Gañar ou gañar

Unha nova final chega a San Lázaro. O Compos está moi preto de alcanzar o obxectivo posto ao principio da tempada e para iso debe superar unha vez máis unha nova final. Despois do Pontevedra chega o Celta B, un dos equipos más complicados da categoría. Un partido onde o Compos pode achegarse aínda máis á promoción ou certificar xa a súa presenza o filial olívico.
O Celta B é o segundo clasificado con 69 puntos. Un dos grandes equipos da categoría que leva nin máis nin menos que unha volta enteira sen perder nin un só partido, dende a visita do Compos a Barreiro nun partido de infarto. Ata o de agora gañaron xa 20 partidos, empataron 9 e perderon, ao igual que o Racing, só 4. En canto aos goles, Camochu suma 14 dos 70 tantos que suman os vigueses mentres que encaixaron só 28 goles, só superados polo Racing e o Compos.
Neste partido, Fredi si contará con tres baixas. Tachi por sanción e Mariño e Martín por lesión non poderán estar este domingo no feudo compostelanista. Pola súa parte, Víctor Vázquez será baixa no filial celeste mentres que Churre non poderá estar por sanción.
Na última vez que o filial vigués visitou San Lázaro en partido oficial os dous equipos atopábanse aínda na Segunda B, o partido rematou cun 2-3 favorable aos vigueses. Un partido onde o Compos rematou con nove xogadores coas expulsións de Peter e Claudio. Peter e Iván fixeron os goles branquiazuis mentres que Richi II, Álex López e Mateo fixeron os goles celestes nun encontro con dúas remontadas e no que a Esedé errou un penalti que puido significar o 3-1. 
Nesta mesma tempada, en Barreiro a victoria foi para os nosos nun novo partido agónico. Camochu puxo por diante aos seus nun partido no que Jacobo só necesitou dous minutos para empatar. De novo Camochu puxo por diante ao filial celtista antes do descanso. E Joselu puxo en pé á afección branquiazul con dous goles xa sen tempo para sorpresas e sumar así unha das victorias máis importantes da tempada. 
Os dous equipos chegan en plena forma ao partido. O Celta B desfíxose sen moitos problemas do As Pontes en Barreiro grazas aos goles de Santi Mina e David Añón, dous goles moi próximos un do outro. Pola súa parte, e como todos sabemos, o Compos non tivo a sorte do seu lado nun bo partido en Pasarón ante o Pontevedra. Empate sen goles e a manter as distancias co cuarto clasificado.
O partidazo da xornada será este domingo en San Lázaro ás 17 horas, horario habitual, e haberá entradas a 5 euros para todos con intencións de ver a Tribuna o máis chea posible. Arbitrará o coruñés Brea Peón.
Ademais, para comezar un bo día futbolístico, as rapazas xogan o último partido da tempada contra El Olivo nun encontro onde se xogan a permanencia. Necesitan un punto ante un rival que loitará por voltar á Primeira división femenina ou que o León ou o Femiastur non gañen contra o Xixón e o Trobajo respectivamente. O partido será o domingo ás 12 en As Cancelas gratis para socios e a 3 euros para non socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario