Goleada fácil pensando na promoción

O Compos superou ao As Pontes sen demasiados problemas no derradeiro partido da tempada regular. Un partido sen o máximo goleador da categoría onde o equipo demostrou un gran nivel e superou ao rival nun partido dominado polo equipo local de principio a fin. Tres goles na primeira metade e nada máis. A anécdota do partido protagonizouna o colexiado mancándose, algo que fixo que o partido estivera parado dez minutos. 
Un partido onde Diego Peláez demostrou un nivel espectacular facendo parte do traballo de Joselu, que non xogou nin un minuto. O santiagués xogou unha hora a un grandísimo nivel e, xunto con Yahvé e Marcos, puxo en serios apuros ao gardameta visitante. A eses tres xuntouse o resto do equipo e, sen problemas, puideron poñer un ritmo bastante alto durante a primeira metade coa intención de resolver o partido o antes posible. 
Sen dúbida, se hai que poñer nomes ao partido non poderían faltar os de Franqueira, Peláez e Yahvé. Os tres fixeron un partido espectacular demostrando estar en forma de cara á promoción. E, ademais, os tres participaron nos tres goles dunha ou outra maneira. 
Chegado o cuarto de hora de partido, Diego Peláez inaugurou o marcador cun bo gol tras un centro de Franqueira dende a banda dereita. E só tres minutos máis tarde, Yahvé disparou, o cancerbeiro non conseguiu atrapar o esférico e caeu a Franqueira, que rematou o seu partido cun gol e unha asistencia antes de retirarse deixando o seu posto a Martín. 
Despois da lesión do colexiado, que provocou que o partido estivese parado durante máis de dez minutos, o ritmo non caeu nada. O Compos mantivo o xogo sen complicación en campo contrario asediando a portería sempre que houbo a ocasión pero sen ansiedade. E cando o Compos estaba mellor, Peláez apareceu na banda esquerda, fixo unha obra de arte para desfacerse a base de regates de tódolos rivais que apareceron e puxo un pase perfecto para Martín que marcou chegando dende atrás. 
Xa na segunda metade o partido perdeu un pouco de intensidade e o As Pontes puido ter un pouco máis a posesión do esférico chegando en algunhas ocasións á portería de Adrián, aínda que sen incomodar demasiado. Pola súa parte, tanto Catú coma Castiñeiras interviron sempre á perfección evitando sustos por parte dos ponteses.
Na outra portería, a puntería e a sorte esquivaron ao Compos. As ocasións mantivéronse aínda que con menos intensidade. Marcos, xogador máis adiantado, intentouno en varias ocasións pero sen a sorte necesaria para facer o cuarto que tamén puido firmar Yahvé de falta directa no último minuto. 
Victoria, terceiro posto, e a pensar na promoción que comeza a semana que vén e que mañá coñeceremos ante quen. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Catú, Jimmy (Bautista, min. 58); Germán, Gonzalo; Yahvé, Franqueira (Martín, min. 28), Peláez (Jacobo, min. 62); e Marcos Suárez.
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 1-0 15' Peláez, 2-0 18' Franqueira, 3-0 40' Martín.
ESTADIO: San Lázaro. 1.400 afeccionados aproximadamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario