Despois dunha mala semana que comezou coa lesión dun dos xogadores máis importantes do plantel branquiazul, Tachi, toca volver ao que mellor se lle dá aos nosos: o fútbol sobre un terreo de xogo. Hai que deixar en segundo plano unha das peores novas da tempada e volver da penúltima saída da tempada regular cos tres puntos. Diante estará un Barbadás que non se xoga nada despois dunha boa tempada con permanencia incluida.
Os ourensáns ocupan a oitava praza da clasificación con 47 puntos no seu casilleiro. O equipo barbadés suma 12 victorias, 11 empates e 11 derrotas no que vai de tempada ademais de 38 goles a favor e 40 en contra. Un equipo que, dato a ter en conta, xoga a súa primeira tempada en Terceira e faino con bos resultados sobre todo na casa. En Os Carrís sumaron 29 de 51 puntos posibles ademais de 24 goles a favor e 20 en contra. Un equipo que na casa puxo en serios apuros aos grandes con victoria por 2-0 contra o Pontevedra incluida.
De cara a este domingo, Fredi non poderá contar, como todos sabemos, con Tachi por lesión. Tampouco estará Mariño por lesión nin Gonzalo por sanción, dúas baixas moi dolorosas no centro do campo. Pola súa parte, Catú é dúbida ata última hora. En canto ao Barbadás, o adestrador Jorge Regal non poderá sentarse no banco por sanción.
Esta será a terceira vez que se vexan as caras o Compos e o Barbadás en menos dun ano. A primeira vez foi a pasada campaña para decidir quen sería o Campión de Preferente Autonómica. Naquela ocasión o resultado foi 3-0 para os nosos grazas aos goles de Maikel, Jacobo Tato e David Louro. Mentres que na primeira volta, tamén en San Lázaro, o resultado foi de 2-0 con goles de Gonzalo e Franqueira.
En canto á pasada xornada, o Compos non pasou do empate contra o Celta B nun partido malo, con demasiado respeto por parte dos dous equipos. Pola súa parte, o Barbadás caeu na súa visita a As Pontes por 3-1 con gol de Alfredo para o Barbadás.
O partido será este domingo ás 18 horas en Os Carrís.
Ningún comentario:
Publicar un comentario