Despois dunha boa tempada do Compos co primeiro obxectivo cumprido, toca afrontar a fase de ascenso á Segunda B, obxectivo principal da tempada. Na primeira ronda tocará verse as caras cun equipo aragonés, o CD Ebro de Zaragoza. Un rival, en principio, asequible que intentará non saír de San Lázaro cun mal resultado. Os de Fredi intentarán deixar practicamente sentenciado o pase á segunda fase en terras galegas, na ida.
O CD Ebro, equipo dun barrio de Zaragoza, chegará a San Lázaro despois de clasificarse para a promoción na derradeira xornada de liga. Un equipo, en principio, de nivel inferior pero que chega ao partido despois de dúas semanas de preparación e descanso xa que a tempada regular no grupo aragonés rematou xa fai dúas semanas.
Comparando aos dous equipos, os dous sumaron os mesmos puntos, as mesmas victorias, as mesmas derrotas e os mesmos empates. As diferenzas atópanse se miramos os goles a favor e en contra por parte dos dous equipos. O Compos sumou en 38 partidos 64 goles mentres que os maños 66 e a diferencia máis notable son os 28 goles encaixados polos nosos ante os 40 do rival. A nivel individual podemos comparar aos dous máximos goleadores, onde tamén se atopa unha boa diferenza. Joselu, máximo goleador da Terceira galega, anotou 26 goles mentres que Arribas sumou 19.
En canto ás baixas, Fredi non poderá contar con Christian, Tachi, Mariño e Franqueira por lesión, catro baixas importantes que deberán suplir Carlos Hortal, Manuel Castiñeiras ou Rendo, Germán e Jordan ou Marcos. Pola súa parte, o equipo aragonés chegará sen Pastor nin Pedro Avellana, os dous por sanción, polo que José Luis Rodríguez Loreto, adestrador do CD Ebro, convocará a dous xuvenís.
Se temos en conta o derradeiro partido dos dous equipos en liga, o Compos superou sen demasiados problemas ao As Pontes finalizando a tempada regular cunha victoria grazas aos goles de Peláez, Franqueira e Martín. Pola súa parte, o equipo aragonés superou ao Atlético Monzón na derradeira xornada por 3-0 con goles de Arribas, Jesús Fernández e Pedro Avellana nun partido a vida ou morte onde o gañador estaría na promoción.
Cabe destacar tamén as reaccións do adestrador e do presidente do equipo maño. Os dous destacan ao Compos como o favorito da eliminatoria denominando ao equipo como "todopoderoso" e "o rival máis temible". En canto ao partido de ida soñan con volver a La Almozara con vida e non saír de San Lázaro coa eliminatoria sentenciada para o equipo compostelán.
O partido será este sábado ás 18 horas en San Lázaro, onde debe haber unha gran entrada. As entradas están xa á venta nas oficinas do clube ao prezo de 5 euros para socios, 10 para non socios e 1 euro para menores de 16 anos. Ademais a Esedé estreará a equipación coa que xogará a vindeira tempada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario