Amosando publicacións coa etiqueta Eran outros tempos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eran outros tempos. Amosar todas as publicacións

31 de outubro

Hoxe pechamos o mes cos tres derradeiros precedentes do mes de outubro. Unha saída e dous encontros na casa que se pecharon con dous empates para os nosos e unha derrota contra un equipo que, anos despois, pasaría á historia da Esedé e non por algo positivo...


31 de outubro de 1993.
Na tempada do ascenso á Primeira división, tal día coma hoxe hai 24 anos, enfrontabamonos contra o mesmo rival que anos despois sería o que mandaría aos nosos de volta á categoría de prata. Un partido difícil contra o Villarreal que se decantou do lado castellonense no treito final co quinto gol do xogo. 
O Compos de Castro Santos, cun once titular formado por Iru, Víctor, Tocornal, Bellido, Cea, Goyo, Toni, Abadía, Fabiano, Ohen e José e Pichi Lucas e Moure saíndo dende o banco; non puido comezar con peor pé. Eres adiantou aos locais no Madrigal aos dous minutos de encontro. Un resultado que mellorou para os intereses locais antes do tempo de lecer cun tanto de Ricardo. Mais, o Compos conseguiría empatar o encontro en dous minutos con dous goles de Pichi Lucas. O empate durou algo máis de dez minutos, ata que Eres asinou o seu segundo tanto. 

31 de outubro de 1999.
Seis anos despois visitaba San Lázaro un dos equipos históricos e que xa non se atopan entre nós. O Salamanca, desaparecido hai catro anos, chegaba a Santiago cun gran equipo adestrado por García Remón e a intención de volver ao máis alto, de onde descendera meses antes. Un partido que rematou en empate logo dun segundo tempo tolo.
O Compos, con David Vidal no banco, un equipo titular formado por Rafa Gómez, Mauro, Bellido, Saula, André Luiz, Viedma, Nacho, Lekumberri, Díaz, Mauricio e Changui e Sion e Cabarcos entrando dende o banco; non foi quen de adiantarse no primeiro tempo. Os goles si chegaron na segunda parte, obra de Mauricio e Mauro en menos de quince minutos para poñer moi de cara un partido que empatou o Salamanca con dous goles en tres minutos, de Barbarà e Ion García logo de entrar ao campo no segundo tempo.

31 de outubro de 2003.
E chegamos ao final. Un precedente de hai 14 anos, na última tempada dos nosos na Segunda B en moito tempo, contra o Palencia. Partido que rematou sen goles en San Lázaro e que non deixou boas sensacións no equipo local, que perdería a categoría logo dun curso para esquecer.
Pichi Lucas no banco, once formado por Carlos, Mato, Chema, Castiñeiras, Rubén, Rodri, Fidalgo, Anxo, Romerito, Seoane e Chico, aos que engadir a Sagna e Caínzos saíndo dende o banco. Un partido que rematou do mesmo xeito que comezou coa única diferenza dos trocos e os sete cartóns amarelos. 

30 de outubro

Logo do empate de onte ante o Arousa en San Lázaro e a poucas horas de visitar ao Alondras, hoxe hai tres novos precedentes na historia recente do noso equipo. Dúas vitorias e unha derrota nun bo encontro dos nosos con dous derbis e un enfrontamento especial contra un rival histórico do fútbol español.


30 de outubro de 1994.
O Compos pechaba o seu segundo mes na Primeira división cunha vitoria ante o Logroñés en San Lázaro. Un triunfo importante e histórico que supoñía, ademais, a cuarta consecutiva dos nosos sen coñecer a derrota, con empate no Bernabeu e vitoria en Balaídos incluídas.
Contra o conxunto rioxano, con Jubera nas súas filas, Castro Santos sacou un once formado por Iru, Bellido, Tocornal, Villena, Nacho, Lekumberri, Abadía, Fabiano, Passi, Ohen e Christensen, aos que engadir a Pichi Lucas e Moure. Sobre o campo, Lekumberri adiantou aos nosos á media hora de xogo e Christensen pechou a vitoria a dez minutos para o final.

30 de outubro de 2013.
19 anos despois, con Fredi no banco, o Compos superou a un gran Celta B en San Lázaro con emoción ata o final e un gol no tempo engadido. Un partido no que os de David de Dios ben puideron saír con algo máis positivo contra unha defensa un tanto feble e que permitíu aos vigueses adiantarse no marcador moi cedo.
O equipo de Fredi saltou ao terreo de xogo cun once formado por Adrián, Jesús, Jorge, Castiñeiras, Jimmy, Yahvé, Peláez, Manu, Gonzalo, Facal e Joselu, aos que engadir a Jordan, Jacobo e Nacho ao longo do encontro. O Celta B, con xogadores importantes coma Borja Iglesias ou o ex branquiazul Fernán, púxose por diante antes dos dez minutos de encontro grazas a un gol de Borja Fernández. Mais, por sorte, Joselu puido empatar pouco despois igualando as forzas e pechou a goleada xa no engadido cun gol dende os once metros.

30 de outubro de 2016.
E rematamos cunha derrota na Segunda B contra o Barco. Hai un ano, o equipo ourensán sumaba unha nova vitoria en San Lázaro nun partido moi igualado e que puido decantarse para calquera lado, cos nosos empatando un resultado adverso.
Con Yago Iglesias no banco, un once formado por Cedrón, David Rey, Cabrejo, Taboada, Saro, Julián, Diego Rey, Make, Tomás, Santi e Mitogo e Mon, Martín e Nogueira partindo dende o banco de suplentes; o Compos non tardou en verse por debaixo no marcador, logo dun gol de Ivi Vales. O mesmo dianteiro foi tamén autor do segundo gol valdeorrés, xa no segundo tempo. Por sorte, a entrada de Nogueira serviu para mellorar en ataque, con gol do dianteiro santiagués para logo de dez minutos sobre o terreo de xogo para recortar diferenzas. Un gol que serviu para espertar aos nosos, que non tardaron nin cinco minutos en empatar cun gol de Mitogo ante os seus ex. Mais o Barco adiantouse unha vez máis, a cinco minutos para o final, cun gol de David Álvarez.

27 de outubro

Do día de onte sen vitorias a un día con catro precedentes e ningunha derrota. Un bo día para chegar á fin de semana con forzas e afrontar o encontro ante o Arousa con mellor humor. Catro precedentes tal día coma hoxe contra grandes equipos tres vitorias, todas en Santiago, ás que engadir un empate na única saída.


27 de outubro de 1991.
Hai xa 26 anos, o Compos recibía en Santa Isabel ao Real Madrid B, no que xa é o terceiro día consecutivo con enfrontamento ante o filial blanco. Un precedente que, por fin, rematou cun bo resultado para os nosos. Un triunfo ante os homes de García Remón na primeira campaña dos nosos na categoría de bronce e que, ademais, supoñía a segunda vitoria do curso, primeira na casa.
Un Compos acostumado a sumar de un logo de cinco empates en oito xornadas, recibía en Santa Isabel a un Real Madrid B tamén recén ascendido e con serios problemas para gañar a domicilio. Para seguir coa boa xeira de resultados, o equipo de Castro Santos saiu formado por Docobo, Modesto, Cea. Bellido, Juan, Cortés, Toni, Núñez, Maric, Pichi Lucas e Moure, aos que engadir a Víctor e Ochoa durante o segundo tempo. Un conxunto que foi quen de adiantarse á media hora de encontro cun gol de Pichi Lucas e que confirmou a vitoria a quince minutos para o final cun tanto de Maric.

27 de outubro de 1996.
Contra o xa desaparecido, e refundado, Extremadura, o Compos asinaba o seu único empate tal día coma hoxe hai 21 anos. Un resultado positivo logo dun comezo de tempada algo irregular na Primeira división, con vitorias ante Atlético de Madrid e Sevilla nas primeiras datas do campionato. Ademais, tres empates entre os que se inclúe o colleitado no Francisco de la Hera, reconstruído ese mesmo verán.
O equipo de Fernando Vázquez, formado por Fernando, Mauro, William Amaral, Bellido, Galdames, Nacho, Fabiano, Lekumberri, Passi, Ohen e Penev, aos que engadir a Chiba, José Ramón e Manuel; foi quen de adiantarse no campo estremeño aos tres minutos por mediación de Fabiano. Non obstante, un minuto despois chegou o tanto do empate, obra de Pineda, que repartía un punto por equipo. 

27 de outubro de 2002.
De novo na Segunda división, o Compos conseguía tal día coma hoxe a súa primeira vitoria da tempada. En San Lázaro e ante o Eibar de Ziarreta, no que se estreaba a nivel profesional Asier Riesgo, gardamallas do Eibar actual. 
O Compos de Duque, formado por Tito, Pinillos, Chema, Adriano, Caínzos, Varela, Fabiano, Lima, Aguado, Sequeiros e Maikel no once titular e Castiñeiras, Juanito e Corredoira saíndo dende o banco de suplentes; só precisou dun gol para superar ao conxunto vasco, obra de Maikel antes de chegar á media hora de partido. 

27 de outubro de 2013.
E rematamos na volta dos nosos á Segunda división B tres anos despois. Da man de Fredi, nunha tempada que remataría coa salvación malia non conseguir sumar nin unha soa vitoria a domicilio, hai catro anos chegaba un triunfo ante o Caudal en San Lázaro, co ex do Compos Borja Navarro completando os noventa minutos nas filas do cadro asturiano. 
O equipo do moañés saíu formado por Laureda, Varela, Catú, Castiñeiras, Jimmy, Jacobo, Manu, Gonzalo, Fondevila, Joselu e Jordan, aos que engadir a Taboada, Peláez e Borja Facal. Un xogo que tivo de todo e que conseguiu encarrilar a Esedé cun gol de Joselu superados os vinte minutos. Non obstante, as malas novas para os nosos chegaron antes do tempo de lecer coa expulsión de Catú por cartón vermello directo. Unha inferioridade numérica que se igualou no segundo tempo coa expulsión de Pantiga no arrinque da segunda metade. En canto a goles, o propio Joselu pechou a vitoria cun segundo gol, xa no engadido.

26 de outubro

Agardando xa unha nova fin de semana, coa que arrincarán 8 días moi importantes para a tempada da Esedé, temos tres novos precedentes na historia recente do noso clube. Tres citas que deixan moito que desexar en canto a resultados comezando na Primeira división e rematando na Segunda B, sempre a domicilio e con dúas derrotas e un empate.


26 de outubro de 1997.
Comezamos na tempada do descenso á Segunda división. O equipo dirixido en boa parte do campionato por Fernando Vázquez visitaba tal día coma hoxe ao Real Betis onde os de Luis Aragonés asinaron tres puntos moi importantes para acadar un dos postos que daban opción a xogar a UEFA.
O cadro de Fernando Vázquez, formado por Ponk, Mauro, Saula, Bellido, Nacho, Lekumberri, Fabiano, Passi, José Ramón, Manuel e Penev, aos que engadir a Chiba e Llorente, non puido facer gran cousa contra un Betis que se fixo cos tres puntos grazas a un gol de Alexis no primeiro tempo cun lanzamento dende os once metros ante o que nada puido facer Ponk.

26 de outubro de 2003.
Por segundo día consecutivo temos un precedente contra o filial do Real Madrid. E, de novo, derrota contra o equipo de López Caro nun partido no que máis da metade do equipo titular do Compos rematou con cartón amarelo ou, no caso de Gelo, expulsado cun cartón vermello directo.
Con Pichi Lucas no banco, un once formado por Carlos, Mato, Gelo, Rubén, Chema, Castiñeiras, Anxo, Fidalgo, Seoane, Rodri e Chico e Bossa, Caínzos e Sagna entrando de suplentes; o Compos foi quen de aguantar todo o primeiro tempo sen encaixar ningún gol mais non houbo tanta sorte na segunda metade, onde Jurado fixo o primeiro de penalti e Soldado pechou a vitoria dun equipo con homes coma Arbeloa, Trashorras e Juanfran.

26 de outubro de 2014.
E pechamos o día cunha visita a Langreo hai 3 anos. Un empate importante e complicado do equipo dirixido por Iñaki Alonso no Nuevo Ganzábal nunha nova cita dos nosos a domicilio que deixou moito que desexar en canto a xogo.
Un Compos formado por Ramón, Portela, Castiñeiras, Catú, Jimmy, Teles, Manu, Marcos, Fondevila, Mensha e Jordan, aos que engadir a Moreira, Navarro e Quim; non foi quen de adiantarse ante un Langreo que non desaproveitou a súa mellor oportunidade, a balón parado no segundo tempo, para poñerse por diante no marcador. Por sorte, apareceu Teles minutos despois para darlle un punto a un equipo negado de cara a porta e que conseguiu a igualada nun dos mellores goles da tempada.

25 de outubro

Hoxe, mércores, temos catro novos precedentes na historia recente do noso Compos. O equipo branquiazul xogou tal día coma hoxe en ata catro ocasións ao longo das tres últimas décadas con tres malos resultados para os nosos intereses, rematando con tres derrotas e un empate.


25 de outubro de 1992.
Hai xa un cuarto de século, recibiamos en Santa Isabel ao filial do Real Madrid de García Remón nun partido marcado polos cartóns amarelos a xogadores locais máis que polos goles dos visitantes, que voltaron cara a capital española cos tres puntos logo dunha boa actuación sobre o campo santiagués. 
O conxunto de Castro Santos, formado por Pedro Rodríguez, Tono, Modesto, Tocornal, Bellido, Nacho, Bodelón, Fabiano, Ochoa, Maric e Moure, aos que engadir a Cortés e Víctor; non só non puido sequera bater a Cano senón que, ademais, foi superado polo cadro branco, que se adiantou cun gol de Ramis nos intres finais do primeiro tempo e que sentenciou a goleada nos dez últimos minutos con goles de Jovicevic e Arranz contra unha Esedé que rematou con dez logo da expulsión de Bodelón e con ata oito xogadores máis amoestados. 

25 de outubro de 1995.
Xa entre os grandes, tal día coma hoxe visitabamos Ipurúa na Copa do Rei. Un partido, o de ida, que deixou con medio pé dos vascos na seguinte rolda, a falta de noventa minutos, nos que conseguiría darlle a volta ao resultado o equipo de Fernando Vázquez. 
O equipo branquiazul, formado por Fernando, Dulce, Toño Castro, Bellido, Tocornal, Virgilio, Abadía, Toni, Skocic, Passi e Paniagua, aos que engadir a Lekumberri, Mauro e Villena; non puido cun Eibar que só precisou dun gol de Bixente antes dos vinte minutos de xogo, suficiente para adiantarse na eliminatoria.

25 de outubro de 1998.
O bo resultado do día chegou na Segunda división, logo de catro anos entre os grandes. Hai 19 anos, visitaba San Lázaro o CD Toledo con Juanito e Maikel nas súas filas, ámbolos dous titulares ante os seus ex. 
O Compos de Maceda, cun once formado por Rafa Gómez, Coira, Tabuenka, Bellido, Viedma, Agirretxu, Quiroga, Fabiano, Passi, Sion e Baston e aos que engadir a Chiba e Mauricio; adiantouse cun gol de Tabuenka antes dos vinte minutos de xogo. Non obstante, antes do tempo de lecer igualou o resultado o Toledo cun gol de Quini, asinando o empate final. 

25 de outubro de 2009.
E de novo nunha tempada para esquecer, tanto en canto a resultados coma en xogo. Hai xa oito anos, chegaba a San Lázaro un Guijuelo que loitou por manter a categoría, conseguindo a permanencia na promoción final. 
O Compos, dirixido por Fabiano, un once inicial formado por Pablo Castro, Angelo, Catú, Cholo, Toño, Rego, Jimmy, Gonzalo, Mariño, Rocha e Iván e con Rubén Márquez, Centrón e Sestelo; non puido arrincar con peor pé no partido logo dun penalti de Jimmy e transformado por Karanka dende os once metros. Por contra, as opcións branquiazuis puideron aumentar logo da expulsión do porteiro visitante.

24 de outubro

Un novo día e tres precedentes máis na historia recente do noso Compos, nesta ocasión sen tan bos resultados coma onte. De feito, hai tres partidos xogados tal día coma hoxe e que remataron con un empate e dúas derrotas dos nosos na Segunda e na Segunda B.


24 de outubro de 1993. 
Comezamos na Segunda división, na tempada do ascenso á Primeira. Partido en Santa Isabel ante o Hércules de Alacante e segundo empate en Liga dos nosos na xornada 8, ata a que só se deixaron 5 puntos antes na derrota contra o Real Burgos e no empate contra o Betis en dúas xornadas consecutivas. 
Con Castro Santos no banco da Esedé, un once formado por Iru, Víctor, Tocornal, Bellido, Cea, Goyo, Toni, Abadía, Fabiano, Ohen e José e Moure e Pichi Lucas saíndo dende o banco de suplentes; o Compos foi quen de adiantarse no marcador antes de cumprirse a hora de xogo grazas a un tanto de Moure, que entrara no tempo de lecer ao terreo de xogo. Mais, o Hércules de Quique Hernández loitou ata o final para levarse, polo menos, un punto. E foi outro suplente, Palomino, quen asinou a tres minutos para o final o gol que deixaba a igualada no marcador.

24 de outubro de 1999. 
Da tempada do ascenso á Primeira división á segunda campaña na categoría de prata. Era o momento de visitar ao Lleida de Víctor Muñoz, que sumaba só unha derrota nos cinco últimos partidos amosando unha mellora en canto a resultados. Unha xeira positiva do cadro catalán que aumentou coa visita branquiazul.
David Vidal no banco, acompañado por Rubén Estévez, Viedma e Gudelj entre outros, e un once titular formado por Rafa Gómez, Mauro, Biscay, Saula, Bellido, Villena, Roberto, Díaz, Lekumberri, Cabarcos e Changui para buscar sacar algo importante do Camp D'Esports de Lleida, onde se quedaron os tres puntos grazas a dous goles de Roa e outro de Josemi de penalti. Antes, Changui foi quen de igualar o resultado co único gol santiagués.

24 de outubro de 2015.
E rematamos con outra derrota, nesta ocasión hai dous anos, a mans do Guijuelo en San Lázaro. Un partido para esquecer dos homes de Iñaki Alonso nun comezo de tempada que deixou sen opcións tanto a Alberto Mariano coma a Fredi na segunda volta do campionato sendo imposible salvar ao equipo dun novo descenso. 
O adestrador vasco sacou un once formado por Pato, Jesús Varela, Catú, Sergio, Jimmy, Joaquín, Mon, Marcos, Rubén Sánchez, Chiño e Goti, aos que logo engadir a Orbegozo, Dani Hernández e Moreno. Un equipo que, ademais de non poder bater a Kike Royo, encaixou un gol a cinco minutos para o final do primeiro tempo, obra de Carlos. Ademais, o Compos rematou con dez pola expulsión de Marcos. 

23 de outubro

Logo dunha semana, volvemos con precedentes recentes do noso Compos e cun encontro especial. E é que hai hoxe 23 anos, a Esedé conseguía o primeiro punto da súa historia no Santiago Bernabéu, onde empataría tamén tres anos máis tarde. Ademais, outro empate contra outro dos históricos da Primeira división, nesta ocasión en San Lázaro fronte ao Athletic Club.


23 de outubro de 1994. 
Comezamos co prato forte do día. Na primeira campaña dos nosos entre os grandes, na súa primeira visita ao Santiago Bernabéu, o equipo de Castro Santos conseguiría un empate para a historia. Diante, un Real Madrid que non tivo o seu mellor arrinque de tempada, que remataría co título para o conxunto branco, nunha campaña onde conseguiron 48 de 57 puntos posibles sendo os nosos un dos catro únicos equipos que foron quen de puntuar no seu campo. 
A Esedé de Castro Santos, que foi un dos tres equipos que non perderon ningún partido ante os de Valdano, saltou ao terreo de xogo cun once formado por Iru, Víctor, Bellido, Villena, Modesto, Nacho, Lekumberri, Passi, Fabiano, Ohen e Christensen, aos que engadir a Abadía e Pichi Lucas. Iso pasou, ademais, logo de ir por debaixo no marcador por un gol de Amavisca aos cinco minutos de xogo e que conseguiu igualar Ohen xa no segundo tempo aguantando ata o final un dos mellores resultados da historia do noso equipo.
Un partido que moitos lembrarán pola aliñación indebida do conxunto de Valdano e que debeu rematar cos tres puntos para os nosos.

23 de outubro de 1996.
E dun histórico a outro. Hai xa 21 anos, na nosa terceira tempada na Primeira división, o Compos recibía ao Athletic de Bilbao en San Lázaro. Un partido onde houbo moita emoción, sufrimento e, de novo, un gol por lado para rematar cun reparto de puntos entre galegos e vascos. 
Con Fernando Vázquez no banco da Esedé, un once formado por Fernando, Mauro, William Amaral, Galdames, Nacho, Pirri Mori, Fabiano, Passi, Lekumberri, Ohen e Penev e Chiba e Bellido saíndo dende o banco de suplentes no segundo tempo; o Compos foi quen de adiantarse no segundo tempo grazas a un gol de Penev na volta do tempo de lecer. Mais o equipo vasco foi quen de igualar o resultado a vinte minutos para o final cun gol de Julen Guerrero.

14 de outubro

Ben na casa e mal fóra. Así se pode resumir con poucas palabras o que pasou tal día coma hoxe ao longo da historia recente do noso Compos con catro precedentes dende 1990 e ata o 2012 con Ponferradina ata en dúas ocasións, Izarra e Alondras coma rivais con tres triunfos e só unha derrota, que coincide coa única saída.

14 de outubro de 1990.
A comezos da década dos 90, o Compos recibía tal día coma hoxe á Ponferradina na tempada do ascenso á Segunda división. Un partido que se definiu por un so gol, con emoción ata o final e tres puntos que quedaron en Santa Isabel. 
O equipo de Castro Santos, formado por Docobo, Víctor, Tono, Cea, Cao, Juan, Salvador, Ochoa, Julio, Toñito e Moure no once titular e Caneda e Juanito entrando dende o banco; loitou ata o final para facerse cos tres puntos ante o equipo castelán e nunca mellor dito. O gol da vitoria local non chegou ata o minuto 92, cando Toñito foi quen de superar a Delgado.

14 de outubro de 2001.
Mesmo rival e mesma categoría con once anos de diferenza. Unha tempada que, de novo, remataría cun ascenso dos nosos á Segunda división e que contaría, tal día coma hoxe, cunha nova vitoria ante o equipo berciano, nesta ocasión cun resultado mellor. 
E é que o equipo de Duque, formado por Rafa Gómez, Biscay, Manu, Chema, Castiñeiras, Adriano, Pignol, Bossa, Aguado, Mino e Juanito no once titular e Pinillos, André Luiz e Corredoira reforzándoo dende o banco no segundo tempo; non precisou nin dez minutos para, cun gol de Adriano, poñerse por diante. Mino, quince minutos despois, fixo o segundo e Vilaseca recortou diferenzas poñendo o 2-1 antes do tempo de lecer. O terceiro e definitivo chegou na segunda parte, obra de Ministro en propia porta. 

14 de outubro de 2009.
E despedimos a categoría de bronce coa única derrota dun día positivo, un día que abre a fin de semana. Un partido que se tivo que aprazar e xogarse un mércores logo da imposibilidade de varios xogadores branquiazuis de viaxar por unha gripe. Un partido no que os nosos seguiron sen gol sumando a quinta derrota en oito xornadas, ás que sumar tres empates nun arrinque de campaña no que a primeira vitoria que se puido celebrar foi na Malata, no mes de novembro. 
O equipo de Baleato, que pasaba os seus últimos días coma adestrador dunha Esedé sen fútbol nin gol, formado por Pablo Castro, Jesús Torres, Catú, Cholo, Toño, Rego, Mariño, Centrón, Rocha, Monti e Rubén Márquez no once titular e Iván, Sestelo e Gonzalo entrando dende o banco; non puido evitar outra nova derrota. Nesta ocasión, Ederra fixo os dous goles do conxunto navarro, un á media hora de xogo e outro no arrinque do segundo tempo.

14 de outubro de 2012. 
Para rematar, unha vitoria que non deixou a todos contentos. A maior goleada branquiazul en moito tempo, con máis de dez goles en total, nun partido onde as defensas non apareceron. Goles nas dúas escadras e tres puntos que quedaron en San Lázaro, e que non evitaron que oito días despois Anxo Casalderrey tivera que deixar o seu cargo no banco. 
O adestrador de Ribadavia buscou os tres puntos cun once formado por Adrián, Rendo, Castiñeiras, Germán, Jimmy, Mariño, Gonzalo, Franqueira, Jacobo Tato, Martín e Joselu, aos que engadir a Bautista, Manu e Uru. E os goles non tardaron en chegar. Dous minutos e Joselu xa asinou o primeiro, seguido doutro vinte minutos despois tamén asinado polo mellor dianteiro que pasou por 'Casa Compos' en moito tempo. Menos tempo precisou Martín para facer o terceiro e o cuarto con tres minutos entre un e outro, caso o mesmo tempo que precisou Franqueira para anotar o quinto. 
No segundo tempo, Jacobo Tato asinou dous goles máis en oito minutos aumentando a conta a sete. Non obstante, o Alondras buscou meterse no partido facendo tres goles en doce minutos, obra de Carlos Campo, Dieguito e Andrés. Mais iso non foi suficiente para meter medo no corpo dos nosos, que pecharon a goleada co segundo na conta de Franqueira. 

13 de outubro

Para dar case a benvida á fin de semana, nunha semana con xornada o xoves, tres novos precedentes na historia recente do noso Compos. Tres partidos entre 1999 e 2013 que non puideron rematar con bos resultados. Dúas derrotas e un empate entre a Segunda e a Segunda B. Unha data con catro ex equipos da Primeira división, un deles de novo no máis alto. 


13 de outubro de 1999.
Comezamos cun partido moi lonxe da casa, nas Illas Canarias. Hai 18 anos, o Compos visitaba á UD Las Palmas de Sequeiros e compañía para volver á capital galega sen nada positivo logo dun final de tolos. 
O equipo de David Vidal, formado por Ponk, Mauro, Bellido, Saula, William Amaral, Viedma, Lekumberri, Díaz, Roberto, Gudelj e Changui no once titular e Villena, Cabarcos e Mauricio entrando dende o banco; non puido cun Las Palmas que se adiantou xa no segundo tempo cun gol de Orlando. Non obstante, Mauro empatou a dous minutos para o final e Sequeiros, xa no engadido, deixou os tres puntos na casa. 

13 de outubro de 2002.
De novo na Segunda división, San Lázaro recibía tal día coma hoxe hai quince anos ao Real Zaragoza. Un partido que rematou con reparto de todo, sen goles, un punto por equipo e todos contentos. 
O Compos de Duque, con Tito, Pinillos, Chema, Adriano, Caínzos, Álvaro Varela, Fabiano, Lima, Pedro Aguado, Juanito e Maikel no once titular e Sequeiros entrando dende o banco; non foi quen de superar ao Real Zaragoza na casa no que era o cuarto empate en seis xornadas de Liga. 

13 de outubro de 2013.
E xa na Segunda B, na volta do equipo tres anos despois a categorías nacionais, contamos cunha nova derrota tal día coma hoxe contra outro ex da Primeira división. O Racing de Santander chegaba a San Lázaro como favorito e saiu cos tres puntos logo dun bo partido. 
O equipo de Fredi, formado por Adrián, Jesús, Catú, Taboada, Jimmy, Jacobo, Manu, Peláez, Gonzalo, Jordan e Joselu, aos que engadir a Nacho, Borja e Julen; aguantou todo o primeiro tempo ante o conxunto cántabro mais os santanderinos non precisaron máis de dez minutos, na segunda parte, para marcar dous goles e levarse a vitoria, obra de Koné e Juanpe. 

12 de outubro

Un día máis, un festivo con partido máis, o Compos chega a esta data sen coñecer a vitoria. Tres precedentes negativos, con Betis, Barcelona e Alcorcón e unha actuación de Ronaldo que non se esqueceu en 21 anos e que tardará outros tantos en desaparecer das mentes dos amantes deste deporte.


12 de outubro de 1991. 
Na primeira tempada da historia do noso equipo na Segunda división, nun comezo con só unha vitoria nos primeiros oito partidos, o Compos sumou o seu cuarto empate en sete xornadas ante un Betis que tampouco foi quen de ver portería.
O Compos de Castro Santos, formado por Docobo, Tono, Modesto, Cea, Bellido, Juan, Cortés, Núñez, Toni, Pichi Lucas e Juanito, aos que engadir a Ohen e Moure; non puido adiantarse ante o conxunto sevillano nun partido sen moita emoción nin ocasións. Un resultado que non deixou contento a ningún dos dous equipos.

12 de outubro de 1996.
Chegamos a un partido que as televisións non nos deixarán esquecer aínda. Unha goleada que encaixaron os nosos ante un bo Barcelona e a mellor versión de Ronaldo, cun dos mellores goles da historia do fútbol. Un partido cun mal comezo e un peor final, cunha defensa que deixou moito que desexar. 
O equipo de Fernando Vázquez, formado por Fernando, Mauro, Bellido, William Amaral, Nacho, Chiba, José Ramón, Passi, Fabiano, Lekumberri e Penev no once titular e Ohen, Manuel e Viedma entrando dende o banco; non tardou nin dous minutos en ir por debaixo no marcador cun gol en propia porta de William Amaral. 
Xa co festival de fútbol de Ronaldo en marcha, Giovanni fixo o segundo ao cuarto de hora e o propio dianteiro brasileiro fixo o terceiro para os seus antes do tempo de lecer. Ademais, o '9' culé anotou o cuarto ao arrinque do segundo tempo e Figo asinou o quinto. Xa sen nada polo que loitar, Ohen fixo o único gol local. 

12 de outubro de 2003.
E rematamos cunha nova derrota. Na despedida branquiazul da Segunda B ata seis anos despois, o Compos perdía tal día coma hoxe en Santo Domingo ante un Alcorcón que salvou a categoría sen problemas.
Con Pichi Lucas no banco, un once formado por Carlos, Mato, David Rey, Chema, Jesús Torres, Fran Caínzos, Fidalgo, Anxo, Seoane, Bossa e Chico e Rodri, Julián e Romerito entrando dende o banco de suplentes; o Compos non foi quen de sacar algo positivo do campo madrileño. De feito, o equipo local non precisou máis de cinco minutos para adiantarse cun gol de Dani Ruiz e antes do tempo de sentenciaron a vitoria cun tanto de José Alberto dende os once metros. 

11 de outubro

A Segunda B aparece hoxe con forza con dous precedentes nos últimos oito anos. Dous encontros complicados para os nosos, os dous a domicilio, cunha derrota e unha vitoria. Alavés e Marino de Luanco, os nomes propios.


11 de outubro de 2009.
O último partido de Baleato a domicilio á fronte da Esedé non puido ter un peor resultado final. Ante un Alavés moi superior e nun partido marcado polos cartóns, o Compos non foi quen de conseguir nada positivo perdendo, incluso, a Jimmy para a seguinte xornada do campionato.
O Compos de Baleato, formado por Pablo Castro, Angelo, Catú, Toño, Rego, Jimmy, Gonzalo, Mariño, Rocha, Claudio e Sestelo no once titular e Rubén Márquez, Iván e Centrón entrando dende o banco de suplentes; non tardou en ir por debaixo no marcador contra o equipo vitoriano, que se adiantou aos dez minutos cun gol de Ruano. O segundo, dende os once metros logo dun penalti polo que foi expulsado Jimmy, chegou a quince minutos para o final obra de Rico. E o propio pechou a vitoria local para un equipo que tamén rematou con dez pola expulsión de Dani Segura. Un xogo que contou con dez cartóns.

11 de outubro de 2014.
Cinco anos despois, en Luanco, o Compos de Iñaki Alonso si conseguiu un resultado moito mellor a domicilio. Ante o Marino de Luanco, equipo onde militaba Pastor antes da súa fichaxe polos nosos, un só gol foi suficiente.
O equipo de Iñaki Alonso, formado por Ramón, Josu, Catú, Alcañiz, Jimmy, Moreira, Teles, Manu, Iván Moya, Borja Navarro e Fondevila, aos que engadir a Quim, Castiñeiras e Mensha; non precisou máis dun gol de Manu no arrinque do segundo tempo para facerse cos tres puntos. Ademais, para manter o guión case habitual, expulsión de Fondevila para rematar cun home menos.

10 de outubro

Tal día coma hoxe, San Lázaro abriu as súas portas ata en tres ocasións para recibir a tres rivais importantes na historia recente do noso equipo. Lleida, Barcelona B e Cultural Leonesa visitaron a nosa casa dende 1993 saíndo da capital un total de 4 dos 12 puntos en xogo. 


10 de outubro de 1993.
Nunha tempada case imposible de esquecer, cun ascenso para a historia ao final, atopamos unha cita importante na Copa do Rei. Un Compos gañador, só perdera antes ante o Lugo na segunda xornada do campionato, recibía na casa, en Santa Isabel neste caso, a un Lleida que loitaba na Primeira división por primeira vez na súa historia, e única ata o momento. 
A superioridade do equipo catalán, de categoría superior, fíxose ver sobre o verde da capital galega, mais a sentenza chegou a domicilio. Para a ida, Castro Santos saiu cun once formado por Docobo, Víctor, Tocornal, Bellido, Cea, Goyo, Abadía, Fabiano, Óscar, Ohen e Pichi Lucas, aos que engadir durante o segundo tempo a Modesto e José. Un partido que comezou gañando o conxunto visitante cun gol de Virgilio pero que rápido conseguiu empatar Abadía. Non obstante, Aguilà fixo o segundo para os seus a cinco minutos para o final. 

10 de outubro de 1998.
De novo na Segunda división, o Compos recibía hai 19 anos ao Barcelona B en San Lázaro. Un partido que se levaron os nosos contra xogadores da talla de Xavi Hernández e Carles Puyol, campións de todo tanto co primeiro equipo blaugrana coma coa Selección Española deixando unha pegada case insuperable no deporte nacional. 
Un partido moi igualado entre o equipo de Maceda, formado por Rafa Gómez, Mauro, Coira, Bellido, Tabuenka, Viedma, Agirretxu, Chiba, Fabiano, Passi e Mauricio, aos que engadir a Popov, Baston e Lekumberri; e o filial barcelonista. Encontro que comezou cun gol de Fabiano dende os once metros dende o punto de penalti e que non se decidiu ata o engadido, con goles de Baston e Luis García deixando os tres puntos na capital galega.

10 de outubro de 2015. 
E deixamos aos equipos cataláns para lembrar un precedente contra a Cultural Leonesa na nosa última tempada na Segunda B, á que semella que non tardaremos en volver. Un partido que rematou con reparto de puntos entre galegos e casteláns e sen goles que comentar.
O equipo de Iñaki Alonso, que deixaría o cargo semanas despois, formado por Pato, Jesús Varela, Catú, Sergio, Jimmy, Joaquín, Moreno, Marcos, Rubén Sánchez, Chiño e Fondevila, aos que engadir a Goti, Dani Hernández e Mon; non foi quen de anotar ante unha Cultural Leonesa superior e que se topou cunha gran versión de Pato. E a falta de goles, para variar, aparecen as expulsións en 'Casa Compos', nesta ocasión de Javi Moreno por dobre amonestación a dez minutos para o final. 

9 de outubro

Dúas vitorias e unha derrota do noso Compos un día coma hoxe dende 1994 co segundo derbi galego na historia do noso clube, primeiro fóra de San Lázaro. Un día positivo coa Primeira, a Segunda e a Terceira división na axenda.

9 de outubro de 1994.
Perdido o primeiro derbi ante o Deportivo unha semana antes, os tres puntos viaxarían cara Santiago unha xornada despois dende Balaídos logo de superar a un Celta que non foi quen de manter a súa vantaxe no marcador.
O equipo de Castro Santos, formado por Iru, Víctor, Tocornal, Bellido, Galdames, Nacho, Lekumberri, Passi, Fabiano, Abadía e Paniagua, aos que engadir a Ohen e Pichi Lucas; non foi quen de adiantarse ante un bo Celta dirixido por Carlos Aimar. De feito, o equipo celeste púxose por diante cun gol dende os once metros de Gudelj, que anos despois asinaría polo equipo da capital. 
Para o Compos, o mellor foron os trocos. De feito, Pichi Lucas anotou o empate cando só levaba un minuto sobre o terreo de xogo mentres que Ohen, que entrou no tempo de lecer, fixo o segundo menos de cinco minutos despois.

9 de outubro de 1999.
Xa na Segunda división, o Compos caía hai hoxe 18 anos contra o Córdoba en San Lázaro. Un partido que non se decidiu ata o treito final malia ir por diante o conxunto andaluz toda a segunda metade mantendo con opcións aos nosos.
Nun moi mal momento da tempada, logo de tres xornadas sen gañar, o Compos de David Vidal recibía ao Córdoba co único obxectivo de facerse cos tres puntos. Para iso, o adestrador galego buscou os tres puntos cun once formado por Ponk, Mauro, Saula, William Amaral, Villena, Viedma, Nacho, Díaz, Lekumberri, Mauricio e Changui, aos que engadir a Cabarcos, Rubén Estévez e Roberto. Un equipo que non puido ante un Córdoba que se adiantou no primeiro tempo cun gol de Diego Ribera e que sentenciou o encontro con outro de Rafa Navarro xa co tempo cumprido.

9 de outubro de 2016.
E pechamos o día cunha cita da pasada tempada, na Terceira división. Hai xusto 365 días, o Compos superaba ao Racing Vilalbés en San Lázaro, nun partido entre grandes da categoría e marcado, en gran parte, polo alto número de cartóns vistos polos xogadores dos dous equipos cun expulsado no conxunto lugués.
Con Yago Iglesias no banco da Esedé e un once formado por Cedrón, Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo, Make, Samu, Diego Rey, Tomás, Rubén e Santi, aos que engadir a Nogueira, Julián e Cardeñosa; o Compos asinou unha vitoria moi importante ante un dos que semellaba ser un rival directo na loita pola promoción de ascenso, finalmente lonxe da nosa man o pasado curso. Non obstante, eses tres puntos quedaron na casa grazas a un gol de Nogueira a quince minutos para o final do encontro. 

8 de outubro

A Primeira e a Segunda división cobran importancia neste día, na que hai que engadir unha cita na Copa do Rei. Tres citas para rematar esta semana con dous empates e unha derrota, ás que engadir a de hoxe ante o Cultural Areas.


8 de outubro de 1995.
Nunca gusta comezar cunha derrota pero hai 22 anos o Compos caía ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu. Un partido onde os nosos, con toda a intención de facer algo histórico, se viron superados polo equipo local malia conseguir adiantarse no marcador.
O equipo de Fernando Vázquez, formado por Falagán, Dulce, Tocornal, Villena, Bellido, Nacho, Lekumberri, Fabiano, Eraña, José Ramón e Ohen, aos que engadir a Christensen, Mauro e Virgilio; foi quen de adiantarse aos dez minutos de xogo grazas a un gol de José Ramón. Non obstante, o equipo branco conseguiu darlle a volta ao marcador nun mal minuto para os nosos onde Hierro e Zamorano fixeron os dous goles co que pechar o marcador con máis dunha hora por diante.

8 de outubro de 1997.
Nun mal arrinque de tempada, o Compos sumaba a súa quinta data sen sumar de tres. Nesta ocasión, un novo empate, terceiro consecutivo, en Ipurúa para deixar todo aberto para tres semanas despois, en San Lázaro. 
O equipo de Fernando Vázquez, con Ponk, Saula, Bellido, Viedma, Nacho, Passi, Fabiano, Lekumberri, Llorente, Manuel e Sion no once titular e Villena, José Ramón e Changui saíndo dende o banco de suplentes; non foi quen de bater ao Eibar de Perico Alonso. Un partido sen goles, sen case emoción, e que amosaba unha igualdade sobre o verde.

8 de outubro do 2000.
Da tempada do descenso de Primeira á do descenso á Segunda división B. O Compos rachaba tal día coma hoxe unha xeira de tres derrotas consecutivas cun novo empate, segundo en seis xornadas, ante o Universidad de Las Palmas, co ex branquiazul Sequeiros nas filas do conxunto canario. 
No Pepe Gonçalvez, Ballesta buscou a segunda vitoria do curso cun once formado por Rafa Gómez, Pinillos, Biscay, Jubera, Bellido, Chema, Pignol, Nando, Anxo, Fabiano e Sion, aos que sumar a Pedro Aguado, Díaz e Ohen. Non obstante, e malia adiantarse o noso equipo cun gol de Nando no primeiro tempo, o equipo local conseguiu o tanto do empate no segundo tempo, obra de Sequeiros. 

7 de outubro

Hoxe traemos algo de todo. Para ir abrindo boca esta fin de semana, traemos vitorias, empates e algunha que outra derrota en derbis e dúas citas importantes na Copa do Rei de agasallo.


7 de outubro de 1990.
Hai hoxe xa 27 anos, o Compos visitaba ao UP Langreo na Segunda B. Un equipo, o asturiano, no que arrincaba a súa carreira profesional un Ángel Lekumberri que chegaría ao máis alto da man do Compos con Castro Santos no banco. 
O adestrador de Poio era, ademais, o adestrador do Compos nesa tempada do ascenso á Segunda división e ante o Langreo sacou un equipo formado por Docobo, Víctor, Tono, Cea, Cao, Juan, Salvador, Ochoa, Julio, Toñito e Moure, aos que engadir a Caneda e Mella no segundo tempo. Un equipo que non foi quen de superar aos asturianos, que fixeron o gol da vitoria no treito final do xogo sen opcións de reacción.

7 de outubro de 1992.
Despois de dúas vitorias ante equipos cataláns, Figueres e Sabadell, chegaba a San Lázaro o histórico Castellón. Un equipo que, na Segunda división, foi quen de sumar un punto importante na nosa casa. Un punto... sen goles. 
Con Fernando Castro Santos aínda no banco da Esedé, con Docobo, Víctor, Modesto, Tocornal, Bellido, Nacho, Bodelón, Fabiano, Cortés, Camilo e Moure no once titular e Ochoa e Maric entrando no segundo tempo, o Compos non puido superar ao Castellón de Causanilles nun xogo que rematou sen goles, pouca emoción e catro cartóns amarelos por cada lado.

7 de outubro de 1993.
Unha tempada despois, na do ascenso á Segunda división, chegaba unha goleada en San Lázaro ante un sempre perigoso Espanyol, adestrado por Camacho. Unha goleada que saiu cara aos dous equipos cun total de tres cartóns vermellos na segunda metade e ata dous goles dende os once metros.
Terceiro precedente e terceira ocasión na que atopamos a Castro Santos á fronte da Esedé, cun once formado por Iru, Víctor, Tocornal, Bellido, Goyo, Cea, Toni, Abadía, Fabiano, Ohen e José e Moure e Bodelón saíndo dende o banco de suplentes. Un equipo que non foi quen de adiantarse no primeiro tempo mais non precisou máis de cinco minutos no segundo para facer o primeiro, obra de Fabiano dende os once metros. Un gol que trouxo outra boa nova para os nosos coa primeira expulsión no conxunto catalán.
O bo traballo dos nosos foi tamén recompensado quince minutos despois co gol de Ohen. Non obstante, un minuto despois chegou a mala nova do encontro coa expulsión de Moure, que entrara no tempo de lecer. Con igualdade numérica sobre o terreo de xogo e dous goles de diferenza, houbo que agardar ata os dez minutos finais para primeiro ver a segunda expulsión no conxunto 'perico', a de Albesa, e minutos despois o terceiro, tamén de penalti, de Tocornal.

7 de outubro de 1998.
Da tempada do ascenso á Primeira división pasamos á primeira logo de estar entre os grandes, cinco anos despois. Tamén en San Lázaro, chegaba hai 19 anos a UD Las Palmas coa intención de confirmar o seu pase á seguinte rolda da Copa do Rei. 
Logo de perder en terras canarias días antes, Maceda e compañía tiñan que superar aos de Castellano por máis de dous goles de diferenza. Para iso, sacou un once formado por Carlos, Coira, Toño Castro, Bellido, Viedma, Agirretxu, Popov, Chiba, Fabiano, Passi e Mauricio, aos que engadir a Prieto, que só durou dez minutos sobre o campo, e Mauro, que entrou polo anterior. Non obstante, este equipo só foi quen de facer un gol, obra de Viedma, que deixaba fóra ao Compos da Copa do Rei rompendo unha xeira de tres derrotas consecutivas.

7 de outubro de 2003.
E seguimos coa Copa para falar dunha nova eliminación. Unha derrota ante o Deportivo nun partido que deixou máis que falar polo que pasou fóra do campo. Un derbi cunha gran rivalidade e que supuxo a quinta derrota dos nosos en oito partidos, nunha tempada para esquecer na Segunda B.
O Compos de Pichi Lucas recibía hai 14 anos ao Deportivo de Irureta en San Lázaro nun partido que deixou moito que desexar. De feito, os coruñeses non tiveron moito que sufrir para gañar pola mínima, cun equipo formado por homes coma Munúa, Scaloni, Capdevila, Fran, Djalminha e compañía. Pola nosa parte, a Esedé saltou ao terreo de xogo con Carlos, Mato, Jesús Torres, Chema, David Rey, Fidalgo, Luigi, Bossa, Seoane, Anxo e Chico, aos que engadir a Romerito, Caínzos e Julián. O gol, o único salientable, foi obra de Diego Tristán a dez minutos para o final.

7 de outubro de 2012.
E rematamos cun precedente de hai cinco anos contra un equipo que está a vivir o mellor momento da súa historia. Noutra tempada con final feliz, neste caso na Terceira división, o Compos non era quen de volver cos tres puntos do Baltasar Pujales.
Aínda con Anxo Casalderrey no banco, un posto no que durou dúas semanas máis, e un once formado por Adrián, Borja, Castiñeiras, Catú, Germán, Kolman, Gonzalo, Manu Rodríguez, Bautista, Franqueira e Uru, aos que engadir a Rendo, Jimmy e Louro; o Compos foi quen de adiantarse cun gol de Gonzalo dende os once metros nun bo arrinque, que quedou aí. Logo do gol, o Bouzas mellorou e igualou o marcador cun gol de Pardavila só un minuto despois. E para completar a caída, cinco minutos despois Facal fai un penalti co que ve o cartón vermello e gol de Yahvé para os vigueses.

6 de outubro

Rematamos hoxe a semana laboral con dous precedentes na historia recente da Esedé. Dúas saídas dos nosos e dous empates ante equipos importantes na actualidade. Ademais, para redondealo, dous goles a favor e outros tantos en contra en 180 minutos.


6 de outubro de 1991.
Na primeira tempada dos nosos na Segunda A, tal día coma hoxe tocaba visitar a unha das mellores canteiras da historia do fútbol español. Agardaba en Lezama o Bilbao Athletic con, ademais, homes coma Lekumberri e Galdames, que anos despois chegaron á Esedé procedentes do conxunto vasco.
O partido, para o que Castro Santos sacou un once formado por Docobo, Tono, Bellido, Modesto, Cea, Juan, Cortés, Núñez, Toni, Pichi Lucas e Moure, aos que logo engadir a Maric e Víctor; non foi nin de lonxe o mellor da tempada. Sen goles, moita igualdade sobre o campo e pouco tempo que perder.

6 de outubro de 2013.
E pasamos á Segunda división de hai catro anos. Con Fredi no banco, os nosos estiveron a piques de conquistar o Reino de León cun bo partido e, nesta ocasión si, moitos goles e emoción ata un final no que Compos e Cultural Leonesa se repartiron os puntos.
Por parte da Esedé, dirixida polo adestrador moañés: Adrián Laureda, Jesús Varela, Catú, Taboada, Jimmy, Gonzalo, Manu, Jacobo, Peláez, Jordan e Joselu, aos que engadir a Yahvé, Nacho e Borja. Un encontro onde se adiantaron rápido os nosos grazas a un gol de Gonzalo, antes de cumprirse os dez minutos de xogo. Non obstante, antes do tempo de lecer chegaría o tanto do empate leonés, obra de Taboada en propia porta. 
Na segunda metade, a igualdade apareceu máis aínda e logo do gol do Compos, obra de Catú, chegou o empate de novo da Cultural Leonesa, de Góngora só dous minutos despois.

5 de outubro

Hoxe temos un pouco de todo. Algunha vitoria, algún empate e, como xa é habitual, algunha que outra derrota do noso Compos en Primeira, Segunda e Segunda división B ante algún rival coma Mallorca ou Xetafe con tres das cinco citas xa en San Lázaro.


5 de outubro de 1997.
Comezamos co prato forte do día. Hai hoxe 20 anos, o Compos en Primeira recibía ao Mallorca, agora en horas baixas ao igual ca os nosos, nun partido que rematou con goles e reparto de puntos. Un empate que tampouco serviu para evitar o descenso de categoría logo de catro anos entre os grandes.
O Compos de Fernando Vázquez, formado por Rafa Gómez, Mauro, Bellido, Villena, Nacho, Popov, José Ramón, Fabiano, Passi, Ohen e Penev no once titular e Saula, Lekumberri e Llorente entrando dende o banco; puxo contra as cordas ao Mallorca de Héctor Cúper con Valerón e compañía, subcampión de Copa ese mesmo curso. 
Un partido que comezou cun penalti anotado por Amato aos dous minutos para os baleares. Mais, porén, o Compos puido darlle a volta ao marcador en vinte minutos grazas aos goles de Penev, dende os once metros, e Ohen. Un triunfo branquiazul que non se puido dar logo do gol de Romero a quince minutos para o final.

5 de outubro de 2001.
E dun descenso á Segunda división pasamos a unha tempada que rematou cun ascenso á categoría de prata. Foi, ademais, a única vitoria tal día coma hoxe ante o primeiro filial que nos atopamos. En Mareo, ante o Sporting B, chegou un triunfo con tres goles moi diferentes. 
Con Duque no banco, Rafa Gómez, Biscay, Manu, Adriano, Castiñeiras, Chema, Pignol, Bossa, Pedro Aguado, Mino e Juanito no once titular e Corredoira, André Luiz e Rubén Estévez entrando dende o banco de suplentes; o Compos púxose por diante antes da media hora cun gol de Adriano dende o punto de penalti. Xa no segundo tempo, Mino puxo terra de por medio e José Carlos anotou o terceiro e definitivo en propia porta. 

5 de outubro de 2002.
Un ano despois, na Segunda división, o Compos non puido sequera puntuar ante o Xetafe no Coliseum Alfonso Pérez. Un mal partido dos nosos e vitoria cómoda dos madrileños no segundo tempo con dous goles. Unha vitoria para os locais que serviu para seguir con bo paso cara a permanencia. 
A Esedé, dirixida por Duque e con Oliver, Corredoira, Chema, Adriano, Pignol, Caínzos, Álvaro Varela, Pedro Aguado, Lima, Juanito e Maikel no once titular e Sequeiros, Fidalgo e Arquero saíndo dende o banco de suplentes; aguantou todo o primeiro tempo en Madrid ante un Xetafe que se adiantou aos trece minutos logo da reanudación cun gol de Borja. El mesmo foi, ademais, o encargado de pechar a vitoria azulona xa sen tempo posible de reacción dos nosos.

5 de outubro de 2003.
O ano seguinte, un mal ano na historia do noso clube por máis dunha razón, na Segunda B tamén houbo fútbol tal día coma hoxe. De feito, o Casetas, un equipo humilde de Aragón, visitaba San Lázaro para facerse cos tres puntos. 
O equipo de Pichi Lucas, formado por Felipe, Mato, Castiñeiras, Chema, Caínzos, Luigi, Anxo, Rodri, Fidalgo, Seoane e Chico, aos que engadir a Sagna e Bossa; conseguiu adiantarse no marcador grazas ao primeiro tanto de Chico. Unha ledicia que non durou máis de tres minutos. Agustín Salas, de feito, non só empatou o encontro senón que, ademais, conseguiu darlle a volta ao resultado seis minutos máis tarde. Por sorte, a primeira inferioridade no marcador durou tres minutos, ata que Chico anotou o segundo empate da tarde. Non obstante, o Casetas fíxose cos tres puntos cun terceiro gol xa no engadido afundindo aos nosos na táboa un pouco máis. 

5 de outubro de 2014.
E rematamos na volta do equipo á Segunda B con Iñaki Alonso ocupando o posto de adestrador e ante o Celta B de Fredi Álvarez e pezas importantes coma Iván Villar, Álvaro Casas ou un tal Borja Iglesias. 
O Compos, formado por Ramón, Josu, Portela, Alcañiz, Jimmy, Manu, Moreira, Iván Moya, Quim, Fondevila e Navarro, aos que engadir no segundo tempo a Teles, Mon e Mensha; non tardou en verse por debaixo no marcador ante un filial celeste superior. De feito, un santiagués foi quen de adiantar aos vigueses aos doce minutos. Un gol de Borja Iglesias, o mellor dianteiro galego do momento, que serviu para levar aos seus por diante ao final do primeiro tempo. Na segunda metade, Thaylor encarrilou a vitoria celeste e só Jimmy puido arranxar o resultado co gol local. 

4 de outubro

Por fin! Chegan de novo os bos resultados na historia do noso Compos. Hoxe temos tres novos precedentes na historia branquiazul recente con citas nas tres primeiras categorías do fútbol español. Dous triunfos e un empate para un bo día ao longo dos últimos 25 anos.


4 de outubro de 1992.
Arrincamos hai un cuarto de século cunha vitoria da Esedé a domicilio, en terras catalás. Os tres puntos viaxaron cara Santiago dende a Nova Creu Alta grazas a un so gol dos nosos nun segundo tempo con moita emoción. 
O Compos de Castro Santos, formado por Docobo, Tono, Modesto, Tocornal, Bellido, Juan, Nacho, Bodelón, Fabiano, Maric e Moure no once titular e Cortés e Víctor entrando dende o banco; chegou ao tempo de lecer sen conseguir poñerse por diante nun xogo con moitas faltas e cartóns. Mais, no segundo tempo si chegou o tanto do triunfo, obra de Fabiano. Non obstante, os problemas para o Sabadell empeoraron nos intres finais coas expulsións de Añón e Tarsi rematando con nove.

4 de outubro de 1995.
Tres anos despois, xa entre os grandes, Compos e Raio Vallecano se enfrontaban de novo, por primeira vez na Primeira división. Un partido que, ao igual que no Tartiere, gañou a Esedé, aínda que nesta ocasión foi pola mínima superando a Wilfred. 
Fernando Vázquez no banco. Falagán, Bellido, Tocornal, Villena, Nacho, José Ramón, Fabiano, Eraña, Lekumberri, Christensen e Ohen no once titular e Virgilio, Paniagua e Mauro saíndo dende o banco. Un partido difícil, con menos importancia ca o do ano anterior, e que se decantou do lado local grazas a un gol de Christensen poucos minutos antes do tempo de lecer. 

4 de outubro de 2009.
E rematamos cun partido de hai oito anos ante a xa desaparecida SD Lemona. Un partido, na Segunda B, que rematou co terceiro empate da tempada nun curso onde non se coñeceu a vitoria ata a xornada 12, no mes de novembro. O máis curioso é que tres dos catro goles do encontro chegaron dende os once metros. 
Con Chus Baleato no banco e Pablo Castro, Catú, Cholo, Toño, Rego, Jimmy, Gonzalo, Rocha, Monti, Sestelo e Iván no equipo titular ademais de Mariño, Rubén Márquez e Angelo saíndo no segundo tempo; o noso equipo non puido comezar peor que cun penalti de Cholo que materializou Apraiz. Por sorte, antes do tempo de lecer, Iván conseguiu o único gol do encontro que non chegou dende o punto de penalti. 
Na segunda metade, Rocha puxo por diante aos nosos, tamén de penalti, cun gol que puido ser definitivo. Pero a sorte non estaba do lado dos nosos e a dous minutos para o final, penalti de Mariño e gol de Gallo para empatar de novo unha guerra que rematou coa expulsión de Cholo. 

3 de outubro

Novo día e novos precedentes na historia recente do noso equipo. Tal día coma hoxe, hai que falar de ata catro partidos dende 1993 ata 2015. Catro encontros, catro saídas e catro derrotas nun día que non parece dárselle ben aos nosos. Dous equipos xa desaparecidos e refundados como son o Real Burgos e o Extremadura, únense un día coma hoxe a Hércules e Real Valladolid B.


3 de outubro de 1993.
Seguimos cunha das tempadas máis recordadas da historia da Esedé: a do ascenso á Primeira división. E logo de cinco xornadas de Liga e dous encontros na Copa do Rei, falamos da segunda derrota branquiazul do curso, nesta ocasión a mans dun Real Burgos, que desapareceu tras xogar tamén na Primeira división, con dous goles nos minutos finais.
O equipo de Castro Santos, formado por Iru, Víctor, Cea, Bellido, Goyo, Bodelón, Abadía, Fabiano, Ohen, José e Moure, aos que sumar a Toni e Óscar; saltou ao terreo de xogo coa intención de conquistar El Plantío. Non obstante, logo dun primeiro tempo sen goles, Edu adiantou aos locais no arrinque do segundo. Un gol que rápido igualou Fabiano asinando o tanto do empate a media hora para o final.
O resultado mantívose durante vinte minutos máis ata que, nos últimos dez minutos, marcaron Joseba Agirre e Limperger para dar os tres puntos ao conxunto castelán.

3 de outubro de 1998.
E da tempada do ascenso pasamos á primeira despois de loitar entre os grandes. Unha nova derrota, nesta ocasión a mans do Hércules, na Segunda división. Un partido, no Rico Pérez de Alicante, e que puido rematar de mellor xeito de non ser pola mala sorte, ou a falta de puntería, dos nosos. 
O Compos de Maceda, formado por Rafa Gómez, Mauro, Coira, Villena, Toño Castro, Agirretxu, Fabiano, Quiroga, Lekumberri, Passi e Prieto no once titular e Baston, Bellido e Popov saíndo dende o banco de suplentes; comezou por diante grazas a un gol de Fabiano dende os once metros aos cinco minutos. 
O conxunto alicantino soubo reaccionar rápido e ben. De feito, antes do tempo de lecer non só conseguiron igualar o resultado senón que, ademais, conseguiron poñer terra por medio. Espejo, Lledó e Risso anotaron tres goles cos que remontar e deixar case pechado un resultado que só cambiou cun gol de Prieto no segundo tempo. 

3 de outubro de 1999.
Ante outro equipo extinto, o Extremadura CF, o Compos non puido sumar os tres puntos. O Francisco de la Hera agochaba tres puntos... e alí quedaron logo de tres goles locais nos primeiros corenta e cinco minutos. 
O Compos de David Vidal, con Ponk, Mauro, Saula, William Amaral, Villena, Cabrejo, Viedma, Díaz, Lekumberri, Gudelj e Changui no once titular e Roberto, André Luiz e Mauricio saíndo dende o banco de suplentes; non puido cun Extremadura que se adiantou cun gol de Viaud dende os once metros. O segundo, cinco minutos despois, foi obra de Duré e Manuel deixou case pechado o partido antes do tempo de lecer. William Amaral anotou o único gol branquiazul nun segundo tempo no que Gudelj foi expulsado. 

3 de outubro de 2015.
E falando de derrotas... hai que rematar coa sufrida hai dous anos en Valladolid. Ante o filial branquivioleta, a Esedé non puido conseguir un resultado mellor nun xogo que non se definiu ata o final. 
O equipo dirixido, supostamente, por Iñaki Alonso e formado por Pato, Josu, Catú, Sergio, Jimmy, Marcos, Goti, Jordan, Orbegozo, Fondevila e Dani Hernández no once titular e Javi Moreno, Oliva e Rubén Sánchez saíndo dende o banco; non puido co de Albés, actual adestrador do Celta B, nun partido onde os nosos puideron adiantarse cun penalti que errou Jordan, ou máis ben que evitou o porteiro. Logo dese erro, Caye Quintana e Adrián fixeron os dous goles locais para deixar os tres puntos no Anexo do José Zorrilla nun mal partido en xeral.

2 de outubro

Novo día e novos precedentes na historia recente do noso equipo. Un día, este 2 de outubro, no que temos dous encontros que lembrar e, curiosamente, dous empates tanto na Primeira coma na Terceira división do fútbol nacional con Sporting de Xixón e Dubra coma rivais.


2 de outubro de 1996.
Hai xa 21 anos, a Esedé visitaba o campo de El Molinón, en terras asturianas. Un encontro complicado ante un rival adestrado por Benito Floro e con algún xogador importante coma Julio Salinas, xa case no final da súa carreira logo de gañar todo, ou case, nas filas do FC Barcelona. 
Con Fernando Vázquez no banco e un once formado por Falagán, Mauro, Bellido, William Amaral, Nacho, Eraña, Fabiano, Passi, José Ramón, Lekumberri e Penev, aos que engadir a Manuel e Chiba entrando dende o banco de suplentes; a Esedé comezou por debaixo no marcador logo dun gol de Salinas aos dez minutos. Un resultado positivo para o conxunto local que recibiu un pau xa no engadido cun gol de Penev, que mandaba un punto directo cara Santiago. 

2 de outubro de 2016.
Vinte anos pasaron para que o Compos volvera a xogar na mesma data. Xa na Terceira división, a Esedé visitaba tal día coma hoxe á SD Dubra, no Municipal de Bembibre. Un partido con emoción ata o final e que non se definiu ata o tempo engadido no que, ademais, se puideron ver dous goles máis, un por equipo. 
O equipo de Yago Iglesias, formado por Lucas, Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo, Samu, Make, Tomás, Mitogo, Martín e Nogueira, aos que logo sumar a Mon, Diego Rey e Santi; comezou o encontro con bo pé, facendo o primeiro tanto do xogo mediado o primeiro tempo por obra de Tomás. Xa no segundo tempo sería Cholo o encargado de igualar o resultado e, no engadido, Díaz facía o segundo dos locais. Por sorte, nun final intenso, Santi anotou o gol que daba un punto á Esedé.