Máis preto do obxectivo! Tachi, esta vai por ti

O Compos sumou tres puntos de ouro na visita a Os Carrís. Un partido complicado sobre herba artificial, terreo que non se lle está a dar ben á Esedé esta tempada, pero que rematou cun resultado xenial. Un único gol de Marco Suárez a pase de Franqueira fixo que os de Fredi volvan a Santiago cos tres puntos. Pola súa parte, Yahvé volveu a demostrar ser o xogador máis en forma do equipo cun partidazo onde só lle faltou o gol. 
Antes do partido, homenaxe a Tachi por parte dos xogadores da Esedé con camisetas de ánimos para o xogador de Boiro. E despois do asubío inicial, o Compos tivo o manexo do balón ante un Barbadás moi ben situado no terreo de xogo e que se limitou a saír á contra creando así as mellores ocasións do partido, as máis perigosas.
Yahvé foi o encargado de ter a primeira ocasión do partido intentando aproveitar unha saída en falso do porteiro pero o esférico pasou por enriba do longueiro. Como resposta, o Barbadás tivo unha boa boa oportunidade de sorprender a Adrián, que estivo moi atento para evitar o primeiro gol da tarde. 
Durante a primeira metade o Compos non puido estar cómodo sobre un terreo ao que non están acostumados a xogar. Sen embargo, o Barbadás apenas chegou con claridade á portería defendida por Adrián nun primeiro tempo que rematou co primeiro cartón para Manu Rodríguez. 
Na segunda metade, con Franqueira sobre o campo para dar un pouco de velocidade polas bandas aos ataques branquiazuis, o gol apenas tardou en chegar. Na enésima carreira de Yahvé pola banda, o vigués colgou o balón á área onde Franqueira o deixa para Marcos Suárez, que supera por primeira e única vez no partido ao porteiro local. 
Un gol moi importante, moi traballado que incrementou intensidade á última media hora de partido. Pero por sorte o Compos puido estar máis cómodo sobre o terreo. Non había esa necesidade por facer un gol, esa ansiedade por marcar, e as contras locais estiveron mellor defendidas. 
Sen embargo, a mala nova do día chegou a falta de quince minutos para o remate do encontro. Manu Rodríguez, que xa viu un cartón na primeira metade, foi expulsado por dobre amonestación deixando ao equipo con dez. Unha expulsión que aínda que non pasou factura neste partido pode ser moi importante na visita do Bergantiños, xa equipo da Preferente Autonómica, a San Lázaro a vindeira semana. 
Finalmente, o Compos tivo a oportunidade de facer un segundo gol mentres que o Barbadás gozou de dúas boas ocasións coas que non viron portería facendo que os santiagueses volvan a casa con tres puntos que non cambian nada na táboa tras as victorias do Pontevedra ante o Racing en Pasarón e do Deportivo B en Negreira. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Catú, Castiñeiras, Jimmy; Rendo, Germán; Yahvé, Manu Rodríguez; Marcos e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Germán e Peláez. Expulsado Manu Rodríguez por dobre amonestación.
GOLES: 0-1 54' Marcos Suárez.
ESTADIO: Os Carrís. Boa chegada de afeccionados dende Santiago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario