Amosando publicacións coa etiqueta Liga 12 13. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Liga 12 13. Amosar todas as publicacións

A por La Arboleja! Quedan só 90 minutos!

Despois de máis de 10 meses de fútbol sen parar chega o derradeiro partido da tempada. O partido máis importante co obxectivo principal en xogo. Un novo ascenso a unha categoría nacional tras unha tempada na que San Lázaro foi un fortín e a domicilio puido ser mellor. Os 90 mellores minutos que farán que Santiago sexa unha festa a partir do domingo ás nove da noite. 
Un partido onde o equipo santiagués debe facer valer a renta conseguida en San Lázaro só oito días antes igual que nas dúas primeiras roldas. A favor do Compos, pódese dicir que valerían 42 dos 43 resultados colleitados esta tempada. Sen embargo, estamos a falar dun rival que na casa só sabe o que é gañar e empatar, aínda que isto só o fixeron na xornada 12 ante o Beniel. 
Para esta Final, Fredi só contará coas baixas de Tachi e Germán, dous que se agardan para a vindeira tempada xa na categoría de bronce do fútbol nacional. Ademais recuperará a Martín, que non puido adestrar o mércores por problemas de saúde, e Diego Peláez poderá ser titular despois de superar as molestias que o apartaron do once titular en San Lázaro ante os ciezanos. Pola súa parte, o adestrador do Cieza poderá contar con toda a plantilla. 
O partido será este domingo en La Arboleja, onde se agarda o cartel de non hai entradas, ás 19 horas. Dende Santiago poderá verse na TVG 2 e tanto no bar Abrente coma na Nave de Vidán haberá pantallas para todos os que queiran facelo rodeados de siareiros. Ademais o Concello está pensando en montar unha pantalla xigante nalgunha praza da cidade. 
E o luns á tarde-noite algúns afeccionados recibirán aos xogadores en San Lázaro pase o que pase. 

O partido máis importante do ano

Este sábado chegará o partido máis importante de todo o ano para o compostelanismo. Noventa minutos onde o equipo debe ser superior en todo e do que hai que saír cun bo resultado facendo que o partido de volta sexa moito máis fácil e tranquilo, como nas dúas primeiras roldas. 
Diante estará un equipo que fóra da casa non está a demostrar un gran nivel pero que sempre marcan un gol, algo que fai que no seu campo teñan máis opcións de dar a volta á eliminatoria no seu campo, onde si que é un equipo a ter en conta. Un equipo que buscará seguro un gol en San Lázaro para aproveitar o factor campo na volta. 
En canto ás baixas, Fredi só conta coas baixas seguras de Germán e Tachi e coa dúbida de Diego Peláez polo que Mariño, que xa tivo minutos en Pamplona, podería voltar á titularidade devolvendo ao centro do campo esa seguridade que dan os mellores. Pola súa parte, o Cieza non conta con baixas por sanción nin lesión. 
O partido será este sábado ás 19 horas. As entradas xa están á venta na taquilla número 4 mantendo os mesmos prezos que nas dúas primeiras xornadas da promoción na Tribuna e a 5 euros tanto para socios coma para non socios na Preferencia e 1 euro para menores de 16 anos, onde estarán Fende Testas, Changos, Linguazul e Curva Branquiazul animando ao equipo. 

A Segunda B pasa por Murcia

O Compos terá que enfrontarse na derradeira xornada ao Cieza murciano. Unha complicada saída ante un rival que, aínda que non foi campión no seu grupo, promete loitar ata o final de cada partido igual que o fixeron nas dúas roldas deixando polo camiño ao Alcudia na primeira rolda e o Azuqueca na semifinal. Un rival moi complicado nunha eliminatoria que haberá que levar, de novo, encamiñada de San Lázaro para non sufrir no estadio de La Arboleja de Cieza. 
O equipo coñecido como 'Esparteros' loitará por estar en Segunda B por terceira vez na súa historia despois dos seus ascensos nas tempadas 86/87 e 92/93, volvendo a Terceira nas tempadas posteriores. Segundos no grupo 13 por detrás do La Hoya. 70 puntos en 34 partidos sumando 22 victorias, 4 empates e 8 derrotas, números a ter en conta. Sen embargo, é un equipo que non anota moitos goles, 59 na tempada regular e 7 na promoción de ascenso. Ademais na Liga encaixaron 27 goles e 5 na promoción. 
Un equipo que na casa é moi temible pero que a domicilio non suma os mellores resultados. Así o demostraron nas dúas roldas anteriores da promoción tendo que remontar nas dúas ocasións. Comezaron con derrota no campo do Alcudia por 2-1 e a semana seguinte superaron a eliminatoria grazas a un 1-0. E na semifinal, o Azuqueca gañou por 3-1 pero na volta, en Cieza e despois dun recibimento lamentable ao conxunto manchego por parte da afección murciana, remontaron cun gran 4-0.
En canto a nivel individual, hai que ter en conta a Karanka. O ex xogador do Athletic de Bilbao en Primeira e do Sporting en Segunda, entre outros, sumou 17 goles no que vai de tempada. 
A ida xogarase en San Lázaro esta fin de semana mentres que o partido de volta será en La Arboleja, estadio con capacidade para 5.500 afeccionados e de herba natural.
Para completar o pleno de equipos galegos, o Celta B verase as caras co Arenas Club mentres que o Deportivo B fará o propio ante o El Palo. 

Un posto na final en xogo

Este sábado haberá en xogo un posto na final da promoción de ascenso, último paso polo que pasa o obxectivo principal posto ao comezo da tempada. Un novo partido lonxe da casa, lonxe de Galiza, onde o Compos deberá manter o bo camiño dende a chegada de Fredi ao banco de San Lázaro. 
Como todos sabemos, despois da vitoria conseguida en San Lázaro o pasado domingo presenciada por máis de tres mil siareiros, a Esedé chegará a Pamplona sabendo que apenas hai posibilidades de quedar eliminados. O 3-0 logrado ante o AD San Juan na casa fai uns días obrigará aos navarros a gañar por catro ou máis goles de diferencia, algo que parece practicamente imposible. Sen embargo, como dixo Fredi en rolda de prensa, non hai relaxación posible. 
En canto ás baixas, Fredi só conta coas máis que coñecidas de Tachi e Germán, que non poderán estar ata a vindeira tempada por lesión. Joselu e Catú, que remataron o partido de ida con molestias, serán dúbidas ata última hora e o seu posto no once inicial depende da decisión do adestrador, mentres que Mariño podería ter minutos por fin despois da lesión que o leva apartando dos terreos de xogo dende a visita do equipo a Pontevedra en abril. Pola súa parte, Ezcurra non poderá estar nas filas do AD San Juan despois de ser expulsado en San Lázaro. 
O partido será o sábado ás 18 horas no Estadio do AD San Juan, campo de herba artificial e dimensións inferiores ás de San Lázaro. 

Un paso máis

Este domingo comeza a segunda fase da promoción. Cento oitenta minutos de fútbol ante un rival moi complicado e que non fará que o pase sexa nada fácil. E comezarán en San Lázaro. O estadio branquiazul acollerá un novo partido clave do que haberá que saír cun bo resultado, semellante ao do partido ante o CD Ebro. 
Diante estará o AD San Juan. Un equipo que non leva un nome deses que asustan pero cunhas estadísticas que fan pensar que gañar non será nada fácil. Un equipo que non se caracteriza por ser moi goleador pero si de ter unha das mellores defensas de Terceira despois de encaixar só 16 goles na temporada regular e un máis na fase de ascenso, o que provocou que o equipo navarro non tivera máis opcións de ascender na rolda de campións. 17 goles en 40 partidos demostrando que Joselu e compañía deberán esforzarse máis do normal para, como mínimo, ir a Pamplona cun resultado algo favorable. 
Para este partido, o Compos conta cunha baixa moi dura. Germán, que foi expulsado no partido de volta ante o CD Ebro, non poderá estar ademais no que resta de promoción por lesión. Unha fisura no quinto metatarsiano apartará ao central, que ultimamente xoga de centrocampista defensivo, dos terreos de xogo entre mes e medio e dous meses. Ademais, Joselu será dúbida ata última hora por problemas musculares. Pola súa parte, o equipo navarro chegará sen baixas a Santiago. 
Na pasada eliminatoria, os dous equipos remataron con resultados moi diferentes. Despois de dous partidos, o Compos superou ao CD Ebro cun contundente 6-2. 4-0 en San Lázaro con Joselu moi atinado de cara a porta anotando tres goles e 2-2 en Zaragoza con dous tantos máis do dianteiro branquiazul. Pola súa parte, o AD San Juan non puido rematar a tempada co ascenso caendo ante o Puerta Bonita madrileño. 0-0 en Pamplona e 1-0 en Madrid cun gol aos seis minutos de partido. 
O primeiro partido será este domingo en San Lázaro ás 18 horas. As entradas, que están en taquilla dende o xoves, costan 5 euros para socios, 10 euros para non socios e 1 euro para menores de 15 anos. Agárdase un gran ambiente nas bancadas que, unha vez máis, faga de xogador número doce. 

Todos a Zaragoza

O Compos viaxará a Zaragoza esta fin de semana para encarar o segundo partido da promoción, aínda que xa parece ser máis un simple trámite despois do partido de ida. Un partido onde estarán tódolos xogadores a excepción de Tachi para facer grupo nun dos partidos máis importantes da tempada. 
Un partido onde o Compos terá que xogar contra doce xa que o CD Ebro contará co campo a favor. Non só coa afección senón que ademais coas dimensións, é un campo máis pequeno que o de San Lázaro e o tipo e terreo xa que será sobre céspede artificial. Sen embargo, o partido non debería ser máis que unha festa para o compostelanismo a máis de 800 kilómetros da capital galega, algo que non evitará o desprazamento de afeccionados a terras aragonesas.
En canto ás baixas, Christian e Mariño, ademais de Tachi, non se poderán vestir de curto por lesión. Pola súa parte, o CD Ebro recupera a Pastor e Pedro Avellana despois de ser baixas en San Lázaro. 
Pouco máis se pode dicir dun partido onde parece que o Compos certificará a súa presenza na segunda ronda da promoción de ascenso á Segunda B. Para isto non fixo falta máis que un Joselu espectacular na ida sumando tres dianas ante un equipo moi inferior. Ademais, Marcos Suárez finiquitou o que foi un partido fácil para o Compos co 4-0 definitivo. 
O partido será este sábado ás 18 horas no campo de El Carmen. Impartirá xustiza o castelán-leonés Campos Goeloe. 

Primeiro obxectivo

Despois dunha boa tempada do Compos co primeiro obxectivo cumprido, toca afrontar a fase de ascenso á Segunda B, obxectivo principal da tempada. Na primeira ronda tocará verse as caras cun equipo aragonés, o CD Ebro de Zaragoza. Un rival, en principio, asequible que intentará non saír de San Lázaro cun mal resultado. Os de Fredi intentarán deixar practicamente sentenciado o pase á segunda fase en terras galegas, na ida. 
O CD Ebro, equipo dun barrio de Zaragoza, chegará a San Lázaro despois de clasificarse para a promoción na derradeira xornada de liga. Un equipo, en principio, de nivel inferior pero que chega ao partido despois de dúas semanas de preparación e descanso xa que a tempada regular no grupo aragonés rematou xa fai dúas semanas. 
Comparando aos dous equipos, os dous sumaron os mesmos puntos, as mesmas victorias, as mesmas derrotas e os mesmos empates. As diferenzas atópanse se miramos os goles a favor e en contra por parte dos dous equipos. O Compos sumou en 38 partidos 64 goles mentres que os maños 66 e a diferencia máis notable son os 28 goles encaixados polos nosos ante os 40 do rival. A nivel individual podemos comparar aos dous máximos goleadores, onde tamén se atopa unha boa diferenza. Joselu, máximo goleador da Terceira galega, anotou 26 goles mentres que Arribas sumou 19. 
En canto ás baixas, Fredi non poderá contar con Christian, Tachi, Mariño e Franqueira por lesión, catro baixas importantes que deberán suplir Carlos Hortal, Manuel Castiñeiras ou Rendo, Germán e Jordan ou Marcos. Pola súa parte, o equipo aragonés chegará sen Pastor nin Pedro Avellana, os dous por sanción, polo que José Luis Rodríguez Loreto, adestrador do CD Ebro, convocará a dous xuvenís. 
Se temos en conta o derradeiro partido dos dous equipos en liga, o Compos superou sen demasiados problemas ao As Pontes finalizando a tempada regular cunha victoria grazas aos goles de Peláez, Franqueira e Martín. Pola súa parte, o equipo aragonés superou ao Atlético Monzón na derradeira xornada por 3-0 con goles de Arribas, Jesús Fernández e Pedro Avellana nun partido a vida ou morte onde o gañador estaría na promoción. 
Cabe destacar tamén as reaccións do adestrador e do presidente do equipo maño. Os dous destacan ao Compos como o favorito da eliminatoria denominando ao equipo como "todopoderoso" e "o rival máis temible". En canto ao partido de ida soñan con volver a La Almozara con vida e non saír de San Lázaro coa eliminatoria sentenciada para o equipo compostelán. 
O partido será este sábado ás 18 horas en San Lázaro, onde debe haber unha gran entrada. As entradas están xa á venta nas oficinas do clube ao prezo de 5 euros para socios, 10 para non socios e 1 euro para menores de 16 anos. Ademais a Esedé estreará a equipación coa que xogará a vindeira tempada. 

Goleada fácil pensando na promoción

O Compos superou ao As Pontes sen demasiados problemas no derradeiro partido da tempada regular. Un partido sen o máximo goleador da categoría onde o equipo demostrou un gran nivel e superou ao rival nun partido dominado polo equipo local de principio a fin. Tres goles na primeira metade e nada máis. A anécdota do partido protagonizouna o colexiado mancándose, algo que fixo que o partido estivera parado dez minutos. 
Un partido onde Diego Peláez demostrou un nivel espectacular facendo parte do traballo de Joselu, que non xogou nin un minuto. O santiagués xogou unha hora a un grandísimo nivel e, xunto con Yahvé e Marcos, puxo en serios apuros ao gardameta visitante. A eses tres xuntouse o resto do equipo e, sen problemas, puideron poñer un ritmo bastante alto durante a primeira metade coa intención de resolver o partido o antes posible. 
Sen dúbida, se hai que poñer nomes ao partido non poderían faltar os de Franqueira, Peláez e Yahvé. Os tres fixeron un partido espectacular demostrando estar en forma de cara á promoción. E, ademais, os tres participaron nos tres goles dunha ou outra maneira. 
Chegado o cuarto de hora de partido, Diego Peláez inaugurou o marcador cun bo gol tras un centro de Franqueira dende a banda dereita. E só tres minutos máis tarde, Yahvé disparou, o cancerbeiro non conseguiu atrapar o esférico e caeu a Franqueira, que rematou o seu partido cun gol e unha asistencia antes de retirarse deixando o seu posto a Martín. 
Despois da lesión do colexiado, que provocou que o partido estivese parado durante máis de dez minutos, o ritmo non caeu nada. O Compos mantivo o xogo sen complicación en campo contrario asediando a portería sempre que houbo a ocasión pero sen ansiedade. E cando o Compos estaba mellor, Peláez apareceu na banda esquerda, fixo unha obra de arte para desfacerse a base de regates de tódolos rivais que apareceron e puxo un pase perfecto para Martín que marcou chegando dende atrás. 
Xa na segunda metade o partido perdeu un pouco de intensidade e o As Pontes puido ter un pouco máis a posesión do esférico chegando en algunhas ocasións á portería de Adrián, aínda que sen incomodar demasiado. Pola súa parte, tanto Catú coma Castiñeiras interviron sempre á perfección evitando sustos por parte dos ponteses.
Na outra portería, a puntería e a sorte esquivaron ao Compos. As ocasións mantivéronse aínda que con menos intensidade. Marcos, xogador máis adiantado, intentouno en varias ocasións pero sen a sorte necesaria para facer o cuarto que tamén puido firmar Yahvé de falta directa no último minuto. 
Victoria, terceiro posto, e a pensar na promoción que comeza a semana que vén e que mañá coñeceremos ante quen. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Catú, Jimmy (Bautista, min. 58); Germán, Gonzalo; Yahvé, Franqueira (Martín, min. 28), Peláez (Jacobo, min. 62); e Marcos Suárez.
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 1-0 15' Peláez, 2-0 18' Franqueira, 3-0 40' Martín.
ESTADIO: San Lázaro. 1.400 afeccionados aproximadamente.

Despedida da Liga, hai que encher a bancada!

A tempada toca ao seu fin esta fin de semana en San Lázaro despois de case nove meses de fútbol, alegrías e decepcións. Unha tempada completa e que podería rematar co Compos na terceira posición de gañar ante o As Pontes nun partido complicado no coliseo branquiazul. Derradeiro partido da tempada regular, aínda queda a promoción, nunha xornada onde o único que se xogará será un dos postos de descenso e o terceiro posto, que fará que a primeira ronda da promoción sexa, en principio, máis fácil. 
O As Pontes é sexto, posición na que rematará pase o que pase en San Lázaro, con 59 puntos. Os ponteses chegan despois de gañar en 18 ocasións, empatar só en 5 partidos e caer en 14. Un equipo que suma ata o de agora 56 goles a favor e encaixou 50, moitos para o posto no que se atopan. Ademais, para ser un pouco máis optimistas, só sumaron 18 dos 54 puntos que disputaron fóra da casa. 5 victorias, 3 empates e, nada máis e nada menos que 10 derrotas. 21 goles a favor e 31 en contra demostran que, a pesar de ter máis dun gol de media, tamén encaixan bastantes goles. 
Se falamos das baixas, Christian, Tachi e Mariño non poderán estar no terreo de xogo no último partido da tempada regular por lesión. Pola súa parte, Jorge Nano será baixa por sanción e Kiko e Piña por lesión no As Pontes. 
En canto ao partido da primeira volta, en O Poboado, o Compos levouse os tres puntos nun partido moi difícil. Joselu, no desconto, firmou o único gol do partido aproveitándose dun erro defensivo e despois de desfacerse dun defensa antes de superar ao porteiro local. Un partido no que o Compos perdeu un posto caendo do segundo ao terceiro en favor do Celta B. 
Se temos en conta a xornada anterior, o Compos gañou en Ordes con problemas e pola mínima nun partido gris para ascender un posto no mellor momento posible. Pola súa parte, o As Pontes despediuse da súa afección esta tempada cunha victoria ante o Somozas grazas ao gol de David Amado no primeiro minuto do partido.
O partido será este domingo en San Lázaro ás 17:30 horas e cun desconto máis que especial. As entradas estarán a 1 euro e gratis para acompañantes de socios. 

