dous puntos do oitavo clasificado, o Ourense.
A segunda metade non tivo nada destacable. O Burgos puido gozar máis da posesión do esférico pero mantendo constantes erros á hora de superar a unha defensa segura que non tivo problemas para evitar que o perigo chegase á porta de Adrián. Ademais, o Compos puido ampliar a conta á contra con boas chegadas de Joselu, moi activo os noventa minutos en busca dun novo 'hat trick'.
Finalmente, o equipo suma a décima xornada sen perder e firma a salvación matemática, aínda que podería caer ao posto de promoción de descenso, algo moi difícil de que ocorra. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Catú (Germán, min. 46), Castiñeiras, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez; Jordan, Diego Rey (Jacobo, min. 65), Diego Peláez (Yahvé, min. 76); e Joselu. 
CARTÓNS: Amarelos para Yahvé e Jordan. 
GOLES: 1-0 3' Joselu, 2-0 12' Joselu, 3-0 34' Manu Rodríguez. 
ESTADIO: San Lázaro. 1.100 siareiros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario