O Compos xa ten o seu billete para a promoción de ascenso á Segunda B despois da victoria merecida e traballada ante o Bergantiños na casa. Un partido onde a Esedé partía coa condición de que para ser definitivamente un dos catro equipos clasificados para estar na promoción definitivamente esta mesma fin de semana. Por sorte, o Vilalonga gañou na casa por goleada ao Pontevedra e agora quedan dous partidos para buscar a terceira praza da clasificación.
O partido estivo do lado branquiazul dende o primeiro minuto, aínda que faltaba intensidade no xogo por parte dos dous equipos. Joselu e Yahvé, que unha vez máis foron os xogadores máis adiantados do equipo, buscaron roubar balóns en campo contrario mentres que a defensa apenas tivo que esforzarse para recuperar pelotas perdidas ou divididas ante un equipo que en ningún momento puxo en apuros a Adrián, que tivo unha tarde moi cómoda baixo paus.
Pola súa parte, o Bergantiños só puido defender cada unha das chegadas do Compos. Ademais, cunha defensa moi adiantada e ben situada, os de Fredi apenas puideron achegarse ao cancerbeiro visitante con ocasións claras e perigosas. A máis clara da primeira metade foi un disparo de Jacobo a pase de Joselu que non atopou portería.
Sen embargo, o primeiro gol chegou a raíz dun erro da defensa visitante. Germán, coa cabeza, rematou despois dun córner e ningún dos dous xogadores evitou que o '6' da Esedé abrira o casilleiro. E para completar dous bos minutos, no primeiro da segunda metade, Catú aproveitou un erro do porteiro, cazou o rexeite e fixo o segundo gol da tarde para poñer un pouco de tranquilidade ao partido.
Estaban a ser uns bos minutos para a Esedé e só quedaba por pechar o encontro canto antes para non sufrir no resto do partido. E Yahvé volveu a vestirse de crack, de xogador de Primeira, para desfacerse de dous defensas contrarios, deixar no chan ao porteiro e marcar cun disparo cruzado. Un golazo que, ao igual que os dous primeiros, foi dedicado para Tachi, que agardemos que regrese para xogar en Segunda B.
E a partir de aí xa pouco máis que contar. O Bergantiños apenas incomodou a portería de Adrián en dúas xogadas a balón parado mentres que o Compos só tivo que limitarse a deixar pasar o tempo e escoitar as inmellorables novas que chegaban dende San Pedro, onde Uru fixo un dos catro goles do Vilalonga.
Agora restan dous partidazos onde o Compos debe loitar por ser terceiro ou, aínda que sexa moi complicado, segundo. A vindeira semana toca visitar o campo do Ordes, un dos equipos que ata fai pouco loitou por entrar en promoción de ascenso da man do ex xogador do Compos Nacho.
ALIÑACIÓN: Adrián; Borja (Rendo, min. 61), Castiñeiras, Catú, Jimmy; Germán (Martín, min. 73), Gonzalo; Franqueira (Marcos, min. 70), Jacobo, Yahvé, e Joselu.
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 1-0 45' Germán, 2-0 46' Catú, 3-0 54' Yahvé.
ESTADIO: San Lázaro. 600 espectadores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario