Media hora e cinco goles

O Compos demostrou unha vez máis a fame dos xogadores cara a porta. Non só Joselu demostrou chegar ao partido de Pontevedra nun gran estado goleador senón que ademais Jordan, Diego Peláez e Manu Rodríguez tamén se confirmaron como alternativas ao goleador branquiazul, que por descanso non rematou o encontro. O mellor puido ser o gran partido feito por un gran xogador da historia compostelanista como Juanito, que mantén un gran nivel aos seus 43 anos nada máis e nada menos.
O equipo santiagués saíu coa cabeza posta en rematar co Narón o antes posible e poder pensar xa no partido do vindeiro domingo contra o Pontevedra en Pasarón. Sen forzar demasiado a máquina, xogando a medio gas, chegaron as primeiras ocasións en cuestión de segundos. Tres saques dende o curruncho consecutivos para avisar aos naroneses. 
Corenta e cinco minutos algo aburridos, sen moi bo xogo e con erros no último pase e á hora de transformar en gol cada ocasión. Tanto Joselu coma Yahvé tiveron as mellores oportunidades de adiantar ao equipo pero o gardamallas e a puntería estiveron contra os xogadores branquiazuis. 
Xa na segunda metade, coa cabeza posta en gañar si ou si, o Compos apenas necesitou tempo para desfacer a igualada no marcador, máis que evidente no terreo de xogo. Tres minutos exactamente necesitou Joselu para, a pase de Diego Peláez, fusilar e facer o primeiro. Pero iso non foi o mellor... Só un minuto máis tarde, na seguinte xogada, Jordan firmou o segundo gol cun disparo cruzado ante o que nada puido facer José Ramón.
Eses dous goles non foron máis que a apertura de media hora de fútbol ofensivo sen igual. O Narón non sabía que facer ante un equipo que con todo foi na busca de máis goles. E Joselu demostrou unha vez máis por qué é o mellor dianteiro da categoría e de Galiza. Un novo gol do '22' despois de aproveitar un rexeite. 
Xa sen o de Riveira sobre o terreo de xogo, para darlle un pouco de descanso a un xogador que se puidera o xogaría todo, os goles seguiron chegando. E, de novo, dous máis nun curto periodo de tempo. O cuarto chegou grazas á testa de Manu Rodríguez. O centrocampista volveu tras a lesión con ganas e firmou un novo gol para a súa conta a pase de Jacobo Tato. E só dous minutos máis tarde, Diego Peláez pechou a goleada co quinto gol cun disparo axustado ao pau.
Pero o 5-0 non fixo que o Compos baixase o ritmo. As ocasións seguiron chegando ante un equipo que se limitou a defender e sacarse tódolos balóns de enriba o antes posible, algo que fixo que non pasaran do centro do campo co balón. Vinte minutos onde a Esedé dominou ante un equipo que xa sabe que será equipo de Preferente a vindeira tempada. E vinte minutos nos que o que máis me gustaría destacar foi a tremenda ovación que se levou o gran Juanito cando deixou o terreo de xogo. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Catú, Tachi, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez, Jordan -Franqueira, min. 63-, Yahvé; Joselu -Jacobo, min. 76- e Marcos Suárez -Peláez, min. 46-. 
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 1-0 48' Joselu, 2-0 49' Jordan, 3-0 64' Joselu, 4-0 71' Manu Rodríguez, 5-0 73' Peláez. 
ESTADIO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario