O partido máis importante

Se de aquí ao final da tempada hai un partido importante é o que se xogará este domingo en Pasarón. O Compos visitará a un rival directo por entrar na promoción de ascenso con dúas metas para conseguir: afianzarse no terceiro posto e aumentar as distancias cos máximos perseguidores aumentando a diferencia ata os sete puntos.
Sen dúbida estamos a falar dun equipo histórico de Galiza. Un equipo que cumpre 50 anos do seu primeiro ascenso a Primeira división. Un equipo que estivo en Segunda división fai só nove tempadas. Pero tamén é un equipo que esta tempada ocupa a quinta posición a catro puntos do Compos. Quince victorias a favor, dez empates e só sete derrotas son os números dun dos poucos equipos que lograron marchar de San Lázaro con puntos. En canto aos partidos da casa, é un dos mellores equipos e sumaron 19 de 33 puntos posibles ademais de firmar 31 goles a favor e só 12 en contra, case un por partido de media.
Para o partido deste domingo, Fredi poderá contar con tódolos xogadores, polo que terá que facer varios descartes por decisión técnica. Sen embargo, Catú, Jordan e Nogueira son dúbida ata última hora. Pola súa parte, Milo Abelleira tampouco terá problemas serios para facer a lista xa que tampouco conta nin con xogadores mancados nin sancionados.
A última vez que se viron as caras os dous equipos en Pontevedra estaban aínda en Segunda B. Tempada 2009-10 con Fabiano no banco, os santiagueses gañaron 1-2 grazas aos goles de Iván despois dun erro da defensa e Tiko Messina. Pola súa parte, nun partido onde se mancou Rego, Charles fixo o gol da honra. Mentres que en San Lázaro, na primeira volta, os pontevedreses lograron un empate moi importante a falta de cinco minutos dende os once metros. 1-1 con gol de Joselu para o Compos.
Na pasada xornada, o Pontevedra desfíxose do seu principal perseguidor, o As Pontes, a domicilio. Os 'granates' non tiveron demasiados problemas para endosarlles un 1-3 con goles de Santi Domínguez de penalti, Stefan e Jacobo. Pola súa parte, o Compos demostrou ante o Narón a facilidade dos xogadores para facer gol. Joselu por partida doble, Jordan, Manu Rodríguez e Peláez fixeron os cinco goles cos que o Narón volve á Preferente Autonómica.
O partido será este domingo ás 17 horas en Pasarón, onde se agarda unha boa chegada de afeccionados branquiazuis. Asubiará o coruñés Espasandín Cores, o mesmo que asubiou o Compos-Somozas (1-1). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario