Primeira porta á promoción

Tres partidos por diante e dous obxectivos: entrar na promoción, algo do que depende de si mesmo, e ser terceiro, algo do que dependen os resultados do Deportivo B, que rematará a tempada ante o Pontevedra nun partido que podería cambiar moitas cousas. Esta fin de semana, os de Fredi xogarán ante un Bergantiños que non se xoga nada, xa é equipo de Preferente Autonómica, e haberá que poñer un ollo nos partidos do Pontevedra e do Fabril.
O Bergantiños chega sen nada en xogo a San Lázaro nun partido ao que sairán a xogar sen medo, sen presión. Equipo xa descendido despois de firmar 27 puntos en 35 xornadas nunha mala tempada do conxunto bergantiñán. 7 victorias, 6 empates e 22 derrotas no que vai de tempada fan que sexa o segundo equipo que máis partidos perdeu no que vai de liga. Ademais, é o equipo que menos goles anotou ata o de agora 25 tantos a favor. Pola contra, encaixaron 54 goles. En canto aos partidos lonxe do seu feudo, o Bergantiños só gañou 2 partidos, un deles ante o Fabril; 3 empates e 12 derrotas encaixando goles en tódolos partidos. A nivel individual, Josiño é o máximo goleador con 5 tantos no que vai de tempada.
En canto ás baixas, Fredi non poderá contar con Tachi e Mariño por lesión, Manu Rodríguez e Diego Peláez por sanción e Bautista e Nogueira por decisión técnica. Pola súa parte, o adestrador do Bergantiños non poderá contar con Geri, Iván Amor nin Aarón. 
Botando un ollo á primeira volta, o Compos gañou en As Eiroas 0-2 grazas aos goles de Mariño e Cardelle en propia porta. Un partido onde a gran nova do partido foi o regreso de Diego Peláez a un terreo de xogo xogando os últimos vinte minutos de partido.
Na pasada xornada, o Compos gañou o seu partido en Barbadás por cero goles a un, obra de Marcos Suárez a pase de Franqueira. Pola súa parte, o Bergantiños superou na casa ao As Pontes por 2-0 con goles de Josiño e Alberto.
O partido será este domingo ás 17:30 horas en San Lázaro. Asubiará o ourensán Jiménez Alberte. E, como oferta especial por ser o Día da Nai, o clube regalará entradas a tódalas nais que vaian cos seus fillos ao encontro. Ademais haberá, unha vez máis, o desconto de 5 euros para acompañantes de socios. E antes do partido haberá un corredor para os xogadores do Xuvenil B da Esedé polo seu ascenso á Primeira Autonómica a pasada semana.
Ademais, ao remate do encontro o Compos podería saber se xa é equipo de promoción. Para iso depende de se o Pontevedra cae na casa do Vilalonga, que está a xogarse o descenso de categoría.

Ningún comentario:

Publicar un comentario