8 de outubro

A Primeira e a Segunda división cobran importancia neste día, na que hai que engadir unha cita na Copa do Rei. Tres citas para rematar esta semana con dous empates e unha derrota, ás que engadir a de hoxe ante o Cultural Areas.


8 de outubro de 1995.
Nunca gusta comezar cunha derrota pero hai 22 anos o Compos caía ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu. Un partido onde os nosos, con toda a intención de facer algo histórico, se viron superados polo equipo local malia conseguir adiantarse no marcador.
O equipo de Fernando Vázquez, formado por Falagán, Dulce, Tocornal, Villena, Bellido, Nacho, Lekumberri, Fabiano, Eraña, José Ramón e Ohen, aos que engadir a Christensen, Mauro e Virgilio; foi quen de adiantarse aos dez minutos de xogo grazas a un gol de José Ramón. Non obstante, o equipo branco conseguiu darlle a volta ao marcador nun mal minuto para os nosos onde Hierro e Zamorano fixeron os dous goles co que pechar o marcador con máis dunha hora por diante.

8 de outubro de 1997.
Nun mal arrinque de tempada, o Compos sumaba a súa quinta data sen sumar de tres. Nesta ocasión, un novo empate, terceiro consecutivo, en Ipurúa para deixar todo aberto para tres semanas despois, en San Lázaro. 
O equipo de Fernando Vázquez, con Ponk, Saula, Bellido, Viedma, Nacho, Passi, Fabiano, Lekumberri, Llorente, Manuel e Sion no once titular e Villena, José Ramón e Changui saíndo dende o banco de suplentes; non foi quen de bater ao Eibar de Perico Alonso. Un partido sen goles, sen case emoción, e que amosaba unha igualdade sobre o verde.

8 de outubro do 2000.
Da tempada do descenso de Primeira á do descenso á Segunda división B. O Compos rachaba tal día coma hoxe unha xeira de tres derrotas consecutivas cun novo empate, segundo en seis xornadas, ante o Universidad de Las Palmas, co ex branquiazul Sequeiros nas filas do conxunto canario. 
No Pepe Gonçalvez, Ballesta buscou a segunda vitoria do curso cun once formado por Rafa Gómez, Pinillos, Biscay, Jubera, Bellido, Chema, Pignol, Nando, Anxo, Fabiano e Sion, aos que sumar a Pedro Aguado, Díaz e Ohen. Non obstante, e malia adiantarse o noso equipo cun gol de Nando no primeiro tempo, o equipo local conseguiu o tanto do empate no segundo tempo, obra de Sequeiros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario