27 de outubro

Do día de onte sen vitorias a un día con catro precedentes e ningunha derrota. Un bo día para chegar á fin de semana con forzas e afrontar o encontro ante o Arousa con mellor humor. Catro precedentes tal día coma hoxe contra grandes equipos tres vitorias, todas en Santiago, ás que engadir un empate na única saída.


27 de outubro de 1991.
Hai xa 26 anos, o Compos recibía en Santa Isabel ao Real Madrid B, no que xa é o terceiro día consecutivo con enfrontamento ante o filial blanco. Un precedente que, por fin, rematou cun bo resultado para os nosos. Un triunfo ante os homes de García Remón na primeira campaña dos nosos na categoría de bronce e que, ademais, supoñía a segunda vitoria do curso, primeira na casa.
Un Compos acostumado a sumar de un logo de cinco empates en oito xornadas, recibía en Santa Isabel a un Real Madrid B tamén recén ascendido e con serios problemas para gañar a domicilio. Para seguir coa boa xeira de resultados, o equipo de Castro Santos saiu formado por Docobo, Modesto, Cea. Bellido, Juan, Cortés, Toni, Núñez, Maric, Pichi Lucas e Moure, aos que engadir a Víctor e Ochoa durante o segundo tempo. Un conxunto que foi quen de adiantarse á media hora de encontro cun gol de Pichi Lucas e que confirmou a vitoria a quince minutos para o final cun tanto de Maric.

27 de outubro de 1996.
Contra o xa desaparecido, e refundado, Extremadura, o Compos asinaba o seu único empate tal día coma hoxe hai 21 anos. Un resultado positivo logo dun comezo de tempada algo irregular na Primeira división, con vitorias ante Atlético de Madrid e Sevilla nas primeiras datas do campionato. Ademais, tres empates entre os que se inclúe o colleitado no Francisco de la Hera, reconstruído ese mesmo verán.
O equipo de Fernando Vázquez, formado por Fernando, Mauro, William Amaral, Bellido, Galdames, Nacho, Fabiano, Lekumberri, Passi, Ohen e Penev, aos que engadir a Chiba, José Ramón e Manuel; foi quen de adiantarse no campo estremeño aos tres minutos por mediación de Fabiano. Non obstante, un minuto despois chegou o tanto do empate, obra de Pineda, que repartía un punto por equipo. 

27 de outubro de 2002.
De novo na Segunda división, o Compos conseguía tal día coma hoxe a súa primeira vitoria da tempada. En San Lázaro e ante o Eibar de Ziarreta, no que se estreaba a nivel profesional Asier Riesgo, gardamallas do Eibar actual. 
O Compos de Duque, formado por Tito, Pinillos, Chema, Adriano, Caínzos, Varela, Fabiano, Lima, Aguado, Sequeiros e Maikel no once titular e Castiñeiras, Juanito e Corredoira saíndo dende o banco de suplentes; só precisou dun gol para superar ao conxunto vasco, obra de Maikel antes de chegar á media hora de partido. 

27 de outubro de 2013.
E rematamos na volta dos nosos á Segunda división B tres anos despois. Da man de Fredi, nunha tempada que remataría coa salvación malia non conseguir sumar nin unha soa vitoria a domicilio, hai catro anos chegaba un triunfo ante o Caudal en San Lázaro, co ex do Compos Borja Navarro completando os noventa minutos nas filas do cadro asturiano. 
O equipo do moañés saíu formado por Laureda, Varela, Catú, Castiñeiras, Jimmy, Jacobo, Manu, Gonzalo, Fondevila, Joselu e Jordan, aos que engadir a Taboada, Peláez e Borja Facal. Un xogo que tivo de todo e que conseguiu encarrilar a Esedé cun gol de Joselu superados os vinte minutos. Non obstante, as malas novas para os nosos chegaron antes do tempo de lecer coa expulsión de Catú por cartón vermello directo. Unha inferioridade numérica que se igualou no segundo tempo coa expulsión de Pantiga no arrinque da segunda metade. En canto a goles, o propio Joselu pechou a vitoria cun segundo gol, xa no engadido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario