Empate e un posto menos

O Compos cae á cuarta posición despois dun inmerecido empate en Pasarón. O equipo branquiazul, ao igual que a afección nas bancadas, foi superior ao Pontevedra pero a falta de puntería e de sorte axudou aos locais, que contan cun punto máis a ter en conta se ao final da tempada hai un empate de puntos entre os dous equipos. Un partido no que hai que ter en conta á afección compostelanista, que chegou en masa a Pasarón no primeiro da Curva Branquiazul fóra da casa. 
Na primeira metade o Compos levou o ritmo do encontro. Con Joselu como xogador máis adiantado, os de Fredi atoparon con facilidade a portería local. Moi boas chegadas en corenta e cinco minutos sobre a portería de Lloves. Ata seis chegadas con perigo da Esedé na primeira metade con Joselu como principal protagonista. 
Manu Rodríguez e Diego Peláez topáronse tamén co porteiro en sendos man a man. Os dous non souberon superalo tampouco nunha gran tarde do gardamallas pontevedrés. Pola súa parte, o Pontevedra non puido chegar con perigo á portería defendida por Adrián sen ser a balón parado. 
Na segunda metade o Pontevedra xogou un pouco mellor e disputou o balón ao Compos máis que na primeira metade. Os 'granates' mantiveron o esférico no seu poder e buscaron con algo máis de acerto a portería defendida por Adrián, aínda que sen saber como superalo.
No outro lado, Joselu non tivo tampouco moito que poder facer para adiantar á Esedé mentres que nos últimos minutos, cando o partido estaba xa a piques de rematar, foi Marcos Suárez o encargado de frear os corazóns santiagueses cunha ocasión que non entrou por moi pouco.
En definitiva, un punto para casa, mesma distancia co Pontevedra e igualdade co Deportivo B, que polos resultados colleitados nos enfrontamentos co Compos superan na táboa á Esedé. A vindeira semana chega un novo partido vital para a Esedé. Toca recibir ao Celta B, que leva sen perder dende que o fixo co Compos en Barreiro.

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Catú, Tachi, Jimmy; Gonzalo, Mariño (Jordan, min. 60); Manu Rodríguez, Peláez (Marcos Suárez, min. 82), Yahvé (Jacobo, min. 78); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Mariño e Gonzalo. Expulsado Tachi por dobre amonestación. 
GOLES: 0-0.
ESTADIO: Pasarón. 5.500 espectadores. Boa chegada de afeccionados dende Santiago. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario