A tempada toca ao seu fin esta fin de semana en San Lázaro despois de case nove meses de fútbol, alegrías e decepcións. Unha tempada completa e que podería rematar co Compos na terceira posición de gañar ante o As Pontes nun partido complicado no coliseo branquiazul. Derradeiro partido da tempada regular, aínda queda a promoción, nunha xornada onde o único que se xogará será un dos postos de descenso e o terceiro posto, que fará que a primeira ronda da promoción sexa, en principio, máis fácil.
O As Pontes é sexto, posición na que rematará pase o que pase en San Lázaro, con 59 puntos. Os ponteses chegan despois de gañar en 18 ocasións, empatar só en 5 partidos e caer en 14. Un equipo que suma ata o de agora 56 goles a favor e encaixou 50, moitos para o posto no que se atopan. Ademais, para ser un pouco máis optimistas, só sumaron 18 dos 54 puntos que disputaron fóra da casa. 5 victorias, 3 empates e, nada máis e nada menos que 10 derrotas. 21 goles a favor e 31 en contra demostran que, a pesar de ter máis dun gol de media, tamén encaixan bastantes goles.
Se falamos das baixas, Christian, Tachi e Mariño non poderán estar no terreo de xogo no último partido da tempada regular por lesión. Pola súa parte, Jorge Nano será baixa por sanción e Kiko e Piña por lesión no As Pontes.
En canto ao partido da primeira volta, en O Poboado, o Compos levouse os tres puntos nun partido moi difícil. Joselu, no desconto, firmou o único gol do partido aproveitándose dun erro defensivo e despois de desfacerse dun defensa antes de superar ao porteiro local. Un partido no que o Compos perdeu un posto caendo do segundo ao terceiro en favor do Celta B.
Se temos en conta a xornada anterior, o Compos gañou en Ordes con problemas e pola mínima nun partido gris para ascender un posto no mellor momento posible. Pola súa parte, o As Pontes despediuse da súa afección esta tempada cunha victoria ante o Somozas grazas ao gol de David Amado no primeiro minuto do partido.
O partido será este domingo en San Lázaro ás 17:30 horas e cun desconto máis que especial. As entradas estarán a 1 euro e gratis para acompañantes de socios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario