Este domingo comeza a segunda fase da promoción. Cento oitenta minutos de fútbol ante un rival moi complicado e que non fará que o pase sexa nada fácil. E comezarán en San Lázaro. O estadio branquiazul acollerá un novo partido clave do que haberá que saír cun bo resultado, semellante ao do partido ante o CD Ebro.
Diante estará o AD San Juan. Un equipo que non leva un nome deses que asustan pero cunhas estadísticas que fan pensar que gañar non será nada fácil. Un equipo que non se caracteriza por ser moi goleador pero si de ter unha das mellores defensas de Terceira despois de encaixar só 16 goles na temporada regular e un máis na fase de ascenso, o que provocou que o equipo navarro non tivera máis opcións de ascender na rolda de campións. 17 goles en 40 partidos demostrando que Joselu e compañía deberán esforzarse máis do normal para, como mínimo, ir a Pamplona cun resultado algo favorable.
Para este partido, o Compos conta cunha baixa moi dura. Germán, que foi expulsado no partido de volta ante o CD Ebro, non poderá estar ademais no que resta de promoción por lesión. Unha fisura no quinto metatarsiano apartará ao central, que ultimamente xoga de centrocampista defensivo, dos terreos de xogo entre mes e medio e dous meses. Ademais, Joselu será dúbida ata última hora por problemas musculares. Pola súa parte, o equipo navarro chegará sen baixas a Santiago.
Na pasada eliminatoria, os dous equipos remataron con resultados moi diferentes. Despois de dous partidos, o Compos superou ao CD Ebro cun contundente 6-2. 4-0 en San Lázaro con Joselu moi atinado de cara a porta anotando tres goles e 2-2 en Zaragoza con dous tantos máis do dianteiro branquiazul. Pola súa parte, o AD San Juan non puido rematar a tempada co ascenso caendo ante o Puerta Bonita madrileño. 0-0 en Pamplona e 1-0 en Madrid cun gol aos seis minutos de partido.
O primeiro partido será este domingo en San Lázaro ás 18 horas. As entradas, que están en taquilla dende o xoves, costan 5 euros para socios, 10 euros para non socios e 1 euro para menores de 15 anos. Agárdase un gran ambiente nas bancadas que, unha vez máis, faga de xogador número doce.
Ningún comentario:
Publicar un comentario