Terceiros!

O Compos xa é Terceiro nun novo partido complicado lonxe de San Lázaro, aínda que con moita afección santiaguesa nas bancadas de Vista Alegre. Un partido espeso, sen moitas ocasións e con dominio de balón por parte do conxunto, unha vez máis, dirixido por Manuel Castiñeiras no centro da defensa. Adrián, unha semana máis, deixou a portería a cero e Yahvé volveu a poñer a camiseta de goleador sumando o tanto da victoria a falta de dez minutos.
Sabendo que de gañar habería unha boa posibilidade de rematar a semana como terceiros clasificados e saíron coa victoria na mente. Tanto Joselu como Yahvé presionaron a saída do balón local e cada posesión compostelanista era moi longa e só con pases seguros, sen rifar nin un só balón e intentando saír xogando o balón a base de fútbol de toque.
O dominio foi santiagués pero, sen embargo, as ocasións chegaron por parte do equipo verde. Moi pouco perigo sobre a portería de Adrián tamén ao longo dos primeiros corenta e cinco minutos e nos primeiros intres da segunda metade nun partido espeso, son fútbol vistoso por parte de ningún dos dous equipos.
Fútbol de toque, lento, contra fútbol rápido, ao contraataque. Dous estilos diferentes e que non atopaban respostas durante o partido. Pasaban os minutos e as poucas ocasións eran avisos locais sobre a portería defendida por Adrián. Avisos que demostraban que facía falta algo máis se querían manterse na loita por esa terceira praza.
E a falta de dez minutos, Joselu volveu a asistir a Yahvé es éste, despois de controlar o balón, púxoo onde o porteiro local non puido facer nada. Un gol definitivo e que, de facer as cousas ben na vindeira xornada ante o As Pontes, podería confirmar a terceira posición pola que o Compos leva loitando meses.

ALIÑACIÓN: Adrián; Rendo, Castiñeiras, Germán, Jimmy; Jacobo (Marcos Suárez, min. 63), Gonzalo, Manu Rodríguez (Peláez, min 75), Franqueira (Martín, min. 79), Yahvé; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Rendo.
GOLES: 0-1 80' Yahvé.
ESTADIO: Vista Alegre. 400 espectadores.

Última saída en Terceira?

O Compos podería estar ante a súa última saída en Terceira. A última visita a un campo que non é San Lázaro en liga en Terceira se as cousas saen ben. Un partido preto de Santiago para que a afección branquiazul poida estar, unha vez máis, co seu equipo celebrando un novo obxectivo como é a clasificación para a promoción lograda a semana pasada grazas á derrota do Pontevedra. 
O Ordes é o último equipo que terá como obxectivo derrotar na casa a un histórico como a SD Compostela esta tempada. Un equipo que loitou ata fai unhas poucas semanas por entrar na promoción de ascenso a Segunda B. Sen embargo, a falta de dúas xornadas para o remate da tempada son sétimos con 55 puntos. 14 victorias, 13 empates e só 9 derrotas, algo comparable cos equipos da promoción. Un equipo que suma 44 goles a favor e 35 en contra, menos dun gol por partido. Un equipo que en Vista Alegre e moi duro, algo que confirman as estadísticas. Gañaron 11 partidos, empataron 6 e perderon só contra o Vilalonga na segunda xornada. Ademais é un equipo que anota case dous goles por partido, 31 en 18 partidos, e que só encaixou 7 no que vai de tempada, algo moi a ter en conta. En canto ao individual, cabe destacar a Capelo, autor de 13 goles do equipo.
En canto ás baixas, Fredi non poderá contar con Mariño nin Tachi, os dous con lesións de larga duración, recuperando así a Manu Rodríguez e Diego Peláez, baixas na última . Pola súa parte, Nacho só perderá a Juan por lesión por segunda semana consecutiva.
A pasada xornada, o Compos certificou a súa presenza na promoción de ascenso cunha nova victoria. Os santiagueses superaron ao Bergantiños grazas aos goles de Germán, Catú e Yahvé. Pola súa parte, o Ordes non puido gañar na súa visita a As Pontes. 2-1 con gol de Alex Castro para os visitantes.
Se temos en conta o partido da primeira volta, en San Lázaro, o resultado foi un 0-0 nun partido trabado e con poucas ocasións. Un partido sen demasiada xente en San Lázaro para pechar o 2012.
Este domingo agárdase unha boa chegada ao campo de Vista Alegre, en Ordes. O encontro será ás 17:30 e o Compos podería asaltar a terceira posición se o Deportivo B non gaña na súa visita ao Narón. 

Por Tachi, na promoción!

O Compos xa ten o seu billete para a promoción de ascenso á Segunda B despois da victoria merecida e traballada ante o Bergantiños na casa. Un partido onde a Esedé partía coa condición de que para ser definitivamente un dos catro equipos clasificados para estar na promoción definitivamente esta mesma fin de semana. Por sorte, o Vilalonga gañou na casa por goleada ao Pontevedra e agora quedan dous partidos para buscar a terceira praza da clasificación. 
O partido estivo do lado branquiazul dende o primeiro minuto, aínda que faltaba intensidade no xogo por parte dos dous equipos. Joselu e Yahvé, que unha vez máis foron os xogadores máis adiantados do equipo, buscaron roubar balóns en campo contrario mentres que a defensa apenas tivo que esforzarse para recuperar pelotas perdidas ou divididas ante un equipo que en ningún momento puxo en apuros a Adrián, que tivo unha tarde moi cómoda baixo paus. 
Pola súa parte, o Bergantiños só puido defender cada unha das chegadas do Compos. Ademais, cunha defensa moi adiantada e ben situada, os de Fredi apenas puideron achegarse ao cancerbeiro visitante con ocasións claras e perigosas. A máis clara da primeira metade foi un disparo de Jacobo a pase de Joselu que non atopou portería. 
Sen embargo, o primeiro gol chegou a raíz dun erro da defensa visitante. Germán, coa cabeza, rematou despois dun córner e ningún dos dous xogadores evitou que o '6' da Esedé abrira o casilleiro. E para completar dous bos minutos, no primeiro da segunda metade, Catú aproveitou un erro do porteiro, cazou o rexeite e fixo o segundo gol da tarde para poñer un pouco de tranquilidade ao partido.  
Estaban a ser uns bos minutos para a Esedé e só quedaba por pechar o encontro canto antes para non sufrir no resto do partido. E Yahvé volveu a vestirse de crack, de xogador de Primeira, para desfacerse de dous defensas contrarios, deixar no chan ao porteiro e marcar cun disparo cruzado. Un golazo que, ao igual que os dous primeiros, foi dedicado para Tachi, que agardemos que regrese para xogar en Segunda B. 
E a partir de aí xa pouco máis que contar. O Bergantiños apenas incomodou a portería de Adrián en dúas xogadas a balón parado mentres que o Compos só tivo que limitarse a deixar pasar o tempo e escoitar as inmellorables novas que chegaban dende San Pedro, onde Uru fixo un dos catro goles do Vilalonga. 
Agora restan dous partidazos onde o Compos debe loitar por ser terceiro ou, aínda que sexa moi complicado, segundo. A vindeira semana toca visitar o campo do Ordes, un dos equipos que ata fai pouco loitou por entrar en promoción de ascenso da man do ex xogador do Compos Nacho. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja (Rendo, min. 61), Castiñeiras, Catú, Jimmy; Germán (Martín, min. 73), Gonzalo; Franqueira (Marcos, min. 70), Jacobo, Yahvé, e Joselu.
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 1-0 45' Germán, 2-0 46' Catú, 3-0 54' Yahvé. 
ESTADIO: San Lázaro. 600 espectadores. 

Primeira porta á promoción

Tres partidos por diante e dous obxectivos: entrar na promoción, algo do que depende de si mesmo, e ser terceiro, algo do que dependen os resultados do Deportivo B, que rematará a tempada ante o Pontevedra nun partido que podería cambiar moitas cousas. Esta fin de semana, os de Fredi xogarán ante un Bergantiños que non se xoga nada, xa é equipo de Preferente Autonómica, e haberá que poñer un ollo nos partidos do Pontevedra e do Fabril.
O Bergantiños chega sen nada en xogo a San Lázaro nun partido ao que sairán a xogar sen medo, sen presión. Equipo xa descendido despois de firmar 27 puntos en 35 xornadas nunha mala tempada do conxunto bergantiñán. 7 victorias, 6 empates e 22 derrotas no que vai de tempada fan que sexa o segundo equipo que máis partidos perdeu no que vai de liga. Ademais, é o equipo que menos goles anotou ata o de agora 25 tantos a favor. Pola contra, encaixaron 54 goles. En canto aos partidos lonxe do seu feudo, o Bergantiños só gañou 2 partidos, un deles ante o Fabril; 3 empates e 12 derrotas encaixando goles en tódolos partidos. A nivel individual, Josiño é o máximo goleador con 5 tantos no que vai de tempada.
En canto ás baixas, Fredi non poderá contar con Tachi e Mariño por lesión, Manu Rodríguez e Diego Peláez por sanción e Bautista e Nogueira por decisión técnica. Pola súa parte, o adestrador do Bergantiños non poderá contar con Geri, Iván Amor nin Aarón. 
Botando un ollo á primeira volta, o Compos gañou en As Eiroas 0-2 grazas aos goles de Mariño e Cardelle en propia porta. Un partido onde a gran nova do partido foi o regreso de Diego Peláez a un terreo de xogo xogando os últimos vinte minutos de partido.
Na pasada xornada, o Compos gañou o seu partido en Barbadás por cero goles a un, obra de Marcos Suárez a pase de Franqueira. Pola súa parte, o Bergantiños superou na casa ao As Pontes por 2-0 con goles de Josiño e Alberto.
O partido será este domingo ás 17:30 horas en San Lázaro. Asubiará o ourensán Jiménez Alberte. E, como oferta especial por ser o Día da Nai, o clube regalará entradas a tódalas nais que vaian cos seus fillos ao encontro. Ademais haberá, unha vez máis, o desconto de 5 euros para acompañantes de socios. E antes do partido haberá un corredor para os xogadores do Xuvenil B da Esedé polo seu ascenso á Primeira Autonómica a pasada semana.
Ademais, ao remate do encontro o Compos podería saber se xa é equipo de promoción. Para iso depende de se o Pontevedra cae na casa do Vilalonga, que está a xogarse o descenso de categoría.

Máis preto do obxectivo! Tachi, esta vai por ti

O Compos sumou tres puntos de ouro na visita a Os Carrís. Un partido complicado sobre herba artificial, terreo que non se lle está a dar ben á Esedé esta tempada, pero que rematou cun resultado xenial. Un único gol de Marco Suárez a pase de Franqueira fixo que os de Fredi volvan a Santiago cos tres puntos. Pola súa parte, Yahvé volveu a demostrar ser o xogador máis en forma do equipo cun partidazo onde só lle faltou o gol. 
Antes do partido, homenaxe a Tachi por parte dos xogadores da Esedé con camisetas de ánimos para o xogador de Boiro. E despois do asubío inicial, o Compos tivo o manexo do balón ante un Barbadás moi ben situado no terreo de xogo e que se limitou a saír á contra creando así as mellores ocasións do partido, as máis perigosas.
Yahvé foi o encargado de ter a primeira ocasión do partido intentando aproveitar unha saída en falso do porteiro pero o esférico pasou por enriba do longueiro. Como resposta, o Barbadás tivo unha boa boa oportunidade de sorprender a Adrián, que estivo moi atento para evitar o primeiro gol da tarde. 
Durante a primeira metade o Compos non puido estar cómodo sobre un terreo ao que non están acostumados a xogar. Sen embargo, o Barbadás apenas chegou con claridade á portería defendida por Adrián nun primeiro tempo que rematou co primeiro cartón para Manu Rodríguez. 
Na segunda metade, con Franqueira sobre o campo para dar un pouco de velocidade polas bandas aos ataques branquiazuis, o gol apenas tardou en chegar. Na enésima carreira de Yahvé pola banda, o vigués colgou o balón á área onde Franqueira o deixa para Marcos Suárez, que supera por primeira e única vez no partido ao porteiro local. 
Un gol moi importante, moi traballado que incrementou intensidade á última media hora de partido. Pero por sorte o Compos puido estar máis cómodo sobre o terreo. Non había esa necesidade por facer un gol, esa ansiedade por marcar, e as contras locais estiveron mellor defendidas. 
Sen embargo, a mala nova do día chegou a falta de quince minutos para o remate do encontro. Manu Rodríguez, que xa viu un cartón na primeira metade, foi expulsado por dobre amonestación deixando ao equipo con dez. Unha expulsión que aínda que non pasou factura neste partido pode ser moi importante na visita do Bergantiños, xa equipo da Preferente Autonómica, a San Lázaro a vindeira semana. 
Finalmente, o Compos tivo a oportunidade de facer un segundo gol mentres que o Barbadás gozou de dúas boas ocasións coas que non viron portería facendo que os santiagueses volvan a casa con tres puntos que non cambian nada na táboa tras as victorias do Pontevedra ante o Racing en Pasarón e do Deportivo B en Negreira. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Catú, Castiñeiras, Jimmy; Rendo, Germán; Yahvé, Manu Rodríguez; Marcos e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Germán e Peláez. Expulsado Manu Rodríguez por dobre amonestación.
GOLES: 0-1 54' Marcos Suárez.
ESTADIO: Os Carrís. Boa chegada de afeccionados dende Santiago.

Vai por ti, Tachi

Despois dunha mala semana que comezou coa lesión dun dos xogadores máis importantes do plantel branquiazul, Tachi, toca volver ao que mellor se lle dá aos nosos: o fútbol sobre un terreo de xogo. Hai que deixar en segundo plano unha das peores novas da tempada e volver da penúltima saída da tempada regular cos tres puntos. Diante estará un Barbadás que non se xoga nada despois dunha boa tempada con permanencia incluida. 
Os ourensáns ocupan a oitava praza da clasificación con 47 puntos no seu casilleiro. O equipo barbadés suma 12 victorias, 11 empates e 11 derrotas no que vai de tempada ademais de 38 goles a favor e 40 en contra. Un equipo que, dato a ter en conta, xoga a súa primeira tempada en Terceira e faino con bos resultados sobre todo na casa. En Os Carrís sumaron 29 de 51 puntos posibles ademais de 24 goles a favor e 20 en contra. Un equipo que na casa puxo en serios apuros aos grandes con victoria por 2-0 contra o Pontevedra incluida. 
De cara a este domingo, Fredi non poderá contar, como todos sabemos, con Tachi por lesión. Tampouco estará Mariño por lesión nin Gonzalo por sanción, dúas baixas moi dolorosas no centro do campo. Pola súa parte, Catú é dúbida ata última hora. En canto ao Barbadás, o adestrador Jorge Regal non poderá sentarse no banco por sanción. 
Esta será a terceira vez que se vexan as caras o Compos e o Barbadás en menos dun ano. A primeira vez foi a pasada campaña para decidir quen sería o Campión de Preferente Autonómica. Naquela ocasión o resultado foi 3-0 para os nosos grazas aos goles de Maikel, Jacobo Tato e David Louro. Mentres que na primeira volta, tamén en San Lázaro, o resultado foi de 2-0 con goles de Gonzalo e Franqueira. 
En canto á pasada xornada, o Compos non pasou do empate contra o Celta B nun partido malo, con demasiado respeto por parte dos dous equipos. Pola súa parte, o Barbadás caeu na súa visita a As Pontes por 3-1 con gol de Alfredo para o Barbadás. 
O partido será este domingo ás 18 horas en Os Carrís. 

Todo segue igual

O Compos tiña hoxe a posibilidade de aproveitar o empate de onte do Fabril contra o Racing Vilalbés. Sen embargo, o respeto entre os dous fixo que ningún puidera sumar os tres puntos. Joselu na primeira metade e Santi Mina na segunda fixeron os dous goles dun partido onde o filial celeste rematou con dez, algo máis que fai pensar que o Compos debía ser máis valente. 
O primeiro tempo comezou con moi bo ritmo con chegadas rápidas nas dúas porterías, sobre todo sobre a defendida por Óscar Santiago. Joselu, Yahvé e Diego Peláez tiveron bos achegamentos á porta rival pero ningún puido superar ao porteiro celeste, que tivo unha moi boa actuación baixo paus. Pola súa parte, Adrián tamén tivo que aparecer nunha ocasión en menos dun cuarto de hora para evitar o primeiro gol vigués. 
Nunha nova chegada, Joselu foi derrubado con claridade dentro de área. Penalti clarísimo que ninguén protestou e que rematou co Celta B cun home menos con setenta minutos por diante de partido. Dende os once metros, como era de esperar, non fallou Joselu para poñer á Esedé por diante. 
Sen embargo, o Compos baixou unha marcha co marcador a favor e o Celta puido sorprender antes do descanso a base de rápidos contraataques. Ata o descanso pouco máis se puido ver que unha nova asistencia de Joselu que non aproveitou, por mala sorte, Yahvé.
A segunda metade comezou coa peor nova posible. Na primeira chegada celeste, Santi Mina puxo un centro dende a banda e o esférico pegou en Manuel Castiñeiras antes de entrar na portería sen que Adrián puidera facer máis para evitar un gol que cambiou totalmente o rumbo do partido. 
Co empate no marcador pasouse a xogar no centro do campo. O Compos tivo o esférico máis que o rival pero o medo, ou respeto, fixo que as ocasións chegasen con contagotas. Moi pouco que contar de corenta e cinco minutos malos con moito xogo no centro do campo. En canto ás ocasións, Yahvé fallou so diante da portería sen porteiro e en liña de gol e Marcos non puido chegar a un centro de Joselu, que de novo volveu a facer un gran partido, algo que xa toma por costume. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez; Jordan (Martín, min. 60), Yahvé (Nogueira, min. 85), Peláez (Marcos, min. 74); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Gonzalo e Yahvé.
GOLES: 1-0 20' Joselu, 1-1 46' Santi Mina.
ESTADIO: San Lázaro. 1.000 espectadores.

Gañar ou gañar

Unha nova final chega a San Lázaro. O Compos está moi preto de alcanzar o obxectivo posto ao principio da tempada e para iso debe superar unha vez máis unha nova final. Despois do Pontevedra chega o Celta B, un dos equipos más complicados da categoría. Un partido onde o Compos pode achegarse aínda máis á promoción ou certificar xa a súa presenza o filial olívico.
O Celta B é o segundo clasificado con 69 puntos. Un dos grandes equipos da categoría que leva nin máis nin menos que unha volta enteira sen perder nin un só partido, dende a visita do Compos a Barreiro nun partido de infarto. Ata o de agora gañaron xa 20 partidos, empataron 9 e perderon, ao igual que o Racing, só 4. En canto aos goles, Camochu suma 14 dos 70 tantos que suman os vigueses mentres que encaixaron só 28 goles, só superados polo Racing e o Compos.
Neste partido, Fredi si contará con tres baixas. Tachi por sanción e Mariño e Martín por lesión non poderán estar este domingo no feudo compostelanista. Pola súa parte, Víctor Vázquez será baixa no filial celeste mentres que Churre non poderá estar por sanción.
Na última vez que o filial vigués visitou San Lázaro en partido oficial os dous equipos atopábanse aínda na Segunda B, o partido rematou cun 2-3 favorable aos vigueses. Un partido onde o Compos rematou con nove xogadores coas expulsións de Peter e Claudio. Peter e Iván fixeron os goles branquiazuis mentres que Richi II, Álex López e Mateo fixeron os goles celestes nun encontro con dúas remontadas e no que a Esedé errou un penalti que puido significar o 3-1. 
Nesta mesma tempada, en Barreiro a victoria foi para os nosos nun novo partido agónico. Camochu puxo por diante aos seus nun partido no que Jacobo só necesitou dous minutos para empatar. De novo Camochu puxo por diante ao filial celtista antes do descanso. E Joselu puxo en pé á afección branquiazul con dous goles xa sen tempo para sorpresas e sumar así unha das victorias máis importantes da tempada. 
Os dous equipos chegan en plena forma ao partido. O Celta B desfíxose sen moitos problemas do As Pontes en Barreiro grazas aos goles de Santi Mina e David Añón, dous goles moi próximos un do outro. Pola súa parte, e como todos sabemos, o Compos non tivo a sorte do seu lado nun bo partido en Pasarón ante o Pontevedra. Empate sen goles e a manter as distancias co cuarto clasificado.
O partidazo da xornada será este domingo en San Lázaro ás 17 horas, horario habitual, e haberá entradas a 5 euros para todos con intencións de ver a Tribuna o máis chea posible. Arbitrará o coruñés Brea Peón.
Ademais, para comezar un bo día futbolístico, as rapazas xogan o último partido da tempada contra El Olivo nun encontro onde se xogan a permanencia. Necesitan un punto ante un rival que loitará por voltar á Primeira división femenina ou que o León ou o Femiastur non gañen contra o Xixón e o Trobajo respectivamente. O partido será o domingo ás 12 en As Cancelas gratis para socios e a 3 euros para non socios. 

Empate e un posto menos

O Compos cae á cuarta posición despois dun inmerecido empate en Pasarón. O equipo branquiazul, ao igual que a afección nas bancadas, foi superior ao Pontevedra pero a falta de puntería e de sorte axudou aos locais, que contan cun punto máis a ter en conta se ao final da tempada hai un empate de puntos entre os dous equipos. Un partido no que hai que ter en conta á afección compostelanista, que chegou en masa a Pasarón no primeiro da Curva Branquiazul fóra da casa. 
Na primeira metade o Compos levou o ritmo do encontro. Con Joselu como xogador máis adiantado, os de Fredi atoparon con facilidade a portería local. Moi boas chegadas en corenta e cinco minutos sobre a portería de Lloves. Ata seis chegadas con perigo da Esedé na primeira metade con Joselu como principal protagonista. 
Manu Rodríguez e Diego Peláez topáronse tamén co porteiro en sendos man a man. Os dous non souberon superalo tampouco nunha gran tarde do gardamallas pontevedrés. Pola súa parte, o Pontevedra non puido chegar con perigo á portería defendida por Adrián sen ser a balón parado. 
Na segunda metade o Pontevedra xogou un pouco mellor e disputou o balón ao Compos máis que na primeira metade. Os 'granates' mantiveron o esférico no seu poder e buscaron con algo máis de acerto a portería defendida por Adrián, aínda que sen saber como superalo.
No outro lado, Joselu non tivo tampouco moito que poder facer para adiantar á Esedé mentres que nos últimos minutos, cando o partido estaba xa a piques de rematar, foi Marcos Suárez o encargado de frear os corazóns santiagueses cunha ocasión que non entrou por moi pouco.
En definitiva, un punto para casa, mesma distancia co Pontevedra e igualdade co Deportivo B, que polos resultados colleitados nos enfrontamentos co Compos superan na táboa á Esedé. A vindeira semana chega un novo partido vital para a Esedé. Toca recibir ao Celta B, que leva sen perder dende que o fixo co Compos en Barreiro.

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Catú, Tachi, Jimmy; Gonzalo, Mariño (Jordan, min. 60); Manu Rodríguez, Peláez (Marcos Suárez, min. 82), Yahvé (Jacobo, min. 78); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Mariño e Gonzalo. Expulsado Tachi por dobre amonestación. 
GOLES: 0-0.
ESTADIO: Pasarón. 5.500 espectadores. Boa chegada de afeccionados dende Santiago. 

O partido máis importante

Se de aquí ao final da tempada hai un partido importante é o que se xogará este domingo en Pasarón. O Compos visitará a un rival directo por entrar na promoción de ascenso con dúas metas para conseguir: afianzarse no terceiro posto e aumentar as distancias cos máximos perseguidores aumentando a diferencia ata os sete puntos.
Sen dúbida estamos a falar dun equipo histórico de Galiza. Un equipo que cumpre 50 anos do seu primeiro ascenso a Primeira división. Un equipo que estivo en Segunda división fai só nove tempadas. Pero tamén é un equipo que esta tempada ocupa a quinta posición a catro puntos do Compos. Quince victorias a favor, dez empates e só sete derrotas son os números dun dos poucos equipos que lograron marchar de San Lázaro con puntos. En canto aos partidos da casa, é un dos mellores equipos e sumaron 19 de 33 puntos posibles ademais de firmar 31 goles a favor e só 12 en contra, case un por partido de media.
Para o partido deste domingo, Fredi poderá contar con tódolos xogadores, polo que terá que facer varios descartes por decisión técnica. Sen embargo, Catú, Jordan e Nogueira son dúbida ata última hora. Pola súa parte, Milo Abelleira tampouco terá problemas serios para facer a lista xa que tampouco conta nin con xogadores mancados nin sancionados.
A última vez que se viron as caras os dous equipos en Pontevedra estaban aínda en Segunda B. Tempada 2009-10 con Fabiano no banco, os santiagueses gañaron 1-2 grazas aos goles de Iván despois dun erro da defensa e Tiko Messina. Pola súa parte, nun partido onde se mancou Rego, Charles fixo o gol da honra. Mentres que en San Lázaro, na primeira volta, os pontevedreses lograron un empate moi importante a falta de cinco minutos dende os once metros. 1-1 con gol de Joselu para o Compos.
Na pasada xornada, o Pontevedra desfíxose do seu principal perseguidor, o As Pontes, a domicilio. Os 'granates' non tiveron demasiados problemas para endosarlles un 1-3 con goles de Santi Domínguez de penalti, Stefan e Jacobo. Pola súa parte, o Compos demostrou ante o Narón a facilidade dos xogadores para facer gol. Joselu por partida doble, Jordan, Manu Rodríguez e Peláez fixeron os cinco goles cos que o Narón volve á Preferente Autonómica.
O partido será este domingo ás 17 horas en Pasarón, onde se agarda unha boa chegada de afeccionados branquiazuis. Asubiará o coruñés Espasandín Cores, o mesmo que asubiou o Compos-Somozas (1-1). 

Media hora e cinco goles

O Compos demostrou unha vez máis a fame dos xogadores cara a porta. Non só Joselu demostrou chegar ao partido de Pontevedra nun gran estado goleador senón que ademais Jordan, Diego Peláez e Manu Rodríguez tamén se confirmaron como alternativas ao goleador branquiazul, que por descanso non rematou o encontro. O mellor puido ser o gran partido feito por un gran xogador da historia compostelanista como Juanito, que mantén un gran nivel aos seus 43 anos nada máis e nada menos.
O equipo santiagués saíu coa cabeza posta en rematar co Narón o antes posible e poder pensar xa no partido do vindeiro domingo contra o Pontevedra en Pasarón. Sen forzar demasiado a máquina, xogando a medio gas, chegaron as primeiras ocasións en cuestión de segundos. Tres saques dende o curruncho consecutivos para avisar aos naroneses. 
Corenta e cinco minutos algo aburridos, sen moi bo xogo e con erros no último pase e á hora de transformar en gol cada ocasión. Tanto Joselu coma Yahvé tiveron as mellores oportunidades de adiantar ao equipo pero o gardamallas e a puntería estiveron contra os xogadores branquiazuis. 
Xa na segunda metade, coa cabeza posta en gañar si ou si, o Compos apenas necesitou tempo para desfacer a igualada no marcador, máis que evidente no terreo de xogo. Tres minutos exactamente necesitou Joselu para, a pase de Diego Peláez, fusilar e facer o primeiro. Pero iso non foi o mellor... Só un minuto máis tarde, na seguinte xogada, Jordan firmou o segundo gol cun disparo cruzado ante o que nada puido facer José Ramón.
Eses dous goles non foron máis que a apertura de media hora de fútbol ofensivo sen igual. O Narón non sabía que facer ante un equipo que con todo foi na busca de máis goles. E Joselu demostrou unha vez máis por qué é o mellor dianteiro da categoría e de Galiza. Un novo gol do '22' despois de aproveitar un rexeite. 
Xa sen o de Riveira sobre o terreo de xogo, para darlle un pouco de descanso a un xogador que se puidera o xogaría todo, os goles seguiron chegando. E, de novo, dous máis nun curto periodo de tempo. O cuarto chegou grazas á testa de Manu Rodríguez. O centrocampista volveu tras a lesión con ganas e firmou un novo gol para a súa conta a pase de Jacobo Tato. E só dous minutos máis tarde, Diego Peláez pechou a goleada co quinto gol cun disparo axustado ao pau.
Pero o 5-0 non fixo que o Compos baixase o ritmo. As ocasións seguiron chegando ante un equipo que se limitou a defender e sacarse tódolos balóns de enriba o antes posible, algo que fixo que non pasaran do centro do campo co balón. Vinte minutos onde a Esedé dominou ante un equipo que xa sabe que será equipo de Preferente a vindeira tempada. E vinte minutos nos que o que máis me gustaría destacar foi a tremenda ovación que se levou o gran Juanito cando deixou o terreo de xogo. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Catú, Tachi, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez, Jordan -Franqueira, min. 63-, Yahvé; Joselu -Jacobo, min. 76- e Marcos Suárez -Peláez, min. 46-. 
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 1-0 48' Joselu, 2-0 49' Jordan, 3-0 64' Joselu, 4-0 71' Manu Rodríguez, 5-0 73' Peláez. 
ESTADIO: San Lázaro.